Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 29 de xaneiro de 2002 Páx. 1.073

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 428/2001, do 28 de decembro, polo que se acepta a herdanza feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia por Juan Vázquez Sandá.

Juan Vázquez Sandá faleceu o 15 de abril de 2001 na Residencia-Fogar da Terceira Idade Porta do Camiño de Santiago de Compostela. O finado outorgou derradeiro testamento en escritura pública do 5 de novembro de 1993, instituíndo como única e universal herdeira a Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o artigo 17 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. A aceptación de herdanzas entenderase sempre a beneficio de inventario.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que Juan Vázquez Sandá acordou a súa herdanza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinteoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aceptar, a beneficio de inventario, a herdanza feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia por Juan Vázquez Sandá.

Por vontade do causante queda en beneficio da Residencia-Fogar da Terceira Idade Porta do Camiño de Santiago de Compostela, dependente da actual Consellería de Asuntos Sociais, o exceso de diñeiro da súa propiedade para ser investido ou gastado nas atencións que presta. Así mesmo, queda adscrito o resto do patrimonio hereditario á Consellería de Asuntos Sociais.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda