Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.638

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de decembro de 2001 pola que se ordena a publicación do concerto entre a Universidade de Vigo e o Servicio Galego de Saúde.

En cumprimento do mandato contido na disposición adicional sexta da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e nos artigos 104 e 105 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, o Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, estableceu as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias, determinando o marco normativo da colaboración entre ámbalas dúas institucións mediante a suscrición dos oportunos concertos que garantirían os obxectivos docentes, asistenciais e de investigación que tiña como finalidade a citada colaboración.

A base segunda do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, regulou o procedemento de elaboración dos ditos concertos, para o cal encomendaba a unha comisión formada por representantes da universidade, organismos responsables da educación superior e de sanidade da Comunidade Autónoma e entidade xestora da que dependan as entidades que van concertar, a elaboración dun proxecto de concerto que, unha vez acordado entre a citada entidade xestora e a universidade, logo de informe do Consello Social, sería elevado ós órganos competentes da Comunidade Autónoma para a súa aprobación e publicación.

Ó amparo da citada base, constituíuse unha comisión tripartita integrada polos representantes da Universidade de Vigo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Sanidade, que elaborou un proxecto de concerto sobre o que recaeu acordo entre a citada universidade e o Servicio Galego de Saúde e que, elevado ó Consello Social, recibiu o informe favorable deste.

Así, con data do 18 de outubro de 2001, o presidente da Xunta de Galicia, o rector magnífico da UDV e o presidente do Servicio Galego de Saúde subscribiron o concerto para a colaboración entre a Universidade de Vigo e o Servicio Galego de Saúde na docencia e investigación universitarias e a asistencia sanitaria.

Procede, polo tanto, ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento: por iso, o conselleiro de Sanidade, en virtude das facultades que lle son conferidas,

ACORDA:

Único.-Ordena-la publicación do concerto firmado entre a Universidade de Vigo e o Servicio Galego de Saúde que se insire a continuación da seguinte disposición.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

CONCERTO ENTRE A UNIVERSIDADE DE VIGO E O SERVICIO GALEGO DE SAÚDE, PARA A UTILIZACIÓN DAS INSTITUCIÓNS SANITARIAS NA INVESTIGACIÓN E DOCENCIA UNIVERSITARIAS

En Santiago de Compostela, o 18 de outubro de 2001, Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, Domingo Docampo Amoedo, rector da Universidade de Vigo, e José María Hernández Cochón, presidente do Servicio Galego de Saúde,

EXPOÑEN:

Que a Universidade de Vigo (en diante UVI) e as institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde xa veñen colaborando para a formación dos estudiantes das ciencias da saúde desde hai tempo.

O lexislador, consciente da importancia que ten o ensino práctico para as disciplinas integradas no campo das ciencias da saúde e da necesidade de que aquela se integre nas estructuras e servicios do sistema sanitario, establece unha serie de previsións básicas co fin de garanti-lo nivel práctico da docencia nos estudios que a integran.

A disposición adicional sexta da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, encomendoulle ó Goberno que establecese as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se deba impartir ensino universitario e outros que así o esixiran.

O artigo 104 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, estableceu a dispoñibilidade da estructura asistencial do sistema sanitario para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos profesionais, e remitiu ás administracións públicas competentes en educación e sanidade o establecemento do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias nas que se deba impartir ensino universitario, para efectos de garanti-la docencia práctica da medicina e enfermería e doutras ensinanzas que así o esixiran.

Así mesmo, o artigo 105 da Lei xeral de sanidade preveu a posibilidade de establece-la vinculación de determinadas prazas asistenciais das institucións sanitarias con prazas docentes dos corpos dos profesores de universidade, no marco da planificación asistencial e docente das administracións públicas e do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias.

En cumprimento dos mandatos anteriores, o Goberno dictou o Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, polo que se estableceron as bases xerais do réxime sobre concertos entre as universidades e as institucións sanitarias e outra normativa de concordante aplicación, en virtude da cal procede levar a cabo o presente concerto.

Nel prevense os seus obxectivos xerais e o réxime de colaboración entre a UVI e as institucións sanitarias que se concertan, conforme os principios

xerais de participación, coordinación e eficacia con respecto ó servicio público que constitúa o seu obxecto, isto é, a busca da mellor preparación dos futuros profesionais do campo das ciencias da saúde e a busca da súa excelencia, a axeitada asistencia sanitaria e a potenciación da investigación precisa para o desenvolvemento das referidas ciencias a favor do benestar social no campo da saúde.

De acordo con estes presupostos establécense as seguintes especificacións:

Primeira.

Sinálanse como obxectivos xerais do presente concerto os seguintes:

1. Docentes:

A) Promove-la máxima utilización dos recursos humanos e materiais de atención especializada e atención primaria que se concertan para a docencia universitaria das diversas ensinanzas sanitarias no nivel de pregrao e posgrao, favorecendo a súa actualización e a súa continua mellora de calidade.

A colaboración estará orientada á formación clínica e sanitaria dos alumnos de calquera dos tres ciclos universitarios e estudios de posgrao naquelas titulacións ou materias relacionadas coas ciencias da saúde. No caso de estudios de terceiro ciclo, esta formación estenderase á metodoloxía e ás técnicas da investigación sanitaria.

B) Cooperar no mantemento da cualificación dos profesionais da saúde ó seu máis alto nivel, coidando a súa actualización e reciclaxe, favorecendo a súa incorporación á docencia universitaria.

2. Asistenciais:

A) Cooperar para que as investigacións e ensinanzas universitarias relacionadas con ciencias da saúde poidan ser utilizadas para a mellora constante da atención sanitaria, preservando en todo momento a unidade de funcionamento asistencial das institucións sanitarias.

B) Prever que coincida a maior calidade asistencial e a consideración de institucións concertadas coa universidade, dentro do oportuno sistema de sectorización e rexionalización da asistencia sanitaria.

3. De investigación:

A) Potencia-la investigación das ciencias da saúde, coordinando as actividades da Universidade de Vigo coas das institucións sanitarias para unha mellor utilización dos recursos humanos e materiais.

B) Favorece-lo desenvolvemento dos departamentos universitarios nas áreas da saúde, potenciando a súa coordinación coas unidades de investigación dos hospitais e demais institucións sanitarias, estimulando as vocacións investigadoras.

Segunda.

Para a consecución dos obxectivos definidos no presente concerto deberá alcanzarse unha plena e axeitada coordinación entre os diferentes servicios

ou unidades asistenciais e os correspondentes departamentos universitarios, favorecendo, por un lado, a incorporación de profesionais sanitarios á docencia e investigación universitaria e, doutro, a de profesores universitarios das áreas de coñecementos relacionadas coas ciencias da saúde a actividades docentes, asistenciais e investigadoras dos centros sanitarios concertados. Así mesmo, proverase, de forma progresiva e de acordo coas actividades desenvolvidas, a necesaria dotación de recursos persoais e materiais e estableceranse fórmulas de motivación e incentivación profesional.

Tercera.

1. O Servicio Galego de Saúde, en cumprimento das disposicións legais mencionadas e no ámbito das súas competencias, pon á disposición dos fins sinalados nas claúsulas anteriores as institucións sanitarias seguintes:

a) Para efectos do presente concerto terá a consideración de universitario o Complexo Hospitalario Xeral-Cíes.

b) Así mesmo, para o cumprimento dos referidos obxectivos, no ámbito deste concerto terán a consideración de asociados o Hospital do Meixoeiro, o Complexo Hospitalario de Pontevedra e o Complexo Hospitalario de Ourense.

Así mesmo, a dita condición alcanzará a calquera institución sanitaria que, de conformidade coa disposición adicional terceira, se incorpore ó ámbito de aplicación deste concerto.

2. Estes centros, no que se refire a actividades docentes e investigadoras, actuarán en coordinación cos departamentos universitarios ós que se vinculen.

Cuarta.

1. Para os fins do presente concerto, no marco da normativa vixente, poderá outorgarse a consideración de centros asociados a outras institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, en función dos recursos e dispoñibilidades existentes en cada momento, en atención ás necesidades docentes, investigadoras e asistenciais.

Quinta.

1. Dentro do mes seguinte á aprobación do presente concerto constituirase unha Comisión Mixta Universidade de Vigo-Servicio Galego de Saúde (UVI-Sergas) para interpretar e velar polo seu cumprimento, conforme prevé o artigo 4, base sexta, do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño.

2. A Comisión Mixta estará composta por un total de dez membros, que actuarán en representación da Universidade de Vigo e o Servicio Galego de Saúde, en idéntica proporción por cada unha das entidades concertantes.

3. A composición da Comisión Mixta será a seguinte:

a) Por parte da UVI:

Rector ou persoa en quen delegue.

Director da Escola de Fisioterapia.

Director do Departamento de Fisioloxía Funcional e Ciencias da Saúde.

Dúas persoas designadas polo rector.

b) Por parte do Sergas:

Presidente do Servicio Galego de Saúde, ou persoa en quen delegue.

Director xeral de Asistencia Sanitaria.

Director xeral de Recursos Económicos.

Director xeral de Recursos Humanos.

E xerente do Complexo Hospitalario Xeral-Cíes.

Se por razón da modificación da estructura orgánica do Sergas se alterase a actualmente vixente, a composición da Comisión Mixta adaptarase correlativamente á nova estructura orgánica, en función dos cargos equivalentes que se creen.

Cada membro, salvo o rector e o presidente do Sergas, terá os seus respectivos suplentes, que serán designados pola máxima autoridade de cada unha das administracións representadas e debidamente notificados á Comisión Mixta.

Cando os asuntos que figuren na orde do día afecten ó resto de centros concertados deberá ser convocado á reunión o director xerente destes, no caso no cal terá voz e voto nos asuntos que lle afecten, respectando a paridade numérica da citada comisión.

4. No prazo de seis meses desde a súa constitución será aprobado o regulamento interno de funcionamento.

5. A Comisión Mixta reunirase con carácter ordinario cada semestre e con carácter extraordinario cando o decida o presidente, por propia iniciativa ou por instancia de alomenos tres dos seus membros.

En todo caso, para a válida constitución, esixirase, logo de convocatoria, a asistencia, como mínimo, da maioría simple de cada unha das partes.

6. Para a válida adopción de acordos, unha vez constituída, requirirase, como regra xeral, o voto favorable de oito dos seus membros, salvo que no presente concerto ou no regulamento de réxime interno se determine expresamente outra cosa.

7. Actuará como presidente da Comisión Mixta o rector da universidade ou persoa en quen delegue ou o presidente do Sergas, ou persoa en quen delegue, de forma alternativa, con carácter anual, desde a data da súa constitución.

A presidencia inicial será exercida polo rector da UVI.

Son funcións do presidente:

a) Convoca-las xuntanzas da Comisión Mixta.

b) Sinala-la orde do día.

c) Dirixir e modera-las xuntanzas.

d) Velar polo cumprimento dos acordos que se adopten no seo da comisión.

e) Cursa-la invitación a expertos, cando se acorde a súa participación para os efectos de ser oídos en materias nas que a Comisión Mixta estime necesario o seu asesoramento.

8. O presidente estará asistido por un secretario de actas, con voz pero sen voto, que será persoal funcionario ou estatutario da Administración sanitaria, nomeado pola Comisión Mixta por proposta do Sergas, logo de informe desta ó rector.

A Comisión Mixta determinará por acordo a sede da secretaría.

A secretaría custodiará toda a documentación que se desprenda da tarefa da Comisión Mixta e fará chega-los acordos adoptados ás partes afectadas.

9. Serán competencias da Comisión Mixta as seguintes:

a) Velar polo cumprimento do concerto, tendo en conta a estructura departamental prevista na L.R.U., Lei xeral de sanidade e nos estatutos da UVI, así como a estructura funcional das institucións sanitarias, favorecendo en todo caso o normal desenvolvemento das actividades asistenciais e a correcta aplicación dos programas docentes e de investigación.

b) Establecer fórmulas de coordinación entre actividades asistenciais, docentes e investigadoras, coordina-la organización das prácticas clínicas de pregrao e posgrao, respectando as competencias da universidade e das institucións sanitarias na planificación e organización dos seus servicios e unidades, e a prestación do servicio de asistencia sanitaria.

c) Sen prexuízo das competencias atribuídas legal e regulamentariamente ós órganos respectivos, a Comisión Mixta poderá elaborar informes e estudios relativos á necesidade de reducir ou amplia-lo número de prazas vinculadas e de profesor asociado destinadas ó persoal das institucións sanitarias concertadas, así como analiza-los informes que os departamentos universitarios emitan ó respecto. Así mesmo, a Comisión Mixta poderá cursar propostas de modificación deste cadro de persoal ós órganos competentes nesta materia.

d) Designa-los membros da Comisión de Investigación a que se refire a cláusula sexta do presente concerto.

e) Propoñer anualmente as cantidades destinadas a cofinancia-las infraestructuras ou requirimentos mínimos para a investigación e o seu mantemento no marco do presente concerto.

f) Elaborar informes sobre o número de alumnos que teñan que acceder ás carreiras sanitarias impartidas pola UVI, en función das necesidades asis

tenciais de Galicia no sector, sen prexuízo da competencia de proposta da Universidade de Vigo ó Consello de Universidades.

g) Propoñer, oída a Comisión de Investigación, as áreas estratéxicas de investigación e desenvolvemento prioritarias no ámbito das institucións concertadas.

h) Propoñe-la implantación daquelas innovacións no campo das ciencias da saúde e biosanitarias que esixan esforzos conxuntos de ambas institucións ou que, polo seu custo ou outras razóns, deban limitarse a centros cualificados da rede, sen prexuízo das competencias que en materia de custo e investimentos lles atribúa a lexislación vixente ós órganos respectivos.

i) Sen prexuízo das competencias que en materia de persoal lle correspondan a cada Administración, a Comisión Mixta supervisará o réxime de prestación de servicios e as condicións de dedicación profesional dos profesores vinculados e asociados, respectando sempre a súa dedicación docente, asistencial e de investigación, podendo establecer fórmulas de coordinación entre as tres actividades, de tal forma que non se prexudique ningunha delas, considerado o carácter singular da actividade docente-asistencial.

j) Establece-las bases da coordinación entre as administracións implicadas para a consecución, disposición e utilización de fondos bibliográficos de materias relacionadas coas ciencias da saúde ou de ámbito biosanitario, co fin de satisface-las necesidades dos profesionais asistenciais, docentes e investigadores.

k) Acordar, oída a Comisión de Dirección, a forma de acceso e participación nos servicios das institucións concertadas do persoal académico da universidade que, sen pertencer ó cadro de persoal das institucións, necesite intervir nos referidos servicios por razón da súa actividade docente ou investigadora - no marco dun proxecto concreto - e sempre baixo a autorización da dirección do centro.

l) Propoñer, ás autoridades que competa, as modificacións do concerto que se estimen convenientes.

m) Interpreta-lo presente concerto, sen que en ningún caso poida introducir modificacións. Os acordos que se adopten vulnerando esta regra serán nulos de pleno dereito.

n) Calquera outra establecida no presente concerto.

Sexta.

1. As Institucións comprométense a coordina-las actividades de investigación que realicen os departamentos universitarios e os servicios sanitarios concertados, de acordo co establecido na Lei de reforma universitaria e na Lei xeral de sanidade. Así mesmo, comprométense a garanti-lo dereito e a obriga de realiza-las actividades de investigación que son inherentes á condición de profesores universitarios. En particular:

a) Promover, de forma prioritaria, os plans de investigación nas áreas de ciencias da saúde e bio

sanitarias, que elaborarán, conxuntamente, as institucións concertantes.

b) Impulsa-la formación de equipos de investigación conxuntos.

c) Facilita-la utilización conxunta dos recursos humanos, materiais e institucionais destinados á investigación en cada institución.

d) Garanti-la organización de servicios básicos comúns de apoio á investigación.

e) Establecer un sistema de intercambio de información sobre as actividades de investigación que se desenvolvan, os inventarios de medios materiais e instrumentais de que se dispoña, a producción científica que se xere, os programas de financiamento que se obteñan e calquera outra información que permita unha maior coordinación e cooperación entre as institucións concertantes.

2. A Comisión de Investigación estará integrada por cinco profesores numerarios da área das ciencias da saúde e/ou biosanitaria por proposta da UVI, e cinco profesores, preferentemente doutores, con funcións asistenciais, por proposta do Sergas.

Garantirase a representación na comisión dos responsables das comisións de investigación dos centros ou institucións concertadas ou que no futuro se adscriban ó ámbito do presente concerto.

A Comisión de Investigación regulada na presente cláusula estará presidida por un profesor, preferentemente doutor, con funcións asistenciais, nomeado polo Sergas, de acordo co rector da universidade, por un período máximo de catro anos.

3. Para a válida constitución da Comisión de Investigación esixirase, logo de convocatoria, a asistencia, como mínimo, da maioría simple de cada unha das partes.

Para a válida adopción de acordos requirirase como regra xeral o voto favorable de oito dos seus membros, salvo que expresamente se estableza outra cousa.

4. O presidente estará asistido por un secretario de actas, persoal da administración sanitaria, nomeado polo Sergas, previo informe ó rector. O secretario non terá a condición de membro da comisión.

O secretario de actas custodiará toda a documentación que se desprenda da tarefa da Comisión de Investigación e fará chega-los acordos adoptados ás partes afectadas.

5. Serán funcións da Comisión de Investigación:

a) Confeccionar e supervisa-lo inventario dos recursos e necesidades de investigación.

b) Realiza-lo seguimento da actividade investigadora no ámbito do presente concerto.

c) Articular fórmulas de coordinación da actividade investigadora desenvolvida nos distintos centros concertados.

d) Elaborar unha memoria anual da actividade desenvolvida e dos traballos realizados, que será presentada ante a Comisión Mixta.

e) Avalia-los programas e traballos científicos que se propoñan para o seu financiamento con cargo ós fondos derivados do disposto na letra e) do parágrafo 9 da cláusula quinta, emitindo os correspondentes informes técnicos e económicos.

f) Deseña-las liñas básicas da investigación biosanitaria no marco do presente concerto.

g) Propoñerlle á Comisión Mixta programas concretos de investigación que se considere necesario desenvolver no ámbito deste concerto.

h) Propoñer e promove-la integración dos departamentos universitarios nos proxectos de investigación que se considere oportuno.

i) Colaborar e facilitar información recíproca na política de bolsas e proxectos de investigación que leven a cabo as institucións incluídas no ámbito do presente concerto.

j) Propoñe-la participación e colaboración dos profesores de departamentos coas unidades de investigación dos centros concertados.

k) Propoñe-la adscrición temporal ás unidades de investigación da UVI de profesionais sanitarios non vinculados, nin asociados, de acordo coa normativa de aplicación na UVI.

l) Sen prexuízo das atribucións encomendadas ó Comité Ético, corresponderalle o seguimento dos programas de investigación co fin de que se axusten ás normas éticas e deontolóxicas contidas no R.D. 561/1993, do 16 de abril, polo que establecen os requisitos para a realización de ensaios clínicos con medicamentos.

m) Propoñe-la colaboración con outros proxectos de investigación.

6. Co fin de facilita-la xeración de equipos conxuntos de investigación e sen prexuízo do cumprimento das tarefas docentes e asistenciais que lles correspondan ós profesores asociados e colaboradores pertencentes ós servicios concertados, as institucións concertadas recoñécenlles:

a) A capacidade de acceso ós medios materiais, instrumentais e institucionais de investigación en igual medida que ó persoal propio.

b) O dereito a acceder ás fontes de financiamento da investigación das institucións concertadas.

7. Os bolseiros das institucións concertantes poderán realiza-lo seu traballo de investigación indistintamente en calquera delas en función das necesidades do seu programa de acordo coas normas que, para tal fin, estableceran os departamentos e servicios. Os bolseiros pertencentes a servicios concertados poden ser equiparados a bolseiros propios da universidade, sempre que cumpran a normativa da UVI e as condicións que se establezan.

8. A Comisión de Investigación regulada na presente cláusula constituirase no prazo de seis meses desde a constitución da Comisión Mixta.

Sétima.

O Servicio Galego de Saúde garantirá que as institucións sanitarias concertadas reúnan os requisitos que, tal como se sinala na base 3 do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, deben reuni-las institucións de conformidade co establecido na Orde do 31 de xullo de 1987.

Oitava.

Para a adecuada harmonización dos obxectivos asistenciais, docentes e investigadores, as institucións sanitarias facilitarán á universidade, de acordo coas súas dispoñibilidades, as infraestructuras necesarias segundo as recomendacións da normativa vixente sobre necesidades docentes e investigadoras que deben ser atendidas polas institucións sanitarias concertadas.

Novena.

1. Para o cumprimento dos obxectivos xerais do presente concerto e tendo en conta todo o antedito, concértanse os servicios e unidades das institucións sanitarias que se expresan no anexo, onde tamén se sinalan os departamentos universitarios que con eles se relacionan, sen prexuízo das modificacións que no seu día propoña a Comisión Mixta Universidade-Sergas.

2. Nas institucións sanitarias procurarase a coordinación harmónica entre a planificación asistencial e a planificación docente dos centros e departamentos universitarios.

Xa que é obxectivo garanti-la axeitada formación dos estudiantes, axustarase a súa distribución en cada institución ós seus recursos docentes e asistenciais.

Décima.

1. Co fin de garanti-los obxectivos docentes e investigadores da universidade, de conformidade co previsto no artigo 105 da Lei xeral de sanidade, no anexo I do presente concerto determínanse as prazas das institucións sanitarias dependentes do Sergas que quedarán vinculadas con prazas docentes do cadro de persoal dos corpos de profesores da Universidade de Vigo.

Mentres teñan tal carácter, as ditas prazas consideraranse para tódolos efectos como un só posto de traballo e suporán para quen as ocupe, o cumprimento das funcións docentes e asistenciais nos termos establecidos no Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño.

O carácter vinculado das prazas manterase durante o período de tempo en que a dita praza sexa desempeñada polo titular que en orixe motivou a vinculación. As prazas entenderanse sempre vinculadas no seu nivel básico asistencial.

A correlación entre a praza asistencial e a titulación académica que se requira establecerase en función da praza convocada.

2. Cando un titular de praza vinculada cesase na súa actividade por calquera motivo, perdendo a dita titularidade, a Comisión Mixta adoptará acordo expreso para manter ou non a vinculación da praza e a necesidade da súa cobertura como tal. De manterse a vinculación, esta entenderase no nivel básico asistencial da praza.

3. En caso de existiren prazas vacantes, a Comisión Mixta poderá adoptar acordo motivado de vinculación de prazas, respectando a correspondencia entre a praza docente e asistencial. O acordo de vinculación realizarase sempre en relación co nivel básico de cada praza asistencial. Calquera acordo que contraveña este mandato será nulo de pleno dereito.

4. A convocatoria dos procesos selectivos para a cobertura de prazas vinculadas será efectuada conxuntamente por ambas institucións, irá asinada polo rector da universidade. O rector será responsable do seu cumprimento e outorgará a toma de posesión.

As convocatorias de prazas vinculadas realizaranse de conformidade co establecido no Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, a través do oportuno concurso.

5. De conformidade co establecido no Real decreto 1558/1986 e disposición adicional décimo cuarta da Lei 30/1999, sen prexuízo da provisión das prazas vinculadas na forma descrita no parágrafo anterior, o acceso ós postos de carácter directivo e de xefatura de unidade nas instituciónes sanitarias realizarase polos procedementos establecidos legal e regulamentariamente pola normativa estatutaria de aplicación. Sen prexuízo da adscrición funcional do candidato seleccionado á praza convocada, en todo caso, manterase a vinculación no nivel básico da praza asistencial.

A cobertura das prazas de profesor funcionario de universidade realizarase polo procedemento que a Universidade de Vigo determine e resolverase de acordo co artigo 38 da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria. Cando un profesor que ocupe praza vinculada acceda por concurso a unha praza docente de categoría superior, na mesma área de coñecemento á que estaba adscrito, manterase a situación de praza vinculada.

En calquera caso, ambas institucións comunicarán a referida provisión á Comisión Mixta.

Undécima.

1. De conformidade co disposto no artigo 105 da Lei xeral de sanidade e Real decreto 1558/1986, o presente concerto establece que as prazas de profesor asociado de ciencias da saúde (PACS) pertencentes ó cadro de persoal da universidade, con actividade docente nas institucións sanitarias dependentes do Sergas, serán cubertas obrigatoriamente

por persoal destas. A determinación das prazas de profesor asociado con actividade docente nas institucións sanitarias corresponderá á Comisión Mixta, sen prexuízo das competencias que teñan os órganos correspondentes de cada Administración en materia de dotación, fixación e provisión de cadros de persoal.

2. A Universidade, por proposta da Comisión Mixta Universidade-Sergas, logo de informe da Xunta de Goberno da UVI convocará anualmente as prazas de profesores asociados referidas no punto anterior, cos seus correspondentes perfís, destinos e criterios de selección.

3. A duración destes contratos será dun curso académico, renovable anualmente, logo de informe favorable do departamento responsable da docencia.

As condicións sobre a duración e prórroga destes contratos axustaranse á normativa vixente e ós estatutos da UVI.

4. Os profesores asociados cesarán como tales cando, por calquera motivo, causen baixa na praza asistencial correspondente. O cesamento e calquera outra circunstancia que afecte á relación de servicios dun profesor, referente á praza asistencial que desempeñe, será notificado á UVI.

5. Cando algún dos profesores asociados acceda a unha praza vinculada mediante a superación do proceso selectivo que corresponda, amortizaranse os contratos por razón da nova situación.

6. Co fin de que os servicios e unidades hospitalarias concertadas, relacionados no anexo I, teñan a conveniente participación nas actividades docentes e investigadoras, a Universidade de Vigo poderalles ofrecer ós servicios e unidades asistenciais que á entrada en vigor do presente concerto non dispoñan de persoal docente, un contrato de profesor asociado de ciencias da saúde (PACS) nas mesmas condicións que para o resto destes profesores, a partir do momento que o servicio se incorpore á docencia universitaria, sempre que as disposicións presupostarias o permitan.

Duodécima.

1. A Universidade de Vigo, por proposta da Comisión Mixta Universidade-Sergas, establecerá un número de axudantes de ciencias da saúde (AXCS) no seu cadro de persoal, que se cubrirán mediante concurso público entre aqueles profesionais das ciencias da saúde que reúnan os requisitos de titulación que se correspondan coa área de coñecemento do departamento que proceda, de acordo á normativa vixente. O axudante, pola súa mera condición de AXCS, non terá relación xurídica co Sergas. Este organismo non contraerá ningunha obriga xurídica, económica nin doutro tipo co dito axudante.

2. A eventual tarefa asistencial, que poida realiza-lo dito persoal levarase a cabo, logo de autorización do xerente do centro, de acordo coa normativa vixente e as decisións que adopte a Comisión Mixta.

Décimo terceira.

1. Sen prexuízo da normativa vixente establecida pola UVI, a eventual incorporación de profesionais en condición de visitantes á institución sanitaria por iniciativa dun departamento universitario realizarase, logo de comunicación á Comisión Mixta, de conformidade coa normativa vixente en materia de ordenación das profesións sanitarias e pola propia Administración sanitaria receptora sobre acceso ós servicios e unidades asistenciais das súas institucións.

2. De acordo coas directrices xerais do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, segundo as cales todo servicio concertado o será na súa totalidade, todo profesional que de forma habitual participe na docencia universitaria poderá te-lo correspondente recoñecemento da universidade como colaborador, sempre que reúna os requisitos e condicións que determine a Comisión Mixta. Ademais, este recoñecemento poderase consignar nas súas publicacións ou comunicacións científicas.

Os ditos colaboradores desenvolverán o seu labor docente sen detrimento do seu labor asistencial. Esta actividade non determinará relación contractual coa UVI nin obriga de aboamento de retribucións para esta.

Décimo cuarta.

1. O persoal que ocupe unha praza vinculada desempeñará o conxunto de funcións docentes, asistenciais e de investigación nunha mesma xornada co réxime de dedicación conxunta e distribución horaria que estableza a normativa vixente.

As diverxencias que puideran xurdir na planificación e desenvolvemento desta xornada serán dirimidas pola Comisión Mixta, que terá en conta, en todo caso, as necesidades da programación asistencial ós usuarios como criterio de ordenación, sen prexuízo do axeitado desenvolvemento da actividade docente para a ineludible harmonización.

Así mesmo, a Comisión Mixta establecerá os criterios para a ordenación da actividade dos profesores asociados de forma que se eviten as interferencias entre a actividade docente e asistencial, tendo en conta a especifidade do persoal docente que estea suxeito a quendas no exercicio da súa actividade asistencial.

2. Os profesores que desempeñen praza vinculada terán os dereitos e deberes inherentes á súa condición de membros dos corpos docentes universitarios e de persoal sanitario de réxime correspondente. As competencias en materia de situacións administrativas, incompatibilidades, etc. corresponden, sen prexuízo da coordinación necesaria entre as dúas institucións, ó rector da UVI.

Para os PACS, estas competencias corresponderán ó órgano respectivo das institucións sanitarias, sen prexuízo da alegada coordinación coa UVI.

3. De conformidade co establecido na base décimo terceira do Real decreto 1558/86, modificada polo Real decreto 1652/1991, o persoal que ocupe praza vinculada percibirá unha única nómina, que será aboada pola UVI.

4. O persoal de área ou de sector sanitario que desenvolva funcións docentes no hospital ou calquera outro centro, deberá cumpri-la normativa vixente de funcionamento interno da institución.

5. A aplicación do réxime disciplinario correspondente, en cada caso ás funcións docentes e asistenciais, tanto do persoal que desempeña praza vinculada, como do sanitario que exerza funcións como profesor asociado, farase de acordo co establecido na lexislación vixente.

Da incoación dun expediente disciplinario e da súa resolución por calquera das administracións públicas darase oportuna comunicación á outra na medida que puidese resultar afectada.

Décimo quinta.

1. A Universidade de Vigo, de acordo co establecido na base undécima do artigo 4 do Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, fomentará a participación dos profesionais do Servicio Galego de Saúde, calquera que sexa o seu vínculo, nos programas de doutoramento no ámbito das ciencias da saúde. Así mesmo, poderá organizar programas de doutoramento e de posgrao específicos para o persoal das institucións concertadas.

Con este mesmo fin, a universidade, de acordo coa súa normativa, poderá validar cursos e seminarios asignándolle-los créditos que correspondan nos respectivos programas de doutoramento. Así mesmo, establecerá módulos de validación de créditos para os facultativos con contratos docentes de posgrao.

Décimo sexta.

A Universidade de Vigo e a Administración sanitaria garantiranse a participación recíproca nos órganos de representación e/ou dirección correspondentes. Para tal efecto realizarán as adaptacións na súa normativa interna que sexan precisas.

Décimo sétima.

1. As actividades lectivas normais, como poden se-las clases, seminarios ou outras modalidades de ensino teórico poderán ter lugar nas dependencias do hospital. Estas dependencias poderán tamén utilizarse para actos administrativos ou académicos propios da actividade universitaria e hospitalaria, logo de autorización da dirección do centro. En calquera caso, a disposición das dependencias para actividades que non sexan lectivas e/ou asistenciais nunca poderá interferir no desenvolvemento normal dos programas docentes e da actividade asistencial.

2. As dependencias propias das institucións concertadas que, de acordo con este concerto, serán utilizadas pola UVI para as actividades estrictamente docentes da práctica clínica, son tódalas da área

asistencial, coas limitacións propias da normativa de funcionamento interno do centro. O acceso dos estudiantes a estas áreas será regulamentado e determinado pola Comisión Mixta, oída a dirección do centro, no marco da citada normativa.

Décimo oitava.

Así mesmo, os estudiantes que reciban as súas ensinanzas nunha institución concertada deberán someterse ás regras de funcionamento e disciplina tanto da institución como da universidade.

Décimo novena.

1. As partes concertantes comprométense a promove-la recíproca utilización dos fondos bibliográficos, co obxecto de poder satisface-las necesidades docentes, asistenciais e de investigación dos profesores, alumnos e persoal das institucións sanitarias. Garántese a utilización das bibliotecas existentes nos centros asistenciais e docentes para as necesidades antes expostas, así como as da UVI.

O Sergas e a UVI comprométense a intercambiar información actualizada sobre os seus fondos e establecerán criterios de coordinación para unha dotación racional, económica e suficiente dos ditos fondos, sen prexuízo da autonomía de cada unha das institucións.

2. Igualmente, o Sergas posibilitará á UVI a utilización do estabulario/animalario para os fins docentes e de investigación, nos termos que autorice a dirección do centro.

Vixésima.

A atribución da titularidade de material inventariable existente nos centros concertados, así como o que desde agora poida adquirir unha ou outra parte corresponderá á institución adquirente.

Os criterios para o investimento no financiamento das obras que se realicen, así como para a amortización e imputación de custos, serán establecidos mediante acordo da comisión Universidade-Sergas para cada actuación concreta.

Vixésimo primeira.

A contribución do Servicio Galego de Saúde ós custos de persoal derivados do presente concerto realizarase de conformidade cos criterios de financiamento e compensación orzamentaria seguintes:

a) En consonancia cos termos de dedicación de xornada laboral dos profesionais ás tarefas asistenciais que se establecen no presente concerto, o Servicio Galego de Saúde achegará a contía resultante de aplica-la porcentaxe do setenta por cento sobre os conceptos retributivos fixos e periódicos que non teñan carácter persoal, establecidas na normativa retributiva do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

b) Así mesmo, o Servicio Galego de Saúde achegará a contía resultante de aplica-la porcentaxe do 3,40% sobre o importe obtido, conforme o disposto na letra a) anterior, en concepto de compensación polos

desaxustes financeiros que na dita contribución se poidan producir.

c) Ademais das cantidades resultantes da aplicación do previsto na letra anterior, o Sergas transferirá á universidade, para a súa acreditación en nómina, as cantidades que correspondan en concepto de incentivos ó rendemento, conceptos derivados da antigüidade que fosen recoñecidos polo Sergas ou aqueles que procedan pola participación dos profesionais en quendas de garda, atención continuada ou en programas especiais de natureza asistencial, nos termos establecidos para o persoal estatutario do Sergas.

d) O Sergas financiaralle á universidade o cincuenta por cento do custo empresarial das cotizacións ó réxime xeral da Seguridade Social do persoal que desempeñe praza vinculada que, conforme a normativa de aplicación, quede incluído no dito réxime.

Vixésimo segunda.

1. De acordo co establecido na cláusula anterior, o Sergas transferirá mensualmente as cantidades que se determinen en concepto de compensación.

Para iso, o Sergas procederá da seguinte forma:

a) O Sergas remitiralle antes do día 10 de cada mes á UVI certificacións acreditativas tanto da execución do concerto relativa ó período mensual de referencia -para os efectos do financiamento establecido nas letras a), b) e d) da cláusula vixésimo primeira- como das cantidades devengadas polas incidencias referenciadas na letra c) da dita cláusula vixésimo primeira correspondentes ó mes anterior, todo iso para os efectos da correcta elaboración da nómina por parte da UVI.

b) Simultaneamente o Sergas adoptará as medidas necesarias para formaliza-la transferencia das cantidades correspondentes a cada mensualidade, conforme para os termos de financiamento establecido na cláusula vixésimo primeira e ós datos que constan nas certificacións ás que se fixo referencia na letra a) anterior.

c) Por períodos trimestrais procederase á liquidación das diferencias entre as cantidades transferidas en cada trimestre e o gasto relativo ás retribucións correspondentes pola actividade asistencial do persoal que desempeñe as prazas vinculadas no dito período.

Esta liquidación aboarase ou descontarase no pagamento mensual inmediato seguinte a ela.

2. O importe correspondente ás obrigas que, como consecuencia deste concerto deba asumi-lo Servicio Galego de Saúde, imputarase con cargo ás aplicacións 3603 2223 440.0 e 3611 2223 440.0 do orzamento de gastos do Sergas.

Vixésimo terceira.

A duración do presente concerto establécese por un prazo de cinco anos. Non obstante, os termos deste acordo poden ser revisados por petición de

calquera das dúas partes, se ben as modificacións que se propoñan terán que ser acordadas antes do día 30 de xuño de cada ano e non serán efectivas ata o curso seguinte.

Seis meses antes de que expire a duración do concerto, as institucións intervenientes terán que decidir respecto da súa prórroga por idéntico período ou a súa renegociación ou finalización. No suposto de non chegar a un acordo, considerarase automaticamente prorrogado ata o establecemento de novo acordo.

Disposicións adicionais

Primeira.-O importe estimado correspondente á achega do Servicio Galego de Saúde alcanzará no exercicio 2002 a contía de 11.714.065 ptas., sen prexuízo das actualizacións que correspondan e liquidación definitiva de conformidade coa cláusula vixésimo primeira.

Segunda.-A Comisión Mixta establecerá a relación entre os servicios que se concertan e os departamentos universitarios respectivos.

Terceira.-Por acordo da Comisión Mixta poderá ampliarse o ámbito do presente concerto a outros servicios e/ou unidades asistenciais de calquera das áreas de saúde incluídas no ámbito de actuación da UVI, así como a outros departamentos universitarios se as necesidades docente-asistenciais e de investigación así o aconsellaran; iso sen prexuízo do respecto á normativa vixente e ós procedementos internos de aprobación que deberán seguirse en cada unha das administracións respectivas e logo de informe á autoridade competente en materia de ordenación universitaria.

Cando o concerto afecte á totalidade ou abranga a maioría dos servicios dunha institución sanitaria das referidas no punto b) da cláusula terceira, a dita institución poderá te-la consideración de universitaria, sempre que reúna os requisitos establecidos na normativa vixente para estes efectos.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Serán prazas vinculadas as que á entrada en vigor do presente concerto estean desempeñadas por catedráticos ou profesores titulares da UVI, que como tales foran nomeados ou tomaran posesión, e que viñesen desempeñando labores asistenciais con anterioridade á súa formalización, nalgunha das institucións especificadas na cláusula terceira do presente concerto.

2. Así mesmo, serán prazas vinculadas as que á entrada en vigor do presente concerto estean desempeñadas por catedráticos ou profesores titulares da UVI que, aínda cando eventualmente non estean desempeñando labores asistenciais, teñan a condición de persoal estatutario en situación de activo

e teñan reservada praza nalgunha das institucións sanitarias especificadas na cláusula terceira do presente concerto. En tal caso, a efectividade da vinculación da praza quedará demorada ó momento en que o profesional se reincorpore á praza asistencial de orixe.

3. Sen prexuízo do nivel da praza asistencial que actualmente desempeñen os profesionais, as prazas quedarán vinculadas, con carácter xeral, no seu nivel básico asistencial.

Segunda.

Logo de acordo da Comisión Mixta, o Sergas poderá asignar unha praza asistencial, para que poidan desempeña-las funcións docente-asistenciais, a aqueles catedráticos ou profesores titulares dos corpos de profesores da UVI que, ausente concerto, tiveron que optar no seu día por pasar á situación de excedencia voluntaria na praza asistencial en que estiveran prestando servicios como persoal estatutario nalgunha das institucións agora concertadas, e que na actualidade estean desempeñando unha praza docente dos corpos de profesores da UVI. No dito caso, o réxime de prestación de servicios, así como as súas retribucións, será o establecido no presente concerto para as prazas vinculadas.

Se en virtude de procedemento legal ou regulamentariamente establecido, os ditos profesores obtiveran unha praza asistencial con carácter definitivo na institución sanitaria onde radique o servicio ou unidade asistencial que se corresponda co departamento universitario ó que está adscrito o dito catedrático ou profesor titular, ámbalas prazas, a docente e a asistencial, converteranse en prazas vinculadas.

Terceira.

1. Sen prexuízo do disposto na cláusula anterior, no prazo dos tres meses seguintes á publicación do presente concerto, os profesionais que non desexasen prestar servicios en réxime de vinculación, poderán exerce-lo dereito de opción por unha das dúas prazas que ata o de agora viñan desempeñando, quedando na outra se así correspondese na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade.

2. Así mesmo, os profesionais as prazas dos cales non resultasen vinculadas ó amparo do presente concerto deberán exerce-la opción por unha das dúas, se así correspondese, de conformidade co establecido na normativa de incompatibilidades.

Disposición derradeira

Este concerto entrará en vigor a partir do día 30 de decembro de 2001.

En proba de conformidade, as partes asinan o presente documento en triplicado exemplar, no lugar e data indicados, Manuel Fraga Iribarne, presidente; Domingo Docampo Amoedo, rector da UDV; José María Hernández Cochón, presidente do Sergas.

ANEXO I

APELIDOS E NOME

CATEGORIA

UNIVERSITARIA

DEPARTAMENTO

UNIVERSIDADE

PRAZA

VINCULADA

ESPECIALIDADE

RUEDA CHIMENO, JUAN CARLOSCATEDRATICO EUBIOLOXÍA FUNCIONAL E CC. DA SAUDEFACULTATIVO ESPECIALISTA DE AREACIRURXIA XERAL E APARELLO DIXESTIVO

DIZ GOMEZ, JOSE CARLOSPROFESOR TITULAR DE UNIVERSIDADEBIOLOXÍA FUNCIONAL E CC. DA SAUDEFACULTATIVO ESPECIALISTA DE AREAANESTESIOLOXIA E REANIMACION