Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de decembro de 2001 pola que se ordena a publicación do concerto entre a Universidade da Coruña e o Servicio Galego de Saúde.

En cumprimento do mandato contido na disposición adicional sexta da Lei orgánica 11/1983, de 25 de agosto, de reforma universitaria e nos artigos 104 e 105 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, o Real decreto 1558/1986, de 28 de xuño, estableceu as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias, determinando o marco normativo da colaboración entre ámbalas dúas institucións mediante a subscrición dos oportunos concertos que garantirían os obxectivos docentes, asistenciais e de investigación que tiña como finalidade a citada colaboración.

A base segunda do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, regulou o procedemento de elaboración dos ditos concertos, para o cal encomendaba a unha comisión formada por representantes da universidade, organismos responsables da educación superior e de sanidade da Comunidade Autónoma e entidade xestora da que dependan as entidades que se van concertar, a elaboración dun proxecto de concerto que, unha vez acordado entre a citada entidade xestora e a universidade, logo do informe do Consello Social, sería elevado ós órganos competentes da Comunidade Autónoma para a súa aprobación e publicación.

Ó amparo da citada base constituíuse unha comisión tripartita integrada polos representantes da Universidade da Coruña, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade, que elaborou un proxecto de concerto sobre o que recaeu acordo entre a citada universidade e o Servicio Galego de Saúde.

Así, con data do 18 de outubro de 2001, o presidente da Xunta de Galicia, o rector magnífico da UDC e o presidente do Servicio Galego de Saúde subscribiron o concerto para a colaboración entre a Universidade da Coruña e o Servicio Galego de Saúde na docencia e investigación universitarias e a asistencia sanitaria.

Cómpre, polo tanto, ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento. Por iso, o conselleiro de Sanidade, en virtude das facultades que lle son conferidas,

ACORDA:

Único.-Ordena-la publicación do concerto asinado entre a Universidade da Coruña e o Servicio Galego de Saúde que se insire a continuación da seguinte disposición.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

CONCERTO ENTRE A UNIVERSIDADE DA CORUÑA E O SERVICIO GALEGO DE SAÚDE, PARA A UTILIZACIÓN DAS INSTITUCIÓNS SANITARIAS NA INVESTIGACIÓN E DOCENCIA UNIVERSITARIAS

En Santiago de Compostela, con data do 18 de outubro de 2001, Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, o José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña, e José María Hernández Cochón, presidente do Servicio Galego de Saúde,

EXPOÑEN:

Que a Universidade da Coruña e as institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde veñen colaborando para a formación dos estudiantes das ciencias da saúde desde hai moito tempo, subscribindo un convenio asinado polos conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria, de Sanidade e Servicios Sociais e o rector da Universidade da Coruña e aprobado por acordo da Xunta de Galicia.

O lexislador, consciente da importancia que ten o ensino práctico para as disciplinas integradas no eido das ciencias da saúde e da necesidade de que aquela se integre nas estructuras e servicios do sistema sanitario, estableceu unha serie de previsións básicas para garanti-lo nivel práctico da docencia nos estudios que a integran.

A disposición adicional sexta da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, encomendoulle ó Goberno que establecese as «bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se deba impartir ensino universitario e outros que así o esixise.

O artigo 104 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade estableceu a dispoñibilidade da estructura asistencial do sistema sanitario para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos profesionais e remitiu ás administracións públicas competentes en educación e sanidade o establecemento do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se deba impartir ensino universitario, para os efectos de garanti-la docencia práctica da medicina e enfermería e outras ensinanzas que así o esixisen.

Así mesmo, o artigo 105 da Lei xeral de sanidade, preveu a posibilidade de establece-la vinculación de determinadas prazas asistenciais das institucións sanitarias con prazas docentes dos corpos dos profesores de universidade, no eido da planificación asistencial e docente das administracións públicas e do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias.

En cumprimento dos mandatos anteriores, o Goberno dictou o Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, polo que se estableceron as bases xerais do réxime sobre concertos entre as universidades e as institucións sanitarias e outra normativa de concordante aplicación, na virtude da cal cómpre levar a cabo este concerto.

Prevense nel os seus obxectivos xerais e o réxime de colaboración entre a UDC e as institucións sanitarias que se concertan, de acordo cos principios xerais de participación, coordinación e eficacia respecto do servicio público que constitúa o seu obxecto, isto é, a busca da mellor preparación dos futuros profesionais do campo das ciencias da saúde e a busca da súa excelencia, a axeitada asistencia sanitaria e a potenciación da investigación precisa para o desenvolvemento das referidas ciencias a favor do benestar social no campo da saúde.

De acordo con estes presupostos establécense as seguintes especificacións:

Primeira:

Sinálanse como obxectivos xerais deste concerto os seguintes:

Docentes:

a) Promove-la máxima utilización dos recursos humanos e materiais de atención especializada e

atención primaria que se concertan para a docencia universitaria das diversas ensinanzas sanitarias non nivel de pregrao e posgrao, favorecendo a actualización destas e a súa continua mellora de calidade.

A colaboración estará orientada á formación clínica e sanitaria dos alumnos de calquera dos tres ciclos universitarios e estudios de posgraduados naquelas titulacións ou materias relacionadas coas ciencias da saúde. No caso de estudios de terceiro ciclo, esta formación estenderase á metodoloxía e ás técnicas da investigación sanitaria.

b) Cooperar no mantemento da cualificación dos profesionais da saúde ó seu máis alto nivel, coidando a súa actualización e reciclaxe e favorecendo a súa incorporación á docencia universitaria.

2. Asistenciais:

a) Cooperar para que as investigacións e ensinanzas universitarias relacionadas coas ciencias da saúde poidan ser utilizadas para a mellora constante da atención sanitaria, preservando en todo momento a unidade de funcionamento asistencial das institucións sanitarias.

b) Prever que coincidan a maior calidade asistencial coa consideración de institucións concertadas coa universidade, dentro do oportuno sistema de sectorización e rexionalización da asistencia sanitaria.

3. De investigación:

a) Potencia-la investigación das ciencias da saúde, coordinando as actividades da Universidade da Coruña coas das institucións sanitarias para unha mellor utilización dos recursos humanos e materiais.

b) Favorece-lo desenvolvemento dos departamentos universitarios nas áreas da saúde, potenciando a súa coordinación coas unidades de investigación dos hospitais e demais institucións sanitarias, estimulando as vocacións investigadoras.

Segunda:

Para a consecución dos obxectivos definidos neste concerto deberá acadarse unha plena e axeitada coordinación entre os diferentes servicios ou unidades asistenciais e os correspondentes departamentos universitarios, favorecendo, por un lado, a incorporación de profesionais sanitarios á docencia universitaria e, por outro, a de profesores universitarios das áreas de coñecementos relacionadas coas ciencias da saúde a actividades docentes, asistenciais e investigadoras dos centros sanitarios concertados. Proverase, así mesmo, de xeito progresivo e de acordo coas actividades desenvoltas, a necesaria dotación de recursos persoais e materiais e estableceranse fórmulas de motivación e incentivación profesional.

Terceira:

1. En cumprimento do artigo 4 do Real decreto 1558/1986, do 28 de xullo, terá a consideración de hospital universitario o Complexo Hospitalario Juan Canalejo.

2. Así mesmo, terán a consideración de centros asociados o Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Profesor Novoa Santos e os servicios de Atención Primaria Elviña, Mesoiro Narón e Cambre.

3. Estes centros, no que se refire a actividades docentes e investigadoras, actuarán en coordinación cos departamentos universitarios ós que se vinculen.

Cuarta:

Para fins deste concerto, no seu marco e da normativa vixente, poderá outorgarse a consideración de hospitais e/ou centros asociados a outras institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde en función dos recursos e dispoñibilidades existentes en cada momento e en atención ás necesidades docentes, investigadoras e asistenciais.

Quinta:

1. Dentro do mes seguinte á aprobación deste concerto, constituirase unha Comisión Mixta Universidade da Coruña (UDC)-Servicio Galego de Saúde (Sergas) para interpretar e velar polo seu cumprimento, segundo prevé o artigo 4, base sexta, do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño.

2. A Comisión Mixta estará composta por un total de dez membros, que actuarán en representación da Universidade da Coruña e o Servicio Galego de Saúde, en idéntica proporción por cada unha das entidades concertantes.

3. A composición da Comisión Mixta será a seguinte:

a) Por parte da UDC:

Rector ou persoa na que delegue.

Director do Instituto Universitario de Ciencias da Saúde.

Tres membros da universidade, designados polo rector.

b) Por parte do Sergas:

Presidente do Servicio Galego de Saúde, ou persoa na que delegue.

Director xeral de Asistencia Sanitaria.

Director xeral de Recursos Económicos.

Director xeral de Recursos Humanos.

Director xerente do Complexo Hospitalario Juan Canalejo.

Se por razón da modificación da estructura orgánica do Sergas se alterase a actualmente vixente, a composición da Comisión Mixta adaptarase correlativamente á nova estructura orgánica, en función dos cargos equivalentes que se creen.

Cada membro, agás o rector e o presidente do Sergas, terá os seus respectivos suplentes que serán designados pola máxima autoridade de cada unha

das administracións representadas e debidamente notificadas á Comisión Mixta.

Cando os asuntos que se vaian tratar na orde do día afecten a centros distintos dos expresados neste convenio, deberán ser convocados á reunión os seus directores xerentes; neste caso, terán voz e voto nos asuntos que os afecten, eludindo neste caso o voto do director xerente do Complexo Hospitalario Juan Canalejo, respectarase, polo tanto, a composición numérica da citada comisión.

4. No prazo de seis meses dende a súa constitución será aprobado o Regulamento interno de funcionamento.

5. A Comisión Mixta reunirase con carácter ordinario cada semestre e con carácter extraordinario cando o decida o presidente, por propia iniciativa ou por instancia de, cando menos, tres dos seus membros.

En todo caso, para a válida constitución esixirase, logo de convocatoria, a asistencia como mínimo da maioría simple de cada unha das partes.

6. Para a válida adopción de acordos, unha vez constituída, requirirase como regra xeral o voto favorable de oito dos seus membros, salvo que neste concerto ou no Regulamento de réxime interno se determine expresamente outra cousa.

7. Actuará como presidente da Comisión Mixta o rector da universidade ou persoa na que delegue ou o presidente do Sergas ou persoa na que delegue, de xeito alternativo con carácter anual desde a data da súa constitución.

A presidencia inicial será exercida polo rector da UDC.

Son funcións do presidente:

a) Convoca-las reunións da Comisión Mixta.

b) Sinala-la orde do día.

c) Dirixir e modera-las reunións.

d) Velar polo cumprimento dos acordos que se adopten no seo da comisión.

e) Cursa-la invitación a expertos, cando se acorde a súa participación para os efectos de seren oídos en materias nas que a Comisión Mixta considere necesario o seu asesoramento.

8. O presidente estará asistido por un secretario de actas con voz pero sen voto, que será persoal funcionario ou estatutario da Administración sanitaria, nomeado pola Comisión Mixta, por proposta do Sergas, logo de informe desta ó rector.

A Comisión Mixta determinará por acordo a sede da secretaría.

A secretaría custodiará toda a documentación que se desprenda da tarefa da Comisión Mixta e fará chega-los acordos adoptados ás partes afectadas.

9. Serán competencias da Comisión Mixta as seguintes:

a) Velar polo cumprimento do concerto tendo en conta a estructura departamental prevista na LRU, Lei xeral de sanidade e nos estatutos da UDC, así como a estructura funcional das institucións sanitarias; favorecendo, en todo caso, o normal desenvolvemento das actividades asistenciais e a correcta aplicación dos programas docentes e de investigación.

b) Establecer fórmulas de coordinación entre actividades asistenciais, docentes e investigadoras, coordina-la organización das prácticas clínicas de pregrao e posgrao respectando as competencias da universidade e das institucións sanitarias na planificación e organización dos seus servicios e unidades e a prestación do servicio de asistencia sanitaria.

c) Sen prexuízo das competencias atribuídas legal e regulamentariamente ós órganos respectivos, a Comisión Mixta poderá elaborar informes e estudios relativos á necesidade de reducir ou amplia-lo número de prazas vinculadas e de profesor asociado, destinadas ó persoal de institucións sanitarias concertadas, así como analiza-los informes que os departamentos universitarios emitan ó respecto. Así mesmo, a Comisión Mixta poderá cursar propostas de modificación deste cadro de persoal ós órganos competentes nesta materia.

d) Designa-los membros da Comisión de Investigación a que se refire a claúsula sexta deste concerto.

e) Propoñer anualmente as cantidades destinadas a cofinancia-las infraestructuras ou requirimentos mínimos para a investigación e o seu mantemento no eido deste concerto.

f) Elaboración de informes sobre o número de alumnos que accederán ás carreiras sanitarias impartidas pola UDC en función das necesidades asistenciais de Galicia no sector, sen prexuízo da competencia de proposta da Universidade da Coruña ó Consello de Universidades.

g) Propoñer, oída a Comisión de Investigación, as áreas estratéxicas de investigación e desenvolvemento prioritarias no ámbito deste concerto.

h) Propoñe-la implantación daquelas innovacións no eido das ciencias da saúde que esixan esforzos conxuntos de ámbalas dúas institucións ou que polo seu custo ou outras razóns, deban limitarse a centros cualificados da rede, sen prexuízo das competencias que en materia de custo e investimentos atribúa a lexislación vixente ós órganos respectivos.

i) Sen prexuízo das competencias que en materia de persoal corresponda a cada Administración, a Comisión Mixta supervisará o réxime de prestación de servicios e as condicións de dedicación profesional dos profesores vinculados e asociados, respectando sempre a súa dedicación docente, asis

tencial e de investigación; pode establecer fórmulas de coordinación entre as tres actividades, de tal xeito que non se prexudique ningunha delas, considerado o carácter singular da actividade docente-asistencial.

j) Promove-lo desenvolvemento conxunto dunha Biblioteca de Ciencias da Saúde xuntando recursos das administracións implicadas, co fin de satisface-las necesidades dos profesionais asistenciais, docentes e investigadores.

k) Acordar, oída a Comisión de Dirección, a forma de acceso e participación nos servicios das institucións concertadas do persoal académico da universidade que, sen pertencer ó cadro de persoal das institucións, necesite intervir nos referidos servicios por razón da súa actividade docente ou investigadora no eido dun proxecto concreto- e sempre baixo a autorización da dirección do centro.

l) Propoñer ás autoridades que competa as modificacións do concerto que se consideren convenientes.

m) Interpretación deste concerto, sen que en ningún caso lle poida introducir modificacións. Os acordos que se adoptasen vulnerando esta regra serán nulos de pleno dereito.

n) Calquera outras establecidas neste concerto.

Sexta:

1. As institucións comprométense a coordina-las actividades de investigación que realicen os departamentos universitarios e os servicios sanitarios concertados de acordo co establecido na Lei de reforma universitaria e na Lei xeral de sanidade. Ámbalas institucións se comprometen a garanti-lo dereito e a obriga de realiza-las actividades de investigación que son inherentes á condición de profesores universitarios. En particular:

a) Promover, de xeito prioritario, os plans de investigación nas áreas de ciencias da saúde, elaborándoas de común acordo as institucións concertantes.

b) Impulsa-la formación de equipos de investigación conxuntos.

c) Facilita-la utilización conxunta dos recursos humanos, materiais e institucionais destinados á investigación en cada institución.

d) Garanti-la organización de servicios básicos comúns de apoio á investigación.

e) Establecer un sistema de intercambio de información sobre as actividades de investigación que se desenvolvan, os inventarios de medios materiais, de programas de financiamento que se obteñan e calquera outra información que permita unha maior coordinación e cooperación entre as institucións concertantes.

2. A Comisión de Investigación estará integrada por cinco profesores numerarios da área das ciencias da saúde por proposta da UDC e cinco profesores con funcións asistenciais por proposta do Sergas.

Garantirase a representación na comisión dos responsables das comisións de investigación dos centros ou institucións concertadas ou que no futuro se adscriban ó ámbito deste concerto.

A Comisión de Investigación regulada nesta cláusula estará presidida por un profesor con funcións asistenciais, nomeado polo Sergas, de acordo co rector da universidade, por un período máximo de catro anos.

3. Para a válida constitución da Comisión de Investigación esixirase, logo da convocatoria, a asistencia, como mínimo, da maioría simple de cada unha das partes.

Para a válida adopción de acordos requirirase como regra xeral o voto favorable de seis dos seus membros que representen a maioría de cada unha das partes, salvo que expresamente se determine un quórum maior.

4. O presidente estará asistido por un secretario de actas, persoal da Administración sanitaria nomeado polo Sergas logo de informe do rector. O secretario non terá a condición de membro da comisión.

O secretario de actas custodiará toda a documentación que se desprenda da tarefa de investigación e fará chega-los acordos adoptados ás partes afectadas.

5. Serán funcións da Comisión de Investigación:

a) Confeccionar e supervisa-lo inventario dos recursos e necesidades de investigación.

b) Realiza-lo seguimento da actividade investigadora no ámbito deste concerto.

c) Articular fórmulas de coordinación da actividade investigadora desenvolta nos distintos centros concertados.

d) Elaborar unha memoria anual da actividade desenvolta e dos traballos realizados, que será presentada ante a Comisión Mixta.

e) Avalia-los programas e traballos científicos que se propoñan para o seu financiamento con cargo ós fondos derivados dos disposto na letra e) do parágrafo 9 da cláusula quinta, emitindo os correspondentes informes técnicos e económicos.

f) Deseña-las liñas básicas da investigación biosanitaria no eido deste concerto.

g) Propoñerlle á Comisión Mixta programas concretos de investigación que se considere necesarios desenvolver no ámbito deste concerto.

h) Propoñer e promove-la integración dos departamentos universitarios das ciencias básicas da saúde nos proxectos de investigación que se considere oportuno.

i) Colaborar e facilitar información recíproca na política de bolsas e proxectos de investigación que leven a cabo as institucións incluídas no ámbito deste concerto.

j) Propoñe-la participación e colaboración dos profesores de departamentos básicos coas unidades de investigación dos centros concertados.

k) Propoñe-la adscrición temporal ás unidades de investigación da UDC de profesionais sanitarios non vinculados nin asociados de acordo coa normativa de aplicación na UDC.

l) Sen prexuízo das atribucións encomendadas ó comité ético, corresponderalle o seguimento dos programas de investigación co fin de que se axusten ás normas éticas e deontolóxicas contidas no R.D. 561/1993, do 16 de abril, polo que se establecen os requisitos para a realización de ensaios clínicos con medicamentos.

m) Propoñe-la colaboración con outros proxectos de investigación.

6. Co fin de facilita-la xeración de equipos conxuntos de investigación e sen prexuízo do cumprimento das tarefas docentes e asistenciais que lles corresponda ós profesores asociados e colaboradores honoríficos pertencentes ós servicios concertados, as institucións concertadas recoñécenlles:

a) Capacidade de acceso ós medios materiais, instrumentais e institucionais de investigación en igual medida que o persoal propio.

b) O dereito a acceder ás fontes de financiamento da investigación das institucións concertadas.

7. Os bolseiros das institucións concertantes poderán realiza-lo seu traballo de investigación indistintamente en calquera delas en función das necesidades do seu programa de acordo coas normas que para tal fin teñan establecidas os departamentos e servicios. Os bolseiros pertencentes a servicios concertados poden ser equiparados como bolseiros propios da universidade, sempre que cumpran coa normativa e condicións que estableza a UDC.

8. A Comisión de Investigación regulada nesta cláusula constituirase no prazo de seis meses desde a constitución da Comisión Mixta.

Sétima:

O Servicio Galego de Saúde garantirá que as institucións sanitarias concertadas reúnan os requisitos que, tal como se sinala na base 3 do Real decreto 1558/1986, do 28 do xuño, deben reuni-las institucións de conformidade co establecido na Orde do 31 de xullo de 1987.

Oitava:

Para a axeitada harmonización dos obxectivos asistenciais, docentes e investigadores, as institucións sanitarias facilitarán á universidade, de acordo coas súas dispoñibilidades, as infraestructuras necesarias segundo as recomendacións da normativa vixente sobre necesidades docentes e investigadoras que deben ser atendidas polas institucións sanitarias concertadas.

Novena:

1. Para o cumprimento dos obxectivos xerais deste concerto e tendo en conta todo o antedito, concértanse os servicios e unidades das institucións sanitarias que se expresan no anexo, onde tamén se sinalan os departamentos universitarios que con eles se relacionan sen prexuízo das modificacións que no seu día propoña a Comisión Mixta Universidade-Sergas.

2. Nas institucións sanitarias procurarase a coordinación harmónica entre a planificación asistencial e a planificación docente dos centros e departamentos universitarios. Para garanti-la axeitada formación dos estudiantes, axustarase a súa distribución en cada institución ós seus recursos docentes e asistenciais.

Décima:

1. Co fin de garanti-los obxectivos docentes e investigadores da Universidade da Coruña nas áreas relacionadas coas ciencias da saúde, de conformidade co previsto no artigo 105 da Lei xeral de sanidade, establécense neste concerto as prazas das institucións sanitarias dependentes do Sergas, que quedarán vinculadas con prazas docentes do cadro de persoal dos corpos de profesores da Universidade da Coruña, tal como se recolle no anexo I.

Mentres teñan tal carácter, as ditas prazas consideraranse para tódolos efectos como un só posto de traballo e suporán, para quen as ocupe, o cumprimento das funcións docentes e asistenciais nos termos establecidos no Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño.

O carácter vinculado das prazas manterase durante o período de tempo en que a dita praza sexa desempeñada polo seu titular. As prazas entenderanse sempre vinculadas no seu nivel básico asistencial.

A correlación entre a praza asistencial e a titulación académica que se requira, establecerase en función da praza convocada e, se é o caso, doutor e/ou especialista ou como diplomado para as áreas respectivas das ciencias da saúde.

2. O persoal sanitario que obtivese a súa praza asistencial e de profesor numerario en concursos diferentes e que ocupe prazas vinculadas co cadro dos corpos de profesores da Universidade da Coruña en virtude do establecido neste concerto, poderá renunciar ó vínculo, optando por unha das prazas, a asistencial ou a docente, logo de informe vinculante da Comisión Mixta, tendo en conta as necesidades docentes, asistenciais e de salvagarda do interese público.

3. Cando un titular de praza vinculada cesase na súa actividade por calquera motivo, perdendo a dita titularidade, a Comisión Mixta adoptará acordo expreso para manter ou non o vínculo da praza e a necesidade da súa cobertura como tal.

De manterse esta, a vinculación entenderase no nivel básico asistencial da praza.

4. De existiren prazas vacantes, a Comisión Mixta poderá adoptar acordo motivado de vinculación de prazas, procurando a correspondencia entre a praza docente e asistencial. O acordo de vinculación realizarase sempre en relación co nivel básico de cada praza asistencial. Calquera acordo que contraveña este mandato será nulo de pleno dereito.

5. A convocatoria dos procesos selectivos para a cobertura de prazas vinculadas será efectuada conxuntamente por ámbalas dúas institucións, irá asinada polo rector da universidade, e este será responsable do seu cumprimento e toma de posesión.

As convocatorias de prazas vinculadas realizaranse de conformidade co establecido no Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, a través do oportuno concurso.

6. De conformidade co establecido no Real decreto 1558/1986 e disposición adicional décimo cuarta da Lei 30/1999, sen prexuízo da provisión das prazas vinculadas no xeito descrito no parágrafo anterior, o acceso ós postos de carácter directivo e de xefatura de unidade nas institucións sanitarias realizarase polos procedementos establecidos legal e regulamentariamente pola normativa estatutaria de aplicación. Sen prexuízo da adscrición funcional do candidato seleccionado á praza convocada, en todo caso, manterase a vinculación no nivel básico da praza asistencial.

A cobertura das prazas de profesor numerario de universidade realizarase polo procedemento que a Universidade da Coruña determine e resolverase de acordo co artigo 38 da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria. Cando un profesor ocupe unha praza vinculada e acceda por concurso a unha praza docente de categoría superior na mesma área de coñecemento á que estaba adscrito, manterase a situación de praza vinculada.

En todo caso, ámbalas institucións comunicaranlle a referida provisión á Comisión Mixta.

Décimo primeira:

1. Atendendo ó disposto no artigo 105 da Lei xeral de sanidade e no Real decreto 1558/1986, este concerto establece que as prazas de profesor asociado de ciencias da saúde (PACS) pertencentes ó cadro da universidade, con actividade docente nas institucións sanitarias dependentes do Sergas, serán cubertas obrigatoriamente por persoal destas. A determinación das prazas de profesor asociado con actividade docente nas institucións sanitarias corresponderá á Comisión Mixta, sen prexuízo das competencias que teñan os órganos correspondentes de cada Administración en materia de fixación de cadros de persoal.

2. A universidade, por proposta da Comisión Mixta Universidade-Sergas, logo de informe da Xunta de Goberno da UDC, convocará anualmente as prazas

de profesores asociados referidas no punto anterior cos seus correspondentes perfís, destinos e criterios de selección.

3. A duración destes contratos será dun curso académico, renovable anualmente logo de informe do departamento responsable da docencia.

As condicións sobre a duración e prórroga destes contratos axustaranse á normativa vixente e ós estatutos da UDC.

4. Os profesores asociados cesarán como tales cando, por calquera motivo, causen baixa na praza asistencial correspondente.

5. Cando algún dos profesores asociados acceda a unha praza vinculada mediante a superación do proceso selectivo que corresponda, amortizaranse os contratos por razón da nova situación.

6. Co fin de que os servicios e unidades hospitalarias concertadas teñan a conveniente participación nas actividades docentes e investigadoras, a Universidade da Coruña ofrecerá a cada un dos servicios e unidades asistenciais, que á entrada en vigor deste concerto non dispoñan de persoal docente, polo menos un contrato de profesor asociado nas mesmas condicións que para o resto destes profesores, a partir do momento que o servicio se incorpore á docencia universitaria, sempre que as disposicións orzamentarias o permitan.

Décimo segunda:

1. De conformidade co establecido na base 10 do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, a Universidade da Coruña, por proposta da Comisión Mixta Universidade-Sergas, establecerá un número de axudantes de ciencias da saúde co título de especialista que se corresponda coa área de coñecemento do departamento que proceda, de acordo coa normativa vixente. O axudante non terá relación xurídica co Sergas, que non contraerá ningunha obriga xurídica, económica nin doutro tipo.

2. A eventual tarefa asistencial que poida realiza-lo dito persoal levarase a cabo, logo de autorización do xerente do centro, de acordo coa normativa vixente e as decisións que adopte a Comisión Mixta.

Décimo terceira:

1. Sen prexuízo da normativa vixente establecida pola UDC, a eventual incorporación de profesionais en condición de visitantes á institución sanitaria por iniciativa dun departamento universitario realizarase logo de comunicación á Comisión Mixta, de conformidade coa normativa vixente en materia de ordenación das profesións sanitarias e pola propia Administración sanitaria receptora sobre acceso ós servicios e unidades asistenciais das súas institucións.

2. De acordo coas directrices xerais do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, segundo as cales todo servicio concertado o será na súa totalidade, todo facultativo ou enfermeiro ou calquera outro profesional que de xeito habitual participe na docencia universitaria poderá te-lo correspondente recoñece

mento da universidade como colaborador, se cumpre os requisitos e condicións que determine a Comisión Mixta. Ademais, este recoñecemento poderase consignar nas súas publicacións ou comunicacións científicas.

Os ditos colaboradores desenvolverán o seu labor docente sen detrimento do seu labor asistencial. Esta actividade non determinará relación contractual coa UDC nin obriga de aboamento de retribucións.

Décimo cuarta:

1. O persoal que ocupe unha praza vinculada desempeñará o conxunto de funcións docentes, asistenciais e de investigación nunha mesma xornada co réxime de dedicación conxunta e distribución horaria que estableza a normativa vixente.

As diverxencias que puidesen xurdir na planificación e desenvolvemento desta xornada serán dirimidas pola Comisión Mixta, que terá en conta, en todo caso, as necesidades da programación asistencial ós usuarios como criterio de ordenación, sen prexuízo do axeitado desenvolvemento da actividade docente para a ineludible harmonización.

Así mesmo, a Comisión Mixta establecerá os criterios para a ordenación da actividade dos profesores asociados de xeito que se eviten as interferencias entre a actividade docente e asistencial, tendo en conta a especificidade do persoal docente que está suxeito a quendas no exercicio da súa actividade asistencial.

2. Os profesores que desempeñen praza vinculada terán os dereitos e deberes inherentes á súa condición de membros dos corpos docentes universitarios e de persoal sanitario de réxime correspondente. As competencias en materia de situacións administrativas, incompatibilidades, etc. corresponden, sen prexuízo da coordinación necesaria entre as dúas institucións, ó rector da UDC.

Para os PACS, estas competencias corresponderán ó órgano respectivo das institucións sanitarias, sen prexuízo da alegada coordinación coa UDC.

3. De conformidade co establecido na base décimo terceira do Real decreto 1558/1986, modificada polo Real decreto 1652/1991, o persoal que ocupe praza vinculada percibirá unha única nómina que será aboada pola UDC.

4. O persoal de área ou de sector sanitario que desenvolva funcións docentes no hospital ou calquera outro centro deberá cumpri-la normativa vixente de funcionamento interno da institución.

5. A aplicación do réxime disciplinario correspondente en cada caso ás funcións docentes e asistenciais ó persoal que desempeña praza vinculada e ó sanitario que exerza funcións como profesor asociado farase de acordo co establecido na lexislación vixente.

Da incoación dun expediente disciplinario e da súa resolución por calquera das administracións

públicas darase oportuna comunicación á outra na medida que puidese resultar afectada.

Décimo quinta:

1. A Universidade da Coruña, de acordo co establecido na base décimo primeira do artigo 4 do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, comprométese a reservar, como mínimo, o 25 por 100 de prazas nos seus programas de doutoramento no ámbito das ciencias da saúde para o persoal sanitario das institucións concertadas, xa sexa persoal con contrato docente de posgrao (MIR, etc.), como de cadro de persoal e, se é o caso, a organizar programas do doutoramento específicos para os hospitais concertados.

Con este mesmo fin, a universidade, de acordo coa súa normativa, poderá validar cursos e seminarios asignándolle-los créditos que correspondan nos respectivos programas de doutoramento. Asímesmo, establecerá módulos de validación de créditos para os facultativos con contratos docentes de posgrao.

Décimo sexta:

Un representante do Sergas terá dereito a asistir ás reunións da Xunta de Goberno da UDC en que se traten asuntos relacionados con este concerto, logo da preceptiva comunicación en tempo e forma.

Décimosetima:

1. As actividades lectivas normais como poden se-las clases, seminarios ou outras modalidades de ensino teórico poderán ter lugar nas dependencias do hospital. Estas dependencias poderán tamén empregarse para actos administrativos ou académicos propios da actividade universitaria e hospitalaria, logo de autorización da dirección do centro. En calquera caso, a disposición das dependencias para actividades que non sexan lectivas e/ou asistenciais nunca poderá interferir no desenvolvemento normal dos programas docentes e da actividade asistencial.

2. As dependencias propias das institucións concertadas que, de acordo con este concerto, serán utilizadas pola UDC para as actividades estrictamente docentes da práctica clínica, son tódalas da área asistencial, coas limitacións propias da normativa de funcionamento interno do centro. O acceso dos estudiantes a estas áreas regularase e determinarase pola Comisión Mixta, oída a dirección do centro, no eido da citada normativa.

Décimo oitava:

Así mesmo, os estudiantes que reciban as súas ensinanzas nunha institución concertada deberán someterse ás regras de funcionamento e disciplina tanto da institución como da universidade.

Décimo novena:

1. As partes concertantes comprométense a promove-la constitución e funcionamento dunha biblioteca conxunta de Ciencias da Saúde, co obxecto de

poder satisface-las necesidades docentes, asistenciais e de investigación dos profesores, alumnos e persoal das institucións sanitarias. A sede desta biblioteca estará nas dependencias do Complexo Hospitalario Juan Canalejo.

Esta biblioteca encadraríase na rede de bibliotecas de Galicia cun sistema unificado promovido pola Xunta de Galicia.

Ata a existencia de dita biblioteca única, garántese a utilización das bibliotecas existentes nos centros asistenciais docentes para as necesidades antes expostas, así como as da UDC. Ámbalas institucións asegurarán, mentres, a dotación e mantemento das súas respectivas bibliotecas.

2. Igualmente, o Sergas posibilitará a utilización do estabulario/animalario para os fins docentes e de investigación, por parte da UDC, nos termos que autorice a dirección do centro.

Vixésima:

A atribución da titularidade de material inventariable existente nos centros concertados, así como o que desde agora se pode adquirir por unha ou outra parte, corresponderá á institución adquirente.

Os criterios para o investimento no financiamento das obras que se realicen, así como para a amortización e imputación de custos serán establecidos mediante acordo da Comisión Universidade-Sergas, para cada actuación concreta.

Vixésimo primeira:

A contribución do Servicio Galego de Saúde ós custos de persoal derivados deste concerto realizarase de conformidade cos criterios de financiaciamento e compensación orzamentaria seguintes:

a) En consonancia cos termos de dedicación de xornada laboral dos profesionais ás tarefas asistenciais que se establecen neste concerto, o Servicio Galego de Saúde achegará a contía resultante de aplica-la porcentaxe do setenta por cento sobre os conceptos retributivos fixos e periódicos que non teñan carácter persoal, establecidos na normativa retributiva do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

b) Así mesmo, o Servicio Galego de Saúde achegará a contía resultante de aplica-la porcentaxe do 3,40% sobre o importe obtido, consonte o disposto na letra a) anterior, en concepto de compensación polos desaxustes financeiros que na dita contribución se poidan producir.

c) Ademais das cantidades resultantes da aplicación do previsto na letra anterior, o Sergas transferirá á universidade, para a súa acreditación en nómina, as cantidades que correspondan en concepto de incentivos ó rendemento, conceptos derivados da antigüidade que recoñécese o Sergas ou aqueles que procedan pola participación dos profesionais en quendas de garda, atención continuada ou en programas especiais de natureza asistencial, nos termos establecidos para o persoal estatutario do Sergas.

d) O Sergas financiará á universidade o cincuenta por cento do custo empresarial das cotizacións ó réxime xeral da Seguridade Social do persoal que desempeñe praza vinculada que, conforme a normativa de aplicación, quede incluído no dito réxime.

Vixésimo segunda:

1. De acordo co establecido na cláusula anterior, o Sergas transferirá mensualmente as cantidades que se determinen en concepto de compensación.

Para iso, o Sergas procederá do seguinte xeito:

a) O Sergas remitirá antes do día 10 de cada mes á UDC certificacións acreditativas tanto da execución do concerto relativa ó período mensual de referencia, para os efectos do financiamento establecido nas letras a), b) e d) da cláusula vixésimo primeira como das cantidades devengadas polas incidencias referenciadas na letra c) da dita cláusula vixésimo primeira correspondentes ó mes anterior, todo iso para os efectos da correcta elaboración da nómina por parte da UDC.

b) Simultaneamente o Sergas adoptará as medidas necesarias para formaliza-la transferencia das cantidades correspondentes a cada mensualidade, segundo os termos de financiamento establecidos na cláusula vixésimo primeira e ós datos que constan nas certificacións ás que se fixo referencia na letra a) anterior.

c) Por períodos trimestrais procederase á liquidación das diferencias entre as cantidades transferidas en cada trimestre e o gasto relativo ás retribucións correspondentes pola actividade asistencial do persoal que desempeñe as prazas vinculadas no dito período.

Esta liquidación aboarase ou descontarase no pagamento mensual inmediato seguinte a ela.

2. O importe correspondente ás obrigas que, como consecuencia deste concerto, deba asumi-lo Servicio Galego de Saúde imputarase con cargo ás aplicacións 1501.2223.44.00 e 1505.2223.44.00 do orzamento de gastos do Sergas.

Vixésimo terceira:

A duración deste concerto establécese por un prazo de cinco anos. Non obstante, os termos deste acordo poden ser revisados por petición de calquera das dúas partes, aínda que as modificacións que se propoñan terán que ser acordadas antes do día 30 de xuño de cada ano e non serán efectivas ata o curso seguinte.

Seis meses antes de que expire a duración do concerto as institucións intervinientes terán que decidir respecto da súa prórroga por idéntico período ou a súa renegociación ou remate. En caso de non chegar a un acordo considerarase automaticamente prorrogado ata o establecemento de novo acordo.

Disposiciones adicionales

Primeira.-O importe estimado correspondente á achega do Servicio Galego de Saúde será, no exercicio 2002, de 117.664.831 pesetas.

Segunda.-A Comisión Mixta establecerá a relación entre os servicios que se concertan e os departamentos universitarios respectivos.

Disposiciones transitorias

Primeira.-Serán prazas vinculadas as que á entrada en vigor deste concerto estean desempeñadas por profesores pertencentes ós corpos docentes da UDC, que desempeñasen labores asistenciais con anterioridade á súa formalización.

Sen prexuízo do nivel da praza asistencial que actualmente desempeñen os profesionais, as prazas quedarán vinculadas, con carácter xeral, no seu nivel básico asistencial.

Segunda.

1. Sen prexuízo do disposto na cláusula anterior, no prazo dos tres meses seguintes á publicación deste concerto, os profesionais que non desexasen prestar servicios en réxime de vinculación poderán exerce-lo dereito de opción por unha das dúas prazas que ata agora viñan desempeñando, quedando na outra se así correspondese na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade.

2. Así mesmo, os profesionais con prazas que non resultasen vinculadas ó abeiro deste concerto deberán exerce-la opción dunha das dúas, se así correspondese, de conformidade co establecido na normativa de incompatibilidades.

Terceira:

Non obstante o disposto na cláusula terceira deste concerto, poderá continuar desenvolvéndose no Complexo Hospitalario Juan Canalejo o actual rotatorio do sexto ano da licenciatura de medicina, mentres subsista.

Disposición derradeira

Este concerto entrará en vigor o día 30 de decembro de 2001.

En proba de conformidade, as partes asinan este documento en triplicado exemplar, no lugar e data indicados. Manuel Fraga Iribarne, presidente; José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña; José María Hernández Cochón, Presidente do Sergas.

ANEXO I

COMPLEXO HOSPITAL JUAN CANALEJO-MARÍTIMO OZA DA CORUÑA

APELIDOS E NOME

CATEGORIA

UNIVERSITARIA

DEPARTAMENTO

UNIVERSIDADE

PRAZA PARA

VINCULAR

ESPECIALIDADE

ANTON APARICIO, LUIS MIGUELTIT-UNMEDICINAXEFE DE SECCIÓNONCOLOXIA

CASTRO BEIRAS, ALFONSOTIT-UNMEDICINAXEFE DE SECCIÓNCARDIOLOXIA

CASTRO IGLESIAS, MARIA ANGELESTIT-UNMEDICINAFEAM. INTERNA

CORDIDO CARBALLIDO, FERNANDOCAT-EUMEDICINAFEAENDOCRINOLOXÍA

ESCRIBANO SILVA, MERCEDESTIT-EIFISIOTERAPIAFISIOTERAPEUTA

FERNANDEZ GARCIA, MARIA DE LOS ANGELESTIT-EIFISIOTERAPIAFISIOTERAPEUTA

MARTINEZ VIDAL, JOSETIT-UIMEDICINAXEFE DE SERVICIOOFTALMOLOXIA

MENDEZ PAZOS, Mª CARMENTIT-EUCIENCIAS DA SAUDEATS/DUE

PEDREIRA ANDRADE, JOSE DOMINGOCAT-EUMEDICINAXEFE DE SERVICIOM. INTERNA

PERNAS PUENTE-PENAS, JUAN ANTONIOCAT-EUMEDICINAFEATRAUMATOLOXIA

PICHEL GUERRERO, MARIA JOSEFATIT-EUCIENCIAS DA SAUDEATS/DUE

PITA FERNANDEZ, SALVADORCAT-EUCIENCIAS DA SAUDEFEAM. FAMILIAR E C.

PRIETO DIAZ, AMELIATIT-EUCIENCIAS DA SAUDEATS/DUE

QUINTIA CASARES, JOSETIT-EUFISIOTERAPIAFISIOTERAPEUTA

RIVEIRO TEMPRANO, SOCORROTIT-EUFISIOTERAPIAFISIOTERAPEUTA

RUIZ DOMINGUEZ, OCTAVIOTIT-EUFISIOTERAPIAFISIOTERAPEUTA

SANTOS ROMERO, CIPRIANO RAMONTIT-EUFISIOTERAPIAFISIOTERAPEUTA

TORO SANTOS, FRANCISCO JAVIER DECAT-EUMEDICINAFEAREUMATOLOXIA

VIDAN MARTINEZ, LUCIANOTIT-EUCIENCIAS DA SAUDEFEAM. FAMILAR E C.

COMPLEXO HOSPITALARIO ARQUITECTO MARCIDE/PROFESOR NOVOA SANTOS FERROL

APELIDOS E NOME

CATEGORIA

UNIVERSITARIA

DEPARTAMENTO

UNIVERSIDADE

PRAZA PARA

VINCULAR

ESPECIALIDADE

MARTINEZ DEBEN, FRANCISCOTIT-EUCIENCIAS DA SAUDEFEAMEDICINA INTERNA

NOVO CASAL, MARIA DEL CARMENTIT-EUCIENCIAS DA SAUDEATS/DUE

NUÑEZ PEREZ, ANTONIOTIT-EUCIENCIAS DA SAUDEFEAPSIQUIATRIA

XERENCIA DE ATENCIÓN PRIMARIA A CORUÑA-FERROL. ÁREA FERROL

APELIDOS E NOME

CATEGORIA

DEPARTAMENTO

UNIVERSITARIO

PRAZA PARA

VINCULAR

BERNABEU PIÑEIRO, FRANCISCOTIT-EUCIENCIAS DA SAUDEATS/DUE

FERNANDEZ PUENTE, ELVIRATIT-EUCIENCIAS DA SAUDEATS/DUE