Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2001 Páx. 15.569

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN de 12 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 350, que afecta o monte Neixón e Vidres, do lugar de Nine, parroquia de Cespón (concello de Boiro).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 12 de xullo de 2001, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 12 de xullo de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, e da secretaria, Ana María Díaz López, xefa do Ser

vicio Xurídico da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 350.

Monte: Neixón e Vidres.

Comunidade: Nine.

Parroquia: Cespón.

Concello: Boiro

Antecedentes de feito:

1. Diversos veciños de Nine, parroquia de Cespón, concello de Boiro, solicitaron deste xurado, con data do 13-6-1996, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 16 ha.

Lindeiros: norte: predios particulares de Ramón Otero, Gabriel Romero e outros veciños de Nine. Leste: ría de Arousa. Sur: ría de Arousa. Oeste: ría de Arousa e predios particulares de hdros. de José Teira, Manuel Lustres e outros veciños de Nine.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse a correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do concello de Boiro, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG nº 81, do 27-4-2000, taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños de Nine fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que desde tempo inmemorial viñan aproveitando de forma exclusiva, e sen interferencia de terceiros, os rendementos agrícolas e forestais (leña, esquilmos, etc.) no citado monte. Nese sentido, presentan acta de manifestacións ante notario dos veciños máis vellos do lugar, así como copia da inscrición de dominio do dito monte a favor do concello de Boiro, na que se afirma a súa inclusión no Inventario de Bens, onde figura clasificado como comunal e o seu aproveitamente en réxime comunal e gratuíto.

4. Ante este este expediente formulou alegación o Concello de Boiro, que en sesión da súa Comisión de Goberno do 22-5-2000 acordou opoñerse á solicitude de cualificación. Xa en anterior acordo do 10-7-1997, o Pleno da Corporación tiña acordado desestima-la petición dos veciños para o recoñecemento do carácter veciñal do monte. Presentan certificación da súa inclusión no Inventario de Bens, así como copia da xa mencionada inscrición de dominio no Rexistro da Propiedade de Noia, onde se afirma a súa posesión polo concello desde tempo inmemorial. Así mesmo, alegan diversos actos de disposición realizados polo propio concello: obras

de construcción do centro de interpretación dos castros de Neixón así como traballos de posta en valor dos citados castros, construcción dunha rampla para usos marítimos, conservación e mellora de camiños e doutras instalacións.

5. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo, e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Nine, parroquia de Cespón, municipio de Boiro, son parte lexítima para solicita-la iniciación deste expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Aproveitamento consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de1992).

4. Non se acreditan suficientemente ante este xurado os aproveitamentos alegados polos veciños de Nine. De acordo co informe achegado ó expediente polo Servicio de Montes e I.F., os posibles aproveitamentos forestais ou agrícolas sobre o monte son nulos. Polo contrario, si hai reiterados actos de disposición por parte do Concello de Boiro como promotor de diversas construccións de carácter público, como o centro de interpretación dos castros, área recreativa, obras de conservación e mellora do campo de fútbol, acesos, etc.

5. Á vista dos escritos motivados dos dereitos de ámbalas partes, este xurado considera que os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puidesen ter sobre o monte os veciños de Nine, así como os do concello de Boiro, mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade solicitante, implica que, o que se formula aquí, é cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia dos tribunais da xurisdic

ción ordinaria, para substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte Neixón e Vidres afectado por este expediente.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Mano Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña