Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 21 de decembro de 2001 Páx. 16.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre o reto das administracións públicas ante o euro.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Centro de Estudios Xurídicos Superiores (CEXUS), unhas xornadas sobre o reto das administracións públicas ante o euro; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Axudar a resolve-las dúbidas, dificultades e problemas que a entrada en vigor do euro pode suscitar no seo das administracións públicas e coñecer, ó mesmo tempo, as particularidades máis significativas da moeda única.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Cuestións xerais. O euro: unha moeda única para doce países. Cesión de soberanía: o Banco Central Europeo e o Banco de España. Efectos sobre a economía e as empresas. Calendario: o período de coexistencia coa peseta. Os códigos de boas prácticas.

-Cuestións xurídicas e de organización administrativa. A lexislación sobre o euro: repaso da normativa comunitaria e estatal. Os plans para a introducción do euro, elaborados polas diversas administracións. As comisións creadas polas administracións para o estudio e seguimento da introducción da moeda única.

-Euro, administracións públicas e o día 1 de xaneiro de 2002. Efectos para a Administración: contabilidade, orzamentos, tributos, sancións, rexistros administrativos, débeda pública, pagamentos e cobramentos. Conversión e redondeo. A lexislación vixente o 1 de xaneiro de 2002 que menciona cantidades de pesetas. Os códigos de boas prácticas.

-Mesa redonda/coloquio.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación da Consellería da Presidencia e Administración Pública na Coruña (praza de Pontevedra, s/n, da citada cidade), os días 17 e 18 de xaneiro de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 15 de xaneiro de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 16 de xaneiro, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e a data da súa realización.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública