Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 26 de novembro de 2001 Páx. 15.085

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 20 de novembro de 2001 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para a promoción, fomento da calidade e busca de novas saídas comerciais dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, convocadas pola Orde do 21 de maio de 2001.

A Orde do 21 de maio de 2001, pola que se particulariza para o exercicio orzamentario 2001 o procedemento de concesión de axudas para a promoción, fomento da calidade e busca de novas saídas comerciais dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (Diario Oficial de Galicia nº 108, do 5 de xuño), establece no seu artigo 1 o importe da contía máxima das axudas que ó abeiro desta poderán ser concedidas ós seus solicitantes.

Non obstante, e como no mesmo programa de gasto destinado para o efecto existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre amplia-lo importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ó abeiro da referida Orde do 21 de maio de 2001, coa finalidade de facer chegar estas ó maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima que se van conceder ó abeiro da Orde do 21 de maio de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 108, do 5 de xuño), na cantidade de 6.293.000 pesetas e con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.722B.770.0 que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001.

Segundo.-Esta modificación non afecta ó prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2001.

Enrique C. López Veiga

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura