Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2001 Páx. 15.568

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 352, que afecta o monte Suasagras, dos lugares de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias, parroquia de Lampón (concello de Boiro).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 12 de xullo de 2001, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 12 de xullo de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juán Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, e da secretaria, Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 352.

Monte: Suasagras.

Comunidade: Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias.

Parroquia: Lampón.

Concello: Boiro.

Antecedentes de feito:

1. Diversos veciños dos lugares de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias, parroquia de Lampón, concello de Boiro, solicitaron con data 3-4-1998 deste xurado a declaración como veciñal dos expresados lugares, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 4,08 ha.

Lindeiros: norte: hdros. de Benita Tubío Tubío, Francisco Tubío Fernández, e outros veciños de Lampón. Leste: río Lérez, José Pouso Vázquez, e río Lérez. Sur: José Pouso Ojea, Joaquina Noal Bretal, e outros veciños de Lampón. Oeste: José Tubío Paz, Dolores Muñiz Fernández, e outros veciños de Lampón.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose instructora del a Ana Mª Díaz López, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos a tal fin dirixidos ó alcalde-presidente

do Concello de Boiro, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG nº 83, do 2-5-2000, taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños dos lugares de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias, fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que desde tempo inmemorial o monte Suasagras se aproveitou en réxime de comunidade e sen asignación de cotas polos veciños de tales lugares. Nese sentido presentan acta de manifestacións ante notario. Finalizado o período de publicación dos edictos, non houbo alegación ningunha contra o presente expediente.

4. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias, parroquia de Lampón, concello de Boiro, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, principalmente polo informe achegado polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, onde se acredita que o monte viña aproveitándose de forma consuetudinaria pola comunidade solicitante, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal dos lugares de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias, parroquia de Lampón, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta da instructora, acuerda cualificar como monte veciñal en man común da comunidade dos lugares de Montañó, Montaña, Piñeiro e Escobias, na parroquia de Lampón, concello de Boiro, o denominado monte Suasagras, cos lindeiros, superficie e características que figuran no primeiro antecedente. Así mismo, acordase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Mano Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña