Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 27 de novembro de 2001 Páx. 15.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 19 de novembro de 2001 pola que se amplía o prazo para comunica-la aprobación e a contía das axudas que se concedan ás solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 28 de maio de 2001 de fomento da forestación de terras agrícolas.

Con data do 12 de xuño de 2001, a Consellería de Medio Ambiente publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 28 de maio de 2001 de fomento da forestación de terras agrícolas.

O prazo de admisión de solicitudes presentadas ó abeiro da dita orde rematou o día 12 de xullo de 2001.

No punto 2º do artigo 12 da mencionada orde establécese o seguinte:

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá sobre a concesión da axuda, nun prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde, por proposta da Dirección Xeral de Montes e MAN, logo de proposta dos servicios de Montes e Industrias Forestais, en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios indicados no artigo 8 desta orde. De acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, o vencemento do prazo máximo establecido sen que se dictase e notificase resolución expresa, non exime a Administración da obriga de resolver, aínda que os interesados que comparezan poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo. Na resolución indicarase o prazo do que disporá o solicitante para a realización dos traballos, que con carácter xeral será dun mínimo de seis meses. A concesión das axudas efectuarase segundo o principio de concorrencia competitiva, obxectividade, publicidade e

transparencia das actuacións administrativas.

Este prazo remata o día 12 de decembro de 2001.

O elevado número das solicitudes presentadas e a complexidade da documentación que hai que revisar en cada unha delas imposibilita a realización, antes do día 12 de decembro de 2001, dos trámites administrativos anteriores á aprobación.

En consecuencia, e ó abeiro do disposto no artigo 42.6º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase o prazo para a comunicación da aprobación e contía das axudas que se concedan ás solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 28 de maio de 2001 de fomento da forestación de terras agrícolas, en seis meses, é dicir, ata o día 12 de xuño de 2002.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2001.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente