Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 17 de decembro de 2001 Páx. 16.055

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido pola empresa Stolt Sea Farm, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 25 de outubro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido pola empresa Stolt Sea Farm, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2001.

Javier Pereiro Muñoz

Director xeral de Recursos Mariños

ANEXO

O Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, dispón que os proxectos públicos ou privados consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Entre os proxectos recollidos no antedito anexo I atópanse as instalacións de acuicultura intensiva cunha capacidade de producción superior a 500 toneladas ó ano.

Dado que a instalación prevista, unha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas, prevé unha producción anual de 1.080 toneladas, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O proxecto presentado consiste na instalación e explotación dunha granxa para o cultivo de peixes planos (rodaballo e linguado). A superficie total que ocupará a granxa é de 87.000 m (1.378,61 m en terreos do dominio público marítimo terrestre), na que se construirán 460 tanques de formigón e edificios auxiliares.

A totalidade da granxa proxéctase dentro do espacio natural Costa da Morte, incluído na proposta de espacios naturais da Rede Natura 2000, en virtude da Orde do 28 de outubro de 1999 (DOG nº 216, do 9 de novembro), prorrogada pola Orde do 7 de novembro de 2000. O espacio natural ten unha superficie de 11.885 ha, sendo a superficie ocupada

pola instalación de 8,5 ha, o que supón un 0,075% da superficie total do espacio natural.

Na zona abranguida polo proxecto destaca a presencia de queirogais litorais aerohalinos de Erica vagans e Ulex maritimus, ecosistema de grande importancia, recoñecido como hábitat prioritario pola Directiva 92/43/CE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da flora e fauna silvestres. O antedito hábitat conta cunha superficie de 1.069 ha na citada área. A superfie da instalación proxectada supón a afección dun 0,8% do dito hábitat prioritario.

Con data do 2 de maio de 2001 (DOG nº 84) publícase a Resolución do 24 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se somete a información pública o estudio ambiental correspondente ó citado proxecto. Durante o período de exposición pública non se ten constancia da presentación de alegacións.

Con data do 11 de outubro de 2001 recíbese nesta dirección xeral o expediente do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, que contén, xunto co seu informe, os certificados de información pública e os informes das seguintes direccións xerais: Montes e Medio Ambiente Natural, Patrimonio Cultural e Saúde Pública, ademais do oficio de resposta da Demarcación de Costas en Galicia.

Con data do 18 de outubro de 2001, solicítaselle á Dirección Xeral de Recursos Mariños o informe da Dirección Xeral de Costas, que tivo resposta o mesmo día, na que se indica que a devandita dirección xeral emitirá o informe preceptivo unha vez emitida a declaración de impacto ambiental.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido pola empresa Stolt Sea Farm, S.A.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Recursos Mariños e o órgano ambiental a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio ambiental (EsA).

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas foi tido en conta, no que procede, no condicionado desta DIA.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas. Xaneiro 2001.

-Implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas. Estudio de impacto ambiental. Abril 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer por esta DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dunha granxa de peixes planos, no concello de Camariñas (A Coruña). A superficie que ocupará a granxa é de 87.000 m, dos que 1.378,61 m son terreos do dominio público marítimo terrestre.

Proxéctase a construcción de 460 tanques de formigón, ademais dos edificios auxiliares (nave almacén, transformador, grupo electróxeno e taller, cadros de alarmas e bombas auxiliares, cadros de osixenación, taller de bombas e caseta de hidraúlicos).

A localización da granxa mariña e as súas instalacións auxiliares será a que se recolle no plano Planta xeral granxa. Plano nº 4.1. Referencia: 3.429/00 do estudio de impacto ambiental.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras, nos períodos de seca procederase á humectación das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po, tal como se indica no estudio ambiental.

Os camións utilizados no transporte contarán con cuberta na caixa abatible, tal como se indica no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora na granxa e nas vivendas máis próximas dos núcleos habitados non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal efecto, elaborarase un plan de seguimento de ruídos da granxa, de acordo co requirido no punto 9.2 desta DIA.

3. Protección das augas.

Queda expresamente prohibido a utilización de pozos negros para a eliminación de augas residuais.

Previamente á súa vertedura, as augas residuais deberán cumpri-lo estipulado na lexislación vixente.

Proxéctase un sistema de recollida de efluentes e unha balsa de decantación para o parque de maquinaria e as augas de escorrega durante a fase de movemento de terras. Non se indica o punto de vertedura do sistema, polo que se deberá indicar este punto, segundo o requirido no punto 9.8.2 desta DIA.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como na de funcionamento deberá realizarse un seguimento específico, polo que o promotor deberá levar a cabo o plan de seguimento proposto no estudio ambiental, tendo en conta que:

1. As análises do efluente da balsa de sedimentación e do medio receptor deberán incluir tódolos parámetros indicados no anexo IV do Real decreto 345/1993.

2. A toma de mostras do efluente da balsa de sedimentación e do medio receptor deberá cumpri-lo especificado na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións submariñas.

3. Ademais das análises propostas, deberanse realiza-las seguintes:

* Control de sedimentos e organismos no medio receptor, cunha periodicidade semestral o primeiro ano.

* Análises da calidade da auga das zonas de baño situadas na zona de influencia da granxa.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obras e un balizado previo destes, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente proxectados. O balizado de obra manterase en perfecto estado durante o seu transcurso e deberá ser retirado cando esta finalice.

Non estando prevista no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, esta necesariamente será provista desde planta ou plantas localizadas fóra da zona de obras, e que conten coas debidas autorizacións.

O material sobrante das escavacións será levado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. No proxecto indícase a posibilidade de utilización de 6 ocos de canteiras próximos á zona de obras, polo que antes de realizar calquera tipo de depósito de materias sobrantes de escavacións nestes lugares, o promotor deberá contar coa preceptiva autorización do órgano competente, debendo remitir esa autorización a esta dirección xeral, segundo o indicado no punto 8 desta DIA. Así mesmo, o oco denominado nº 4 non poderá ser utilizado debido á existencia dunha zona de nidificación do falcón peregrino.

A ocupación da zona de dominio público marítimo terreste deberá contar coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Costas.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos xerados como consecuencia da instalación e explotación da granxa serán xestionados en función da súa natureza, de acordo co esti

pulado pola lexislación vixente de aplicación. Neste sentido, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de contaminación por derrames accidentais. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermebles, tal como se indica no estudio ambiental.

O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, poderá efectuarse dentro da zona delimitada en lugares previamente seleccionados e sinalizados, dotados dos medios necesarios para garanti-la non afección ó contorno e o cumprimento da lexislación de aplicación.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats.

6.1. Sobre a fauna.

O oco de vertedura de sobrantes de escavación denominado nº 4 non poderá ser utilizado debido á existencia dunha zona de nidificación do falcón peregrino, polo que deberá propoñerse una alternativa ó recheo deste oco, segundo o requirido no punto 9.10 da DIA.

Respecto á avifauna, tanto na fase de construcción como na de funcionamento realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola construcción e presencia da granxa de peixes.

Para tal efecto, elaborarase un plan de seguimento e vixilancia da incidencia da granxa sobre a avifauna, de acordo co requirido no punto 9.3 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo e diminuí-lo risco de incendios forestais.

6.3. Sobre os hábitats naturais.

Dado que a granxa se proxecta no LIC denominado Costa da Morte e sobre o hábitat prioritario tipificado como queirogais litorais aerohalinos de Erica vagans e Ulex maritimus e que suporá a afección dunha fracción do 0,8% deste habitat, deberán propoñerse medidas compensatorias (segundo o punto 4, artigo 6, do Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro) entre as que se incluirán a restauración, co antedito hábitat, dos puntos de vertedura de terras propostos polo promotor cos nº 1, 2 e 6, ademais doutras zonas no interior da LIC que en conxunto totalicen unha superficie maior que a ocupada polo proxecto.

7. Protección do patrimonio cultural.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante a execución do proxecto. O seguimento arqueolóxico deberá ser realizado por técnico competente, segundo o indicado no artigo 5 do Decreto 199/1997, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, logo de presentacción dun proxecto de seguimento arqueolóxico, que deberá ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Restauración.

Tódolos terreos afectados pola execución das obras deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo, conforme o plan de restauración presentado polo promotor, tendo en conta o indicado nos parágrafos precedentes.

Non se poderán depositar materiais sobrantes da escavación en ningún dos lugares escollidos sen que estes sexan autorizados polo órgano competente. No caso de ser autorizados, os lugares denominados nº 1, nº 2 e nº 6 deberán ser restaurados con Erica vagans e Ulex maritimus.

Para tal fin, no caso de que o órgano competente autorice o depósito dos excedentes de terras, presentarase un novo proxecto de restauración dos lugares de depósito de sobrantes de terra nº 1, nº 2 e nº 6, que inclúa a descrición detallada de tódalas accións para realizar, localización e extensión das superficies que se vaían restaurar e programa de actuacións e plan de seguimento da súa efectividade, tendo en conta o indicado no parágrafo anterior.

Deberase presentar un anexo ó proxecto de restauración, que incluirá tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono das instalacións da granxa unha vez rematada a súa vida útil, tendo en conta os usos futuros da área afectada.

9. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, que dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

a) No prazo máximo dun (1) mes desde a notificación desta DIA:

9.1. Proposta de medidas compensatorias, segundo o indicado no punto 6.3 desta DIA.

b) No prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación desta DIA:

9.2. Proposta dun plan de vixilancia para o control das emisións sonoras durante as fases de construcción e funcionamento da granxa, conforme o indicado no punto 2.2 desta DIA. Terase en conta que debe incluí-la realización dunha medición na fase preoperacional. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada, e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

9.3. Proposta dun plan de seguimento e vixilancia da incidencia da granxa sobre as poboacións de aves, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

9.4. Proposta dun plan para o control de sedimentos e organismos no medio receptor e para o control da calidade da auga das zonas de baño situadas na zona de influencia da granxa, incluíndo planos dos puntos de toma de mostras en relación ás diferentes zonas de importancia marisqueira e zonas de baño, segundo o indicado no punto 3.3 desta DIA. Terase en conta que tódalas analíticas serán realizadas por laboratorio homologado.

9.5. Proposta de periodicidade das análises dos lodos da balsa de sedimentación proposta polo promotor.

9.6. Anexo ó proxecto de restauración, de acordo co indicado nos puntos 6.1, 6.3 e 7 desta DIA, integrado por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que deberá incluí-las medicións, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

9.7. Anexo ó proxecto de restauración, no que se inclúan tódalas actuacións necesarias para o desmantelamento das instalacións, rexeneración ambiental da zona e orzamento, segundo o indicado no punto 8 da DIA.

9.8. Plano en planta, dotado de coordenadas UTM no que se reflicta:

1. Localización da nave de mantemento e lavado de maquinaria.

2. Localización da balsa de decantación, indicando o punto de vertedura.

9.9. Copia das seguintes autorizacións:

1. Autorización emitida polo órgano competente para o depósito de sobrantes de escavación nos lugares propostos no estudio ambiental.

2. Autorización emitida polos diferentes órganos competentes para a vertedura ó mar.

9.10. Alternativas o depósito de sobrantes de escavación no oco denominado como nº 4, segundo o indicado no punto 6.1 da DIA.

9.11. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 desta DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, que inclúa tódalas actividades que se van realizar, a execución das instalacións de obra e as medidas protectoras e correctoras.

10. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e do condicionado desta declaración. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, catro (4) exemplares da seguinte documentación:

10.1. Durante a execución das obras:

a) Con carácter mensual:

1. Resultados e conclusións de tódalas analíticas para o control da calidade das augas receptoras, tendo en conta o indicado no punto 3 desta DIA. As analíticas serán efectuadas por laboratorio homologado.

b) Con caracter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

1. Resultados e conclusións das analíticas para o control das augas da balsa. As analíticas serán efectuadas por laboratorio homologado.

2. Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición.

3. Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto polo promotor e o establecido nesta DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías deberase indica-la a data e hora de toma.

4. Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos de restauración.

5. Copia da inscrición no rexistro de pequeno productor de residuos perigosos na fase de obras.

10.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento da granxa mariña e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

1. Definición das incidencias ou imprevistos acontecidos desde a emisión do último informe de obras, cos contidos indicados no devandito punto 10.1 da DIA, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

2. Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras.

3. Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

10.3. Seguimento ambiental semestral, contado a partir do inicio da explotación, e durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

1. Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento da granxa. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento en que sexan obtidos.

2. Resultados e conclusións das campañas de análises das calidades das augas (balsa, puntos de vertedura e zonas de baño) trala finalización das obras de construcción.

3. Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

4. Documentación acreditativa da inscrición no rexistro de pequenos productores de residuos perigosos.

5. Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do proxecto de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, así como detalle dos controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto polo promotor, e das incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA.

10.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá os mesmos contidos có informe descrito no punto anterior.

10.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación da granxa, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono das instalacións. De se-lo caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto no proxecto de restauración, xunto coa súa xustificación.

10.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde a fin das

accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós diferentes residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral, e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas.

11. Condicións adicionais.

11.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

11.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderalle solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na DIA.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

11.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, que o comunicará ó órgano ambiental.

11.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo tramite de avaliación ambiental.

11.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que se lle poidan causar ó ambien

te, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, que ascende á cantidade de oitenta e tres millóns duascentas once mil catorce (83.211.014) pesetas. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento do proxecto de restauración requirido nos puntos 8 e 9.7 desta DIA.

11.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como na fase de explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

11.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

11.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

11.9. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, de se-lo caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou normas subsidiarias.

11.10. O proxecto de referencia terase que someter á autorización do órgano urbanístico competente desta Administración autonómica, de acordo coa Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

11.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

11.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2001

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto pretende a instalación dunha granxa mariña para peixes planos, cunha producción esti

mada de 1.080 toneladas/ano (de rodaballo e linguado), ocupándose unha superficie de aproximadamente 87.000 m nas inmediacións do cabo Vilán, no concello de Camariñas (A Coruña). Desta superficie, 1.378 m corresponden a terreos de dominio público marítimo-terrestre para a toma de auga de mar (1.300 m) e sumidoiro xeral (78 m).

Próxima a esta localización actualmente atópase unha granxa de cultivo de salmón, en estado de abandono, prevéndose unha futura ampliación da granxa de peixes planos cara a esta.

As instalacións proxectadas consisten, basicamente, na construcción de 460 tanques (sen conta-los da futura ampliación), repartidos en 182 tanques para nursery, 90 tanques para preengorde e 188 de engorde; así como de edificacións auxiliares: nave almacén, transformador, grupo electróxeno e taller, cadros e alarmas de bombas auxiliares, cadros de osixenación, taller de bombas e caseta de hidráulicos, toma de auga de mar e sumidoiro xeral.

As obras previstas supoñen a realización dun movemento de terras de 162.000 m, dos que 63.000 m se aproveitarán en recheos e o resto irá a vertedoiros.

Medidas protectoras e correctoras.

Fase de construcción:

-Control da vertedura de efluentes de obra, con instalación de casetas prefabricadas con tratamento químico de efluentes. No caso de que este tratamento non fose suficiente, instalaríase unha fosa fixa, movible ou séptica.

-Dotación dun sistema de recollida de efluentes e dunha balsa de decantación para o parque de maquinaria e as augas de escorrega durante a fase de movemento de terras.

-Realización dun seguimento visual e analítico das augas procedentes da balsa de sedimentación, que serán vertidas se se cumpren os niveis establecidos na lexislación vixente. No caso de non cumprirse estes límites, sometaranse a un proceso de recirculación e a un tratamento de coagulación e floculación.

-Establecemento de sistemas de control necesarios para evita-la vertedura ou lavado de materiais empregados en obra cara ó mar, evita-la deposición de materiais de obra preto da liña de costa e sistema de conducción das augas de escorrega cara á balsa de decantación.

-Impedi-lo acceso da maquinaria a unha franxa de 10 m de largo con respecto á liña de costa, agás para a construcción da toma de auga e sumidoiro, no que se utilizará un camiño de amplitude mínima.

-Construcción dunha rede de drenaxe perimetral que recolla a auga de escorrega e que se incorpore ó volume de auga do proceso productivo que se dirixe ó decantador final.

Fase de explotación:

-Construcción dunha fosa séptica para a saída de augas fecais dos aseos e vestiarios. A esta fosa tamén irían as augas procedentes do laboratorio. Esta fosa conectaría coa canle de sumidoiro das piscinas.

-Realización dun control do efluente, para o que se instalará un dispositivo de acceso á saída do decantador final. Os parámetros que se analizarán serán: DBO, DQO, sólidos en suspensión, pH, caudal nitróxeno Kjeldhal, temperatura e salinidade. A toma de mostras terá periodicidade trimestral e realizarase tanto en condicións normais de funcionamento como en operacións de mantemento. A toma de mostras debe cumpri-lo especificado na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións submariñas.

-Realización dun control do medio receptor con dous puntos de mostraxe: na liña de costa e na saída do efluente. Os parámetros que se analizarán son: osíxeno disolto, hidrocarburos de orixe petroleiro, sólidos en suspensión, pH, coloración, temperatura e salinidade. A toma de mostras será trimestral. A toma de mostras debe cumpri-lo especificado na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións submariñas.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe:

1. Emitir informe favorable da memoria técnica do estudio de impacto cultural da implantación dunha granxa integral de cultivo de peixes planos en Camariñas (O Cabo Vilán, Camariñas, A Coruña)

2. As conclusións da devandita memoria incluiranse na correspondente declaración ambiental.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural emite informe no que conclúe:

1. As instalacións e infraestructuras do proxecto enmárcanse na proposta de lugar de importancia comunitaria, LIC, denominada Costa da Morte. Espacio que na actualidade se atopa no Rexistro Xeral de Espacios Naturais en Réxime de Protección Xeral, establecido así na Orde do 7 de xuño de 2001.

Así mesmo, o proxecto previsto sitúase nunha área de especial importancia para aves, IBA, en concreto a tipificada como 004.

2. O obxectivo que se persegue coa clasificación anterior é garanti-la biodiversidade mediante unha conservación, o suficientemente representativa, dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestres, tanto no territorio español como no pertencente á Comunidade Europea.

A finalidade última vén sendo o mantemento ou restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres da fauna e da flora de interese comunitario, sempre

integrado dentro do contexto socioeconómico e cultural do territorio.

3. Esta figura de protección salienta e ratifica a relevancia e singularidade ecolóxica da zona. En concreto, a granxa proxectada aséntase sobre un hábitat prioritario tipificado como Queirogais litorais aerohalinos de Erica vagans e Ulex maritimus, o que ocasiona a perda dunha fracción deste hábitat, equivalente á superficie ocupada pola instalación da granxa. Para esta perda non se poden establecer medidas correctoras ou protectoras, debéndose recorrer á compensación do impacto. A este respecto, cómpre dicir que a documentación presentada non se pronuncia, sendo preciso que se propoñan medidas de compensación polo impacto producido.

4. Estudiados os puntos de depósito dos sobrantes de terras obsérvase que os puntos nº 1, nº 2 e nº 6 se localizan dentro do LIC, asentándose, ademais, sobre zonas de hábitats potenciais de queirogais litorais aerohalinos de Erica vagans e Ulex maritimus. Polo tanto, proponse que entre as medidas compensatorias que se establezan, se efectúe a restauración destes vertedoiros co hábitat prioritario anterior.

5. No tocante ó resto de documentación presentada exponse que os obxectivos que se perseguen, así como a súa formulación e desenvolvemento, imprimen unha calidade adecuada para a precisa integración ambiental. Non cabe polo tanto máis que referir que se adecue a execución e seguimento ó establecido no estudio ambiental, para así mante-los impactos negativos nun nivel de aceptabilidade.

6. En todo caso, e con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución deberanse efectua-los controis oportunos para garantir que non se produzan impactos imprevistos. No momento en que se detecte un posible impacto tomaranse as medidas necesarias para evitalo, comunicándolle ó correspondente Servicio de Medio Ambiente Natural tal situación, así como as medidas que se planifica adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de produciren a devandita afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

7. Non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida no estudio ambiental, ou ben non sexa proposta na declaración de impacto ambiental. Lémbrese, polo tanto, a necesidade de presentar unhas medidas compensatorias que equilibren a balanza ecolóxica como consecuencia da ocupación efectuada.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable, sen detrimento das competencias propias doutros organismos oficiais, coas seguintes puntualizacións:

1. A eliminación de augas residuais non debe facerse mediante pozo negro, xa que estas construccións están prohibidas desde o Real decreto do 9 de febreiro de 1925, sobre regulamento de sanidade municipal.

2. Deberán extremarse os controis do efluente e do medio receptor, de tal xeito que a calidade da

auga das zonas de baño (praias), situadas na área de influencia desta granxa de cultivo de peixes planos, que actualmente son óptimas, non se vexan afectadas pola vertedura do efluente.

A Dirección Xeral de Recurso Mariños emite o seguinte informe:

1. O proxecto debería concreta-las especies de linguado que van cultivar. As especies que se introduzan nas instalacións deben cumpri-lo especificado na Directiva 91/67/CE, modificada, para zonas autorizadas.

2. O estudio oceonagráfico presentado é moi curto e non fai referencia a estudios hidrodinámicos, batimétricos, climatoloxía mariña nin dinámica litoral realizados no lugar concreto da actuación. Tampouco se realiza un mapa de usos (pesca, marisqueo, baño, ...) ó que fai referencia a Orde do 13 de xullo de 2001.

3. Na descrición do ciclo productivo e identificación de impactos non fan ningunha análise da composición de pensos, cantidade que se vai subministrar, descrición das vacinas, antibióticos..., enfermidades dos peixes, emprego de productos de laboratorio e limpeza de instalacións.

4. Co fin de non afecta-la calidade das augas, o lavado da maquinaria e as operacións de cambio de aceite e repostaxe deberían realizarse en talleres especializados.

5. No caso de realizarse a vertedura a través da balsa de decantación, debería indicarse claramente o seu destino final. No caso de ser vertidas ó mar, debería extremarse o control do cumprimento do Real decreto 345/1993.

6. O estudio de impacto do efluente na fase de funcionamento está infravalorado. Consideran unicamente os sólidos en suspensión procedentes dos pensos utilizados na alimentación dos peixes, pero non teñen en conta as augas de escorrega, as augas fecais, os residuos de vacinas e antibióticos, a posible presencia de axentes patóxenos, productos de laboratorio e de limpeza das instalacións, ... Non analizan a posible afección ás especies pesqueiras e marisqueiras presentes na zona.

7. Os controis do efluente e medio receptor indicados nas medidas correctoras deberían cumpri-lo establecido na Orde do 13 de xullo de 1993 para conduccións do sumidoiro. Os parámetros para analizar deberían se-los indicados no Real decreto 345/1993. Debería establecerse un protocolo de actuacións para seguir no caso de observarse niveis por enriba dos citados no real decreto. Debería realizarse tamén unha análise anual de sedimentos e organismos.

8. O plan de seguimento sobre a calidade das augas debe ser continuo durante o tempo de funcionamento da instalación, dado que a Orde do 13 de xullo de 1993 non establece o seguimento durante un período de tempo determinado. Os resultados do seguimento deberían ser enviados tanto á Consellería de Medio Ambiente como a Augas de Galicia.