Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.330

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 358 que afecta ó monte Sieiras e Bornalle, dos lugares de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo, parroquia de Abelleira (concello de Muros).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 12 de xullo de 2001, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 12 de xullo de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, e da secretaria, Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 358.

Monte: Sieiras e Bornalle.

Comunidade: Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo.

Parroquia: Abelleira.

Concello: Muros.

Antecedentes de feito:

1º. Diversos veciños dos lugares de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo, na parroquia de Abelleira, concello de Muros, solicitaron deste xurado, con data do 20-7-1999, a declaración como veciñal dos expresados lugares, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 180,60 h.

Lindeiros:

Parcela 1. Monte Sieiras. Superficie 97,20 h. Procede do monte Sieiras, nº 136 do C.U.P. Norte: remata en punta, no piquete 1 do deslindamento. Leste: do piquete 1 ó 128, seguindo a liña descrita no bosquexo incorporado ó expediente, con máis monte Sieiras. Do piquete 128 ó 295 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Abelleira. Sur: do piquete 295 ó 320, seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares de veciños de Abelleira. Oeste: do piquete 320 ó 332 seguindo a orde de piquetes e deste ó 1, co monte Baño.

Parcela 2. Monte Bornalle. Superficie 83,40 h. Procede do monte Bornallo, nº 109 do C.U.P. Norte: remata en punta no piquete 76. Leste: desde o piquete 76 ata o 79, seguindo a orde de piquetes, co monte Pedregal e Bolantón, do 79 ó 82, seguindo a orde de piquetes, deste ó 1 e do 1 ó 6, seguindo a orde de piquetes, co monte Tal. Sur: do piquete 6 ó 18 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares. Oeste: do piquete 18 ó 73 seguindo a orde de piquetes, con propiedades particulares. Do 73 ó 76 seguindo a orde de piquetes, co monte Calvo e outros.

2º. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose instructora deste a Ana Mª Díaz López, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Muros, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 83 do 2-5-2000), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que desde tempo inmemorial aproveitaron en réxime de comunidade e sen asignación de cotas os montes dos ditos lugares. Presentan acta de manifestacións na que declaran tal condición.

4º. O Servicio de Montes achégase informe no que se fan diversas precisións sobre o perímetro e superficie do monte Sieiras. Unha vez comprobados tales

extremos, rectifícanse as características do dito monte recollidas no antecedente primeiro da resolución, así como o bosquexo que conste no expediente.

5º. Ante este expediente formulouse alegación por parte dos veciños do lugar de Pando, na parroquia de Torea, afirmando que o monte Rateira, de características descritas ó longo do expediente, pertence e ten sido aproveitado desde tempo inmemorial polos veciños do dito lugar e que nunca ten sido da pertenza nin ten sido aproveitado polos veciños da parroquia de Abelleira. Presentan para tal efecto acta de manifestacións ante notario.

6º. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo, parroquia de Abelleira, concello de Muros, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º. Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do expresado no punto anterior, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal dos lugares de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo, parroquia de Abelleira, no que se cumpren os aludidos requisitos.

5º. En relación á reclamación formulada polos veciños do lugar de Pando, este xurado decide esti

mala, tanto pola pertenza do monte a favor da parroquia de Torea, xa recollida no Catálogo de Utilidade Pública desde o ano 1901 e reafirmada no deslindamento de 1968, como principalmente porque os aproveitamentos viñan sendo realizados polos veciños do dito lugar, conforme o descrito no informe do Servicio de Montes que consta no expediente. En consecuencia, o xurado decide que o monte Rateira deberá ser obxecto doutro expediente de cualificación a favor dos veciños de Pando, rectificando en tal sentido as características do monte que figuran no antecedente primeiro.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Cualificar como monte veciñal en man común da comunidade veciñal dos lugares de Bornalle, Vilar, Priegue e Pazo, parroquia de Abelleira, concello de Muros, o denominado monte Sieiras e Bornalle, coas características que figuran no primeiro antecedente. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do Inventario de Bens do Concello e do Catálogo dos de Utilidade Pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2001

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes

Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña