Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2001 Páx. 15.184

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 296/2001, do 15 de novembro, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dunha superficie de 9.100 m, propiedade do Concello da Coruña, feita a favor do Servicio Galego de Saúde, con destino á construcción dun centro de saúde.

O Pleno do Concello da Coruña, en sesións do 11 de xuño de 2001 e o 24 de setembro de 2001, acordou cederlle ó Servicio Galego de Saúde unha parcela de 9.100 m, sita no polígono de Los Rosales da Coruña, con destino á construcción dun centro de saúde.

Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, requírese decreto do Consello da Xunta de Galicia para a adquisición de bens a título gratuíto. Por outra banda, o artigo 23.1º da mesma lei establece que non poderán adquirirse bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor global dos gravames, cargas e afectacións impostas sobre eles supere o seu valor intrínseco. Non se considerarán carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente.

En cumprimento do disposto na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma, de conformidade coa proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acéptase a cesión a título gratuíto dunha parcela de 9.100 m, de extensión superficial sita no polígono de Los Rosales da Coruña, que ten os seguintes lindeiros:

Norte: resto do predio matriz.

Sur: estrada que da Coruña se dirixe ós Fortes.

Leste: rúa Alfonso Rodríguez Castelao.

Oeste: conxunto inmobiliario que actualmente ocupa o colexio San José de Calasanz.

Artigo 2º.-A superficie acéptase segundo o establecido nos artigos 23.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e 38 do seu regulamento, e destinarase ó fin para o que se cede e de acordo coas condicións previstas no acordo de cesión.

Artigo 3º.-O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, procederá á formalización da aceptación no correspondente documento público, integrándose no seu patrimonio propio.

Disposición derradeira

O Servicio Galego de Saúde, a través do seu órgano competente, levará a cabo os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, quince de novembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais