Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2001, da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, pola que se modifica a do 30 de xullo de 2001 e se dictan novas normas de validez das acreditacións sanitarias da campaña de saneamento gandeiro.

Os episodios de alertas sanitarias acontecidas no seo da Unión Europea ó longo do ano 2001, así como a aprobación de diversa normativa dictada como consecuencia dos riscos de enfermidade nos animais e outros factores colaterais, comportaron certas modificacións no calendario previsto para a revisión sanitaria das explotacións dentro do marco dos programas de erradicación de determinadas doenzas animais así como na consecución das conseguintes acreditacións sanitarias.

Co obxecto de determina-lo período de vixencia dos ditos documentos sanitarios, por Resolución do 30 de xullo de 2001, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria dictou normas de validez das acreditacións sanitarias da campaña de saneamento gandeiro, desenvolvendo o contido do artigo 9 da Orde do 4 de abril de 1997, pola que se dictan normas para o desenvolvemento das campañas de saneamento gandeiro das especies bovina, ovina e caprina, en uso das facultades conferidas nela ó director xeral de Producción Agropecuaria na súa disposición derradeira.

Tendo en conta que nalgún caso a revisión sanitaria das explotacións non tivo lugar polos motivos descritos, cómpre clarifica-lo período de vixencia dos documentos sanitarios das explotacións que se atopen nas referidas circunstancias, modificando, en consecuencia, o contido da referida Resolución do 30 de xullo de 2001, e dictando novas normas de validez das acreditacións sanitarias da campaña de saneamento gandeiro.

En uso das facultades conferidas na disposición derradeira da Orde do 4 de abril de 1997 e en virtude do establecido no Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro.-As acreditacións sanitarias ás que se refire o artigo 9 da Orde do 4 de abril de 1997

serán comunicadas ós titulares ou posuidores dos animais, unha vez coñecidos os resultados das probas da campaña de saneamento gandeiro en curso.

Segundo.-Mentres non se inicien as probas da campaña de saneamento gandeiro (tuberculose bovina; brucelose bovina, ovina e caprina; leucose enzoótica bovina e peripneumonía contaxiosa bovina) nunha explotación, conservarán a súa validez os documentos de acreditación sanitaria da campaña anterior, que producirán plenos efectos en todo tipo de movementos pecuarios, ata que lles sexa comunicado un novo documento.

Disposición derradeira

Esta resolución será de aplicación a partir do mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2001.

Miguel Fernández Rodríguez

Director xeral de Producción e Sanidade

Agropecuaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO