Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2002 Páx. 21

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 417/2001, do 11 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello da Pobra do Brollón, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do anexo ó proxecto de abastecemento de augas a Lamaigrexa, Castroncelos, Estación, Brence, Cereixa, A Pobra do Brollón e Salcedo, denominado L.M.T., C.T. e R.B.T. para estación de bombeo e depuración de auga potable para o concello da Pobra do Brollón.

O Concello da Pobra do Brollón, en sesión celebrada o día 13 de marzo de 2001, aprobou o anexo ó proxecto de abastecemento de augas a Lamaigrexa, Castroncelos, Estación, Brence, Cereixa, A Pobra do Brollón e Salcedo, denominado: L.M.T. (liña de media tensión), C.T. (centros de transformación), R.B.T. (redes de baixa tensión) para estación de bombeo e depuración de auga potable para o concello da Pobra do Brollón e na sesión do 20 de xuño de 2001 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de novembro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 20 de novembro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque, segundo sinala o concello, a necesidade de instalar unha estación de bombeo e depuración no municipio xorde da existencia na zona de aldeas como Lamaigrexa, Castroncelos, Abrente e Salcedo, que carecen de servicios de abastecemento e saneamento de augas e que teñen un encrave xeográfico en zonas elevadas sen ríos e con fontes que secan no verán, o que obriga ós seus habitantes a desprazarse con cisternas para abastecerse de auga potable; tamén a situación do colexio público da Pobra do Brollón, nunha zona alta, fai que, ás veces, quede sen abastecemento deste servicio público; todo isto fai que non se poida garanti-la potabilidade da auga e a salubridade da zona, co conseguinte risco para a saúde da poboación en xeral.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Gali

cia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello da Pobra do Brollón para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do anexo ó proxecto de abastecemento de augas a Lamaigrexa, Castroncelos, Estación, Brence, Cereixa, A Pobra do Brollón e Salcedo, denominado: L.M.T. (liña de media tensión), C.T. (centros de transformación) e R.B.T. (redes de baixa tensión) para estación de bombeo e depuración de auga potable para o concello da Pobra do Brollón.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais