Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 21 de decembro de 2001 Páx. 16.345

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se publica a declaración de impacto ambiental do 31 de outubro de 2001 do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Silleda (Pontevedra), promovido polo Concello de Silleda e a Subdirección Xeral de Calidade Ambiental.

Antecedentes.

Segundo a Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto legislativo 1302/1986, do 28 de junio, de avaluación de impacto ambiental, os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización de obras, instalacións ou de calquera

outra actividade comprendida no anexo II, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental cando así o decida o órgano ambiental en cada caso.

Á vista das características do proxecto, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificouno como sometido a avaliación de impacto ambiental, con data do 12 de xullo de 2001.

O obxecto do proxecto é a creación dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no vaso sur da canteira existente en Campomarzo, no municipio de Silleda, a uns 2.000 m da zona urbana de Bandeira; os terreos son propiedade da empresa Indeza, S.A. que realiza actualmente a súa explotación.

A zona está alterada pola presencia da actividade extractiva, presentando un sistema de drenaxe marcadamente influenciado pola natureza dos materiais poco permeables e pola topografía. Os arroios da área recollen a auga de escorrega e desembocan no río Escuadro que discorre paralelo ó bordo da corta, a uns 10 m de onde se situarán os inertes.

No contorno da canteira as especies predominantes son eucaliptos e piñeiros.

No anexo I resúmese o contido do proxecto e das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación presentada.

O estudio ambiental someteuse a información pública, por un prazo de 30 días, mediante Resolución do 12 de xullo de 2001, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 145, do 27 de xullo de 2001. O resultado deste trámite recíbese en data 11 de outubro de 2001, sen que se teña constancia da presentación de alegacións.

Con data do 16 de xullo de 2001 consúltanse as Direccións Xerais de Saúde Pública e Industria, e o 19 de setembro de 2001 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tendo entrada este último o 23 de outubro de 2001.

Non tendo constancia da emisión dos restantes informes no prazo legalmente establecido, e á vista do tempo transcorrido, procede prosegui-la tramitación de conformidade co artigo 83 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No anexo II resúmese o contido do antedito informe.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das súas competencias, formula para os sós efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no municipio de Silleda (Pontevedra), promovido pola Subdirección Xeral de Calidade Ambiental e o Concello de Silleda.

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No cumprimento das condicións desta DIA terase en conta que, segundo o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e o Concello de Silleda, a obriga de asumi-la explotación, mantemento e conservación das obras unha vez recibidas será do Concello de Silleda ou, se é o caso, do adxudicatario. Durante a fase de obras, esta obriga recaerá na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa o documento titulado Proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no municipio de Silleda. (Pontevedra). Xullo de 2001 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación avaliada, de xeito que se asegure a minorización dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración de impacto ambiental refírese en exclusiva ó proxecto definido no documento titulado Proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no municipio de Silleda. (Pontevedra). Xullo de 2001, que se vai realizar sobre unha superficie de 28.500 m cunha capacidade útil prevista de 494.000 m.

Os residuos obxecto de depósito no vertedoiro serán procedentes de construcción e demolición.

2. Sobre a xestión dos residuos.

2.1. No vertedoiro só poderán admitirse residuos de construcción e de demolición, entendendo como tales os así definidos no Catálogo de Residuos de Galicia.

2.2. Estando algún destes residuos catalogado como perigoso definirase e aplicarase un procedemento de control de entrada e identificación de carga, que garanta que estes residuos perigosos se entregan a xestor autorizado.

2.3. A xestión de residuos rexerase polo principio de prevención da súa xeración, debendo limitarse a eliminación segura dos residuos a aqueles residuos ou fraccións non susceptibles de valorización, dado o estado da técnica. Co fin de cumprir estes principios é obrigatorio realizar unha clasificación previa dos residuos, separando e xestionando os residuos valorizables, debendo discriminarse nas tarifas e prezos este feito.

2.4. Para asegura-lo control dos residuos depositados no vertedoiro, o promotor deberá levar un rexistro no que se incluirán como mínimo os seguintes datos: procedencia ou destino do residuo, cantidade e natureza, código de identificación (CER).

2.5. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse dentro dunha zona delimitada con este fin, dispoñendo dos medios necesarios para prever calquera afección ó solo por derramos accidentais. No caso da maquinaria apta para esta circulación, deberán realizarse en talleres autorizados.

2.6. Os aceites dos equipos e da maquinaria xestionaranse correctamente recolléndoos en contedores e entregándoos a un xestor autorizado.

2.7. Os lodos obtidos na balsa de decantación xestionaranse de acordo coa lexislación vixente, baleirándoa polo menos cando o seu volume quede reducido á cuarta parte.

3. Sobre o ruído.

3.1. Non se superarán os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto de 1997), e, se é o caso, o establecido polo Concello de Silleda.

4. Sobre a atmosfera.

4.1. Os motores de combustión da maquinaria de obras deberán cumpri-los niveis de emisión de gases estipulados polo Decreto 3025/1974, do 9 de agosto, sobre limitación de la contaminación atmosférica producida polos vehículos automóbiles, debendo dispor de documentación que o acredite.

4.2. Co fin de evitar levantamentos de po no transporte dos residuos os contedores de transporte cubriranse ata o depósito final. Procederase ademais a humecta-las zonas de actuación nos períodos de seca coidando de non xerar verteduras líquidas.

5. Sobre as augas.

5.1. Co fin de minimiza-la entrada da auga no oco do vertedoiro, as augas de escorrega captadas polo foxo que bordea a parcela conduciranse ó curso do río Escuadro, e unicamente as captadas polo foxo da rampla de acceso dirixiranse ó pozo de bombeo.

5.2. A auga caída sobre os residuos será drenada ó pozo de bombeo desde onde se impulsará polas bombas ata a cota da balsa desareadora-desengraxadora.

5.3. A calidade das augas procedentes deste sistema desareador-desengraxador, previamente á súa incorporación ó medio deberá cumprir como mínimo coas condicións recollidas na seguinte táboa 1:

Táboa I

ParámetroValor límiteUnidades

PH5,5-9,5

Sólidos en suspensión80mg/l

Materiais sedimentables0,5ml/l

Sólidos grososAusentes

5.4. Vista a proximidade do río Escuadro á instalación obxecto desta DIA, terase en conta que para a afección á zona de dominio público hidráulico deberase contar coas preceptivas autorizacións e permisos previamente ó inicio das obras.

5.5. Para a vertedura das augas ó río Escuadro deberá obterse a correspondente autorización de Augas de Galicia.

5.6. Garantirase o adecuado tratamento das augas residuais xeradas nos servicios hixiénicos.

5.7. Realizaranse periodicamente labores de mantemento, co fin de asegura-lo correcto funcionamento dos sistemas de drenaxe de augas pluviais de escorrega interna e externa ó vertedoiro.

6. Sobre o solo.

6.1. Os sobrantes de escavacións, os residuos da fase de obra e calquera outro elemento contaminante, xestionaranse de acordo coa súa natureza e coa lexislación vixente.

6.2. Os residuos almacenados temporalmente á espera da súa entrega a xestor autorizado, deberán poñerse en contedores localizados nun lugar debidamente delimitado e sinalizado.

6.3. Queda expresamente prohibido depositar calquera tipo de residuo fóra da superficie delimitada para o vertedoiro.

7. Sobre o patrimonio cultural.

7.1. Considerando as características do proxecto que comprende a realización da totalidade da obra dentro dunha explotación mineira xa existente e que non ocasiona novos movementos de terra que lle puideran afecta-lo patrimonio cultural, considérase preciso indicar que os accesos utilizados para a construcción do proxecto serán os existentes na actualidade.

7.2. E no caso de que as obras proxectadas, ou outras obras auxiliares, teñan lugar fóra do ámbito recollido no proxecto de referencia será necesaria unha prospección arqueolóxica da área que ocasione novos movementos de terra.

8. Sobre a restauración.

8.1. Unha vez finalizada a explotación do vertedoiro dispoñeranse as capas de selado previstas no proxecto, procedendo a revexeta-la totalidade da súa superficie. Con este fin, e seis meses antes do abandono, en cumprimento do punto 10.4 desta DIA, presentarase perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o proxecto de clausura do vertedoiro que se inclúa a descrición da revexetación que se vai realizar.

8.2. As especies que se van utilizar na revexetación deberán ser autóctonas da zona e permiti-la integración da superficie do vertedoiro selado co contorno.

8.3. No caso de afectar á marxe do río Escuadro procederase a revexetala, empregando especies de

ribeira de distintos extractos co fin favorece-lo medio acuático.

8.4. As achegas externas de solo deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas, comprobándose o nivel de fertilidade e corrixindo as súas características.

8.5. Procederase á rega regular, fertilización mineral de reforzo anual, resementeira das superficies revexetadas e reposición de faltas, ata que se asegure a viabilidade da revexetación.

8.6. Procederase a desmantela-las instalacións e a restaura-las zonas afectadas por elas.

9. Sobre o control de accesos.

9.1. Procederase a executa-lo cerramento do vertedoiro empregando malla cinexética, co fin de controla-lo libre acceso ó lugar de persoas e animais, pechándose as entradas fóra das horas de servicio.

9.2. Rexistraranse as cantidades de residuos que teñan entrada ou saída no lugar, tal e como se indica no punto 2.4.

10. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódolas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro.

As analíticas que se van realizar serán efectuadas por laboratorio homologado segundo métodos oficiais de análise. Este laboratorio deberá realizar tamén a toma de mostras.

A documentación indicada a continuación deberá presentarse por duplicado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.1. Informe final de obras de adecuación:

Presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Data de finalización das obras.

b) Plano en planta a escala 1:1.000 ou maior detalle, en coordenadas U.T.M. onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras.

c) Reportaxe fotográfica da zona, que reflicta o estado final do lugar, prestando especial atención ó estado do río Escuadro e ás medidas correctoras

aplicadas. Nestas fotografías deberá indicarse a localización, data e hora da toma.

d) Definición de imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, así como memoria das medidas adoptadas para o control de acceso, xestión dos residuos xerados durante a fase de obra e resultado dos controis. Así mesmo, definirase o responsable do control ambiental requirido no punto 11.2 desta declaración.

10.2. Informe previo ó inicio da explotación:

Neste informe presentarase documentación acreditativa do inicio do trámite de autorización de vertedura do correspondente organismo de conca e proxecto de explotación do vertedoiro no que se teña en conta as indicacións dadas nesta declaración.

O Concello de Silleda non poderá inicia-la explotación do vertedoiro ata contar co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre esta documentación.

10.3. Informe de seguimento ambiental durante a fase de explotación:

Presentarase con periodicidade semestral, contados desde a data de inicio da explotación e durante toda a súa vida útil. Conterá unha memoria descritiva dos resultados obtidos nos controis previstos no Programa de vixilancia ambiental. Plan de seguimento e control (anexo nº 12, estudio de impacto ambiental) e incluirá ademais:

a) Resumo dos rexistros de entradas e saídas na instalación de acordo co indicado no punto 2.4.

b) Resultados dos controis propostos para a fase posclausura aplicados á fase de explotación.

c) Reportaxe fotográfica (sinalando lugar, data e hora de toma das fotografías) na que se reflicta o estado do vertedoiro e dos seus arredores.

d) Resultado da inspección mensual do estado do cerramento e conclusións sobre a súa efectividade.

Se durante o período de explotación e control se producise unha variación significativa na calidade das augas ou calquera outro incidente de carácter ambiental, deberá notificarse inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, por proposta motivada da entidade encargada do mantemento e control posclausura, ou á vista dos resultados obtidos, poderá modifica-la frecuencia dos controis que se van realizar e propoñer novas medidas.

10.4. Informe ambiental previo ó abandono:

Nun prazo de seis meses previos á finalización da vida útil do vertedoiro, procederase a envia-lo proxecto de clausura do vertedoiro de residuos inertes, indicando as actuacións programadas ó respecto, as accións previstas con carácter de corrección ambiental incluíndo a revexetación, e un plan de control e seguimento ambiental para esta fase pos

clausura baseado nas indicacións recollidas no Programa de vixilancia ambiental. Plan de seguimento e control (anexo nº 12, estudio de impacto ambiental).

11. Condicións adicionais.

11.1. O concello de Silleda poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, efectuarase a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada esta declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado.

11.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o antedito concello deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

11.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

11.4. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

11.5. Esta dirección xeral, por iniciativa propia, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

11.6. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.7. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificala.

11.8. Cumpriranse tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a creación dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no vaso sur da canteira existente en Campomarzo, no municipio de Silleda, a uns 2.000 m da zona urbana de Bandeira, sendo os terreos propiedade da empresa Indeza, S.A. que realiza actualmente a súa explotación.

Prevese que os labores de extracción de material continúen durante algún ano máis, sen embargo, para efectos do vertedoiro de inertes só unha pequena zona se verá afectada pola extracción ó mesmo tempo que polas verteduras, aínda que só durante un período inferior a un ano.

A capacidade máxima que se vai obter será de 494.000 m, ocupando unha superficie de 28.500 m e estimándose a vida útil do vertedoiro en 28 anos.

A zona caracterízase por presentar un substrato pouco permeable, cunha conductividade hidráulica media de 10m/s e un sistema acuífugo para o conxunto do macizo granítico o espesor deste substrato é superior ó metro.

As actuacións incluídas no proxecto son:

-Control de acceso mediante peche perimetral e colocación de panel informativo.

-Acondicionamento dos terreos circundantes mediante recollida de restos de demolicións existentes en zonas anexas.

-Acondicionamento do vaso de vertedura mediante preparación da superficie de asento e nivelación.

-Evacuación de augas pluviais profundas.

-Adecuación e pavimentación de accesos.

-Colocación de instalacións e equipamentos: dotación de enerxía eléctrica, auga potable, caseta de control e unha báscula de pesaxe.

Para a fase posclausura proponse a selaxe do vertedoiro mediante a realización da seguinte cuberta de impermeabilización (de arriba a abaixo): 0,3 m de terra vexetal, 0,30 m de capa drenante e lámina mixta (xeotéxtil-bentonita-xeotéxtil).

Medidas protectoras e correctoras.

A alteración visual correxerase no oportuno proxecto de clausura do vertedoiro no que se combaterá o impacto visual do oco da canteira mediante a plantación de especies acordes e a mimetización do lugar co contorno.

Para a diminución do volume de lixiviados xerado, o proxecto preve a creación dunha drenaxe perimetral para impedi-lo acceso das augas de escorrega ó vertedoiro.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación co expediente proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Silleda (Pontevedra), á vista da documentación que consta neste Servicio de Arqueoloxía, e á vista do informe dos servicios técnicos, esta dirección xeral, no ámbito das súas competencias, emite o seguinte informe:

1. Considerando as características do proxecto que comprende a realización da totalidade da obra dentro dunha explotación mineira xa existente, o Proxecto de vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Silleda (Pontevedra), non ocasiona novos movementos de terra que puidesen afectar ó patrimonio cultural.

2. Así mesmo, os accesos utilizados para a construcción do proxecto serán os existentes na actualidade.

3. No caso de que as obras proxectadas, ou outras obras auxiliares, teñan lugar fóra do ámbito recollido no Proxecto de referencia, será necesaria unha prospección arqueolóxica da área que ocasione novos movementos de terra.

Por todo isto, desde o punto de vista do patrimonio cultural, emítese informe favorable sobre a realización do Proxecto de apertura dun vertedoiro de residuos da construcción e demolición no concello de Silleda (Pontevedra).

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2001

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental