Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.332

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 357 que afecta ó monte de Corrubedo, do lugar de Corrubedo, parroquia de Coiro (concello de Mazaricos).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes

veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 12 de xullo de 2001, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 12 de xullo de 2001, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez- Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, e da secretaria, Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 357.

Monte: de Corrubedo.

Comunidade: Corrubedo.

Parroquia: Coiro.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

1º. Diversos veciños do lugar de Corrubedo, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, solicitaron con data do 9-7-1999 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 96 ha.

Lindeiros: procede do monte Cadaval, Ruña e outros, nº 103-D do C.U.P. Norte: co monte veciñal de Suevos e predios particulares de veciños de Corrubedo. Desde o piquete 250 do deslindamento segue devasa ata o 185, e deste segue a orde de piquetes ata o 193. Leste: con predios particulares de veciños de Corrubedo. Do piquete 193 segue a orde de piquetes ata un punto situado entre os piquetes 197 e 198, sobre a liña do deslindamento. Sur: co monte particular dos veciños de Vilar de Costa. Desde o punto situado entre os piquetes 197 e 198, segue estrema do monte de Vilar de Costa ata un punto situado entre os piquetes 243 e 244, sobre a liña do deslindamento. Oeste: co termo do concello de Muros. Desde o punto situado entre os piquetes 243 e 244 segue a orde de piquetes ata o 250.

2º. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeando como instructor del a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose

edictos no DOG (nº 83 de 2-5-2000), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños de Corrubedo fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que viñan aproveitando de forma consuetudinaria en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, o monte correspondente ó dito lugar. Presentan copia de escrituras antigas de compravenda nas que hai referencias ó monte veciñal. Esta petición é informada favorablemente polo acordo do Pleno do Concello de Mazaricos con data do 20-1-1997. Finalizado o período de publicación de edictos, non houbo alegación ningunha contra o presente expediente.

4º. O Servicio de Montes achegé informe no que se fan diversas precisións sobre os lindeiros do monte de Corrubedo na súa lindancia co monte veciñal da comunidade de Suevos e o monte privado dos veciños de Vilar de Costa. Unha vez comprobados tales extremos, rectifícanse as características do monte de Corrubedo recollidas no antecedente primeiro da resolución, así como o plano que consta no expediente, co obxecto de facelas coincidentes coa descrición de tales montes.

5º. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos doús da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundadamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/92, do 4 de setembro, os veciños de Corrubedo, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de1992).

4º. Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no punto anterior, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal do lugar de Corrubedo, parroquia de Coiro, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Cualificar como veciñal en man común da comunidade do lugar de Corrubedo, parroquia de Coiro, concello de Mazaricos, o denominado monte de Corrubedo, cos lindeiros, superficie e características que figuran no antecedente primeiro. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndo lo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña