Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2001 Páx. 15.093

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2001 pola que se convocan unhas Xornadas sobre a Lei de ordenación da edificación.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas Xornadas sobre a Lei de ordenación da edificación; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos. Durante décadas, os sectores interesados viñan solicitando a regulación do sector da edificación, como medio de atalla-los diferentes problemas que se producían no desenvolvemento normal da actividade.

Como toda lei, a LOE veu resolver moitas das dúbidas expostas pero tamén é certo que deixa abertas grandes portas para a polémica, que creou novos interrogantes e que alisou o camiño para a interpretación desde diversas perspectivas. Constructores, arquitectos, aparelladores, OCT, compañías de seguros, etc., son grupos implicados que teñen moito que dicir a este respecto.

Estas xornadas teñen o propósito de dar unha visión da LOE, sinalando os puntos de controversia postos de manifesto.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Aspectos xerais da lei. Concepto de edificación e calidade esixible. O proxecto arquitectónico. Licencias e autorizacións administrativas. Recepción e documentación da obra executada.

-Axentes da edificación: capacitación e obrigas. O promotor. O constructor. O subcontratista. Empresas e laboratorios de control de calidade da edi

ficación. Subministracións e productos. Propietarios e usuarios.

-O estado actual de desenvolvemento do código técnico da edificación.

-A pericia forense.

-Réxime xurídico da responsabilidade civil dos axentes. Responsabilidades complementarias.

-A Lei de ordenación da edificación e os consumidores.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela), os días 17 e 18 de decembro de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 13 de decembro de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día

14 de decembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior

ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e a data da súa realización.

8. Retransmisión pola Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública