Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2002 Páx. 729

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se formaliza a convocatoria para selección de aspirantes a vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde de diversas categorías de persoal estatutario e determinados postos funcionariais da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde.

No pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e CEM-SATSE, sobre selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas e determinados postos funcionariais da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, (DOG número 39, do 25 de febreiro de 2000), establécese na súa norma xeral I (vixencia do pacto) que, de non mediar denuncia expresa por ningunha das partes asinantes, cando menos con tres meses de antelación ó termo do seu período de vixencia, este prorrogarase de xeito automático por un ano.

A norma xeral 6ª (elaboración das listas) do antedito pacto sobre selección temporal di que, de terse producido a prórroga da vixencia deste, vehicularase unha oferta para a selección de aspirantes para vinculacións temporais durante o último trimestre de cada ano natural que corresponda (que se efectuará, de producirse, a partir do último trimestre do ano 2001 e sucesivos anos).

Consonte as normas anteriormente indicadas, esta división de recursos humanos,

DISPÓN:

Primeiro.-Prazo.

Convoca-los aspirantes interesados en presenta-la súa solicitude de inscrición nas listas que se confeccionen en aplicación do mentado pacto, co fin de que no prazo máximo de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria, o fagan no modelo correspondente á categoría solicitada.

A presentación das solicitudes resulta requisito imprescindible, en tódolos casos, para adquiri-la condición de aspirante inscrito nas novas listas.

Os modelos de solicitude facilitaranse nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de atención primaria dependentes delas.

Os requisitos de formación ou titulación que deben reuni-los aspirantes en cada categoría profesional figuran no reverso de cada modelo de solicitude.

Será absolutamente imprescindible para a admisión e, de se-lo caso, valoración dos méritos dos aspirantes que acheguen as certificacións acreditativas dentro do prazo de presentación de solici

tudes. Calquera certificación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración.

Segundo.-Categorías.

As categorías obxecto de oferta en cada área de xestión serán publicadas nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Sergas e na páxina web do citado organismo.

Nas categorías de cociñeira/o e electricista os aspirantes deberán superar unha proba práctica que implicará a declaración de apta/apto. Tal declaración será requisito para figurar como aspirante nos citados listados.

Nas categorías de PSX e auxiliares administrativos convocarase unha proba informática para aqueles profesionais que non teñan acreditados os coñecementos prácticos na citada materia. A proba desenvolverase nos termos que acorde a comisión central de seguimento do pacto.

As probas convocaranse mediante anuncio na páxina web do Sergas cando se publique a lista de solicitantes destas categorías.

As categorías que non figuran no reverso do modelo de solicitude nº III non serán obxecto de oferta por mor desta convocatoria. Naquelas áreas que se considere imprescindible a oferta de categorías que son obxecto de demanda limitada serán convocadas de forma específica neses concretos centros ou áreas coa debida publicidade mediante anuncio na páxina web do Sergas.

Terceiro.-Postos funcionariais.

Inspectores médicos, subinspectores sanitarios médicos e ATS/DUE.

Para o acceso a postos das clases de funcionarios inspectores médicos e subinspectores sanitarios, médicos e ATS/DUE dentro da escala de saúde pública e Administración sanitaria, as persoas interesadas para optar a nomeamentos destes grupos, farano constar na cuadrícula específica da solicitude, das categorías estatutarias da mesma titulación.

Por razón do réxime xurídico aplicable ó persoal estatutario, non se poderá optar por promoción profesional temporal a postos de réxime xurídico de funcionarial.

Cuarto.-Documentación.

Xunto coa solicitude e a copia do DNI debidamente compulsada, os interesados deberán achega-los xustificantes dos requisitos esixidos e méritos alegados, que non foran aportados na mesma categoría por mor da anterior convocatoria.

A acreditación dos documentos efectuarase nos termos previstos nos correspondentes baremos do pacto, mediante documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas.

Non será necesario acreditar documentalmente a superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da categoría á que se opta convocada polo Servicio Galego de Saúde, Resolución do 20 de marzo de 2001 (DOG número 63, do 29 de marzo), xa que se dispón destes datos de xeito fidedigno nas direccións provinciais do citado organismo. Naque

las categorías (electricista, telefonista, mecanico e calefactor) que non están incluídas na antedita convocatoria e que foron obxecto de OPE da convocatoria do Sergas, Resolución do 19 de xuño de 1995 (DOG nº 122, do 27 de xuño), os aspirantes tampouco terán que achega-la acreditación da superación dos exercicios por constar xa no expediente.

Quinto.-Aspirantes que figuran nas listas vixentes.

De acordo co indicado no parágrafo anterior, no caso dos aspirantes que tiveran participado na mesma categoría e na anterior convocatoria do ano 2000, para a acreditación dos méritos alegados e valorables na baremación do expediente é imprescindible achegar, xunto coa solicitude de inscrición, a seguinte documentación:

-Para a acreditación do tempo de desemprego: certificado acreditativo expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social dos tres últimos anos (certificado de vida laboral).

-Para a acreditación de servicios prestados: certificado expedido polo correspondente centro sanitario (para a acreditación de servicios prestados desde a data de publicación da anterior convocatoria ata o día inmediatamente anterior ó da publicación da presente convocatoria).

Por contra, non será preciso achegar certificación ou documentos xustificativos dos requisitos habilitadores e méritos relativos a experiencia profesional, formación académica, formación especializada, formación continuada e coñecementos do idioma galego xa tidos en conta en anteriores convocatorias e que, por tanto, constan no expediente da convocatoria formalizada no ano 2000 do aspirante interesado.

Sexto.-Méritos.

Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior á data de publicación no DOG desta convocatoria, de acordo co disposto na norma xeral 5ª do pacto de selección temporal.

Sétimo.-Listas especiais.

Os aspirantes interesados poderán solicita-la súa inclusión nas listas especiais previstas na norma xeral 12ª do pacto (disposicións especiais) no epígrafe que corresponda no modelo de solicitude para as categorías que constan expresamente nos modelos (médicos de familia, persoal enfermería, celadores e auxiliares de enfermería).

Nas restantes categorías, logo da proposta dos centros sanitarios, a comisión central de seguimento do pacto resolverá a pertinencia da apertura ou non de listas especiais para vinculacións de curta duración ou áreas especiais, nas que se estime xustificada a súa creación por mor das necesidades reais deste tipo de vinculacións.

Tal acordo deberá será publicado mediante anuncio na páxina web do Sergas para que os aspirantes admitidos e interesados formulen opción pola prestación citada.

Oitavo.-Reserva de vinculacións temporais para personal discapacitado.

Nos termos que organizativamente se indiquen por esta división farase unha reserva de entre o 3 e

o 4 por cento das vinculacións temporais en período estival das categorías con maior oferta de selección para o persoal que acredite un grao de discapacidade igual ou superior o 33%, e que así o indique e acredite xunto coa solicitude.

Noveno.-Servicios prestados en período de formación especializada.

Por acordo da comisión central de seguimento do pacto de selección temporal que deu lugar ós baremos de médicos de familia, pediatras e odontólogos no pacto vixente, os períodos de formación especializada (médicos internos residentes en cada especialidade) necesarios para a obtención do título habilitante para o desempeño das prazas da categoría á que opten, puntuaranse exclusivamente no epígrafe de formación especializada do correspondente baremo.

De acordo con isto, o dito período de formación non será tido en conta como servicios prestados na valoración de méritos dos aspirantes no epígrafe de experiencia profesional.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde