Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 21 de decembro de 2001 Páx. 16.313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 19 de decembro de 2001 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Asuntos Sociais.

A Consellería de Asuntos Sociais ten como misión traballar polo benestar do conxunto da sociedade e favorece-la súa cohesión polo que, para atende-las demandas dos cidadáns, é preciso unha acción próxima a eles e áxil na tramitación e resolución dos asuntos, sen esquece-lo debido respecto ós principios informadores do procedemento administrativo e sen menoscabo das garantías xurídicas establecidas.

Estas esixencias sociais aconsellan delega-lo exercicio de determinadas competencias legalmente atribuídas á titular da consellería.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral da consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 2º, o exercicio das seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á titular da consellería.

b) A resolución en vía administrativa dos recursos interpostos contra as resolucións das autoridades da consellería, excepto as dictadas en expedientes sancionadores non disciplinarios.

c) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servicios da consellería, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a facultade de solicitar á Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

d) As funcións que, como órgano de contratación, lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

e) As facultades que lle corresponden á titular da consellería en materia de persoal nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, e demais disposicións en vigor.

f) O exercicio da xefatura do persoal do departamento e a súa inspección.

g) A incoación de expedientes disciplinarios ó persoal da consellería.

h) O exercicio das potestades disciplinarias, excepto a separación do servicio, conforme as disposicións vixentes.

i) A autorización para a asistencia a cursos, xornadas e, en xeral actos de capacitación ou perfeccionamento, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

j) En relación co persoal de servicios centrais, e por proposta da correspondente dirección xeral, a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

k) A concesión de permisos ou licencias que teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

l) En relación ós delegados provinciais da consellería, a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización que deban levarse a cabo fóra da Comunidade Autónoma, así como a concesión de permisos ou licencias.

m) En relación co persoal de servicios centrais a autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización.

n) A autorización das vacacións anuais de todo o persoal da consellería, por proposta da correspondente dirección xeral ou delegación provincial.

o) A inspección de tódolos servicios da consellería.

p) A disposición de canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia da conselleira ou doutro centro directivo.

q) As funcións inherentes ó exercicio do protectorado que lle corresponden á consellería en relación coas fundacións de interese galego.

Artigo 2º

Deléganse nos delegados provinciais da consellería, no seu respectivo ámbito territorial, o exercicio das competencias establecidas no Decreto 87/1990, do 15 de febreiro, e 88/1990, do 15 de febreiro, así como calquera outra competencia que a lexislación vixente lles confira ou lles sexan delegadas pola conselleira.

Así mesmo, delégaselles:

a) A contratación de consultorías e asistencias e servicios relativos a gastos correntes con cargo ó capítulo II dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) A contratación das subministracións de bens funxibles, con cargo ó capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

c) A contratación dos contratos administrativos especiais que non xeren obrigas de contido económico para a Administración autonómica. As xestións posteriores á sinatura daqueles que si as xeren e dos contratos de xestión de servicios públicos.

d) A xestión das obrigas adquiridas mediante a sinatura de convenios de cooperación ou colaboración.

e) As contratacións de persoal laboral temporal, logo de autorización expresa do gasto polos órganos centrais da consellería, cando se trate de postos de traballo vacantes incluídos nas correspondentes relacións de postos de traballo, así como a competencia para efectua-las contratacións de persoal laboral temporal para desempeñar postos de traballo non vacantes cando o seu titular non se encontre no desenvolvemento efectivo das funcións propias del, como nos supostos de incapacidade temporal, licencias e outros similares, todo iso dentro dos créditos consignados para tal efecto.

f) A autorización das comisións de servicio con dereito a indemnización, así como a concesión de permisos ou licencias que non teñan repercusión no capítulo I dos orzamentos.

Artigo 3º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións de atribucións efectuadas por esta orde farán constar expresamente esta

circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 4º

Quedan excluídos, en todo caso das delegacións contidas nesta orde, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 46.2º da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2001.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais