Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.329

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2001, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 359 que afecta ó monte do Gato, da parroquia de Ois (concello de Coirós).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 10 de maio de 2001, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 10 de maio de 2001 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 359

Monte: do Gato

Comunidade: Pª Ois

Parroquia: Ois

Concello: Coirós

Antecedentes de feito:

1º. Diversos veciños da parroquia de Ois, concello de Coirós, solicitaron con data do 27-5-1999 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 12,98 ha.

Lindeiros: procede do monte do Gato, nº 27 do C.U.P. Norte: montes de propiedade de Lidia Pérez López, Angélica Pérez López e outros. Leste: Carmen Platas Sánchez, Julio Rodríguez Cadaveira e outros. Sur: José Barral Piñeiro, Ignacio Ares Carro e outros. Termo do concello de Aranga. Oeste: hrdos. de Ramón Pato García, Gabriela Tomé Pato e outros.

2º. Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 17-11-1999, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Betanzos, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Coirós, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 83, do 2-5-2000), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

3º. Os veciños da parroquia de Ois fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común en que desde tempo inmemorial viñan posuíndo e aproveitando en réxime de man común dito monte. Presentan copia do interrogatorio do Marqués de la Ensenada referido á Fregresía de Santa María de Ois na que xa aparecen referencias á dita condición.

4º. Ante este expediente formulou alegación o Concello de Coirós, que afirma que é propietario do dito monte desde tempo inmemorial coa cualificación de ben comunal, tendo a carácter de ben de dominio público. Presentan certificado da súa inscrición no Inventario de Bens do concello, así como no Rexistro da Propiedade de Betanzos. En relación ós aproveitamentos, o Concello de Coirós alega que o monte non ten sido obxecto de aproveitamento comunal de forma global, se ben puido darse algún aproveitamento esporádico.

5º. Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

1º. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Ois, concello de Coirós, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º. Na documentación que consta no expediente constan antecedentes da existencia de montes veciñais na parroquia de Ois, tanto pola denominación xenérica de montes abertos e comúns feita no interrogatorio do Marqués de la Ensenada, como máis concretamente no presente caso pola atribución da pertenza do monte do Gato á citada parroquia na súa inclusión no Catálogo de Utilidade Pública no ano 1901, ou a máis recente inscrición rexistral do monte do Gato do ano 1982, que tamén atribúe a súa pertenza á parroquia de Ois. Sen embargo, non están suficientemente acreditados ante este xurado os aproveitamentos que alegan os veciños solicitantes, dado que, segundo o informe achegado polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, actualmente non se realizan tales aproveitamentos por parte dos veciños, nin se aprecian actos de disposición, ocupacións ou actos de posesión sobre as ditas parcelas.

5º. O xurado, á vista dos escritos motivados dos dereitos de ámbalas dúas partes, estima que os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puideran ter sobre o monte os aspirantes a comuneiros, así como os do Concello de Coirós, mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade solicitante, implica que, o que neste se expón, é cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, para substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Non cualificar como veciñal en man común o monte do Gato afectado por este expediente».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 10 de maio de 2001.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña