Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2001 Páx. 16.596

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

DECRETO 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais.

Polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, estableceuse a estructura orgánica da Xunta de Galicia, fixándose despois polo Decreto 310/2001, do 17 de decembro, a estructura orgánica dos seus departamentos. No artigo 13 da devandita norma estableceuse a estructura orgánica básica da Consellería de Asuntos Sociais, sendo necesario o desenvolvemento dela ata o nivel de xefatura de servicio, distribuíndo as funcións asignadas de xeito que permita a máxima eficacia no exercicio destas.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, con informe favorable das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteoito de decembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A Consellería de Asuntos Sociais.

A Consellería de Asuntos Sociais é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española, o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servicios sociais, sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Exercerá, así mesmo, as competencias establecidas na Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, prexuízo das actuacións que lle correspondan a cada consellería por razón da materia.

Artigo 2º.-Estructura.

A Consellería de Asuntos Sociais, para o cumprimento das súas funcións, contará coa seguinte estructura:

I. O/A conselleiro/a.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

IV. A Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

V. As delegacións provinciais.

Artigo 3º.-O/A conselleiro/a.

O/A conselleiro/a de Asuntos Sociais é a superior autoridade da consellería e con tal carácter desempeña e exerce as atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Do/a conselleiro/a dependerá de xeito directo o Servicio Galego de voluntariado, ó que lle corresponde exerce-las competencias establecidas na Lei do voluntariado de Galicia.

Artigo 4º.-A Secretaría Xeral.

4.1. A Secretaría Xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, en relación con tódalas unidades e servicios dependentes da Consellería de Asuntos Sociais, a inspección dos servicios e dos centros e organismos dependentes ou adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, a imposición de sancións por comisión de faltas graves previstas na Lei 4/1993, do 14 de abril, as demais competencias que lle atribúa a normativa en vigor e as que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do/ a titular do departamento.

4.2. A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas competencias, estructúrase nas seguintes unidades:

A Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa.

A Subdirección Xeral de Administración e Inspección.

A Asesoría Xurídica, organicamente integrada na Secretaría Xeral e funcionalmente dependente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

A Intervención Delegada, organicamente integrada na Secretaría Xeral e funcionalmente dependente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Baixo a dependencia directa do/a secretario/a xeral existirá, con nivel orgánico de servicio, a seguinte unidade:

Servicio de Planificación e Información.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A coordinación das publicacións e as funcións relativas á representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

-A información xeral e difusión de publicacións dos programas sociais en soporte papel e telemático e o deseño e aplicación do sistema de información estatística.

-A organización e a xestión dos fondos documentais e bibliográficos da consellería.

-A elaboración de memorias, estudios e informes.

4.3. A Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa.

É a unidade encargada da coordinación dos servicios de carácter xeral, xestión de persoal, elaboración de propostas para a realización de actividades en relación coa formación de persoal cualificado na materia de servicios sociais, réxime interior, organización do rexistro xeral, asesoramento técnico xurídico e informatización da consellería e outros de contido administrativo que lle atribúa o/a secretario/a xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

a) Servicio de Persoal.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes administrativos relativos ó persoal funcionario e laboral dependente da consellería, xestión da nómina, elaboración e actualización da relación de postos de traballo, control da asistencia e puntualidade

b) Servicio de Réxime Interno.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

-Coidar do correcto funcionamento do rexistro xeral da consellería e do seu arquivo.

-A tramitación das reclamacións e recursos en materia de persoal e a tramitación de expedientes disciplinarios.

-Leva-lo inventario de bens mobles e inmobles adscritos á consellería, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

-Xestiona-los asuntos xerais, tales como réxime interior, control do material de oficina, vehículos adscritos á consellería, mantemento de instalacións e outros análogos.

c) Servicio de Informática.

Corresponderanlle o exercicio das seguintes funcións:

-Planificar, impulsar e mecaniza-los sistemas de información da consellería.

-Estudio, seguimento, informe e, se é o caso, proposta sobre plans xerais de informatización.

-Coordinación, supervisión, apoio e asesoramento técnico sobre os plans de informatización.

-Xestiona-las bases de datos, redes e sistemas informáticos.

-Velar polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal.

-Calquera outra función relativa a sistemas ou procesos informáticos da consellería.

O desenvolvemento destas funcións realizarase sen prexuízo das competencias que, en materia informática, ten atribuídas a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

d) Servicio Técnico Xurídico.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-A elaboración e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral, elaboración das compilacións e refundicións de normas emanadas da consellería.

-O estudio, preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e a Comisión de Secretarios Xerais, así como o traslado dos seus acordos.

-A tramitación dos expedientes sobre bens demaniais ou patrimoniais, en canto sexa competencia da consellería.

-O estudio, tramitación e formulación, se é o caso, de propostas de resolución de recursos ou reclamacións interpostas contra os actos e resolucións emanados dos distintos órganos da consellería e, en xeral, a elaboración de estudios xurídicos, informes e demais asuntos, que por razón da súa competencia lle sexan encomendados pola secretaría xeral.

-A coordinación da publicación no Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos dictados polos órganos da consellería.

4.4. A Subdirección Xeral de Administración e Inspección.

É a unidade encargada da coordinación e supervisión dos servicios dependentes dela, elabora-lo borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control, a tramitación dos expedientes de gasto, a tramitación e xestión dos expedientes de contratación, a xestión do rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais, a xestión dos expedientes de autorización de centros de servicios sociais, a inspección dos mesmos, a xestión do procedemento de inclusión das entidades no programa do cheque asistencial, o protectorado das fundacións de interese galego e aquelas outras funcións que por razón da súa competencia lle sexan encomendadas polo secretario xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

a) Servicio de Contratación e Xestión Económica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A execución, coordinación, seguimento e control do orzamento así como a proposta das súas modificacións.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e propostas de pagamentos realizados polos servicios centrais.

-A elaboración das instruccións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión económica, acorde coa normativa vixente.

-O seguimento, coordinación e control dos expedientes de gasto dos equipamentos sociais.

-Elaboración do estado de necesidades de recursos económicos para o funcionamento dos centros de servicios sociais, así como a realización dos libramentos de fondos a eles.

-A xestión dos expedientes de contratación administrativa.

-Supervisión dos proxectos e seguimento, dirección e control das obras.

-Calquera outra función relativa á xestión económica ou orzamentaria.

b) Servicio de Inspección.

Correspóndenlle, respecto das entidades, centros e servicios sociais do ámbito competencial da consellería, as seguintes funcións:

-Velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de servicios sociais e, en especial, polo respecto dos dereitos dos usuarios de servicios sociais, previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993 e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións dos usuarios, así como propoñe-la adopción das medidas necesarias para corrixi-las deficiencias observadas.

-Asegura-la calidade das prestacións mediante a verificación do cumprimento das condicións funcionais e materiais dos centros, servicios e programas de servicios sociais.

-O exercicio da potestade inspectora.

-A inspección e control do funcionamento dos centros, servicios e programas.

-A elaboración do informe-proposta para acorda-la incoación dos procedementos sancionadores.

-Elabora-lo plan de inspección dos programas e centros de servicios sociais.

-Coordina-las funcións, en materia de inspección, coas delegacións provinciais para o desenvolvemento do plan de inspección.

-Colaborar cos órganos e entidades competentes en materia de servicios sociais dos diferentes ámbitos territoriais, mediante a elaboración de informes ou a achega de datos para mellora-la regulación, planificación e xestión dos servicios sociais.

-Controla-lo cumprimento dos niveis de calidade propoñendo plans de mellora dos servicios sociais.

-Realizar tarefas de supervisión e auditoría interna do grao de implantación do sistema de calidade en centros de servicios sociais públicos.

-Propoñer, se é o caso, a elaboración e revisión de normas relativas ás materias relacionadas coas súas funcións.

-Calquera outra función que lle atribúa o Decreto 175/1995, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo á inspección e réxime sancionador.

c) Servicio de Autorización de Centros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes relativos ó rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais, no ámbito competencial da consellería.

-A xestión dos expedientes de autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades dos centros de servicios sociais.

-A xestión dos expedientes de inclusión das entidades prestadoras de servicios sociais no programa de atención a persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial.

-O exercicio das funcións que a consellería teña encomendadas en relación coas fundacións de interese galego, sobre as que lle corresponda exerce-lo protectorado.

Artigo 5º.-A Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

5.1. Correspóndelle a elaboración de propostas para a formulación da política da consellería en materia de atención ós maiores e ás persoas discapacitadas. Así, realizará funcións de ordenación, coordinación, planificación e execución dos plans, equipamentos e servicios de atención especializada nas áreas de maiores e discapacidades e o asesoramento, asistencia técnica e a coordinación coas entidades prestadoras de servicios sociais nos devanditos ámbitos, así como a coordinación do funcionamento do Consello Galego das Persoas Maiores.

5.2. Así mesmo, correspóndelle formula-las propostas no seu ámbito competencial para a elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais, a creación e xestión dos equipamentos, programas e servicios que asuma a Administración autonómica, a implantación e seguimento dos plans de calidade que os afecten, a xestión de concertos, prestacións e axudas establecidas, a supervisión das actuacións das entidades destinadas á atención e promoción de maiores e persoas discapacitadas, a elaboración de propostas de normativa que afecten estes sectores que contemplarán, se é o caso, a participación dos usuarios no financiamento dos servicios de conformidade cos principios de solidariedade e redistribución, así como calquera outra función relativa a materias da súa competencia ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servicios sociais.

5.3. Para o desenvolvemento das súas funcións a Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade contará coas seguintes unidades administrativas:

A Subdirección Xeral de Atención a Persoas Maiores.

A Subdirección Xeral de Atención a Persoas con Discapacidade.

5.4. Subdirección Xeral de Atención a Persoas Maiores.

5.4.1. É a unidade á que lle corresponde a coordinación e supervisión dos servicios dependentes dela, avalia-la necesidade de recursos e actuacións encamiñadas a cubri-las demandas do colectivo das persoas maiores, fomentar e promover actuacións e medidas favorecedoras da plena participación dos maiores na sociedade e da mellora da súa calidade de vida, fixa-los criterios de aplicación dos baremos para seren beneficiarios dos servicios, propoñer e xestiona-la creación de programas e recursos, elabora-las propostas de ordenación e a avaliación dos recursos, así como a coordinación do funcionamento do Consello Galego das Persoas Maiores.

5.4.2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Programas para Maiores.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A planificación, xestión, seguimento e control dos servicios e programas de actuación dirixidos ó sector das persoas maiores.

-A coordinación e o control da xestión dos centros de servicios sociais de atención a maiores tipificados legalmente e cantos outros centros se determinen na planificación desta área de actuación.

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos programas de axudas e subvencións, así como dos convenios e concertos coas entidades de iniciativa social que presten os seus servicios nesta área de actuación.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a dirección xeral do maior e de persoas con discapacidade.

-Fixa-los criterios de avaliación socioeconómica para establece-lo diagnóstico sobre as necesidades dos maiores solicitantes de recursos sociais.

-Establecer criterios de seguimento dos maiores beneficiarios que permitan avalia-la idoneidade do servicio ou axuda concedida e a mellora da súa calidade de vida.

-A elaboración de propostas de xestión operativa de medios humanos e recursos dos centros de servicios sociais de atención a maiores.

-A planificación, o control e seguimento de todas aquelas accións educativas, formativas e culturais que faciliten a promoción e integración social dos maiores e a coordinación cos centros colaboradores en materia de formación permanente de adultos.

b) Servicio de Coordinación Sociosanitaria.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Actuar como unidade de coordinación dos programas sociais existentes na consellería con outras áreas de actuación dependentes doutros departamentos.

-A xestión operativa dos recursos sociais susceptibles de colaboraren con outras áreas.

-A elaboración dos informes e estatísticas de resultados dos programas transversais que estean en funcionamento.

-A elaboración de propostas que permitan mellora-los resultados das intervencións sociais, en relación coas actuacións desenvolvidas desde outras áreas.

5.5. A Subdirección Xeral de Atención a Persoas con Discapacidade.

5.5.1. É a unidade á que lle corresponde a coordinación e supervisión dos servicios dependentes dela, a xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, servicios e equipamentos de atención especializada na área de actuación de discapacidades.

5.5.2. Así mesmo, correspóndelle a elaboración de programas, proxectos e servicios orientados á inclusión social das persoas discapacitadas, así como á promoción da accesibilidade, á rehabilitación, tratamento e á prevención das discapacidades.

5.5.3. Tamén realizará a coordinación dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, no seu ámbito competencial, e a elaboración e xestión de concertos, convenios, convocatorias de subvencións ou axudas e outras prestacións económicas.

5.5.4. Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Programas para Discapacitados.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A preparación, xestión, seguimento e control dos servicios e programas de actuación dirixidos ás persoas con discapacidade e a potenciación e promoción de programas e medidas de inclusión social.

-A preparación, coordinación e seguimento das subvencións e axudas establecidas.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a dirección xeral do maior e de persoas con discapacidade.

-O estudio de necesidades do sector e a proposta de actuacións e de normativa na materia.

-A actualización e explotación do censo de discapacitados.

-O apoio técnico para o desenvolvemento das políticas de rehabilitación e tratamento de persoas afectadas por discapacidades.

-O apoio técnico ó funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, no ámbito das competencias da dirección xeral.

b) Servicio de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A preparación, coordinación, seguimento e control dos concertos e convenios coas entidades prestadoras de servicios sociais na área de actuación das persoas con discapacidades.

-A coordinación e seguimento da área funcional dos centros de atención a persoas con discapacidades dependentes da Administración autonómica.

-O impulso do cumprimento da normativa sobre accesibilidade e supresión de barreiras.

-A promoción da divulgación, información e o estudio da accesibilidade e supresión de barreiras.

-O asesoramento a responsables institucionais, profesionais e entidades implicadas en programas de accesibilidade e supresión de barreiras.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a dirección xeral do maior e de persoas con discapacidade.

-O apoio técnico á Comisión Técnica de Accesibilidade e ó Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.

Adscríbese ó Servicio de Equipamentos e Promoción da Accesibilidade á Comisión Técnica de Accesibilidade, como órgano competente para a tramitación dos expedientes sancionadores previstos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-A Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

6.1. Correspóndelle a elaboración de propostas para a formulación da política da consellería en materia de servicios comunitarios e inclusión social. Así, realizará funcións de estudio das necesidades e problemáticas sociais, coordinación, control e xestión das prestacións sociais e económicas.

6.2. Correspóndelle a xestión e coordinación do funcionamento do Consello Galego de Servicios Sociais e a planificación, ordenación, coordinación, seguimento e avaliación dos servicios sociais de

atención primaria. Así mesmo, asesorará os concellos e outros entes locais na creación, organización e funcionamento destes servicios e colaborará na formación permanente do seu persoal.

6.3. Tamén realizará a planificación, coordinación, seguimento e control da execución dos programas de inclusión social, a formulación das propostas, no seu ámbito competencial, para a elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais, o asesoramento e asistencia técnica ás entidades prestadoras de servicios sociais, así como calquera outra función que corresponda á dirección xeral en materia da súa competencia ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servicios sociais.

6.4. A Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social, para o exercicio das súas competencias contará coa seguinte unidade administrativa:

Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

6.5. Subdirección Xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

É a unidade á que lle corresponde a realización dos programas de inclusión social en relación coas problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando proxectos de traballo social personalizado ou de grupos.

Tamén lle corresponden as funcións de xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, centros e servicios de atención primaria, a coordinación do funcionamento do Consello Galego de Servicios Sociais, así como a coordinación e supervisión dos servicios dependentes desta unidade.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades a nivel orgánico de servicio.

a) Servicio de Inclusión Social

Correspóndelle a coordinación, execución e seguimento dos plans e programas de actuación da dirección xeral, concretados nos plans de inclusión social de Galicia e de equipamentos e servicios sociais e dos programas xurdidos da participación en iniciativas comunitarias dirixidas a palia-las ditas problemáticas así como a execución dos proxectos que, se é o caso, se deriven.

b) Servicio de Cooperación coas Corporacións Locais.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención primaria.

-A coordinación das actividades formativas relativas ó desenvolvemento e execución dos programas de atención primaria e o asesoramento e asistencia técnica ós concellos e outros entes locais en materia de atención primaria de servicios sociais.

-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención especializada nas áreas de actuación de competencia da consellería, dependentes das entidades locais.

-A implantación e seguimento do sistema de información dos usuarios de servicios sociais (SIUSS) e do Manual para os profesionais de traballo, información e asesoramento de servicios sociais (MATIASS).

-A preparación, xestión, seguimento e control dos programas que regulan axudas destinadas a prestación de servicios sociais polas corporacións locais, nas materias anteriormente citadas.

c) Servicio de Prestacións:

-A xestión das prestacións previstas na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.

-A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, no relativo ás prestacións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.

-A preparación, xestión, seguimento e control dos programas que establecen subvencións destinadas á prestación de servicios sociais no seu ámbito competencial.

-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a dirección xeral de servicios comunitarios e inclusión social.

Artigo 7º.-As delegacións provinciais.

7.1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería de Asuntos Sociais organízase en catro delegacións provinciais, que desenvolven as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha das provincias da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería que radiquen no ámbito territorial da súa competencia. Os delegados dependerán orgánica e funcionalmente do conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do secretario xeral e dos directores xerais da consellería.

Nos seus respectivos ámbitos territoriais, correspóndelles ós delegados provinciais o exercicio das competencias establecidas polo Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, así como:

-Elabora-la proposta de anteproxecto de orzamentos da delegación e dos centros dependentes dela.

-A coordinación, execución e control dos plans e programas de actuación e das prestacións e axudas.

-Incoar e tramita-los expedientes sancionadores derivados da comisión de infraccións administrativas no ámbito das súas competencias e a resolución daqueles que lle atribúe a normativa vixente.

-A recepción, tramitación e resolución, se é o caso, de cantas denuncias, queixas e reclamacións se produzan no seu ámbito competencial.

-As competencias non enumeradas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, así como calquera outra competencia ou atribución que a lexislación vixente lles confira ou lles sexan delegadas polo/a conselleiro/a.

7.3. As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais estarán integradas polas seguintes unidades administrativas:

-A Secretaría.

-O Servicio de Xestión Económica.

-O Servicio de Axudas e Programas.

-O Servicio de Prestacións.

7.4. A Secretaría da delegación.

A Secretaría, con nivel orgánico de servicio, é o órgano de xestión e coordinación dos servicios administrativos e do persoal da delegación, ó que lle corresponde o exercicio das seguintes funcións:

-A asistencia técnica e administrativa ó delegado.

-A coordinación administrativa do funcionamento dos servicios dependentes da delegación provincial.

-A xestión do persoal que preste servicios na delegación.

-As cuestións de réxime interior, información e atención ó cidadán, rexistro xeral, publicacións, documentación administrativa, arquivo e inventario.

-A execución de actuacións de inspección da organización e funcionamento dos servicios administrativos da delegación.

-A supervisión e coordinación dos plans sociais implantados, dentro do ámbito competencial da respectiva delegación provincial.

-A xestión do procedemento de recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalidez.

-Calquera outro asunto que non sexa de competencia específica dos demais servicios da delegación.

O secretario da delegación substituirá o delegado provincial no caso de enfermidade, ausencia ou vacante deste.

7.5. Servicio de Xestión Económica.

Correspóndenlle o exercicio das seguintes funcións:

-A coordinación e supervisión da xestión económica dos servicios da delegación e dos centros de servicios sociais dependentes dela.

-O seguimento e control da evolución dos custos dos centros de servicios sociais.

-A administración, control e xustificación dos créditos asignados á delegación.

-A habilitación dos medios materiais.

-A tramitación dos expedientes de contratación.

7.6. Servicio de Axudas e Programas.

Terá ó seu cargo as funcións inherentes:

-Á xestión, tramitación, seguimento e control das axudas e programas dirixidos ós servicios sociais de atención primaria e especializada nas áreas de competencia da consellería

-A xestión, tramitación e proposta de resolución das axudas destinadas á prestación de servicios sociais polas entidades de iniciativa social do respectivo ámbito territorial.

-A elaboración do informe que determina o artigo 114.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-As funcións de inspección que expresamente lle sexan atribuídas e a coordinación, seguimento e control da xestión dos equipamentos de titularidade autonómica incluídos no seu ámbito provincial.

7.7. Servicio de Prestacións.

Terá ó seu cargo as funcións inherentes á xestión, tramitación e resolución administrativa das pensións non contributivas de invalidez e xubilación e das prestacións derivadas da Lei galega 9/1991, de medidas básicas para a inserción social, así como as demais prestacións económicas e sociais previstas noutros réximes transitorios.

Correspóndelle, así mesmo, a execución e control, a nivel provincial, dos plans de actuación en materia de inclusión social.

Artigo 8.-Órganos asesores e consultivos.

Están adscritos á Consellería de Asuntos Sociais, coa composición e funcións que sinalan as súas normas de creación, os seguintes órganos:

-O Consello Galego de Servicios Sociais.

-O Consello Galego das Persoas Maiores.

-As mesas autonómica e provinciais de control e avaliación da Renda de Integración Social de Galicia.

-O Consello Galego para a Promoción da Accesibilidade e a Supresión de Barreiras.

-A Comisión Técnica de Accesibilidade.

-O Consello Galego de Voluntariado.

-A Comisión de Arbitraxe do Voluntariado.

Disposicións transitorias

Primeira.-O exercicio das competencias establecidas neste decreto en materia de voluntariado non

será efectivo en tanto non se realicen as necesarias modificacións legais.

Segunda.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou contido das distintas unidades administrativas existentes con anterioridade ou se suprima algunha das devanditas unidades, autorízase a conselleira de Asuntos Sociais para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos, con carácter temporal, a postos de inferior nivel, se se tratase de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os devanditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que, en ningún caso, a readscrición ou adscrición supoña cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública de Galicia e na Lei 9/1997, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das

competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación da estructura orgánica realizada no presente decreto non suporá incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase a conselleira de Asuntos Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de decembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais