Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2001 Páx. 15.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Manipulados Magdalena, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Manipulados Magdalena, S.L., con nº de código 3603472, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 18-9-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa e da parte social, polo comité de empresa, en data 19-3-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 25 de setembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Plataforma convenio colectivo

Manipulados Magdalena, S.L.

Artigo preliminar.-Recoñecemento das partes.

A mesa negociadora deste convenio estará composta pola dirección da empresa ou a súa representación, e polos delegados membros do comité de empresa como representación legal dos traballadores.

Ámbalas dúas partes recoñécense capacidade plena e poder para efectos de negociación do convenio.

Así mesmo, recoñecen a capacidade de cada unha delas de contar, no proceso negociador e na propia mesa, coa presencia dos asesores que estimen oportuno como concreto da RLT poderán contar con, cando menos, un por cada sindicato con presencia no comité de empresa.

Capítulo I

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo ten por obxecto regula-las relacións laborais e económicas entre a empresa Manipulados Magdalena, S.L. e o persoal ó seu servicio, en calquera centro de traballo onde teña que desenvolve-la súa actividade.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a todo o persoal que actualmente preste servicios na empresa, así como aquel que ingrese no futuro, xa sexa fixo, fixo-descontinuo ou eventual.

Artigo 3º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

As normas contidas no presente convenio entrarán en vigor o día seguinte o da súa sinatura, independentemente de cando sexa publicado.

As condicións económicas terán efectos desde o 1 de febreiro de 2001.

A duración do convenio será de dous anos, estendéndose desde o 1 de febreiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2002, prorrogándose por períodos sucesivos dun ano, se non fose denunciado por algunha das partes con tres meses de antelación ó remate da vixencia ou de calquera das prórrogas.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As condicións que se establecen neste convenio absorberanse e compensaranse no cómputo anual, calquera outra existente no da súa vixencia e nas que no futuro poidan establecerse ata onde alcancen.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó establecemento do presente convenio, viñese desfrutando de con

dicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, conservaraas ad personam.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

No suposto de que a autoridade laboral competente, no exercicio das facultades que lle son propias, non se aproba na súa totalidade, quedaría sen efecto práctico, e deberase considerar de novo o seu contido.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Para a aplicación, interpretación e cantas xestións se deriven deste convenio, créase unha comisión paritaria composta por tres membros do comité de empresa, tres representantes da dirección e o presidente da comisión deliberadora do convenio.

Esta comisión reunirase no prazo máximo de 15 días logo da súa convocatoria por petición da parte e deberá resolve-las dúbidas aparecidas noutros 15 días.

Caso de non acadarse acordo entre as partes, estas acordan someterse ó AGA logo da vía xurisdiccional se continuase a discrepancia.

Artigo 8º.-Condicións non reguladas.

Todo o non regulado expresamente no presente convenio estará sometido á lexislación vixente de concordante aplicación, sempre e cando a comisión paritaria non adopte resolución ó respecto e non exista dictame da orde social vinculante.

Capítulo II

Da organización do traballo

Artigo 9º.-Norma xeral.

A organización do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa. O traballador virá obrigado a realiza-lo traballo contido baixo a dirección da empresa ou das persoas nas que esta delegue de conformidade co establecido no artigo 20 do Estatuto dos traballadores e demais disposicións concordantes.

A organización do traballo ten por obxecto acadar na empresa un nivel axeitado de productividade, baseado na utilización óptima dos recursos humanos e materiais, posibilitándose isto cunha actitude activa e responsable dos traballadores e da dirección da empresa.

A organización do traballo estenderase, entre outras, á dirección e control dos traballadores efectuados e a determinación dos elementos (útiles e tarefas) que se van utilizar ou realizar, para acada-lo nivel de rendemento axeitado a cada categoría profesional.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

O persoal que presta servicios para esta empresa encadrarase, en función das tarefas que desempeñen, dentro dos grupos seguintes:

* Persoal administrativo.

É o persoal que desenvolve as funcións administrativas na empresa, realizando cantas tarefas sexan precisas para o normal desenvolvemento e control da actividade da empresa. Comprende as seguintes categorías:

a) Administrativo. Aquela persoa que, cos debidos coñecementos, se responsabiliza con total control e independencia do traballo administrativo.

b) Auxiliar administrativo. Aquela persoa que, con coñecementos suficientes, se responsabiliza de colaborar cos administrativos, baixo a súa tutela, para desenvolve-lo traballo administrativo na empresa.

* Persoal subalterno.

É o persoal de oficios relacionados coa actividade propia da empresa, isto é, estiba e desestiba, manipulación de productos da pesca e actividades afíns, ben sexa a bordo de buques ou nas plantas frigoríficas en terra. Este grupo comprende as seguintes categorías:

a) Capataces. Son os traballadores que dirixen e vixían os traballos realizados polos peóns manipuladores, especializados, estibadores, oficiais estibadores, amanteiros e mozos, sobre os que exercen funcións de mando.

b) Carreteiro. Son os maiores de 18 anos dedicados a funcións de conducción das carretas elevadoras, tanto dentro como fóra das cámaras frigoríficas.

c) Oficiais estibadores. Son os traballadores especializados dedicados ós labores de estiba e desestiba das mercadorías e productos de pesca, ben sexa a bordo ou en terra, cos debidos coñecementos técnicos e prácticos para o normal desenvolvemento destas actividades ou calquera outra que requira particular atención ademais de esforzo físico.

d) Estibadores. Son os traballadores que, con coñecementos limitados e cunha experiencia inferior a 50 días de traballo efectivo nos labores de estiba e desestiba, realizan tarefas similares ás dos oficiais estibadores, sen acada-lo mesmo nivel de capacitación técnica.

e) Amanteiros. Son os traballadores que se dedican a leva-lo control das tarefas de enganche, desenganche e levantamento de cargas cos gindastres, dirixindo coa debida efeciencia as operacións destas.

f) Manipuladores. Son os obreiros dedicados ós labores de clasificación, manipulación, empaquetado, etc., dos productos e mercadorías, tendo que achega-la debida atención e esforzo físico.

g) Mozos. Son os traballadores dedicados ós mesmos labores cós de manipuladores, cunha experiencia inferior a 50 días de traballo ó servicio da empresa, e que non acadan o grao de atención e capacitación destes.

As categorías sinaladas nesta clasificación profesional son meramente enunciativas, non tendo a empresa a obriga de cubrilas enteiramente.

En atención a que o persoal fixo-descontinuo traballe o maior número de días que sexa posible ó longo do ano, a empresa deberá encomendarlles cantos traballos poida (días de traballo) aínda que estes sexan de categoría distinta da do traballador.

Os traballadores poderán, libremente, aceptar ou non a realización dos traballos que correspondan a categorías profesionais distintas das súas, percibindo en caso de realizalos, a remuneración que corresponda en función dos traballos efectivamente realizados (categoría profesional á que estes traballos correspondan), non tendo nunca a consideración de traballos de categoría inferior, salvo que realmente existira traballo da categoría do traballador.

Capítulo IV

Contratación e control do persoal

Artigo 11º.-Ingresos.

O ingreso dos traballadores axustarase ás normas legais e especiais sobre colocación, como se establece no artigo 16 do Estatuto dos traballadores.

Terá dereito preferente para o ingreso, en igualdade de méritos, o persoal que prestara os seus servicios na empresa por calquera das modalidades de contratación temporal.

En cada empresa, a dirección determinará as probas selectivas que se van realizar para o ingreso e a documentación que hai que achegar, dando conta ó comité de empresa ou delegados de persoal.

Os postos que hai que cubrir, así como as condicións que se deban reunir, serán dadas a coñecer ós traballadores da empresa.

Artigo 12º.-Provisión de vacantes.

Todo o persoal da empresa terá, en igualdade de condicións, preferencia para cubri-las vacantes de prazas de superior categoría que naquelas poidan producirse, salvo as vacantes do persoal técnico, de xefatura administrativa e de encargados, que se cubrirán libremente pola dirección da empresa.

Os ascensos rexerán, para tódalas categorías e en igualdade de condicións, cos seguintes criterios:

a) Polas regras xerais de existencia de vacantes, por razóns de antigüidade, probas de aptitude e concurso das categorías inferiores, conxuntamente considerados os ditos conceptos.

b) Os delegados de persoal ou comités de empresa estudiarán, conxuntamente coa empresa, sobre as reclamacións a que tivese lugar. De non mediar acordo, resolverá a autoridade laboral.

Artigo 13º.-Traballos de distinta categoría.

As empresas por razóns organizativas poderán destinar ós traballadores a realizar traballos de distinta categoría á súa, reintegrándose o traballador ás funcións da súa categoría cando cese a causa que motivou o cambio.

Cando se trate dunha categoría superior, este cambio non poderá ser de duración superior a catro meses ininterompidos, salvo os casos de substitución por servicio militar, enfermidade, accidente de traballo, licencias, excedencias especiais e outras causas análogas, en tal caso a situación prolongarase mentres subsistan as circunstancias que a motivaran.

A retribución, en tanto se desempeñan traballos de categoría superior, será a correspondente a esta.

Cando se trate de categoría inferior, esta situación non poderá prolongarse por período superior a dous meses ininterrompidos, conservando, en todo caso, a retribución correspondente á categoría de orixe salvo que estes traballos de categoría inferior proveña da aceptación voluntaria pactada no artigo 10º do presente convenio. En ningún caso, o cambio poderá implicar menoscabo da dignidade humana. En tal sentido, as empresas evitarán reitera-lo traballo de inferior categoría có mesmo traballador.

Artigo 14º.-Modalidades de contratación.

As partes asinantes do presente convenio consideran que, de entre as modalidades de contratación consideradas na lexislación vixente, para efectos da realización dos contratos, estes acolleranse á fórmula de fixos-descontinuos.

Nembargantes, cando por necesidades da producción ou da operatividade da empresa sexa necesario, poderán concertarse contrato eventuais, por un tempo máximo de 13 meses e medio nun período de 18 meses.

Artigo 15º.-Control do persoal.

Para efectos de dar cumprimento ó estipulado na lexislación vixente, o comité de empresa ou o membro deste en quen este delegue, recibirá a copia básica de cantos contratos teñan lugar.

Así mesmo, con carácter semestral recibirá relación nominal do persoal en cadro de persoal, con indicación da categoría profesional e número de días traballados e outra de idénticas características do persoal eventual.

Artigo 16º.-Período de proba.

Toda admisión de persoal, independentemente do tipo de contrato, considérase provisional e estará suxeita a un período de proba perante o cal, tanto a empresa como o traballador poderán cesar ou rescindir voluntariamente a relación laboral.

O período de proba non poderá ser superior dos 15 días laborables para o persoal subalterno e a un mes para os administrativos.

Perante o período de proba o traballador percibirá o salario e demais emolumentos correspondentes do traballo realizado.

Artigo 17º.-Regulamentación dos traballadores fixos descontinuos.

Os traballadores que na actualidade teñan a condición de fixos descontinuos para os efectos do artigo 12 do Estatuto dos traballadores, ou calquera outros que no futuro poidan adquirir tal condición, serán chamados sempre pola empresa para realiza-las actividades de estiba-desestiba, manipulación de productos da pesca ou calquera outra que a empresa vaia desenvolver.

Cando o cadro de persoal fixo-descontinuo non fose suficiente para efectua-los traballos contratados no tempo estipulado, a empresa (Manipulados Magdalena) poderá recorrer á contratación de persoal eventual.

En canto á realización de horas complementarias, acórdase un criterio flexible, atendendo as necesidades do servicio e, en concreto, a non conxestión da terminal de descargas e a espera e permanencia dos buques.

Ademais da retribución destas horas complementarias, nos valores establecidos na táboa salarial deste convenio, por cada oito horas traballadas corresponderá un día de presencia para efectos de cotización na Seguridade Social, computándose de xeito mensual, cunha regularización trimestral.

O método para face-lo chamamento ó traballo será atendendo as peticións e necesidades da empresa para a que se realice, e tendo en conta a maior antigüidade na empresa, utilizarase sempre o medio telefónico, procurando que os chamamentos se realicen o día laborable anterior e nos horarios de máis segura presencia nos domicilios dos traballadores.

Artigo 18º.-Recoñecemento médico.

Os traballadores, así como o persoal que vaia ingresar por primeira vez, pasarán, cando menos, o recoñecemento médico de empresa no centro da xunta en Rande anualmente.

Ademais deste recoñecemento, a empresa pode acordar coa mutua, a celebración doutros. Os horarios dos recoñecementos terán, en todo caso, a consideración de tempo de traballo.

Capítulo V

Tempo de traballo, vacacións, licencias

e excedencias

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais, distribuídas de luns a venres e a razón de 8 horas por día.

Nembargantes o anterior, se por necesidades perentorias relacionadas coa actividade das plantas

frigoríficas dos buques, e a súa permanencia en porto ou outras similares, a xornada diaria poderase incrementar en función da necesidade de remate dos traballados contratados, tendo esta ampliación de xornada, a consideración de horas complementarias.

Así mesmo, en atención ó anteriormente considerado poderanse realizar traballos en sábados, domingos e festivos, tendo estas xornadas complementarias a retribución fixada no artigo 28.

Nos traballos en terra, ben sexa de estiba-desestiba (carga e descarga), clasificación, elaboración, ou outros, a xornada adaptarase coa flexibilidade necesaria ó horario das empresas contratistas, debido ás especiais circunstancias dos traballos.

Nos traballos en terra, os traballadores terán dereito a un descanso de 15 minutos para o bocadillo e de 1 hora e 15 minutos para o xantar.

No caso de traballos no interior das cámaras frigoríficas en terra, o horario adaptarase ó das empresas contratistas, respectando en todo caso, a hora de descanso por cada unha de traballo.

Na descarga de peixe espada, o descanso será de 20 minutos para o bocadillo e 1 hora e 30 minutos para o xantar, para o persoal da mesa, rexéndose os amanteiros polo disposto no parágrafo anterior, e o persoal que traballa na estiba-desestiba nas cámaras dos barcos, polo disposto no parágrafo terceiro, isto é 1 hora de descanso por cada hora de traballo, e 2 horas e media para o xantar.

O traballo en buques con bodegas frigoríficas, será co horario de 8 a 13 horas, e de 14 a 17 horas, tendo as mans unha hora de reposo hora de traballo, a excepción dos amanteiros.

Cando rematen os traballos e non a xornada laboral, a empresa poderá encomendar novas tarefas ata o remate desta.

Artigo 20º.-Horas complementarias.

Terán a consideración de horas complementarias todas aquelas que se realicen por riba das 8 diarias.

O valor da hora complementaria é o que se fixa na columna correspondente da táboa salarial.

O comité de empresa velará polo escrupuloso control das horas complementarias que se realicen, e para efectos do seu control e aboamento, cubriranse partes de traballo semanais.

Artigo 21º.-Vacacións.

Como norma xeral, o persoal desfrutará de 30 días ininterrompidos de vacacións ó ano. Nembargantes, polas especiais circunstancias da prestación de servicios para a empresa, e da condición de fixos descontinuos dos traballadores, estas vacacións poderanse interromper cando exista traballo a criterio da empresa e coa aceptación voluntaria dos traballadores, en que no caso de acepta-los traballadores solicitados, esta negativa represente incumprimento do chamamento.

Artigo 22º.-Licencias.

O persoal afectado polo presente convenio, terá dereito a solicitar licencias retribuídas nos seguintes casos:

a) Quince días naturais no caso de casamento.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador precise facer un desprazamento para o feito, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conte nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20 por 100 das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulado no epígrafe 1 do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que se deban realizar dentro da xornada de traballo.

Artigo 23º.-Excedencias.

En todo o referido ás excedencias, haberá que aterse ó disposto na lexislación vixente de concordante aplicación, nomeadamente o Estatuto dos traballadores.

No caso de que un traballador solicite unha excedencia, terá reserva do seu posto de traballo por un ano como máximo.

Capítulo VI

Réxime retributivo

Artigo 24º.-Retribucións.

As retribucións básicas para os traballadores afectados por este convenio son as consistentes nun salario diario básico e os complementos por posto de traballo.

Artigo 25º.-Salario base.

É a remuneración básica por día de traballo polo importe indicado na columna 1ª da táboa salarial anexa.

Artigo 26º.-Pagas extraordinarias.

Cada traballador terá dereito a percibir dúas pagas extras ó ano, e proporcionalmente ós días traballados. O importe anual e diario é o que se fixa nas columnas 2ª e 3ª da táboa salarial anexa.

Estas pagas poderán aboarse rateadas nos períodos de liquidación comprendidos nos recibos salariais ou unha o 30 de xuño e outra o 15 de decembro.

Artigo 27º.-Complementos por posto de traballo.

En función das especiais circunstancias dos traballos de estiba-desestiba, clasificación, manipulación e outros desenvolvidos por esta empresa, o persoal percibirá os complementos por posto de traballo que a continuación se definen:

-Complementos de cámaras: percibirao todo o persoal que presta servicios en cámaras frigoríficas, tanto en terra como a bordo de buques; a contía diaria é a expresada na columna 5 da táboa salarial.

-Complemento de penosidade: percibirá este complemento todo o persoal que veña a realizar as tarefas de manipulación, clasificación ou outras que impliquen traballos repetitivos con materias primas ou elaborados fríos ou conxelados; o importe diario é o expresado na columna 6 da táboa salarial.

-Complemento de productividade: percibirá este complemento todo o persoal que traballe na carga e descarga de buques ou contedores de peixe espada e as especies acompañantes (escualos, túnidos, etc...) e na carne, en función do esforzo que supón manipular cargas individuais moi pesadas, así como aquel outros traballadores en función da responsabilidade nos seus postos de traballo (amanteiros, carreteiros e capataces); o importe diario é o expresado na columna 7 da táboa salarial.

Capítulo VII

Réxime disciplinario

Artigo 28º.-Réxime disciplinario.

Os traballadores e traballadoras poderán ser sancionados/as pola dirección da empresa de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 29º.-Graduación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase atendendo á súa importancia, trascendencia e intención.

Artigo 30º.-Faltas leves.

1. As faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen debida xustificación, cometidas durante tres días consecutivos ou cinco alternos, no período dun mes.

2. Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das vintecatro horas seguintes á falta, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

3. O abandono do servicio sen causa fundada, aínda cando sexa por breve tempo. Se, como consecuencia deste, lle orixinase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente para os seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como moi grave, segundo os casos.

4. Pequenos descoidos na conservación do material.

5. Falta de aseo e limpeza persoal.

6. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

7. As discusións sobre asuntos estraños no traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como graves ou moi graves.

8. Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

Artigo 31º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas consecutivas ou cinco alternas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un período de trinta días.

2. Ausencia do traballo sen causa xustificada por dous días durante un período de trinta. Chegará unha soa falta cando tivese que relevar un compañeiro ou cando, como consecuencia desta, se lle causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

3. Entregarse a xogos e distraccións nas horas de traballo.

4. A simulación de enfermidade ou accidente.

5. A desobediencia ós seus superiores en calquera materia de traballo. Se implicase quebranto manifesto de disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

6. Simula-la presencia doutro traballador, fichando, contestando ou asinando por él.

7. Neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

8. A imprudencia no acto do traballo, se implicase risco de accidente para o traballador ou traballadora, para os seus compañeiros e compañeiras ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como moi grave. En todo caso, considerarase imprudencia en acto de servicio o non uso das roupas e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

9. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada, así como empregar ferramentas da empresa para usos propios.

10. Estar bébedo fóra do acto de servicio, vestindo roupa de empresa, sempre que polo uniforme se poida identificar esta.

11. A reincidencia en tres faltas leves (excluída a de puntualidade), mediada comunicación escrita.

Artigo 32º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade, cometidas nun período de seis meses ou vinte durante un ano.

2. As faltas inxustificadas de asistencia ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período de trinta días.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa coma ós compañeiros de traballo ou calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa, ou durante o traballo en calquera outro lugar.

4. Facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en primeiras materias, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e documentos da empresa.

5. A condena por delicto de roubo, furto ou estafa ou malversacións cometidas fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar para esta desconfianza respecto ó autor.

6. A continuada e habitual falta de aseo ou limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo e non atendese a advertencia previa.

7. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

8. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a elementos estraños a ela datos de reserva obrigada.

9. Os malos tratos de palabra ou obra, a falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares, así como ós compañeiros e subordinados.

10. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia.

11. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

12. A transgresión da boa fe contractual, así como o abuso de confianza no desempeño do traballo.

13. A inxustificada diminución voluntaria e continuada no rendemento de traballo, normal ou pactado.

14. Orixinar rifas ou liortas cos compañeiros de traballo.

15. A acumulación de tres faltas graves.

Artigo 33º.-Réxime de sancións.

Correspóndelle á empresa a facultade de impoñer sancións nos termos estipulados no presente convenio.

A sanción das faltas, calquera que sexa o seu grao, requirirá comunicación escrita ó traballador.

En calquera caso, a dirección dará conta ó comité de empresa, ó mesmo tempo que ó propio afectado, de toda sanción que impoña.

Artigo 34º.-Sancións máximas.

As sancións máximas que se poderán impoñer en cada caso, atendendo a gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de traballo e xornal ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de traballo e xornal de tres a quince días.

c) Por falta moi grave: suspensión de traballo e xornal de dezaseis a sesenta días.

d) Despedimento.

Artigo 35º.-Prescrición.

A facultade da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves ós 10 días; para as faltas graves ós 20 días e para as moi graves ós 60 días, a partir da data na que aquela tivo coñecemento da súa comisión.

Capítulo VIII

Cuestións sociais e sindicais

Seguridade e saúde no traballo

Artigo 36º.-Principio xeral.

As partes asinantes do presente convenio comprométense a adopta-las medidas necesarias para asegura-la eficaz prevención dos riscos para a saúde e integridade física dos traballadores, actuando sobre os métodos e as condicións de traballo, así como sobre a actitude das persoas, quedando, en todo caso, ó abeiro das disposicións legais de aplicación na materia.

Artigo 37º.-Pezas de roupa e equipos de seguridade.

A empresa proporcionaralles ós traballadores os medios e pezas de roupa de protección persoal que resulten esixibles para cada situación de risco dotando a tódolos estibadores con, cando menos, casco, guantes e calzado de seguridade, sendo os guantes e o calzado persoais e intransferibles, e de obrigada reposición anual, ou cando por causas involuntarias, se deterioren.

Artigo 38º.-Roupa de traballo.

A empresa entregará anualmente e cando sexa preciso por deterioración as seguintes pezas de roupa:

* Ó persoal de clasificación, manipulación e estiba:

-1 par de botas de frío impermeables e de seguridade.

-2 fundas ou xogos de chaqueta e pantalón.

-Guantes e gorras hixiénicas segundo as necesidades.

-1 equipo de roupa de augas (pantalón e chaqueta).

-2 mandilóns ou batas.

* Ó persoal das cámaras frigoríficas (a bordo ou en terra):

-2 fundas térmicas.

-2 pares de botas de seguridade térmicas e impermeables.

-Os guantes necesarios.

Todo o equipamento relacionado anteriormente é propiedade da empresa, polo que os traballadores que son depositarios del velarán polo seu adecuado estado de conservación.

Nembargantes o anterior, as pezas de roupa e calzado son de uso persoal e intransferible.

Artigo 39º.-Seguro de accidentes.

A empresa deberá ter contratado un seguro de accidentes de traballo que cubra a todo o persoal ó seu servicio. Os importes mínimos serán:

Por morte: 2.000.000 de pesetas.

Por invalidez absoluta: 2.000.000 de pesetas.

Por invalidez total: 2.000.000 de pesetas.

Artigo 40º.-Dereitos sindicais.

A empresa garantirá o correcto exercicio de tódolos dereitos dos representantes legais dos traballadores e traballadoras recoñecidos no Estatuto dos traballadores, texto refundido (Real decreto lei 1/1995, do 24 de marzo).

Disposicións adicionais

Primeira.-A empresa virá obrigada a facilita-la formación dos seus traballadores, para o que concertará os necesarios planos formativos e posibilitará o acceso ós planos individuais de formación e todos aqueles cursos que nomeadamente, en canto á prevención de riscos, a criterio da empresa e do comité que consideran oportunos.

Segunda.-No mes de xaneiro do ano 2002 reunirase a comisión paritaria co fin de tentar chegar a un acordo na revisión das táboas salariais en función do IPC, da evolución económica da empresa, en xeral, e os incrementos que a empresa obteña dos seus clientes, de non se achegar a acordo seguirase o procedemento de arbitraxe anteriormente sinalado.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2001

CategoríasSalario

base/día

Descansos

regulamentarios

Pagas

extras/día

Vacacións

día

Traballo en

cámaras

PenosidadeProductividadeSalario

diario

Horas

complementarias

* Administrativos

Administrativo---

Auxiliar administrativo---

* Subalternos

Capataz2.5001.669647237--1.4476.5001.200

Carreteiro2.5001.6696472373944285.8751.200

Oficial estibador2.5001.6696472374303945326.4091.200

Estibador2.5001.669647237417394-5.533985

Amanteiro2.5001.669647237-3945355.9821.200

Peón manipulador2.5001.669647237-288-5.341985

Mozo2.5001.669647237-195-4.915925