Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 03 de decembro de 2001 Páx. 15.364

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A. no centro de traballo do Burgo-Culleredo (grupo profesional do servicio de auga e saneamento).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A. no centro de traballo do Burgo-Culleredo (grupo profesional do servicio de auga e saneamento) (código convenio 1503870) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-9-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, da parte social, polo delegado de persoal o día 27-8-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 18 de setembro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A., para o centro de traballo do Burgo-Culleredo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente convenio colectivo ten por obxecto regula-las relacións laborais entre a empresa Gestión y Técnicas del Agua, S.A. e os seus traballadores. No non regulado nel seguirase o disposto no laudo arbitral de data 30 de xuño de 1998, dictado por Jaime Montalvo Correa para a substitución da ordenanza laboral para as industrias de captación, elevación conducción, tratamento, depuración e distribución de auga do 27 de xaneiro de 1972, o Estatuto dos traballadores e demais lexislación laboral vixente.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio colectivo afectará e será de aplicación a todo o persoal que presta e preste os seus servicios mediante contrato e relación laboral fixa, eventual ou de interinidade, no Servicio de Auga e Saneamento, salvo nos casos previstos nos artigos 1.3º e 2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio colectivo de traballo terá unha duración de tres anos, a súa vixencia será desde o día 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2003, entrará en vigor o mesmo día da súa sinatura, independentemente da súa publicación no BOP, retrotraendo os seus efectos económicos ó 1 de xaneiro 2001.

Unha vez finalizado o prazo de duración do convenio, entenderase prorrogado por igual tempo, de non mediar denuncia expresa del por calquera das partes; a dita denuncia teralle que ser notificada á outra parte por escrito cun mes de antelación á data da súa expiración ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Garantía persoal.

As retribucións que establece o presente convenio, contempladas anualmente, absorberán tamén en concepto anual, cantas retribucións perciban os traballadores por tódolos conceptos, respectándose as condicións persoais que sexan, no seu conxunto, máis beneficiosas que as fixadas no presente convenio, manténdose ad personam.

A diferencia resultante entre a retribución persoal anualizada e a retribución fixada neste convenio percibirase distribuída nas doce mensualidades ordinarias, en concepto de complemento persoal. Este complemento, incrementarase cada ano na mesma porcentaxe que o salario base.

Artigo 5º.-Absorción.

Os haberes anuais fixos pactados no presente convenio colectivo, é dicir, a suma do salario base, antigüidade consolidada, complemento de transporte, así como o complemento persoal, se o houber, valorados no seu cómputo anual absorberán automaticamente, ata onde alcancen, todo aumento de salario ou percepcións directa ou indirectamente salariais que poidan establecerse durante a súa vixencia, por disposición legal de xeral aplicación ou regulamentaria.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para entender das cuestións ou reclamacións que se puidesen derivar da aplicación deste convenio, formarase unha comisión composta por dous membros da parte social e outros dous da parte da dirección da compañía.

A citada comisión disporá dun prazo de quince días para resolve-las cuestións que se lle poidan formular. A súa decisión terá carácter vinculante para ámbalas partes.

En caso de non emitirse resolución ou non acadarse acordo no dito prazo, ámbalas partes poderán solicita-la mediación no Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, da Administración laboral e/ou facendo uso das asesorías legais que estimen oportunas.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Se a xurisdicción competente anulase ou invalidase algúns dos seus artigos parcial ou totalmente, as partes asinantes reuniranse con obxecto de resolve-lo problema suscitado, mantendo inalterable o resto do contido do convenio.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 8º.-Organización.

A organización práctica e técnica do traballo, consonte o previsto neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo anterior, os representantes dos traballadores terán as funcións de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 9º.-Clasificación funcional.

Os traballadores serán clasificados nas súas aptitudes profesionais, titulacións e contido xeral da prestación.

Esta clasificación realizarase nos grupos profesionais, definidos pola interpretación e aplicación dos factores de valoración e polas tarefas e funcións básicas máis representativas que, en cada caso desempeñen os traballadores. Dentro dalgúns dos grupos, desta forma definidos, poderán establecerse áreas funcionais diferentes, nos termos contemplados máis adiante.

Artigo 10º.-Factores de encadramento.

1. O encadramento dos traballadores incluídos nos ámbitos de aplicación dentro da estructura profesional establecida e, por conseguinte, a asignación de cada un deles dun determinado grupo profesional será o resultado da conxunta ponderación dos seguintes factores: coñecemento, experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

2. Na valoración dos factores anteriormente mencionados terase en conta:

a) Coñecementos e experiencias: factor para a valoración do cal se terá en conta, ademais da formación básica necesaria para cumprir correctamente os cometidos, a experiencia adquirida e a dificultade para a adquisición dos ditos coñecementos e experiencia.

b) Iniciativa: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de seguimento a normas ou directrices para a execución de tarefas ou funcións.

c) Autonomía: Factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de dependencia xerárquica no desempeño das tarefas ou funcións que se desenvolven.

d) Responsabilidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de autonomía de acción do titular da función, o nivel de influencia sobre os resultados e as relevancia da xestión sobre os recursos humanos, técnicos e productivos

e) Mando: factor para a valoración do cal se terán en conta o grao de supervisión e ordenación, das funcións e tarefas, a capacidade de interrelacionar, as características do colectivo e o número de persoal sobre os que se exerce o mando.

f) Complexidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o número e grao de integración dos diversos factores.

3. Dentro de cada un dos grupos profesionais e das correspondentes divisións orgánicas ou funcionais (entre outras, de administración comercial, técnica de producción e servicios auxiliares) poderán situarse as diferentes categorías, definidas de conformidade cos criterios anteriormente expostos.

4. Os grupos profesionais e as divisións orgánicas e funcionais recollidas deste convenio teñen un carácter simplemente enunciativo podendo, se é o caso, establecerse as correspondentes asimilacións.

Artigo 11º.-Grupos profesionais.

1. O persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio colectivo clasificarase en razón á función desempeñada nos grupos profesionais aquí establecidos.

2. Dentro dos grupos profesionais 2 e 3 establécense co fin de delimita-la idoneidade e aptitude para o desempeño das tarefas encomendadas ó traballador en cada posto de traballo as áreas funcionais administrativa e técnica.

Grupo profesional I.

Criterios xerais: tarefas que se executen segundo instruccións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiran preferentemente esforzo físico ou atención e que non necesitan de formación específica, salvo a ocasional de período de adaptación.

Formación: experiencia adquirida no desempeño dunha profesión equivalente e titulación de graduado escolar ou certificado de escolaridade ou similar.

A este grupo correspóndense, dentro da área funcional administrativa: lector e ordenanza.

Dentro da área funcional de explotación: axudante, peón especialista e peón.

Grupo profesional II.

Criterios xerais: traballos de execución autónoma que esixan habitualmente iniciativa por parte dos traballadores que os desempeñan e que comportan, baixo supervisión, a súa responsabilidade, podendo ser axudados por outro ou outros traballadores.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a bacharelato unificado polivalente ou formación profesional de segundo grao, completada con formación específica no posto de traballo.

Dentro da área funcional administrativa deste grupo cabe incluír, entre outras as seguintes categorías: auxiliar administrativo, oficial de 2ª administrativo, oficial de 1ª administrativo.

Con relación á área funcional técnica e explotación, cabe incluír neste grupo profesional, entre outras, as seguintes categorías: oficial de 3ª, oficial de 2ª e oficial de 1ª, analista de laboratorio, auxiliar técnico, delineante.

Grupo profesional III.

Criterios xerais: funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas realizadas por un conxunto de colaboradores nun estudio organizativo menor.

Tarefas que mesmo sen supoñer corresponsabilidade de mando, teñen un contido medio de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instruccións precisas de complexidade técnica media con autonomía dentro do proceso establecido.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a bacharelato unificado polivalente ou formación profesional de segundo grao, completada cunha experiencia dilatada no posto de traballo.

Na área funcional administrativa deste grupo inclúense, entre outras as de: xefe de sección ou de negociado.

No que se refire á área técnica e explotación, cabe incluír, tamén enunciativamente, as categorías profesionais de: delineante proxectista, técnico de producción, capataz, xefe de equipo e encargado.

Grupo profesional IV.

Criterios xerais: funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas diversas realizadas por un conxunto de colaboradores.

Tarefas complexas pero homoxéneas que, mesmo sen implicar responsabilidade de mando, teñen un alto contido intelectual ou de interrelación humana, nun marco de instruccións xerais de alta complexidade técnica.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a estudios universitarios de grao medio, completada cunha formación especifica no posto de traballo.

Neste grupo cabe incluír, entre outras as de: xefe de servicio, de planta e, en xeral, as de titulado de grao medio.

Grupo profesional V.

Criterios xerais: funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas complexas e heteroxéneas,

con obxectivos globais definidos e alto grao de esixencia en autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de funcións, realizadas por un conxunto de colaboradores dunha mesma unidade funcional.

Inclúense tamén neste grupo profesional funcións que supoñen responsabilidade completa pola xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas da dirección, ós que deben dar conta da súa xestión.

Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade e mesmo a participación na definición dos obxectivos concretos que se pretendan alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade no dito cargo de especialidade técnica.

Formación: titulación ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión equivalentes a estudios universitarios de grao medio, completada cunha experiencia dilatada no seu sector profesional ou a estudios universitarios de grao superior, completada cunha formación específica no posto de traballo.

Neste grupo inclúense as categorías profesionais de: director, xefe de departamento, de servicio, de zona/área, así como as correspondentes a titulado superior.

Artigo 11º bis.

Ningunha das condicións establecidas no artigo anterior afectará as categorías profesionais que teñan os traballadores á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 12º.-Mobilidade funcional.

O traballador deberá cumpri-las instruccións da dirección ou persoa en quen esta delegue no exercicio habitual das súas funcións organizativas e directivas, debendo executa-los traballos e tarefas que se encomenden dentro do contido xeral da prestación laboral. Neste sentido, e sen prexuízo dos dereitos económicos recoñecidos no Estatuto dos traballadores e, dentro da xornada laboral, cando sexa necesaria a realización simultánea ou sucesiva de funcións correspondentes a varios postos de traballo, que virán dadas polas necesidades dos servicios que xestionamos, poderáselle encomendar ó traballador o desempeño delas.

Artigo 13º.-Traballos de superior grupo profesional.

Por necesidades organizativas, de producción ou de contratación o traballador poderá ser destinado a ocupar un posto de superior grupo ó que tivese recoñecido por prazo que non exceda de seis meses durante un ano, ou oito meses durante dous anos, tendo dereito a percibir mentres se encontre en tal situación a remuneración correspondente á función efectivamente desempeñada.

Artigo 14º.-Traballos de inferior grupo profesional.

A empresa, por necesidades perentorias, transitorias ou imprevisibles, poderá destinar a un traballador a realizar tarefas correspondentes a un grupo profesional inferior ó seu polo tempo imprescindible e comunicándollelo ós representantes legais dos traballadores, non podendo o interesado negarse a efectua-lo traballo encomendado, sempre que iso non prexudique a súa formación profesional. Nesta situación, o traballador seguirá percibindo a remuneración que, polo seu grupo e función anterior, lle corresponda.

A un traballador non se lle poderá impoñe-la realización de traballos propios de grupo inferior durante máis de dous meses ó ano, mentres tódolos traballadores do mesmo grupo non rotasen na realización da dita tarefa. Non se considerarán para efectos do cómputo os supostos de avaría grave ou forza maior, do que se informará ós representantes dos traballadores, periodicamente.

Se o destino de inferior categoría profesional, fose solicitado polo propio traballador, asignaráselle a este a retribución que lle corresponda pola función efectivamente desempeñada, pero non se lle poderá esixir que realice traballos de categoría superior a aquela pola que é retribuído.

Capítulo III

Promoción e ascensos

Artigo 15º.-Promoción profesional. Principio xeral.

Para contribuír eficazmente á aplicación do principio de non discriminación e ó seu desenvolvemento baixo os conceptos de igualdade de condicións en traballos de igual valor é necesario desenvolver unha acción positiva, particularmente nas condicións de contratación, formación e promoción de modo que, en igualdade de condicións de idoneidade, terán preferencia as persoas do xénero menos representado no grupo profesional de que se trate.

As prazas vacantes existentes poderán, segundo criterio da empresa, proverse ou amortizarse, de acordo co nivel de actividade, desenvolvemento tecnolóxico ou outras circunstancias que aconsellarán tal medida.

Os postos de traballo que teñan que ser ocupados por persoal o exercicio profesional dos cales comporte funcións de mando ou de especial confianza en calquera nivel da estructura organizativa da empresa, cubriranse mediante o sistema de libre designación.

Para o resto de ascenso, os postos cubriranse mediante o sistema de concurso oposición.

A empresa establecerá as correspondentes probas selectivas, de carácter teórico-práctico, logo de información á representación dos traballadores.

Capítulo IV

Contratación

Artigo 16º.-Contratación.

O ingreso ó traballo realizarase de conformidade con calquera das modalidades de contratación reguladas na lexislación laboral vixente no momento de efectuarse.

En tódolos casos haberá que especificarse claramente as súas condicións, duración, xornada laboral, etc., sendo visados polo representante dos traballadores.

Cando se concerte un contrato eventual para atender circunstancias dos servicios, acumulación de tarefas, etc., mesmo tratándose de actividade normal da empresa, a duración máxima do contrato poderá ser de 10 meses dentro dun período de 18 meses. En caso de que se concerte por un período inferior, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, por unha única vez, sen que a duración total do contrato poida exceder da duración máxima mencionada anteriormente.

Artigo 17º.-Período de proba.

De acordo co contido do artigo 14 do Estatuto dos traballadores, poderá concertarse por escrito un período de proba de:

-Para os grupos profesionais I, II e III establécese un período de proba de 30 días para os contratos temporais e de 60 días para os contratos de duración indefinida.

-Con relación ós grupos profesionais IV e V concértase un período de 90 días, salvo as categorías de director e técnicos titulados que será de seis meses.

Artigo 18º.-Subrogación do persoal.

Co fin de regula-la estabilidade dos traballadores acollidos a este convenio, cando Gestagua, S.A. por extinción ou conclusión do contrato deixase de presta-los seus servicios, a nova empresa estará obrigada a subrogarse e absorbe-los traballadores desta, adscritos ós servicios indicados no artigo 1º.

No non previsto nin regulado no presente convenio sobre esta materia, seguirase o disposto no capítulo VII, artigo 38 do vixente laudo arbitral polo que se establecen a condicións de traballo para as industrias de captación, elevación, conducción, tratamento, depuración e distribución de auga, ou norma que lo substitúa de futuro.

Capítulo V

Xornada de traballo

Artigo 19º.-Xornada.

Con carácter xeral, en materia de xornada de traballo e de descansos, seguirase o que, en cada momento, estableza a lexislación vixente.

A xornada anual de traballo efectivo en cómputo anual para o ano 2001 será de 1.756 horas.

Para o ano 2002 e 2003 será de 1.752 horas efectivas anuais.

Artigo 20º.-Xornada semanal.

Establécese igualmente, un número máximo de 40 horas semanais efectivas de traballo.

A empresa, de acordo coa representación dos traballadores, establecerá o calendario laboral que rexerá durante o ano. Este calendario que se publicará no taboleiro de anuncios, elaborarase con anterioridade ó un de xaneiro, tendo en conta os seguintes criterios e contidos:

-Xornada semanal de corenta horas.

-Horario de descanso.

-Sinalización das festas.

-Vacacións.

-Especificación dos descansos entre xornadas e semanais.

-Especificación das seccións onde se prevexa a realización de quendas.

-Especificación de xornadas irregulares onde procedan, cun máximo de dez horas diarias e un máximo de corenta e cinco horas semanais, así como, un mínimo de trinta e cinco horas semanais.

-Especificación de horarios flexibles onde procedan.

Artigo 21º.-Permanencia no traballo.

Tanto ó comezo como ó final da xornada laboral, o traballador deberá encontrase no seu posto de traballo e dedicado a el. A dirección da empresa poderá establece-los controis de presencia e puntualidade necesarios.

Todo o persoal deberá permanecer no seu posto de traballo ata a hora de saída, exceptuándose tanto as saídas previamente autorizada polo xefe directo do empregado.

En caso de ausencia por enfermidade ou accidente que supoña baixa médica, o persoal deberá remitirlla ó seu xefe inmediato no termo de 72 horas.

Cando por asistencia ós servicios médicos de saúde pública, que orixine ausencia dun día ou parte del e non se chegue a baixa facultativa, ó incorporarse ó seu traballo, o empregado deberá entregar xustificante da dita ausencia. A non entrega da dita xustificación considerarase falta inxustificada ó traballo.

Artigo 22º.-Traballos de duración superior á xornada habitual.

Dado o carácter público dos servicios prestados por esta empresa e a necesaria continuidade da súa actividade, todo o persoal estará obrigado a prolongar en caso necesario a xornada normal de traballo.

O traballo prestado en exceso sobre a xornada normal remunerarase consonte o establecido sobre horas extraordinarias no presente convenio.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias de carácter estructural aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada máxima legal establecida neste convenio, salvo as

realizadas nos casos de prolongación de xornada antes contemplada.

As horas extraordinarias compensaranse a razón de 1.500 pesetas (9,02 euros) hora. Cando se opte por compensa-la realización de horas extraordinarias con descanso, sempre e cando non se perturbe o normal proceso productivo da empresa, compensaranse a razón dunha hora e vinte minutos por cada hora extraordinaria.

A opción entre o descanso ou a compensación económica pola realización de horas extraordinarias, corresponderá o 50 por cento á empresa e o 50 por cento restante ó traballador.

As horas que se compensen por descanso cancelaranse dentro dos catro meses seguintes á súa realización; non computarán para efectos de tope máximo anual de horas extraordinarias establecido polo artigo 35.2º do Estatuto dos traballadores.

Sen prexuízo do carácter voluntario destas horas, nos termos legalmente establecidos e tendo en conta o carácter público dos servicios que presta a empresa, cando concorran circunstancias de forza maior, substitución de persoal, avarías que requiren reparacións urxentes ou outras análogas que, pola súa transcendencia sexan inaprazables, o tempo empregado polos traballadores non entrará no cómputo das conceptuadas como extraordinarias para os efectos dun límite legal, se ben serán retribuídas como tales.

Artigo 24º.-Vacacións.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán dun descanso de vacacións de trinta días naturais ó ano, salvo as condicións máis beneficiosas.

O período de vacacións desfrutarase nos meses que de común acordo pacten empresas e traballadores.

Artigo 25º.-Licencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, terá dereito ós seguintes permisos retribuídos:

-Quince días naturais nos casos de matrimonio eclesiástico ou civil.

-Tres días naturais nos casos de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será:

* Fóra da provincia da Coruña, dous días máis.

* A partir de 350 km (ida), tres días máis.

-Un día natural en caso de matrimonio de familiares ata o segundo grao de consanguinidade.

-Un día natural por cambio de residencia.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

-Polo tempo necesario para concorrer a exames.

-Polo tempo necesario nos casos de asistencia a consulta médica da Seguridade Social.

-As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai, en caso de ambos traballaren.

-Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Capítulo V

Retribución salarial

Artigo 26º.-Salario.

O salario que se percibirá por este concepto para 2001 será o reflectido para cada grupo profesional na táboa salarial anexa.

A todo traballador garánteselle para o dito ano o IPC teórico previsto máis 1 por 100, aplicado sobre o seu salario fixo e garantido a 31 de decembro de 2000.

Para 2002, a aplicación porcentual será do IPC previsto para o dito ano máis 1 por 100 sobre os salarios brutos anuais que rexan ó 31 de decembro de 2001.

Para o ano 2003, a aplicación porcentual será do IPC previsto para o dito ano máis 0,75 por 100 sobre os salarios brutos anuais que rexan ó 31 de decembro de 2002.

Enténdese por salario bruto anual, para os efectos do presente convenio, aquel que se denomina como tal nas táboas salariais que configuran o anexo deste convenio.

Artigo 27º.-Pagamento de salario.

Tódalas percepcións, excepto as de vencemento periódico superior ó mes, aboaranse mensualmente, por períodos e ata o día 5 do mes seguinte ó do seu devengo, aínda que o traballador terá dereito a percibir un anticipo ó mes a contía do cal non será superior ó 90 por 100 das cantidades devengadas.

Artigo 28º.-Cláusula de revisión salarial.

En caso de que o índice de prezos ó consumo IPC establecido polo Instituto Nacional de Estatística rexistrase o 31 de decembro de cada ano de vixencia unha desviación respecto ás porcentaxes recollidas no artigo 26, adecuarase a revisión salarial que corresponda a esa desviación, incrementándose esta, se procede, na diferencia entre o incremento

anual pactado e o IPC real, aboándose con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.

Artigo 29º.-Antigüidade.

Os traballadores incluídos no ámbito do presente convenio terán dereito a un complemento periódico por antigüidade, calculada desde a data de ingreso do traballador na empresa, consistente en 18.000 pesetas/ano (108,18 euros) por cada un dos dez primeiros anos de servicio e a partir do undécimo a 9.000 pesetas/ano (54,09 euros).

A pesar do exposto, os traballadores que, á entrada en vigor do presente convenio, teñan consolidado algún complemento de antigüidade de acordo co sistema anterior percibirán a cantidade xa consolidada na súa contía presente. En aplicación do determinado no parágrafo anterior, os novos incrementos de antigüidade calcularanse exclusivamente a partir de 1-1-2001, non correspondendo, por tanto, cantidade ningunha por esta nova antigüidade no período comprendido entre a data de ingreso na empresa e o 31-12-2000.

A contía resultante de sumar tanto a antigüidade consolidada como o importe resultante por aplicación do complemento descrito no parágrafo primeiro, non poderá ser superior á cantidade de 450.000 pesetas brutas anuais (2.704,55 euros), sexa cal sexa o grupo profesional ó que se pertenza.

Artigo 30º.-Gratificacións extraordinarias.

O traballador terá dereito a dúas gratificacións extraordinarias, semestrais, consistentes no importe dunha mensualidade de salario base máis antigüidade. A data de pagamento das gratificacións extraordinarias será:

-O último día laborable do mes de xuño.

-O día 20 do mes de decembro.

Artigo 31º.-Complemento de transporte.

Fíxase un complemento de transporte por xornada completa de traballo a contía do cal se determina no anexo salarial adxunto e que se pagará proporcionalmente ó número de horas realmente traballadas. Nos días de falta ó traballo descontarase a parte proporcional que corresponda. Este complemento non se percibirá en vacacións, incapacidade temporal ou falta inxustificada ó traballo.

Artigo 32º.-Complementos de posto de traballo.

Dado o carácter público da actividade da empresa e as especiais características inherentes á actividade, infiren un carácter singular ás distintas tarefas que dentro dela se levan a cabo, por iso se crea o seguinte complemento ó posto de traballo:

a) Complemento de dispoñibilidade/gardas: ante as especiais características de atención ó servicio público que ten encomendado a empresa, o persoal de explotación de redes de auga e saneamento, verase obrigado a presta-los seus servicios en situación de garda localizada.

A garda localizada é a situación daqueles traballadores que, ó finaliza-la xornada ordinaria habitual, deberán estar localizados en todo momento e cos medios que lle proporcione a empresa para a súa localización, para a atención daqueles traballos tanto de carácter ordinario, como extraordinario que poidan xurdir, reparación das avarías da rede de auga. Os traballadores en situación de garda localizada deberán, por tanto, estar debidamente localizables e dispoñibles para a atención inmediata dos traballos que se van realizar, así como, visita-los depósitos e estacións de bombeo, verificando niveis e funcionamento dos sistemas instalados, comezando a dita situación á finalización da xornada ordinaria e ata o comezo da seguinte, cunha rotación semanal, é dicir desde as 18 horas dun luns, ata as 8.30 horas do seguinte luns.

O equipo de garda localizada estará formado por un operario.

Os traballadores en situación de garda localizada percibirán o seguinte complemento salarial:

-Ano 2001, a cantidade de 13.000 pesetas brutas (78,13 euros) por cada semana efectiva na dita situación.

-Ano 2002, a cantidade de 14.000 pesetas brutas (84,14 euros) por cada semana efectiva na dita situación.

-Ano 2003, a cantidade de 15.000 pesetas brutas (90,15 euros) por cada semana efectiva na dita situación.

Artigo 33º.-Complemento traballo nocturno.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá, salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre o salario base.

Artigo 34º.-Complemento por traballos excepcionalmente tóxicos, penosos ou perigosos.

Será obxectivo permanente da empresa en colaboración co delegado de prevención a mellora das instalacións e procedementos para facer desaparece-las condicións de penosidade, perigosidade ou toxicidade dos postos de traballo que as tivesen.

Determínase o importe do complemento, cando exista a dita causa e ata a súa eliminación, na contía do 20% do salario base por día efectivo de traballo.

Artigo 35º.-Valor das horas extraordinarias.

O valor das horas extraordinarias para tódalas categorías será de 1.500 pesetas hora (9,02 euros).

Artigo 36º.-Importe das axudas de custo.

O traballador que, por necesidades da empresa, se desprace fóra da localidade onde radique o seu centro de traballo, percibirá por axudas de custo:

-Axuda de custos por xantar ou cea, 1.750 pesetas (10,52 euros).

-Axuda de custos por habitación ou almorzo, 6.000 pesetas (36,06 euros).

O seu devengo entenderase no caso de non poder xantar, cear ou durmir, á hora habitual no seu domicilio particular. As cantidades que se devengan por axuda de custos son independentes da obriga da empresa de facilita-los medios de transportes ou satisface-lo importe deles.

Sen prexuízo do anterior, a empresa poderá satisface-los gastos de axudas de custo directamente en establecementos debidamente autorizados; neste caso non se aboarán as citadas axudas de custo.

Artigo 37º.-Quilometraxe.

Se o traballador utilizase o seu propio vehículo para desprazarse por encarga da empresa, aboaráselle o estipulado en cada momento, por quilómetro percorrido, sendo a cantidade mínima a de 32 pesetas/km (0,19 euros).

Capítulo VI

Réxime asistencial

Artigo 38º.-Mellora de prestación por incapacidade transitoria.

Ó traballador que se encontre na situación de incapacidade temporal por accidente de traballo ou enfermidade profesional, a empresa complementaralle a diferencia existente entre o percibido pola Seguridade Social por esta causa, e o total das retribucións básicas fixas mensuais.

En caso de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará a diferencia entre o percibido pola Seguridade Social e o total das retribucións básicas fixas mensuais, nas seguintes porcentaxes:

-Os quince primeiros días o 100 por 100.

-Desde o décimo sexto día ata o trixésimo o 80 por 100.

-A partir do trixésimo primeiro día o 90 por 100.

No suposto de que se suscitaran dúbidas sobre un posible abuso da situación de incapacidade temporal, por parte dalgún traballador, a empresa, logo de comunicado á representación dos traballadores legalmente constituída nela, poderalle aboar ó traballador afectado o estipulado na lexislación vixente.

Artigo 39º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará, pola súa conta, e para tódolos traballadores afectos polo presente convenio, un seguro de accidentes laborais par o ano 2001 por 5.500.000 de pesetas (33.055,67 euros), para o ano 2002 por 5.750.000 pesetas (34.558,20 euros) e para o ano 2003 por 6.000.000 pesetas (36.060,73 euros), para cada unha das seguintes continxencias:

-Falecemento.

-Invalidez permanente total (para profesión habitual).

-Invalidez permanente absoluta.

-Grande invalidez.

A cobertura pactada se vincula á permanencia do asegurado na empresa. O cesamento nela, por calquera motivo, dará orixe á baixa do traballador na póliza deste seguro, sen que por tanto, o empregado conserve dereito ningún a percibi-lo importe do capital, no seu día garantido.

Capítulo VII

Réxime disciplinario

Artigo 40º.-Réxime de faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 41º.-Clasificación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo a súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave ou moi grave, de conformidade co que se dispón a continuación:

I. Son faltas leves:

1. Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen a debida xustificación, cometidas durante o período dun mes.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivos xustificados, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

3. Pequenos descoidos na conservación do material.

4. Falta de aseo e limpeza persoal.

5. Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

6. As discusións sobre asuntos alleos ó traballo, dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como falta grave ou moi grave.

7. Non comunica-las situacións persoais que poidan afecta-las obrigas fiscais ou de Seguridade Social da empresa cos seus traballadores.

8. O abandono do servicio sen causa xustificada, mesmo cando sexa por breve tempo.

9. Non atender ó público ou ó usuario dos servicios que prestamos coa dilixencia ou corrección debidas.

II. Son faltas graves:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante un período de trinta días.

2. Non comunicar coa puntualidade debida, as actividades do traballador que poidan afecta-la cotización á Seguridade Social. A falta maliciosa nos datos considerarase como falta moi grave.

3. Entregarse a xogos ou distraccións, calquera que sexan, estando de servicio.

4. A simple desobediencia ós seus superiores en calquera materia do servicio se implicase quebranto da disciplina ou dela se derivase prexuízo para a empresa, poderá ser considerada moi grave.

5. Simula-la presencia doutro traballador, fichando ou asinando por el.

6. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do traballo.

7. A imprudencia en acto do servicio; se implicase risco de accidente para o mesmo, para terceiros ou perigo de avaría ou danos para as instalacións ou equipos, poderá ser considerada como moi grave.

8. Realizar, se o oportuno permiso, xestións particulares durante a xornada, así como empregar para usos propios ferramentas, equipos ou instalacións da empresa, mesmo cando iso ocorra fóra da xornada de traballo.

9. A embriaguez ou toxicomanía, evidenciada fóra de actos de servicio, vestindo o uniforme da empresa.

10. A falta de asistencia ó traballo de ata dous días ó mes.

11. Se como consecuencia de calquera falta de puntualidade, ou da causa prevista no parágrafo oitavo do punto I, se causase prexuízo á empresa ou fose causa de accidente, esta falta pode ser considerada como as faltas leves.

12. A inobservancia das leis, regulamentos ou o incumprimento das normas en materia de prevención de riscos laborais, cando as mesmas supoñan risco para o traballador, os seus compañeiros ou terceiros, así como non usar ou usar inadecuadamente os medios de seguridade facilitados pola empresa. En caso de que o risco fose grave ou se producise algún prexuizo, considerarase como moi grave.

13. Se existe reiteración na comisión da causa prevista no parágrafo noveno do punto I.

14. A ocultación de calquera feito que o traballador presenciase, que cause de maneira apreciable prexuízo grave de calquera índole á súa empresa, ós seus compañeiros de traballo ou a terceiros.

15. Se a causa prevista no punto sexto do punto I producise escándalo notorio.

16. A reincidencia en falta leve, excluída a de puntualidade, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediase polo menos amoestación escrita.

III. Considéranse como faltas moi graves:

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses, ou vinte durante un ano.

2. A falta inxustificada de asistencia ó traballo de máis de dous días ó mes.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza, e o furto ou roubo, tanto á empresa como ós compañeiros de traballos ou a terceiros, dentro das dependencias da empresa ou durante actos de servicio en calquera lugar.

4. Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en materias primas, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, enxoval e documentos da empresa ou de terceiros relacionados con ela.

5. A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole, que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo, usuarios/clientes.

6. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa.

7. Revelar a elementos alleos á empresa datos de reserva obrigada.

8. Realizar traballos particulares durante a xornada.

9. Os malos tratamentos de palabra ou obra ou a falta grave de respecto e consideración ós usuarios, xefes ou calquera empregado da empresa, así como ós familiares de todos eles, durante a xornada de traballo ou nas dependencias da empresa.

10. Causar accidente grave por neglixencia ou imprudencia inescusable.

11. Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade ou en situación que cause grave prexuízo á empresa ou ós seus clientes/usuarios.

12. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado do traballador.

13. Orixina-las rifas e pendencias cos compañeiros de traballo ou clientes/usuarios.

14. A simulación de enfermidade ou accidente.

15. Presta-los seus servicios habitualmente sufrindo os efectos ou consecuencias de calquera tipo de embriaguez ou toxicomanía.

16. Acoso sexual.

17. As derivadas do previsto no punto sexto do punto I e na segunda, cuarta e sétima e décimo cuarta do punto II.

18. Se como consecuencia da causa prevista no punto décimo do punto II, se causase prexuízo á empresa ou fose causa de accidente, a citada poderá ser considerada como moi grave.

19. A reincidencia en falta grave aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun semestre.

Artigo 42º.-Réxime de sancións e procedementos sancionador.

Corresponde á empresa a facultade de impoñer sancións nos termos do estipulado neste convenio.

Tódalas sancións que non consistan en amoestación verbal requirirán comunicación escrita motivada ó traballador.

Nos casos de sanción por falta moi grave, a empresa comunicaralle a sanción por escrito ó traballador cun prazo de aviso previo de dous días hábiles para que produza efectos, entregando unha copia dela ó representante do seu centro de traballo. O traballador disporá dun permiso retribuído, dos citados dous días hábiles, para alegar por escrito ante a empresa o que na súa defensa estime oportuno. Se

a empresa non modificara por escrito a súa decisión, esta entenderase efectiva transcorrido o citado prazo de dous días hábiles.

A empresa daralle conta á representación dos traballadores de toda sanción que impoña.

Artigo 43º.-Graduación das sancións.

As sancións que a empresa poderá impoñer segundo a gravidade e circunstancias das faltas cometidas serán as seguintes:

Por falta leve: amoestación verbal, amoestación por escrito.

Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días ou despedimento.

Artigo 44º.-Prescrición.

A facultade da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves ós dez días, para as faltas graves ós vinte días, e para as faltas moi graves ós sesenta días, a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión, e en calquera caso, ós seis meses de se ter cometido.

Artigo 45º.-Acumulación de faltas.

Para os efectos de reincidencia, non se terán en conta e se eliminarán do expediente aquelas faltas que se cometesen con anterioridade, de acordo cos seguintes prazos, contados desde a comunicación da última falta:

Faltas leves: dous meses.

Faltas graves: seis meses.

Faltas moi graves: seis meses.

Capítulo VIII

Garantías sindicais

Artigo 46º.-Funcións e garantías dos representantes dos traballadores.

Norma xeral: no que concirne ás funcións e garantías dos representantes legalmente constituídos na empresa seguirase o disposto no Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 47º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados a unha central sindical, a empresa descontará na nómina mensual dos traballadores a contía da cota sindical correspondente.

O traballador interesado na realización de tal operación, remitirá á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertence e a contía da cota.

Os importes retidos entregaránselle ó traballador da empresa que designe a central sindical correspondente.

As empresas efectuarán as devanditas detraccións salvo indicación en contrario por parte do traballador.

Artigo 48º.-Crédito horas sindicais.

Os delegados de persoal ou comités de empresa terán un crédito de horas sindicais retribuídas de

16 horas ó mes durante o ano, o cómputo das cales se fará anualmente podendo os delegados utilizar un número maior das establecidas mensualmente a conta do total anual, sempre que non prexudique ou repercuta no servicio.

Artigo 49º.-Seguridade e saúde laboral.

Seguirase o disposto pola Lei 31/1995, do 8 de novembro, e demais disposicións que a desenvolvan.

Capítulo IX

Disposicións varias

Artigo 50º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará as pezas de roupa de traballo necesarias a tódolos traballadores que, polas características do traballo que desenvolvan, así o requiran.

Esta roupa de traballo renovarase segundo o uso e a deterioración.

Disposición derrogatoria

O presente convenio colectivo derroga, expresa e indefinidamente, na súa totalidade, e deixándoos sen efecto, todos e cada un dos convenio colectivos, calquera que for o seu ámbito, acordos ou pactos escritos ou verbais, que estivesen ou puidesen estar en vigor, sendo o único convenio colectivo de aplicación no centro de traballo da empresa sinalada no ámbito de aplicación.

Disposición derradeira

Os atrasos derivados do incremento salarial pactado no presente convenio pagaranse nun prazo máximo de dous meses a partir da súa sinatura.

ANEXO I

Táboa salarial 2001

GruposSalario base

mensual (pesetas)

Compl. transporte

(pesetas)

Retribución

anual (pesetas)

Salario base

mensual (euros)

Compl. transporte

(euros)

Retribución

anual (euros)

Grupo primeiro

Peón118.00014.0001.806.000709,1984,1410.854,28

Peón especialista119.50014.0001.827.000718,2184,1410.980,49

Axudante121.50014.0001.855.000730,2384,1411.148,77

Lector122.00014.0001.862.000733,2384,1411.190,85

Grupo segundo

Auxiliar administrativo122.50014.0001.869.000736,2484,1411.232,92

Oficial 2ª administrativo124.00014.0001.890.000745,2684,1411.359,13

Oficial 1ª administrativo126.00014.0001.918.000757,2884,1411.527,41

Oficial 3ª123.00014.0001.876.000739,2484,1411.274,99

Oficial 2ª125.00014.0001.904.000751,2784,1411.443,27

Oficial 1ª127.00014.0001.932.000763,2984,1411.611,55

Grupo terceiro

Capataz135.00014.0002.044.000811,3784,1412.284,69

Encargado145.00014.0002.184.000871,4784,1413.126,10

Grupo cuarto

Xefe de servicio155.00014.0002.324.000931,5784,1413.967,52

Titulado medio170.00014.0002.534.0001.021,7284,1415.229,65

Grupo quinto

Titulado superior180.00014.0002.674.0001.081,8284,1416.071,06