Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 20 de novembro de 2001 pola que se establece o Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia, con sede en Santiago de Compostela, no Centro Superior Bibliográfico de Galicia, como Rexistro Territorial integrado no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual.

Como consecuencia da Lei 20/1992, do 7 de xullo, de modificación da Lei 22/1987, do 11 de novembro, levouse a cabo un importante cambio no sistema rexistral mediante unha desconcentración funcional na que as comunidades autónomas deben determina-la estructura e funcionamento do Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual nos seus territorios.

O Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, sinala no seu artigo 144 que o Rexistro da Propiedade Intelectual terá carácter único en todo o territorio nacional. O Regulamento do rexistro xeral da propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto 733/1993, do 14 de maio, regula unha organización descentralizada deste rexistro, do que deben formar parte os rexistros territoriais establecidos e xestionados polas comunidades autónomas.

O Real decreto 1825/1998, do 28 de agosto, traspasa as funcións en materia de execución da lexislación sobre a propiedade intelectual da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 60/1999, do 11 de marzo, de asunción das funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1825/1998, asume as funcións e os medios traspasados en materia de execución da lexislación sobre propiedade intelectual, e asigna á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo as funcións e servicios asumidos. Faculta o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do decreto e para adopta-las medidas precisas para a efectividade e executividade das funcións traspasadas.

En virtude do cal,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Establécese o Rexistro da Propiedade Intelectual de Galicia, con sede en Santiago de Compostela, no Centro Superior Bibliográfico de Galicia, como Rexistro Territorial integrado no Rexistro Xeral da Propiedade Intelectual.

Artigo 2º.

O Rexistro Territorial da Propiedade Intelectual de Galicia disporá de oficinas de presentación de solicitudes e información na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela.

Artigo 3º.

O Rexistro Territorial da Propiedade Intelectual de Galicia iniciará o seu funcionamento o día 1 de xaneiro de 2002.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo