Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2002 Páx. 20

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 416/2001, do 11 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto obra 186, Plan operativo local 2001, Sarria-Samos, estrada provincial Sarria-Pintín-Aguiada, punto quilométrico 3,5-4, acondicionamento do camiño de Peregrinos, punto quilométrico 3,52-7,02 (concellos de Sarria e Samos).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 27 de xullo de 2001, aprobou o proxecto de obra 186 Plan operativo local 2001, Sarria-Samos, estrada provincial Sarria-Pintín-Aguiada, punto quilométrico 3,5-4, acondicionamento do camiño de Peregrinos, punto quilométrico 3,52-7,02 e na sesión do 24 de outubro de 2001, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos

bens e dereitos efectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da deputación foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de novembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 20 de novembro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque, segundo sinala a deputación, as obras afectan a variante de Pintín-Aguiada, vía con estreitamentos na calzada e grande afluencia do tráfico de camións procedentes dunha fábrica de formigón, o que xera grandes riscos de accidentes, e dado que tamén forman parte do Camiño Franco de Santiago, cun grande tránsito de Peregrinos, é polo que tamén se fai necesario alargar e adecua-la calzada, tanto para o tráfico rodado como para os peóns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de obra 186, Plan operativo local 2001, Sarria-Samos, estrada provincial Sarria-Pintín-Aguiada, punto quilométrico 3,5-4, acondicionamento do camiño de Peregrinos, punto quilométrico 3,52-7,02, nos concellos de Sarria e Samos.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais