Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2001 Páx. 15.628

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CAMARIÑAS

ANUNCIO.

Convócanse probas selectivas para a provisión en propiedade dunha praza de persoal laboral fixo incluída na oferta de emprego desta corporación para 1998, con suxeición ás bases aprobadas por resolución da Alcaldía, con data do 7 de novembro de 2001, que a continuación se transcriben:

Bases que rexerán a convocatoria de probas selectivas para a provisión dunha praza vacante de subalterno.

1. Obxecto. É obxecto da presente convocatoria a provisión en propiedade, polo procedemento de concurso, dunha praza de subalterno de servicios xerais vacante no cadro de persoal e correspondente ó persoal laboral fixo, incluída na oferta de emprego público desta corporación para 1998, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, do 2 de agosto, Lei 7/1985, do 2 de abril, Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, e disposicións concordantes.

2. Requisitos. Para participar nas probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou nacional doutro estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumprido 18 anos de idade e non exceder daquela na que falten menos de 10 anos para a xubilación forzosa por idade.

c) Estar en posesión do certificado de escolaridade ou en condicións de obtelo na data de remate do prazo de presentación de instancias.

d) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin estar incurso en causa de incompatibilidade ou incapacidade para o exercicio de funcións públicas.

e) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

As persoas que padezan minusvalía deberán facelo constar na instancia, indicando se precisan adaptación das probas.

Os requisitos anteriores, así como os específicos que se esixen para cada unha das prazas, deberanse reunir con referencia ó último día do prazo de presentación de instancias.

3. Solicitudes. As instancias nas que se solicitan tomar parte nas probas selectivas dirixiranse ó alcalde e presentaranse no rexistro xeral da corporación, ben directamente, en horas de 9 a 14, ou ben na forma establecida na Lei 30/1992, durante o prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó de publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Ás instancias os aspirantes deberán achegar unha relación dos méritos que aleguen e os documentos xustificativos correspondentes, en orixinal ou fotocopia autorizada por fedatario público, así como o xustificante do aboamento da cantidade de 2.000 pesetas, en concepto de dereitos de exame.

4. Admisión de aspirantes. Para ser admitido á selección bastará con que os aspirantes manifesten nas súas instancias que reúnen todas e cada unha das condicións esixidas na base 2ª.

Finalizado o prazo de presentación de instancias, a Alcaldía aprobará no prazo dun mes as listas de admitidos e excluídos, que se farán públicas no BOP e no taboleiro de edictos do concello, con indicación do prazo de emenda que, nos termos do artigo 71 da Lei 30/1992, se concede ós excluídos, determinando lugar, data e hora de comezo dos exercicios e designación do tribunal cualificador.

5. Tribunal cualificador. A Alcaldía designará o tribunal cualificador do proceso selectivo de conformidade co sinalado no Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, e a súa composición farase pública conforme dispón a base anterior.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia, cando menos, de tres dos seus membros, titulares ou suplentes indistintamente.

O tribunal queda facultado para resolver tódalas cuestións que se presenten e para adopta-las medidas pertinentes para o mellor desenvolvemento da convocatoria en todo o non previsto nas presentes bases.

Os membros do tribunal deberán absterse de formar parte deste e de intervir, notificándollo á autoridade convocante e os aspirantes poderán recusalos, cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992.

Para os efectos de indemnizacións por asistencia ós membros do tribunal, este terá a categoría quinta das establecidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo.

6. Comezo e desenvolvemento das probas selectivas. O concurso consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos aspirantes segundo o seguinte baremo:

a) Por servicios prestados en postos de igual ou similar natureza:

-Na Administración local, 0,10 puntos por mes.

-Noutras administracións públicas, 0,05 puntos por mes.

Non se computarán servicios por períodos inferiores a un mes, considerándose tódolos meses de trinta días. A puntuación total por servicios non poderá exceder de 10 puntos.

Estes méritos acreditaranse mediante certificación expedida polo secretario do concello ou entidade pública onde se teñan prestado os servicios, ou con certificado de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

b) Por estar en posesión de titulación superior á esixida:

1. Graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente, 1 punto.

2. Bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente, 2 puntos. A puntuación por este concepto excluirá a do anterior.

c) Coñecemento acreditado do idioma galego:

-Curso de iniciación, 0,5 puntos.

-Curso de perfeccionamento, 1 punto. A puntuación por este concepto excluirá a do anterior.

d) Estar en posesión de permiso de conducir da categoría B-1 ou superior, 0,50 puntos.

e) Cursos de informática: por cada curso de duración igual ou superior a 40 horas, 0,25 puntos. A puntuación máxima por este concepto será de 2 puntos.

O tribunal ten facultade para resolve-las dúbidas que xurdan na aplicación dos criterios de valoración fixados e para adopta-los acordos que correspondan en relación cos supostos non previstos nas presentes bases.

7. Cualificación. A puntuación e a orde de cualificación definitiva dos aspirantes virá determinada pola suma dos puntos obtidos na valoración. Nos casos de empate prevalecerá a puntuación obtida polos servicios do epígrafe a).

O tribunal non poderá, en ningún caso, aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas, polo que se declarará aprobado o aspirante que obtivera a maior puntuación.

As cualificacións faranse públicas no taboleiro de edictos do concello no mesmo día en que se acorden.

8. Relación de aprobados, presentación de documentos e nomeamento. Finalizadas as probas, o tribunal fará pública a relación de aprobados por orde de puntuación e elevará a dita relación, xunto coa acta da última sesión, á presidencia da corporación para que efectúe o correspondente nomeamento.

O aspirante seleccionado deberá presenta-la documentación acreditativa dos requisitos esixidos na base 2ª no prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó de publicación da relación de aprobados.

O que fixera vale-la súa condición de minusvalía deberá presentar certificado expedido polo órgano competente acreditativo de tal condición e xustificativo da súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes á praza.

O que tivera a condición de funcionario público estará exento de xustifica-las condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo só presentar certificación da Administración pública da que dependa, acreditando tal condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal.

Se dentro do prazo indicado e salvo causa de forza maior, o aspirante proposto non presentase a documentación ou non reunise os requisitos esixidos, non poderá ser nomeado e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades en que puidera incorrer por falsidade.

Aprobada pola Presidencia da Corporación a proposta de nomeamento, o aspirante nomeado deberá tomar posesión no prazo dun mes contado desde o seguinte ó de notificación do nomeamento.

9. Recursos. A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Camariñas, 8 de novembro de 2001.

Juan Bautista Santos Ramos

Alcalde