Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 22 de novembro de 2001 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio do ano 2002.

Mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional.

Na antedita transferencia, a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP). En exercicio de tal competencia díctase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no que se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto Nacional de

Emprego (Inem) como as comunidades autónomas con competencias na materia, e establécese a necesidade de realizar unha convocatoria pública durante o trimestre anterior ó comezo do exercicio anual para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación, indicando os termos, prazos e condicións nos que as solicitudes deben presentarse e as accións executarse.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúelle a esta, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo á formación ocupacional; o Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ós que se axusta a presente disposición.

Esta orde pretende concreta-los principios xerais contidos na antedita Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia no relativo ás axudas relativas ós cursos de formación ocupacional para os traballadores desempregados dirixidas á súa cualificación para o acceso a un emprego.

Todas estas accións de formación ocupacional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como obxectivo da política de emprego europea acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 que a modifica, establece no seu artigo 3.3º que poderán tramitarse, no exercicio inmediatamente anterior ó que se vaian imputa-los correspondentes gastos, os expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas e subvencións derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente dos fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal dictada en desenvolvemento ou transposición dela, e que existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das medidas citadas.

Por outra banda, a citada orde establece tamén que se na data do 20 de outubro non estivese aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de orzamentos para a súa remisión ó Parlamento, segundo dispón o artigo 52 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, poderá iniciarse a tramitación de expedientes anticipados durante o período que medie entre a citada data e o 31 de decembro do correspondente exercicio

orzamentario, sempre e cando se acredite que normalmente vai existir crédito axeitado e suficiente para o gasto que se vai efectuar. Así, o financiamento das axudas previstas na presente orde de convocatoria farase con cargo ós créditos dos programas 14.03.241A.471.0: 9.010.926,40 (1.499.292.000 pesetas) e 14.03.241A.480.0: 27.885.849,77 (4.639.815.000 pesetas), que normalmente van figurar nos estados de gastos dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas do Plan FIP, correspondentes ó exercicio do ano 2002, xestionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través das súas delegacións provinciais e da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 2º.-Impartición.

1. A impartición das accións de formación profesional ocupacional realizarase, ademais de nos centros de formación profesional propios da Xunta de Galicia, naqueles dos que dispoñan as entidades que a continuación se indican e que, consecuentemente, poderán participar na convocatoria pública:

a) As que, de conformidade co disposto no Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no Censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispoñan de centros que estean inscritos nel, para impartir aquelas especialidades formativas que teñan homologadas ou solicitasen a súa homologación ata o día 30 de xuño de cada ano natural, tal e como sinala o artigo 3.3º do citado Decreto 158/2001, se ben estas solicitudes estarán supeditadas á resolución positiva de homologación.

b) As organizacións empresariais ou sindicais, os organismos paritarios de formación de ámbito sectorial e as organizacións representativas da economía social que dispoñan de centros con especialidades homologadas, de conformidade co establecido na alínea a).

c) As empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas con compromiso de contratación. Estes proxectos regularanse polo establecido nesta orde, coas espe

cificidades que se recollen no capítulo IV, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. As entidades beneficiarias de axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional non poderán subcontratar ou cederlle a un terceiro a execución dos cursos aprobados.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro desta orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. O importe destas subvencións concretarase no producto do número de horas do curso pola media de alumnos que tivese este dentro da súa primeira metade e polo importe do módulo que lle corresponda ó propio curso. Terase en conta que os alumnos que causen baixa por colocación así como os que causen baixa nun curso para incorporarse a outro, coa preceptiva autorización neste último caso, non se considerarán alumnos en baixa. O módulo que se aplicará a cada curso, que terá como límite máximo o fixado pola normativa estatal do Plan FIP, recóllese no anexo IV desta orde.

3. O módulo correspondente a cada curso constará de tres partes: A referida ós custos de persoal, B referida ó resto dos custos aboables do curso e C referida ás bolsas e axudas ós alumnos. A cada unha destas partes fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual á do módulo completo.

4. O cobramento desta subvención será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 4º.-Custos subvencionables.

1. Poderanse recoller como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte A do módulo os gastos de profesorado, que comprenderán os soldos ou honorarios do persoal docente, contratado fixo ou eventual ou o prezo do servicio externo docente. Poderanse incluír tamén os custos de preparación, seguimento, control da actividade docente e os gastos de Seguridade Social por conta do centro colaborador cando contratase os profesores por conta allea, coa obriga da súa afiliación e/ou alta na Seguridade Social.

2. Poderanse recoller, como custos aboables ou subvencionables correspondentes á parte B do módulo, os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, de se-lo caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización de actividades relacionadas co curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria, de duración superior a un exercicio

anual. En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25 por 100 da parte B do módulo.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, que comprenderán os seguintes conceptos, que deberán te-la a súa orixe na actividade do curso: seguros; comunicacións; gastos de persoal directivo e administrativo estrictamente necesario; gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola correspondente delegación provincial. Neste caso tamén poderá incluírse o importe das entradas para alumnos e profesores, pero non a manutención durante as visitas; gastos de limpeza do lugar ou lugares de impartición do curso: aulas, talleres e elementos comúns; gastos de publicidade do curso necesarios para a incorporación dos alumnos, de conformidade co establecido nesta disposición ou na súa normativa de desenvolvemento, para a execución dos cursos aprobados dentro do Plan FIP.

f) Gastos de alugueres de instalacións e de maquinaria.

3. A parte C do módulo estará constituída polas bolsas e axudas ós alumnos, nas condicións establecidas nas normas que en desenvolvemento desta orde dicte a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 5º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para tódolos centros colaboradores no artigo 12 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, os beneficiarios das axudas deberán:

1. Cando se trate de entidades con ánimo de lucro, acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ó cobramento das subvencións, que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das excepcións recollidas na Lei anual de orzamentos.

2. Pedir, no momento da incorporación dos alumnos, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

-Copias compulsadas dos seus DNI.

-Ficha individual de cada alumno.

-Documentación acreditativa de atoparse nos supostos de concesión das bolsas e axudas ós alumnos.

3. Remitir, como mínimo cinco días antes do inicio do curso, á delegación provincial correspondente:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición, respectando o mes de inicio e a previsión de horario de mañá ou tarde, no caso de que fosen fixadas na resolución de concesión.

-A planificación temporal dos módulos do curso.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación dos docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa da súa formación e experiencia, cando esta non estea xa en poder da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, facendo consta-la súa formación metodolóxica.

4. Remitir, o día de inicio de cada curso, certificación xustificativa do seu comezo e, se é o caso, das modificacións producidas en relación cos datos sinalados no punto anterior.

5. Remiti-lo resto da documentación necesaria para a impartición e xestión do curso no tempo e forma que se estableza por resolución do director xeral de Formación e Colocación.

6. Os datos da xestión do curso poderán introducirse en liña a través da aplicación informática que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá á disposición dos centros. Para que este proceso en liña poida realizarse, os centros colaboradores que non dispoñan dun acceso permanente á rede corporativa da Xunta de Galicia deberán dispoñer de saída á Internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior.

Os centros colaboradores que utilicen o acceso vía Internet para a xestión do curso deberán ter unha impresora soportada polo sistema operativo instalado no correspondente servidor de terminais dos servicios centrais da Xunta de Galicia. Os centros poñerán á disposición da Dirección Xeral de Formación e Colocación o controlador para a citada impresora.

7. Enviar, sen prexuízo do disposto no artigo 7.3º, con data límite do 30 de novembro de 2002, á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á correspondente delegación provincial, segundo quen concedese o curso, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación que deberá presentarse por cada curso selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Orixinal ou fotocopia compulsada de tódalas facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de tódolos gastos imputables ó curso.

-Certificación dos gastos por módulos.

-Declaración complementaria do conxunto de tódalas axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

8. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, así como os dereitos e deberes dos alumnos e dos centros colaboradores.

9. Aboarlles mensualmente ós alumnos as axudas previstas no artigo 4, así como ós profesores a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

10. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, tanto no relativo ó desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

11. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estrictamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas non laborais en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restricción nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

12. Cando se realicen prácticas non laborais en empresas, ou outras actividades relacionadas co curso, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da súa realización.

13. Comunicarlles ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo de cinco días, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos cursos programados.

14. Solicitarlles ás delegacións provinciais, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos programados.

15. Acepta-las modificacións que, de se-lo caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

16. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 6º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada curso, en concepto de anticipo, no momento no que a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou a Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, reciba comunicación da entidade impartidora na que se notifique o inicio de cada curso, así como a documentación sinalada no parágrafo 1 do artigo 5º.

b) O importe restante, unha vez rematadas tódalas accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha mediante certificación do responsable da entidade por conceptos orzamentarios, segundo o establecido no artigo 5º.7 desta orde. A xustificación realizarase curso a curso dentro dos quince días seguintes á súa finalización, sen prexuízo do sinalado no punto 4 e no artigo 5º.7.

2. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ó 80% da subvención concedida.

3. Poderanse aboar anticipos de ata o 80% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio do primeiro dos cursos, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A documentación requirida para a xustificación final dos gastos de cada curso deberá presentarse no prazo de 15 días desde o remate do curso, tendo como data límite o 30 de novembro do ano 2002.

Ás entidades que, transcorrido o antedito prazo, non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos, poderá serlles esixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto no artigo 6º desta orde.

5. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ó disposto nesta orde ou na súa normativa de desenvolvemento, o Servicio de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación, nos servicios centrais, ou o Servicio de Formación e Colocación, nas respectivas delegacións provinciais, emitirán certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

En caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclama-lo reintegro, total ou parcial, da axu

da concedida, nos termos e coas condicións sinalados no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 8º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para verifica-lo cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas a tódolos cursos aprobados.

2. Cando nun curso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puideran ser emendadas no prazo concedido para o efecto polo delegado/a provincial correspondente, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión, coa obriga de reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións establecidos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 9º.-Remate das accións.

O remate e xustificación dos cursos terán como data límite o 30 de novembro de 2002.

Artigo 10º.-Beneficiarios dos cursos.

Tódolos cursos regulados nesta orde van dirixidos a desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego en data anterior á súa incorporación ó curso.

Artigo 11º.-Selección de alumnos.

1. A selección dos alumnos asistentes ós cursos realizarase na forma que se estableza por resolución do director xeral de Formación e Colocación.

2. O número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15 e non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12. No suposto de que o curso se inicie con 12 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro da primeira metade deste; en caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 3.2º.

3. Se non se incorporan os alumnos seleccionados ou se producen baixas dentro da primeira metade do curso, poderán substituírse por novos alumnos, sempre que estes teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso, a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

4. Nos cursos nos que, malia se intentar completa-lo número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50 por 100 do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser cancelados polo órgano competente en cada caso da

Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. En caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 18 desta orde e aprobada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou, de se-lo caso, polo respectivo delegado/a provincial por delegación da conselleira, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. Os alumnos participantes nas accións formativas gozarán de formación gratuíta.

2. Os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente e, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación ou do respectivo/a delegado/a provincial, por causas excepcionais debidamente xustificadas, non poderán causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos e de facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora, dentro dos 10 primeiros días lectivos; será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes ou non segui-lo curso con aproveitamento a criterio do seu responsable.

4. Os alumnos que rematen os cursos con aproveitamento e asistisen como mínimo ó 75% das súas horas lectivas, recibirán un diploma oficial, no modelo que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, acreditativo da súa realización, no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido.

e) Entidade impartidora.

Así mesmo, poderá concedérselle-lo diploma a aqueles alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistisen, como mínimo, ó 75 por 100 das horas lectivas.

5. Os alumnos que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se así o solicitan, unha certificación polas horas e módulos ós que asistisen.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial.

2. Con carácter xeral, tódalas especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no ficheiro de especialidades homologadas polo Inem e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado de acordo co seu nivel e o grao de dificultade establecido.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, excepcionalmente, poderá autoriza-la impartición de especialidades formativas que non estean recollidas no ficheiro sinalado no parágrafo anterior, como proxectos experimentais ou innovadores, sempre que as entidades que os promovan lle xunten á solicitude a seguinte documentación:

a) Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

b) Descrición do programa formativo segundo a estructura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

c) Valoración estimada do custo da formación de acordo co sistema de cálculo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

4. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente homologado, salvo cando non estea publicado oficialmente, nos compromisos de contratación cando sexa expresamente autorizado e nas accións formativas previstas no punto 3 deste artigo.

Artigo 14º.-Prácticas non laborais en empresas.

A parte práctica do curso, de acordo co seu programa, poderá realizarse en aulas-taller apropiadas ou en empresas coas que se asinasen os oportunos convenios de colaboración, directamente ou a través da organización empresarial correspondente.

As prácticas en empresas, sempre que se realicen con base nos convenios asinados entre a Xunta de Galicia (Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude) e a empresa ou a organización empresarial correspondente, nos termos pactados neles, non suporán a existencia de relación laboral entre os alumnos e as empresas.

No convenio deberán figurar, como mínimo, o contido das prácticas, a empresa na que se realizarán, a súa duración, alumnos que as realizarán e número de horas por alumno, existencia dun seguro de accidentes para os alumnos e dunha póliza de responsabilidade civil. Nas pólizas de seguros e de responsabilidade civil deberá constar unha referencia expresa ás prácticas non laborais.

As empresas poderán recibir unha compensación económica por alumno e día de práctica que se fixará nas normas que dicte a Dirección Xeral de Formación e Colocación en desenvolvemento desta orde.

Os convenios para a realización das prácticas non laborais relativas ós cursos de carácter provincial serán asinados polos respectivos delegados provinciais, por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. O resto dos convenios serán asinados pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 15º.-Solicitudes.

1. As entidades incluídas no artigo 2º, que desexen colaborar na impartición das accións formativas correspondentes ó Plan FIP, deberán formaliza-la correspondente solicitude por triplicado no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de información ó cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado, segundo o anexo II, na que necesariamente deberá indicarse o mes do seu inicio e a previsión da súa impartición en horario de mañá ou tarde.

c) Cando as accións solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades, as entidades deberán achega-lo programa completo do curso temporizado por módulos e unha relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

2. As solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cando se trate de entidades que estean integradas na rede informática corporativa da Xunta de Galicia como centros asociados ó Servicio Galego de Colocación, a solicitude poderá presentarse telematicamente, no prazo sinalado no artigo 16.1º, no modelo que xere o sistema de xestión de procedementos administrativos.

Neste caso as entidades deberán remitir, no prazo de dez días desde a transmisión da solicitude, a documentación acreditativa da representatividade suficiente para formulala.

4. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 16º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación da presente orde.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 17º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados no punto 1º do artigo 6 do antedito decreto, a tramitación será a seguinte:

No ámbito provincial, os expedientes remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o delegado/a provincial.

Nos expedientes de resolución centralizada, o director xeral de Formación e Colocación, tendo en conta o informe da comisión, elevará proposta de resolución ante o órgano competente para resolver.

3. Para o efecto previsto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta polos seguintes membros:

a) Nas delegacións provinciais, polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Formación e Colocación, que actuará como secretario e un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de entre o persoal adscrito a ela.

b) Nos servicios centrais, polo subdirector xeral de Formación Ocupacional, que a presidirá, e serán vocais os xefes dos servicios de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario.

c) Se, por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou o director xeral de Formación e Colocación, segundo proceda.

4. A comisión de valoración, á hora de avalia-las solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

a) A existencia dun compromiso de contratar alumnos que realicen o curso por parte das entidades previstas no artigo 2.1º a) e b).

b) A impartición de accións formativas en exercicios anteriores cun grao de cumprimento, de calidade da formación impartida e de colocación de alumnos satisfactorio.

c) O número de desempregados e adecuación ás necesidades de formación detectadas no territorio para o que se soliciten os cursos.

d) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, axeitadas ós coñecementos impartidos, promovendo para o efecto o oportuno acordo entre Administración e empresa ou organización empresarial.

e) A realización acreditada de actuacións previas tendentes a detecta-las necesidades de formación nas especialidades que se vaian impartir entre as empresas do sector, co fin de acada-la promoción ou inserción laboral dos alumnos no mercado de traballo.

f) A existencia doutros recursos formativos na zona, de acordo co mapa integrado de recursos de formación profesional en Galicia, editado pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

g) A impartición de especialidades que se axusten ós certificados de profesionalidade e/ou se refiran a novas actividades profesionais ou viveiros de emprego.

h) A demanda desa especialidade na área funcional para a que se solicita o curso, efectuada polo sector productivo ou detectada por outros medios.

Artigo 18º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da comisión de valoración, do Consello Galego de Formación Profesional ou dos comités provinciais de emprego e seguimento da contratación, segundo proceda, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención corresponderalle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando se trate de entidades con centros homologados en máis dunha provincia, ou, no ámbito provincial, ós respectivos delegados provinciais por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e deberán ser notificadas ós interesados.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido

na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Capítulo IV

Dos proxectos formativos con compromiso

de contratación

Artigo 19º.-Proxectos formativos con compromiso de contratación.

A impartición dos proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2.1º c) regularase polo establecido nesta orde e na súa normativa de desenvolvemento, tendo en conta as peculiaridades recollidas nos artigos seguintes.

Artigo 20º.-Requisitos.

1. As entidades solicitantes deberán comprometerse a contratar polo menos o 60 por cento dos alumnos que inicien o curso, por un período mínimo inicial de seis meses a xornada completa, ou tempo equivalente no caso de que a contratación non sexa a xornada completa. Neste último caso non se admitirán contratos inferiores ás catro horas diarias.

2. Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas que non reducisen o número total de traballadores, nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso, agás que se trate de empresas que tiveran un expediente de regulación de emprego nese período. Así mesmo, deberán xustificar que non reduciron o número de traballadores con contrato indefinido nin o número total de traballadores da empresa durante a realización do curso.

3. A maiores da acreditación dos requisitos formais esixidos para o compromiso de contratación nesta orde e no resto da normativa aplicable, o órgano competente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá face-las indagacións pertinentes e solicitar da entidade solicitante ou dos organismos competentes a documentación que considere axeitada para garanti-la viabilidade do proxecto formativo: grao de cumprimento de contratación e mantemento do emprego en proxectos formativos impartidos en anos anteriores, de se-lo caso; balances da empresa; documentación de Seguridade Social, etc. Esta documentación e informes, xunto co resto da documentación esixida, servirán para valora-la concesión do proxecto formativo á entidade solicitante.

Artigo 21º.-Lugar de impartición.

No caso de que a entidade careza de instalacións axeitadas para a impartición do proxecto formativo, poderá autorizarse a súa impartición nas instalacións dun centro inscrito no Censo de Centros Colaboradores de Formación Ocupacional, ou en calquera outro centro, que deberá homologarse previamente con carácter provisional, de acordo cos requisitos

e tramitación regulados no Decreto 158/2001, do 29 de xuño. A posesión da correspondente licencia municipal deberá acreditarse tanto nos locais onde se imparta a parte teórica como a práctica.

Artigo 22º.-Obrigas.

A acreditación de estar ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e de que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia deberán facela tódalas empresas que participen no proxecto, directa ou indirectamente, ben impartíndoo ou ben asinando os compromisos de contratación. Así mesmo, as empresas vinculadas a unha mesma dirección deberán achega-la documentación relativa ás súas diferentes razóns sociais.

Artigo 23º.Pagamento.

1. Para o aboamento do anticipo do 50% regulado no artigo 7 desta orde, as entidades impartidoras deberán achegar en todo caso, xunto co resto da documentación esixida, garantía a favor da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Terase en conta que non se lles aboará a liquidación final mentres a empresa non remita as copias dos contratos de traballo rexistrados que supoñan unha relación indefinida ou temporal de seis meses como mínimo e acredite que se mantén a ratio desde a data de solicitude entre traballadores con contrato indefinido e sen contrato indefinido.

Artigo 24º.-Prazo de presentación dos contratos.

As empresas terán como prazo límite para a presentación dos contratos ós que se comprometeron non momento de presentación do proxecto formativo ata o 30 de abril de 2003; unha vez transcorrido este prazo sen que as empresas presenten os contratos, darase por non cumprido o compromiso. Por causas excepcionais, logo de petición motivada da entidade, este prazo poderá ser ampliado polo director xeral de Formación e Colocación.

Artigo 25º.-Remate das accións.

O remate e xustificación dos cursos terán como data límite o 30 de novembro de 2002. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, os proxectos formativos poderán rematar con posterioridade a esa data.

Artigo 26º.-Solicitudes.

1. A solicitude destes cursos non poderá facerse telematicamente.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2002.

3. A maiores da documentación esixida para o resto das accións formativas, as entidades solicitantes de proxectos formativos deberán achegar compromiso de contratación asumido pola/as empresa/as que vaian contrata-los alumnos, así como o anexo III debidamente cuberto e asinado polo representante legal da empresa.

Artigo 27º.-Número de alumnos.

O número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnos para o cómputo da subvención nin para a porcentaxe de alumnos que se van contratar.

Artigo 28º.-Resolución.

A resolución, que lle corresponderá dictar, en todo caso, á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, deberá producirse no prazo de seis meses desde que a solicitude do interesado teña entrada no rexistro correspondente. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas na presente orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 14.03.241A.471.0 e 14.03.241A.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002. A forma de pagamento prevista no artigo 7º da presente orde estará condicionada á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á Comunidade Autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Cuarta.-Poderán financiarse con cargo ás axudas e subvencións desta orde os proxectos formativos con compromiso de contratación previstos no artigo 2.1º c), aínda que as accións formativas se inicien, por razóns excepcionais debidamente acreditadas e xustificadas pola entidade solicitante, antes de que

se dicte a correspondente resolución de concesión, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a solicitude fose presentada con anterioridade ó inicio das accións.

b) Que as accións formativas se inicien e rematen dentro do ano 2002.

c) Que se cumpran tódolos requisitos formais e de procedemento, aínda que sexa a posteriori, previstos nesta orde.

d) Que a entidade solicite autorización de inicio á Dirección Xeral de Formación e Colocación, expoñendo as razóns excepcionais polas que pretenden comezar anticipadamente. En caso de autorización, a empresa deberá comunica-lo inicio á delegación provincial correspondente con cinco días de antelación ó comezo do curso.

Quinta.-De acordo co disposto no artigo 3.3º do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, como norma xeral, o prazo de presentación de solicitudes de homologación estará aberto desde o día seguinte ó do remate do prazo de presentación de solicitudes de programación de formación ocupacional fixado nas correspondentes ordes de convocatoria ata o 30 de xuño seguinte.

Sexta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude nos delegados/as provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde. Apróbase, así mesmo, a delegación para asina-los convenios que se subscriban para a realización das prácticas non laborais en empresas relativas ós cursos de carácter provincial.

Sétima.-En todo o non disposto na presente disposición será de aplicación o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, así como a súa normativa de desenvolvemento, e, de se-lo caso, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO IV

Módulos dos cursos

O importe das subvencións concrétase no resultado da definición de niveis e graos de dificultade expresados en euros (pesetas)/hora alumnos de cada curso, que son:

Parte A:

Graos de dificultade

NiveisBaixoNormalAlto

Básico0,86 E (143 ptas.)1,13 E (188 ptas.)1,41 E (235 ptas.)

Medio1,13 E (188 ptas.)1,54 E (257 ptas.)1,95 E (325 ptas.)

Superior1,68 E (280 ptas.)2,23 E (371 ptas.)2,78 E (462 ptas.)

Alto2,23 E (371 ptas.)2,78 E (462 ptas.)3,32 E (552 ptas.)

Na aplicación das contías desta parte A do módulo, terase presente que a subvención máxima para gastos de profesorado será a considerada para 15 alumnos, incluíndo nestas contías a cota empresarial da Seguridade Social.

Esta parte do módulo incrementarase nun 20 por 100 para aquelas especialidades que estean cualificadas como novas tecnoloxías no ficheiro do Inem.

Parte B:

A subvención media establecida é de 1,57 euros (261 pesetas) por alumno e hora de curso, podendo oscilar entre un mínimo de 0,70 euros (117 pesetas) e un máximo de 2,43 euros (404 pesetas), en función dos elementos materiais que se utilicen nos cursos.

A cuantificación económica concrétase nos 48 parámetros que se relacionan a continuación:

Ponderación

NúmeroEconómicaParámetrosPesetas/euros

1Baixo-baixoBB 10,70 E (117 ptas.)

2Baixo-baixoBB 20,74 E (123 ptas.)

3Baixo-baixoBB 30,78 E (130 ptas.)

4Baixo-baixoBB 40,82 E (136 ptas.)

5Baixo-medioBM 10,85 E (142 ptas.)

6Baixo-medioBM 20,89 E (148 ptas.)

7Baixo-medioBM 30,93 E (155 ptas.)

8Baixo-medioBM 40,96 E (160 ptas.)

9Baixo-altoBA 11,00 E (167 ptas.)

10Baixo-altoBA 21,04 E (173 ptas.)

11Baixo-altoBA 31,08 E (180 ptas.)

NúmeroEconómicaParámetrosPesetas/euros

12Baixo-altoBA 41,11 E (185 ptas.)

13Normal-baixoNB 11,15 E (191 ptas.)

14Normal-baixoNB 21,19 E (198 ptas.)

15Normal-baixoNB 31,23 E (204 ptas.)

16Normal-baixoNB 41,26 E (210 ptas.)

17Normal-medioNM 11,30 E (216 ptas.)

18Normal-medioNM 21,34 E (223 ptas.)

19Normal-medioNM 31,38 E (229 ptas.)

20Normal-medioNM 41,41 E (235 ptas.)

21Normal-altoNA 11,45 E (241 ptas.)

22Normal-altoNA 21,48 E (247 ptas.)

23Normal-altoNA 31,53 E (254 ptas.)

24Normal-altoNA 41,57 E (261 ptas.)

25Superior-baixoSB 11,60 E (267 ptas.)

26Superior-baixoSB 21,64 E (273 ptas.)

27Superior-baixoSB 31,68 E (279 ptas.)

28Superior-baixoSB 41,71 E (285 ptas.)

29Superior-medioSM 11,75 E (291 ptas.)

30Superior-medioSM 21,79 E (297 ptas.)

31Superior-medioSM 31,82 E (303 ptas.)

32Superior-medioSM 41,86 E (309 ptas.)

33Superior-altoSA 11,89 E (315 ptas.)

34Superior-altoSA 21,93 E (321 ptas.)

35Superior-altoSA 31,97 E (327 ptas.)

36Superior-altoSA 42,00 E (333 ptas.)

37Alto-baixoAB 12,03 E (338 ptas.)

38Alto-baixoAB 22,07 E (344 ptas.)

39Alto-baixoAB 32,10 E (350 ptas.)

40Alto-baixoAB 42,14 E (356 ptas.)

41Alto-medioAM 12,18 E (362 ptas.)

42Alto-medioAM 22,21 E (368 ptas.)

43Alto-medioAM 32,25 E (374 ptas.)

44Alto-medioAM 42,28 E (380 ptas.)

45Alto-altoAA 12,32 E (386 ptas.)

46Alto-altoAA 22,36 E (392 ptas.)

47Alto-altoAA 32,39 E (398 ptas.)

48Alto-altoAA 42,43 E (404 ptas.)