Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2001 Páx. 15.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 21 de novembro de 2001 pola que se modifica a Orde do 27 de marzo de 2001, na que se definen as bases reguladoras dun programa de axudas para o cesamento anticipado na actividade agraria e se convocan para 2001.

Por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 15 de outubro de 2001, modificouse a Orde do 27 de marzo do mesmo ano, na que se definen as bases reguladoras dun programa de axudas para o cesamento anticipado na actividade agraria e se convocan estas para o presente exercicio.

A finalidade da antedita modificación era o establecemento dun programa propio e adicional ó establecido no programa Horizontal I (cofinanciado polo FEOGA-Garantía) en base a un convenio para o efecto establecido entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e esta Comunidade Autónoma , no que ámbalas dúas administracións achegan o financiamento necesario ó 50%.

No artigo 26 da orde modificada distínguense dous supostos en canto ós cedentes, en función da súa idade: cedentes con 60 ou máis anos e traballadores que cesan, para os que se establecía o réxime xeral en canto ó aboamento da subvención por cesamento anticipado; cedentes con menos de 60 anos no momento da solicitude, no que, ó abeiro do disposto no número 1 do devandito artigo 26, se establecían unhas porcentaxes máximas, por anualidades, debidamente actualizadas, do importe total da axuda a percibir durante todo o programa.

Mais, unha vez analizadas as solicitudes recibidas e efectuada unha simulación dos compromisos plurianuais respectando os devanditos topes, as obrigas a contraer non coincidirían coa periodificación anual do límite dos compromisos a adquirir para exercicios futuros, segundo a periodificación das anualidades do devandito convenio entre o MAPA e a Xunta de Galicia.

Por iso, cómpre introducir unha nova disposición adicional, cuarta, na que se recolla a posibilidade de supera-lo importe máximo da porcentaxe da axuda total a conceder ós beneficiarios do programa especial de cesamento anticipado na actividade agraria, e/ou non efectua-la distinción do réxime da percepción da axuda en función da idade do cesante (menos de 60 anos e 60 anos ou máis) no ánimo de que, deste xeito, se poida atende-lo maior número de solicitudes posibles e cumprir coa periodificación orzamentaria en canto ó límite máximo de compromisos plurianuais a adquirir.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Introdúcese unha nova disposición adicional na orde da Consellería de Agricultura Gandería e Política Agropecuaria do 27 de marzo de 2001, modificada pola Orde do 15 de outubro do mesmo ano, coa seguinte redacción:

Cuarta.-Supostos excepcionais de pagamento das axudas.

Non obstante o disposto no artigo 26 en canto ó pagamento das axudas, a resolución da concesión da axuda poderá modifica-los topes máximos establecidos no punto primeiro do dito artigo, así como os tramos de idade establecidos nel, por proposta da Dirección do Ilgga e logo da memoria da Subdirección Xeral do Instituto, co obxecto de adaptalos á periodificación orzamentario dos límites máximos anuais.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor no mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria