Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2002 Páx. 727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 2002 pola que se convocan as xornadas sobre tendencias actuais da xestión urbanística en Galicia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente as xornadas sobre tendencias actuais da xestión urbanística en Galicia, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A complexidade das técnicas de aplicación do urbanismo vén resumirse nas específicas que determinan a súa xestión. Para moitos estas son as únicas válidas, porque na xestión é onde se resume todo o quefacer urbanístico.

Estas xornadas estudian os comportamentos urbanísticos galegos neste campo, con especial incidencia nas actuais tendencias de aplicación da xestión urbanística así como do seu futuro, xa que non en van Galicia está sufrindo unha profunda revisión

das normas de ordenación do territorio e urbanismo, tendentes a facer desta Comunidade Autónoma unha das máis modernas en canto a normativa se refire.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-As actuacións sistemáticas. Análise dos novos sistemas de actuación previstos nas normativas urbanísticas autonómicas e comparación coa lexislación galega. A elección dos sistemas de actuación e a delimitación de unidades de execución.

-A xestión urbanística a través do sistema de compensación. Especialidades da lexislación urbanística galega. Análise de suposto práctico.

-A xestión dos sistemas de cooperación, expropiación e execución forzosa en Galicia.

-A execución asistemática en solo urbano. Actualidade da utilización das transferencias de aproveitamentos urbanísticos (TAU).

-Os mecanismos de xestión das dotacións públicas na lexislación urbanística galega: diferencias entre o solo urbano consolidado e sen urbanización consolidada; diferencias entre a obtención de dotacións locais e sistemas xerais.

-Os convenios urbanísticos como instrumento de xestión urbanística. Aplicación práctica.

-Os sistemas de actuación na Lei do solo de Galicia. Perspectivas de reforma.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo (sita no Campus da Xunqueira, na cidade de Pontevedra) os días 6 e 7 de febreiro de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 4 de febreiro de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 5 de febreiro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública