Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 30 de novembro de 2001 Páx. 15.304

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dicta a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixa o período e condicións para presenta-las solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, no vindeiro ano 2002.

De conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 20 de xaneiro de 2000, pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Tea e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da dita pesquería, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2002 que só poderá practicarse desde 700 metros augas abaixo da ponte romana de Ponteareas ata a con

fluencia do Tea co río Miño, coas limitacións que a continuación se indican:

-Os pescadores interesados nesta pesca deberán participar no sorteo público que celebrará o Servicio de MAN de Pontevedra, na data, hora e lugar que se fará público, no que se indicará os postos de pesca para a colocación das estacadas.

-Os medios que se poderán empregar serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira situada en voadizo sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non pasará a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre estacas ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

-Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licencia de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día. Documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas a pescadores con permiso presentes nela; sendo todos eles responsables do incumprimento desta condición.

-O período hábil de pesca será desde o 21 de xaneiro ata o 29 de abril.

-A pesca realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares. As persoas que pesquen os luns, mércores e venres comezarán ás 21 horas destes días e poderán facelo ata as 8 horas do día seguinte. As persoas que o fagan os martes, xoves e sábados comezarán ás 21 horas destes días e poderán facelo ata as 8 horas do día seguinte.

-Prohíbese a pesca desde as 21 horas dos domingos ata as 21 horas dos luns.

Requisitos que hai que seguir na instalación das estacadas:

* Deberán estar debidamente numeradas e situadas de conformidade co recollido no anexo, onde as fixe sobre o terreo o persoal da Consellería de Medio Ambiente, e en ningún caso se poderá monta-las estacadas fóra do lugar establecido, nin se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de 2 estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente, solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

* Deberán ter acceso desde terra e, en ningún caso, as dimensións das estacadas pasarán a metade do río.

* Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servicio de MAN, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992, de pesca fluvial.

* Na iluminación da estacada só se poderán utilizar bombillas, quedando prohibido focos ou similares.

* Finalizado o réxime especial o día 29 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retira-las estacadas e demais instalacións, deixando o contorno libre de lixo, e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas no refuxio da Freixa ou no Servicio de Medio Ambiente Natural en Pontevedra, rúa Benito Corbal, 47-5ª planta.

Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán tódalas persoas autorizadas conxunta e solidariamente.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, non podendo causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licencia de especial para embarcación (licencia clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lle correspondera no sorteo. En ningún caso, estas barcas poderán ser accionadas a motor.

O persoal que designe o Servicio de MAN revisará cada estacada e cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde ela levantarase.

Se durante a temporada de pesca da lamprea os axentes observan que algún pescador incumpre calquera outra condición desta normativa poderanlle retirar, nese intre, os permisos que lle queden, sen dereito á devolución do seu importe.

O Servicio de MAN, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modifica-lo contido da presente normativa adoptando medidas axeitadas.

Sorteo de postos de pesca para a captura da lamprea no río Tea.

Para poder participar neste sorteo os interesados deberán presentar:

-Solicitude segundo modelo oficial.

-Fotocopia cotexada do DNI.

O sorteo para a posesión dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 11 de xaneiro de 2002, ás once horas, á vista das solicitudes que para este fin se reciban no Servicio Provincial de MAN, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta (Pontevedra) ata o 17 de decembro de 2001.

A zona de pesca está comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Cada solicitante elixirá previa presentación do DNI pola orde obtido no sorteo.

De acordo co número obtido no sorteo cada pescador retirará un lote de permisos de 4ª categoría para toda a temporada previo pagamento do prezo público que corresponda y presentación da licencia de pesca.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores xuntándose na mesma solicitude. Se se comprobase que o nome dun pescador aparece recollido en máis dunha solicitude, anularase.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non fose o seu propio, nin pescar desde un posto distinto o que figura no seu permiso.

Se quedase algún posto vacante sortearase entre os pescadores que por razón do sorteo e estando incluídos nel non tiveran opción de escoller posto, sempre que o número de solicitudes supere o número de postos autorizados e que se indican no anexo desta resolución.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Os pescadores que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción administrativa da lexislación de pesca non poderán optar ó sorteo das estacadas.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas que deberán ser debidamente cubertos e deberán estar sempre á disposición dos axentes de MAN. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ó sorteo da próxima temporada.

Pontevedra, 15 de novembro de 2001.

José Luis Díez Yáñez

Delegado provincial de Pontevedra

ANEXO

Estacadas do río Tea 2002

Lonxitude total: 12.412 metros.

Nº estacadaDistancia (m)

Ponte do Ferrocarril

60

1

100

2

60

3

50

4

60

5

370 (ponte romana/ponte PO-412)

6

100

7

60

8

115

Nº estacadaDistancia (m)

9

305

10

100

11

120

12

120

13

100

14

352

15

50

16

677

17

173

18

280 (ponte Cordeiro)

19

1.160

20

120

21

400

22

100

23

290

24

210

25

200

26

1.350

27

1.850

28

220

29

300 (ponte das Partidas)

30

100

31

100

32

100

33

590

34

100 (desembocadura Uma)

35

350

36

110

37

110

38

110

Nº estacadaDistancia (m)

39

120

40

90

41

120

42

120

43

160

44

210

45

80

46

150

47

100

48

120

Praia da Moscadeira