Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 27 de novembro de 2001 Páx. 15.128

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo), con nº de código 3600522, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-8-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data do 18-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislati

vo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de setembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo)

Anos 2001 e 2002

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

O presente convenio colectivo formalízase conforme o Estatuto dos traballadores, co fin de fomenta-lo espírito de xustiza social, mellorando o nivel de vida dos traballadores e incrementando a súa productividade.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afectará a tódolos centros de traballo da empresa situados en Vigo.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do presente convenio é o da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo), nos seus centros de traballo mencionados e nos que durante a súa vixencia se poidan abrir na provincia.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O presente convenio colectivo afectará a todo o persoal da empresa Hispanomoción, S.A. (Mosa-Vigo) e dos centros comerciais dependentes dela, que estea no cadro de persoal no momento da súa sinatura e o que se contrate durante a súa vixencia. Non obstante, quedarán expresamente excluídos o director e o comptoller de Mosa-Vigo, cos cales a xerencia negociará cada ano as condicións económicas que lles correspondan.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

A vixencia do presente convenio é para o período abranguido entre o 1 de xaneiro de 2001 e o 31 de decembro de 2002.

Artigo 6º.-Denuncia do convenio.

Calquera das partes poderá denuncia-lo convenio, con tres meses de antelación, como máximo, á súa data de caducidade, en escrito do que notificará a recepción a parte receptora.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Queda constituída unha comisión paritaria de catro membros: dous representantes dos traballadores e dous da empresa, para interpreta-lo convenio e como órgano de arbitraxe, conciliación e vixilancia do cumprimento.

Artigo 8º.-Unidade de convenio.

O presente convenio aplicarase con exclusividade de calquera outro e constitúe un todo orgánico, único e indivisible, quedando as partes vinculadas ó cumprimento da súa totalidade, agás que as partes acordasen modificacións parciais del.

Artigo 9º.-Condicións máis beneficiosas; garantía persoal.

O persoal que, con anterioridade ó presente convenio, viñese desfrutando de condicións máis vantaxosas cás que aquí se establecen, globalmente, deberá conservalas.

Artigo 10º.-Compensación.

As condicións económicas e sociais pactadas no presente convenio, no seu cómputo global e anual, son compensables coas que anteriormente rexeran por imperativo legal, por mellora da empresa ou pacto de calquera clase.

Artigo 11º.-Non absorción de melloras.

Tódalas melloras que, por disposición legal, se establezan, non serán absorbidas polo presente convenio no que excedan o nivel deste, considerado anual e globalmente. Si o serán na medida en que non superen o dito nivel.

Artigo 12º.-Prelación de normas.

As normas contidas no presente convenio regularán as relacións entre a empresa o seu persoal. Con carácter supletorio, no non previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas laborais vixentes.

Artigo 13º.-Organización do traballo.

En todo o relativo á organización do traballo na empresa, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións laborais vixentes sobre a materia.

Artigo 14º.-Xornada de traballo e horario.

Agás nos meses de xuño, xullo e agosto, o persoal de administración, talleres e recambios traballará a xornada partida común que se establece no cadro horario anexo I.

O calendario laboral será de 1.800 horas de traballo efectivo ó ano ou 40 horas semanais.

Decláranse festivos aboables e non recuperables os días 24 e 31 de decembro. Así mesmo, para o ano 2002 os traballadores poderán desfrutar un día festivo, que se reflectirá no calendario laboral para o dito ano.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de trinta (30) días naturais para todo o persoal que leve un ano ou máis de permanencia na empresa.

A data de desfrute das vacacións será preferentemente na tempada estival; en caso de desacordo observarase o previsto na lei.

As vacacións desfrutaranse ininterrompidamente, agás pacto en contrario.

Nas vacacións, ó persoal productivo de taller aboaráselle a media dos tres últimos meses dos incentivos.

Artigo 16º.-Prestacións económicas en caso de enfermidade ou accidente.

No caso de baixa por enfermidade ou accidente, debidamente xustificada, a empresa completará as prestacións económicas ata o importe íntegro do soldo empresa (saldo convenio, mellora empresa, antigüidade e primas fixas).

Exclúense os incentivos por quedaren regulados por acordo á parte entre empresa e traballadores.

Non obstante, sempre que as causas da non asistencia ó traballo sexan por enfermidade de duración superior a un mes, aboaráselle á persoa afectada un 40% dos incentivos percibidos no mes anterior. Así mesmo, no caso de accidente laboral, aboaráselle ó persoal de talleres, recambios e administración o 75% dos incentivos do mes anterior.

Artigo 17º.-Productividade.

O persoal afectado polo presente convenio porá o máximo interese e boa vontade na prestación do seu traballo para que a súa productividade permita compensa-las retribucións económicas e prestacións sociais pactadas no presente convenio.

Artigo 18º.-Salarios.

Para o ano 2001, os salarios vixentes serán os recollidos nas táboas que se xuntan ó anexo II para cada categoría, que é o resultado de incrementar un 3% sobre a masa salarial bruta. Os ditos salarios estarán en vigor desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro do mesmo ano.

Para o ano 2002, os salarios aplicables serán o resultado de incrementa-lo IPC previsto polo Goberno na Lei de orzamentos para ese ano, mailo 0,50% adicional.

Para o ano 2002, establécese unha cláusula de revisión salarial consistente en que se o IPC real, o 31 de decembro de 2002, tivese un incremento con respecto ó 31 de decembro de 2001 superior á porcentaxe de incremento pactado para o ano 2002, procederase a reaxustar no exceso as táboas salariais con efectos a partir do mes en que o IPC real superase tal porcentaxe de incremento.

Artigo 19º.-Antigüidade.

Os premios por antigüidade consistirán en cuadrienios, ó 5% sobre o soldo convenio.

Para o cómputo do premio de antigüidade considerarase a data inicial de ingreso na empresa, calquera que sexa a categoría en que se realizase, e conservarase en caso de ascenso.

Os cuadrienios por antigüidade iranse computando durante a vida do productor e consideraranse tempo hábil para estes efectos a aprendizaxe e o aspirantado, percibíndo aprendices, aspirantes, auxiliares de caixa, persoal de limpeza, etc., sempre que reúnan catro anos ó servicio da empresa.

O persoal que se incorpore a partir do 1-1-2000 non xerará antigüidade para efectos de percepción económica e, en compensación, percibirá a cantidade de 1.500 pesetas (9,02 euros) mensuais ó cumprir cada catro anos ó servicio da empresa.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a percibir catro pagas extraordinarias, dunha mensualidade cada unha delas, a salario real, en cada un dos meses seguintes: marzo, xullo, outubro e decembro (Nadal). As pagas de marzo e outubro deben ser aboadas non despois do día 15 dos ditos meses e a extraordinaria de Nadal non despois do día 20 do mes de decembro.

Artigo 21º.-Licencias retribuídas.

As licencias retribuídas regularanse polo disposto na lexislación laboral vixente, coas modificacións que a seguir se expoñen:

-En caso de matrimonio do traballador, 15 días naturais.

-En caso de parto da esposa, enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou fillos, 5 días naturais.

-En caso de traslado de domicilio habitual, 2 días naturais.

-En caso de falecemento de pais, sogros, irmáns, cuñados, netos, avós ou avós políticos, 3 días naturais.

Para os permisos non especificados no parágrafo anterior, os traballadores terán dereito a permisos retribuídos conforme o estipulado nos artigos 22 e 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Excedencias.

En materia de excedencias observarase o preceptuado no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 23º.-Prestacións sociais.

A) Premios de natalidade e nupcialidade:

Ó persoal da empresa concederánselle os seguintes premios nos casos que se citan a seguir:

a) Por contraer matrimonio: dez mil pesetas (10.000 pesetas) (60,10 euros).

b) Polo nacemento de cada fillo: doce mil pesetas (12.000 pesetas) (72,12 euros).

A empresa poderá esixir certificación acreditativa polo feito que orixinen as percepcións mencionadas.

B) Axuda por defunción:

No caso de falecemento do traballador, a empresa aboará á persoa que aquel designase como beneficiaria, mediante escrito á dirección daquela, unha mensualidade por cada ano de servicio na empresa, cun máximo de seis mensualidades.

En defecto de designación expresa, o citado dereito atribuirase ó cónxuxe supervivente ou persoa que con el conviva ou ós que sexan declarados herdeiros legais do causante.

C) Fondo de estudios:

A empresa, logo da relación presentada polo comité de empresa ou outra comisión asignada para o efecto, aboará 10.000 pesetas (dez mil pesetas) (60,10 euros) en concepto de axuda escolar por cada fillo dos traballadores abranguidos en idade escolar entre os 4 e os 16 anos. Esta cantidade estará destinada a facilita-los estudios do traballador ou dos seus fillos abranguidos na idade citada. A empresa aboará a dita cantidade no mes de outubro, con criterio fundamentalmente social.

D) Seguro de vida:

A empresa seguirá mantendo en vigor o seguro de vida, para casos de morte ou invalidez, que concertou coa compañía aseguradora La Sud América en beneficio do seu persoal.

O seguro de vida manterase ata que o traballador alcance a idade de 65 anos ou ata que cause baixa por incapacidade permanente total.

E) Axuda para diminuído psíquico:

A aqueles productores que teñan descendentes diminuídos psíquicos de calquera cualificación que dependan deles, aboaránselles sete mil pesetas (7.000 pesetas) (42,07 euros) mensuais, por cada un, logo de xustificación polo INSS.

F) Fondo de anticipos:

Mantense o fondo de anticipos reintegrables ata a suma dun millón cincocentas mil pesetas (1.500.000 pesetas) (9.015,18 euros) destinado a atender necesidades económicas urxentes e graves do persoal do cadro de Mosa-Vigo.

O dito fondo de anticipos poderá solicitarse, como máximo, por unha contía equivalente a catro mensualidades de salario do solicitante. O reintegro verificarase por deduccións periódicas en nómina e por un tempo máximo dun ano, fraccionado mes a mes. Non poderá solicitar un novo préstamo o traballador que teña pendente de amortizar outro anterior, ata a súa total cancelación. O comité de empresa de Mosa-Vigo é o encargado de conceder, denegar ou diminuí-los préstamos solicitados, á vista das peticións habidas e da importancia e urxencia delas, comprobando previamente a existencia de anticipos anteriores e fondos existentes. A solicitude de préstamos á caixa de anticipos realizarase mediante carta dirixida á dirección, coa aprobación do comité de empresa e xunto cos documentos que acrediten a urxencia e necesidade deles.

G) Gastos de locomoción:

Establécese en doce mil cento sesenta e oito (12.168 pesetas) (73,13 euros) a axuda para locomoción, que se percibirá durante tódolos meses do ano, agás o correspondente a vacacións. No caso de enfermidade xustificada polo INSS non se perde o dereito a esta axuda por locomoción.

H) Traballos tóxicos, penosos ou perigosos:

Ó persoal das seccións de chapa, pintura e turismos, que efectúe traballos tóxicos, penosos e/ou perigosos incrementaráselle o seu salario base, nun 20%. Se concorresen dous traballos da mesma natureza expresada, o incremento do salario sería do 25% e do 30% se fosen tres ou máis.

I) Roupa de traballo:

O persoal productivo de talleres e recambios, o mesmo que vén recibindo na actualidade, terá dereito a que a empresa o provexa de tres pezas de roupa e de dúas toallas ó ano. Caso de que por razóns excepcionais unha peza de roupa de traballo sexa inservible, seralle reposta pola empresa; cada caso será estudiado individualmente polo comité de seguridade e a dirección. As pezas de roupa novas anuais serán entregadas nos meses de xaneiro, maio e setembro.

J) Seguridade e hixiene:

No ámbito da prevención de riscos laborais, a empresa observará o disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, e normas de desenvolvemento.

K) Recoñecemento médico:

Os traballadores terán dereito a un recoñecemento médico ó ano, nos centros sanitarios que a empresa determina e, con preferencia, no ISH de Rande.

L) Traballadores diminuídos:

Os traballadores afectados de capacidade diminuída, logo de certificación médica, poderán ser aplicados a outra actividade distinta á da súa categoría profesional, adecuada á súa aptitude, respectándose o salario que tivesen acreditado antes de pasar á dita situación e conservando o dereito ós aumentos que por convenio, pactos, etc., experimentase no sucesivo, a categoría que tivese no momento de producirse o feito determinante da diminución da súa capacidade.

A asignación destes postos farase de común acordo entre a dirección e o comité de empresa. A incapacidade certificada polos servicios médicos da Seguridade Social debe conformala o médico de empresa.

Artigo 24º.-Xubilación.

A xubilación será forzosa ó cumpri-lo traballador 65 anos de idade, coas dúas únicas seguintes excepcións:

a) Se ó cumpri-los 65 anos non lle correspondese na Seguridade Social o 100 por cento de porcentaxe, poderá continuar traballando polo tempo necesario, para completa-lo dereito á seguinte porcentaxe maior á que lle correspondería ó cumpri-los 65 anos. En ningún caso o dito período poderá ser superior a un ano.

b) No caso de que lle faltase tempo de carencia para adquirir dereito á prestación de xubilación na Seguridade Social, poderá continuar na empresa ata completalo.

No momento da baixa na empresa por xubilación aboaráselle a cantidade de 1.339.000 pesetas (8.047,55 euros) ou 1.030.000 pesetas (6.190,42 euros) se a baixa se produce por recoñecemento oficial de incapacidade permanente total.

Artigo 25º.-Sala de reunións.

A empresa facilitará unha sala destinada ás reunións do comité de empresa, conforme a lexislación vixente.

Artigo 26º.- Contratación.

Acórdase a adhesión ó disposto no convenio colectivo do comercio do metal para a provincia de Pontevedra, no referido á duración máxima do contrato eventual, segundo o disposto no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 27º.-Dereitos sindicais.

Os dereitos sindicais serán os que dispoñan as leis vixentes en cada momento.

Artigo 28º.-Disposición derradeira. Cumprimento do convenio.

Se algunha das partes incumpre o acordado no presente convenio, a outra parte ten dereito a denuncialo, total ou parcialmente, perante a autoridade competente, agás que haxa pacto en contrario por modificacións parciais.

Artigo 29º.-Partes asinantes.

Asinan o presente convenio, pola parte social, os membros do comité de empresa: Enrique Román Romero, Arturo Estébanez García e Ramiro Pérez de los Ángeles, e pola parte empresarial: Mar Jara Sánchez, Manuel Fafián Alonso (director-xerente) e Jesús Prieto Bueno (apoderado).

ANEXO I

Convenio colectivo ano 2001

Cadro horario

A) Departamento comercial.

a) De luns a venres:

De mañá: de 9 a 13 horas e 16 minutos.

De tarde: de 16 a 19 horas e 20 minutos.

b) O sábado: só de mañá, de 9 a 13 horas, vacando un sábado de cada dous.

B) Departamento de administración: talleres e recambios.

a) De luns a venres (excepto o verán):

De mañá: de 8 a 13 horas.

De tarde: de 15.30 a 18.30 horas.

b) Verán (meses de xuño, xullo e agosto):

Xornada continuada de 7 a 15 horas e igualmente de luns a venres.

c) Quenda para a mañá dos sábados:

Establécese unha quenda dun administrativo e un dependente de recambios para a mañá dos sábados, que será cuberto polo persoal afectado, mediante compensación en tempo ou en metálico.

d) Quenda para as tardes de verán:

Para atende-las necesidades dos servicios de administración e recambios establécese unha quenda dun

administrativo e un dependente, que farán a xornada partida.

C) Departamento Peugeot rápido.

Establécese o horario do departamento, de luns a venres de 8 a 20 horas, e sábados de 9.30 a 13.30 horas. As horas realizadas en sábado serán compensadas economicamente.

No caso de que o persoal actual do cadro de persoal de servicio renunciase a cubrir este servicio, a empresa poderá contratar novo persoal cos horarios adecuados para o efecto.

ANEXO II

Táboa de salarios 2001

Grupo I
Enxeñeiros e licenciados139.127836,17 euros
Axudantes técnicos126.839762,32 euros

Grupo II
Xefe de sección117.670707,21 euros
Viaxantes112.283674,83 euros
Dependentes de 25 anos110.960666,88 euros
Dependentes de 22 a 25 anos106.799641,87 euros
Axudantes dependente104.344627,12 euros

Grupo III
Xefe administrativo131.755791,86 euros
Xefe sección administrativo119.847720,29 euros
Contable e caixeiro114.742689,61 euros
Oficial administrativo110.960666,88 euros
Auxiliar administrativo104.534628,26 euros

Grupo IV
Profesional de oficio de 1ª106.232638,47 euros
Profesional de oficio de 2ª104.910630,52 euros
Profesional de oficio de 3ª104.344627,12 euros
Mozo e mozo especializado104.344627,12 euros

Grupo V
Vixilante, sereno104.344627,12 euros

ANEXO III

Este convenio queda automaticamente denunciado, no momento da súa presentación na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (Xunta de Galicia).