Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2002 Páx. 19

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 415/2001, do 29 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Tui, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de abastecemento e saneamento de augas na zona rural de Tui, segunda fase (concello de Tui).

O Concello de Tui, en sesión celebrada o día 31 de xullo de 2001, aprobou o proxecto de abastecememto e saneamento de augas na zona rural de Tui (2ª fase) e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de novembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6 de novembro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a urxencia vén dada pola necesidade de garanti-la salubridade das vivendas sitas nos núcleos rurais de Herdeiros, Seixal e outros, construíndo un novo sistema de saneamento de augas residuais, gravemente danado polas inclemencias metereolóxicas adversas sufridas no inverno

pasado,e que substitúa as fosas sépticas que filtran as súas verteduras nos terreos contiguos ás edificacións. Tamén a ausencia de canalizacións provoca danos derivados do desbordamento das augas, en épocas como as do inverno pasado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Tui, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de abastecememto e saneamento de augas na zona rural de Tui (2ª fase).

Santiago de Compostela, vintenove de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais