Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 03 de decembro de 2001 Páx. 15.363

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sobre delegación de atribucións en materia de farmacia.

Unha vez publicado o Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia e co obxecto de lograr unha maior eficacia e axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, faise conveniente que, dentro do respecto ós principios informadores da actuación administrativa, e con suxeición á normativa legal vixente, se deleguen nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais determinadas competencias.

Na súa virtude, facendo uso das atribucións que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

RESOLVO:

Primeiro.-Delegar nos delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a resolución das solicitudes de autorización de funcionamento solicitadas en relación cos expedientes de apertura, traslado, transmisión e modificación de oficinas de farmacia presentados trala entrada en vigor do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

Trala concesión da autorización de funcionamento levantarase a acta de apertura e posta en funcionamento ou, de se-lo caso, de cambio de titularidade, por parte do correspondente servicio da Delegación de Sanidade e Servicios Sociais.

Segundo.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2001.

Manuel A. Silva Romero

Secretario xeral da Consellería de Sanidade

e Servicios Sociais