Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2001 Páx. 15.567

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 356 que afecta o monte de Lamasapín, do lugar de Lamasapín, parroquia de Chacín (concello de Mazaricos).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 12 de xullo de 2001, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 12 de xullo de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, e da secretaria, Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 356.

Monte: de Lamasapín.

Comunidade: Lamasapín.

Parroquia: Chacín.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

1. Diversos veciños do lugar de Lamasapín, parroquia de Chacín, concello de Mazaricos, solicitaron con data 9-7-1999 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 34,70 ha.

Lindeiros: é parte do monte Pedroso, Val, Sixto e outros, 103-I do C.U.P. Norte: propiedades particulares de Mazaricos e Lamasapín, desde o piquete 1 do deslindamento ata o 11, seguindo a orde de piquetes. Leste: valado de terra que o separa de propiedades particulares de veciños de Lamasapín, desde o piquete 11 ata o 25 seguindo a orde de piquetes. Sur: monte dos veciños de Val, por unha liña recta trazada desde o piquete 25 ó 66. Oeste: co monte Aro, desde o piquete 66 ó 71 seguindo a orde de piquetes, e deste ó piquete 1.

2. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 83 do 2-5-2000), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3. Os veciños de Lamasapín fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que viñan aproveitando de forma consuetudinaria en réxime de comunidade sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, o monte correspondente ó dito lugar. Presentan copia dun documento privado de partición de cotas do ano 1923, no que xa aparecen referencias á existencia de dito monte veciñal. Esta petición recibe o informe favorable por acordo do Pleno do Concello de Mazaricos de data 27-12-1996. Finalizado o período de publicación de edictos, non houbo alegación ningunha contra o presente expediente.

4. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do

disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2. De conformidade co contido do artigo 11 da citada Lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Lamasapín, parroquia de Chacín, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4. Das actuacións que constan no expediente e, en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Lamasapín, parroquia de Chacín, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común, da comunidade do lugar de Lamasapín, parroquia de Chacín, concello de Mazaricos, o denominado monte de Lamasapín, cos lindeiros, superficie e características que figuran no antecedente primeiro. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña