Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Xoves, 22 de novembro de 2001 Páx. 14.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Escudo Servicios Generales, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Escudo Servicios Generales, S.L. (código convenio 1503872) que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18-7-2001 e complementado o 18-9-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal o día 30-5-2001 e subsanado o 13-9-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 20 de setembro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo entre a empresa Escudo Servicios Generales, Sociedad Limitada e o seu persoal

Este convenio está concertado polas representacións de empresa e a representación sindical correspondente, estando ámbalas dúas lexitimadas e constituídas, de acordo co disposto no capítulo III do Estatuto dos traballadores.

Capítulo I

Extensión e eficacia

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio de traballo establece as normas básicas nas relacións laborais entre Escudo Servicios Generales, Sociedad Limitada e os seus traballadores, calquera que sexa a súa categoría laboral.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

As normas deste convenio serán de aplicación en tódolos centros de traballo que a empresa ten na actualidade na provincia da Coruña.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio é desde o día da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2004, prorrogándose tacitamente por períodos anuais de non mediar denuncia deste por calquera das partes intervinientes.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia deste por escrito, ante a outra parte e ante a autoridade laboral con alomenos quince días de antelación ó vencemento do prazo de vixencia ou calquera das súas prórrogas.

Capítulo II

Absorción e compensación

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

Os efectos económicos do presente convenio comezarán a aplicarse no mes da súa sinatura. As condicións económicas de toda índole pactadas neste convenio forman un todo orgánico e substituirán, compensarán e absorberán en cómputo anual e global a tódalas existentes á sinatura do presente convenio calquera que sexa a natureza, orixe ou denominación delas.

Artigo 6º.-Garantía persoal.

En caso de que existise algún traballador que tivese recoñecidas condicións económicas que, consideradas no seu conxunto anual, foran beneficiosas cás establecidas neste convenio para os traballadores da súa mesma categoría profesional, manteránselle e respectarán con carácter estrictamente persoal, mentres permaneza na mesma categoría.

Artigo 7º

O presente convenio constitúe un conxunto indivisible e as partes que o acordan reciprocamente vinculadas á súa totalidade, adquirindo o compromiso de respectar e cumprir todo o pactado nel.

Capítulo III

Artigo 8º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria, a cal estará integrada por dous membros da empresa e dous membros da representación sindical, das cales as funcións serán as que a continuación se indican:

1. Interpretación da totalidade dos artigos do convenio colectivo.

2. Conciliación preceptiva con conflictos colectivos que supoñan a interpretación das normas do presente convenio.

En ámbolos dous casos presentarase por escrito a cuestión obxecto do litixio ante a comisión de interpretación, conciliación e arbitraxe, a cal se reunirá

necesariamente no prazo de dez días naturais a partir da data de recepción do escrito, debendo emiti-lo informe no mesmo prazo de tempo.

Establécese o carácter vinculante do pronunciamento da comisión na arbitraxe dos problemas ou cuestións derivadas da aplicación deste convenio que lle sexan sometidas por acordo entre ámbalas dúas partes.

A comisión fixa como sede das reunións o domicilio social da empresa, avenida do Exército, número 10-1º da Coruña. Calquera dos compoñentes desta comisión poderá convoca-las ditas reunións. A parte convocante estará obrigada a comunicalo a tódolos compoñentes por escrito.

A comisión paritaria estará composta por dous membros da representación da empresa e outros dous dos sindicatos asinantes do convenio colectivo.

Capítulo IV

Organización do traballo na empresa

Artigo 9º.-Organización e modificación das condicións de traballo.

A organización do traballo, de acordo co previsto neste convenio, correspóndelle á dirección da empresa, que a desenvolverá dentro dos límites do exercicio regular das súas facultades de organización, dirección e control de traballo e atendendo ás necesidades técnico-económicas existentes en cada momento.

A mobilidade funcional, como manifestación deste poder de dirección, exercerase de acordo ás necesidades empresariais e ó previsto no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, respectando, en todo caso, os dereitos económicos e profesionais dos traballadores. Para estes efectos, os grupos profesionais serán os definidos no artigo 15º deste convenio.

Capítulo V

Sección primeira

Clasificación segundo a permanencia

Artículo 10º

En función da súa permanencia os contratos de traballo poderán concertarse por tempo indefinido, por duración determinada e por calquera outra modalidade de contrato de traballo autorizada pola lexislación vixente.

Será persoal contratado para obra ou servicio determinado aquel que teña como misión atende-la realización dunha obra ou servicio determinado dentro da actividade normal da empresa, gozando de substantividade propia de acordo co establecido no artigo 15.a) do Estatuto dos traballadores.

Este tipo de contrato quedará resolto polas seguintes causas:

Cando finalice a obra ou o servicio co cliente.

Cando o cliente resolva o contrato de arrendamento de servicios, calquera que sexa a causa.

Cando o contrato de arrendamento de servicios sexa resolto parcialmente polo cliente, producirase automaticamente unha extinción parcial equivalente dos contratos de traballo adscritos ó servicio.

Para efectos da determinación dos traballadores afectados por esta situación, elixiranse primeiro os de menor antigüidade, e caso de te-la mesma, valoraranse as cargas familiares, informando en todo caso á represntación dos traballadores.

Será persoal eventual aquel que foi contratado pola empresa con ocasión de prestar servicios para atende-las esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa, sempre que a duración máxima destes contratos non teña unha duración superior a seis meses nun prazo máximo de doce meses, de acordo co establecido no artigo 15.b) do Estatuto dos traballadores.

Será persoal interino aquel que se contrate para substituír a outro traballador da empresa con dereito a reserva do posto de traballo, durante a súa ausencia por incapacidade temporal, vacacións, supostos de excedencia, cumprimento de sancións, etc.

Será persoal temporal aquel que fose contratado en virtude das disposicións legais vixentes e específicas deste tipo de contrato.

Tanto o réxime xurídico destes tipos de contratos como o daqueloutros non incluídos neste artigo, será establecido nas disposicións legais vixentes en cada momento.

Artigo 11º

Será fixo en cadro de persoal:

a) O persoal contratado por tempo indefinido unha vez superase o tempo de proba.

b) O persoal eventual, a relación contractual do cal supere o período de seis meses, dentro de doce meses, con independencia das contratacións que poida levar a cabo a empresa como consecuencia dos contratos de duración determinada suxeitos ó emprego protexido.

c) O persoal que, contratado para servicio determinado, seguise prestando servicio na empresa terminados aqueles.

d) O persoal interino que, unha vez reincorporado ó servicio o substituto, siga prestando servicio de carácter permanente non interino na empresa.

Artigo 12º

O persoal eventual, interino e contratado para servicios determinados, deberao ser por escrito, consignándose a causa xenérica da eventualidade ou interinidade, así como a duración ou o servicio obxectivo do contrato. Para os contratos eventuais de duración inferior a catro semanas non será esixible este requisito.

Artigo 13º.-Período de proba.

Todo o persoal de novo ingreso será sometido a un período de proba, durante o cal calquera das partes poderá rescindi-lo contrato sen dereito a indemnización de ningún tipo. O período de proba non poderá exceder do seguinte tempo, segundo a categoría profesional:

Persoal directivo: seis meses.

Persoal cualificado: tres meses.

Persoal administrativo: tres meses.

Persoal mandos intermedios: tres meses.

Persoal operativo: dous meses.

Persoal oficios varios: quince días.

Sección segunda

Clasificación segundo funciones

Artigo 14º

As clasificacións do persoal consignadas no presente convenio colectivo son meramente enumerativas, non limitativas e non supoñen a obriga de ter previstas tódalas prazas e categorías enumeradas, se as necesidades e volume da empresa non o requiren.

Artigo 15º.-Clasificación xeral.

O persoal que presta os seus servicios en Escudo Servicios Generales, Sociedad Limitada clasificarase por razón das súas funcións nos grupos que a continuación se indican:

Grupos profesionais:

I. Persoal directivo.

II. Persoal administrativo.

III. Persoal mandos intermedios.

IV. Persoal operativo.

V. Persoal oficios varios.

* Persoal directivo e titulado:

Director xeral.

Director administrativo.

Director de persoal.

Xefe de departamento.

Titulado de grao superior.

Titulado de grao medio.

* Persoal administrativo:

Xefe primeira administrativo.

Xefe segunda administrativo.

Oficial primeira administrativo.

Oficial segunda administrativo.

Vendedor.

Auxiliar.

Aspirante.

Telefonista.

* Persoal mandos intermedios:

Encargo/encargado xeral.

Supervisor.

* Persoal operativo:

Controlador.

Auxiliar de servicios.

Conductor.

Azafata.

* Persoal de oficios varios:

Axudante.

Mozo/peón.

Sección terceira

Definicións das categorías profesionais

Artigo 16º.-Persoal directivo e titulado.

a) Director xeral. É quen, con título adecuado ou ampla preparación teórico-práctica, asume a dirección e a responsabilidade da empresa, programando e controlando o traballo en tódalas súas fases.

b) Director administrativo. É quen, con título adecuado ou con ampla preparación teórico-práctica, asume a dirección e responsabilidade das funcións administrativas no seu máis amplo sentido e planifica, programa e controla a administración da empresa.

c) Director de persoal. É quen, con título adecuado ou ampla preparación teórico-práctica, asume a dirección e responsabilidade das funcións relacionadas coa xestión de persoal no seu amplo sentido.

d) Xefe de departamento. É quen, con ou sen título, baixo a dependencia directa da dirección de que dependa, leva a responsabilidade directa dun ou máis departamentos.

e) Titulado de grao superior ou titulado de grao medio. Titulados son aqueles que aplican os seus títulos de grao superior (licenciaturas e doutoramento) ou en grao medio (perito, graduado social).

Artigo 17º.-Persoal administrativo.

a) Xefe de primeira. É o empregado que, provisto de poderes ou non, leva responsabilidade e dirección dunha ou máis seccións administrativas, imprimíndolles unidades e dirixindo e distribuíndo o traballo.

b) Xefe de segunda. É o empregado que, previsto ou non de poderes limitados ás ordes do xefe de primeira, se o houber, realiza traballos de superior categoría cós oficiais, estando encargado de orientar ou dar unidade á sección ou dependencia que dirixe, así como distribuí-los traballos entre o persoal que del dependa.

c) Oficial de primeira. É o empregado que ten ó seu cargo un servicio determinado, dentro do cal exerce iniciativa e posúe responsabilidade, con ou sen empregados ás súas ordes.

d) Oficial de segunda. É o empregado que, con iniciativa e responsabilidade restrinxidas, realiza tarefas administrativas de carácter secundario.

e) Auxiliar. É o empregado maior de dezaoito anos que dedica a súa actividade a tarefas e operacións administrativas elementais e, en xeral, ás puramente inherentes ó traballo de oficina.

f) Vendedor. É o empregado afecto ó departamento comercial da empresa e ó seu único servicio, que realiza as funcións de prospección do mercado e a promoción e venda dos servicios propios da sociedade, realizando os desprazamentos necesarios, tanto para a captación de clientes, como para a atención deles, unha vez contratados.

f) Aspirante. É o empregado de idade comprendida entre os dezaseis a dezaoito anos que se inicia nos traballos de contabilidade, burocráticos ou comerciais para acada-la necesaria práctica profesional.

h) Telefonista. É o empregado que ten como principal misión estar ó servicio e coidado dunha central telefónica, podendo realizar tarefas administrativas auxiliares.

Artigo 18º.-Mandos intermedios.

a) Encargado/encargado xeral. É o empregado que, procedente ou non do grupo operativo, e polas súas condicións humanas e profesionais, con plena responsabilidade e ás inmediatas ordes dos seus superiores dunha forma máis práctica que teórica, coida e é responsable da orde, disciplina, vixilancia, distribución, asignación do traballo e exerce as funcións específicas que lle son delegadas con control xeral de tódolos supervisores sobre o comportamento dos seus empregados para a súa gratificación e promoción.

b) Supervisor. É aquel traballador que ten por misión verificar e comproba-lo exacto cumprimento das funcións e obrigas atribuídas ós demais empregados, dando conta inmediantamente ó encargado ou xefe inmediato correspondentes de cantas incidencias observe na prestación dos servicios, tomando as medidas de urxencia que estime oportunas, encargándose de mante-la disciplina e pulcritude entre os seus empregados.

Artigo 19º.-Persoal operativo.

a) Controlador. É aquel traballador maior de dezaoito anos que realiza, con formación, uniformado ou non coas pezas de roupa e distintivos que a empresa determine necesarios para a correcta prestación de servicios, tarefas auxiliares con todo tipo de inmobles, como o control ou listeiro de accesos, control ou listeiro de tráfico, control e comprobación de instalacións de mantemento, de fontanería, de electricidade, de gardamobles, desinfección e desinsectación e outros servicios auxiliares similares e todas aquelas actividades que directa ou indirectamente se relacionan coas ditas funcións na empresa ou comunidades. Para efectos de determinar exactamente a prestación dos seus servicios, en cada posto

deberá de existir unha ficha de traballo que deberá ser escrupulosamente cumprida polo traballador.

b) Auxiliar de servicios. É o traballador maior de dezaoito anos que desempeña, con formación suficiente, uniformado ou non coas pezas de roupa e distintivos que a empresa determine necesarios para a correcta prestación do servicio, tarefas auxiliares, con todo tipo de inmobles.

c) Conductor. Son aqueles traballadores que, estando en posesión do permiso de conducir adecuado ó vehículo que van utilizar, poderá desempeña-las funcións de mensaxería, transporte de material ou persoal.

d) Azafatas. É a persoa maior de dezaoito anos, encargada de recibir ós clientes, persoal ou telefonicamente, proporciona-la información que soliciten dentro das súas funcións, anuncialos e conducilos ante a persoa ou persoas con quen desexen falar, atenden solicitudes de información ou de entrevistas, concertan estas, prepáraas nos seus aspectos formais.

Artigo 20º.-Oficios varios.

a) Axudante. É aquel traballador menor de dezaoito anos encargado de realizar tarefas concretas que non constitúen labor cualificado de oficio ou que, baixo a inmediata dependencia dun oficial, colabora en funcións propias deste, baixo a súa responsabilidade.

b) Mozo/peón. É o operario maior de dezaoito anos encargado de realizar tarefas para a execución das cales se require unicamente a achega de esforzos e atención, sen a esixencia de práctica operativa ningunha.

Capítulo VI

Artigo 21º.-Lugar de traballo.

Dadas as especiais circunstancias en que se realiza a prestación dos servicios, a mobilidade do persoal virá determinada polas facultades de organización da empresa, que procederá á distribución do seu persoal entre os seus diversos lugares de traballo do xeito máis racional e adecuado ós fins productivos dentro dunha mesma localidade.

Para os efectos, entenderanse por localidade, tanto o municipio de que se trate, como as macroconcentracións urbanas ou industriais que se agrupen ó redor del, aínda que administrativamente sexan municipios distintos, sempre que estean comunicados por medio de transporte públicos a intervalos non superiores a unha hora, á entrada e/ou saída dos traballadores e, en todo caso, dentro do ámbito de 15 quilómetros da aglomeración urbana.

O persoal da empresa que desempeñe tarefas operativas poderá ser cambiado dun centro de traballo a outro, de acordo coas facultades expresadas, dentro dunha mesma localidade. Como principio xeral, a empresa deberá utilizar, de ser posible, para calquera lugar de traballo a aqueles traballadores que residan preto daquel.

Os traballos realizados dentro da zona definida como municipio ou localidade non darán lugar a axudas de custo de ningún dos traballadores da empresa.

Artigo 22º.-Traslados temporais.

Entenderase por traslado temporal o cambio temporal de residencia dun traballador a unha poboación situada fóra da localidade, para atender traballos encomendados pola empresa.

O traslado temporal non poderá durar máis de tres meses, procurando escoller para este o persoal que resulte menos prexudicado, preferindo, en primeiro lugar, os que solicitasen a realización do traslado temporal se reunise a capacidade suficiente para desempeña-las tarefas del, despois os solteiros e finalmente os casados. O persoal destacado terá dereito ó percibimento dos salarios, axudas de custo e gastos de viaxe que, pola súa categoría, lle corresponda ata a súa finalización ou conversión en traslado por necesidade de servicio.

O acordo para a asignación ó traslado temporal será entre o traballador e a empresa e en caso de non haber acordo, será oída a representación dos traballadores.

Artigo 23º.-Desprazamentos.

O persoal que saia da súa residencia por causa do servicio desprazándose fóra do seu municipio ou localidade, no sentido que a tal palabra se lle dá no artigo 21º do presente convenio colectivo terá dereito ó percibo de axuda de custas. No caso de que non se desprace en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe, ademais, o importe do billete en medio de transporte idóneo. Se o desprazamento se realizase en vehículo particular do traballador, aboaránselle 28 pesetas por quilómetro.

Artigo 24º.-Importe das axudas de custo.

O importe das axudas de custo será desde o 1 de xaneiro de 2001 de:

955 pesetas, cando o traballador teña que facer unha comida fóra da localidade.

1.591 pesetas, cando o traballador teña que facer dúas comidas fóra da súa localidade.

3.183 pesetas, cando o traballador teña que pernoitar fóra da súa localidade e realizar dúas comidas. Se o desprazamento fose superior a sete días, o importe da axuda de custo completa será de 2.918 pesetas a partir do oitavo día.

Os anteriores importes incrementaranse para o resto da vixencia do convenio no IPC previsto polo Goberno nos orzamentos xerais do Estado.

Artigo 25º.-Traslados.

Os traslados do persoal serán aqueles desprazamentos fóra da localidade de orixe que impliquen cambio de residencia e poderán estar determinados por algunha das seguintes causas:

a) Petición do traballador ou permuta.

b) Mutuo acordo entre a empresa e o traballador, por escrito.

c) Por necesidades do servicio, logo de informe da representación dos traballadores.

Nos traslados, por petición do traballador e nos de permuta, non haberá lugar nin dereito a indemnización polos gastos que se orixinen polo cambio de residencia. A data de petición do traslado ou permuta considerarase prioritaria para acceder a esta. Os traslados realizados por mutuo acordo rexeranse polos pactos que se establecesen por escrito.

Nos traslados por necesidades do servicio, a empresa haberá de demostra-la urxencia das necesidades e terán en conta as circunstancias persoais, familiares e sociais dos traballadores. En caso de oposición ó traslado por parte do traballador, o traslado deberá autorizalo a autoridade competente. O traslado por tal motivo dará dereito ó aboamento de gastos de viaxe, traslado, así como os dos familiares que con el convivan, o transporte gratuíto da moblaxe e utensilios e a unha indemnización equivalente a dúas mensualidades de salario real.

O traballador que fose trasladado por necesidade do servicio non poderá ser trasladado de novo nun prazo de cinco anos, agás acordo mutuo por escrito.

Capítulo VII

Artigo 26º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo durante a vixencia do presente convenio será de mil oitocentas quince horas anuais de traballo efectivo en cómputo mensual a razón de cento sesenta e cinco horas por mes, podendo ser continuada ou dividida, sen que neste caso poida selo en máis de dous períodos. Dadas as especiais características da actividade da empresa, poderanse establecer horarios flexibles desde as cero ás vintecatro horas do día, en atención ás necesidades do servicio, se ben deberá existir alomenos entre unha xornada partida e a seguinte, dentro do mesmo día, un tempo mínimo de hora e media. Así mesmo, se un traballador non puidese realiza-la súa xornada mensual, deberá compensa-lo seu defecto nos meses seguintes.

Artigo 27º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan da xornada ordinaria anual establecida no artigo 26º deste convenio colectivo, sendo os importes que se van aboa-los indicados no anexo II, calquera que sexa o momento en que se realicen, dentro das vintecatro horas do día. A criterio da empresa poderán compensarse con descanso nos catro meses seguintes.

Artigo 28º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dunhas vacacións retribuídas e terán unha duración de trinta días naturais para todo o persoal da empresa que leve un ano ó servicio dela ou a parte proporcional,

no caso de levar menos dun ano. O importe das vacacións será polo soldo base da táboa salarial do anexo I incluído o complemento de antigüidade.

1. En cada empresa establecerase unha quenda rotativa de desfrute das vacacións. O período que constitúe quenda determinarase de acordo entre a empresa e o comité de empresa ou delegados de persoal, debéndose fixa-lo cadro de vacacións con dous meses de antelación ó inicio do período anual de vacacións. A empresa poderá fixar dous meses que pola acumulación de pedidos ou servicios non se desfruten vacacións. Que deberán ser fixados de acordo cos representantes dos traballadores.

2. Cando un traballador cese no transcurso do ano terá dereito á parte proporcional da imputación en metálico das vacacións a razón ó tempo traballado.

Artigo 29º.-Licencias.

Tódolos traballadores, avisando coa posible antelación e xustificando posteriormente os seus motivos, terán dereito ás seguintes licencias retribuídas.

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días en caso de nacemento de fillos, ampliables a catro días, se fose necesario desprazamento ou se o parto presentase complicacións ou resultase enfermidade grave.

c) Dous días por enfermidade grave ou falecemento de parente, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Dous días por falecemento de cónxuxes, fillos e pais.

e) Dous días por falecemento de irmáns consanguíneos.

f) Cando nos supostos c), d) e e) o traballador necesite facer un desprazamento fóra da provincia para o efecto o prazo será de tres días.

g) Por matrimonio de fillos, un día ou dous, segundo fose dentro ou fóra da localidade.

h) Dous días por traslado de domicilio habitual e sempre cun límite de dous días nun período de trinta e seis mensualidades.

i) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal, tal e como ordena a lexislación aplicable.

Artigo 30º.-Excedencias.

a) Forzosa: nesta suspéndese o contrato de traballo e exonérase das obrigas recíprocas de traballo e remunera-lo traballo, sen embargo, conservará a reserva de posto de traballo. Concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento do cargo público.

b) Voluntaria: terá dereito a ela calquera traballador cunha antigüidade na empresa de tres anos. A duración poderá ser entre os seis meses e os cinco anos e ata que non transcorreran catro anos desde

a súa incorporación ó termo dela á empresa, non poderá ser exercitada outra vez polo mesmo traballador. Ó nacemento dun fillo e por un período non superior a tres anos para atende-lo seu coidado, os traballadores teñen dereito a unha excedencia. Os fillos sucesivos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que viñese desfrutando. A excedencia considerada no presente epígrafe constitúe un dereito individual dos traballadores, homes e mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa. O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores, será computable para efectos de antigüedade.

c) Cargos sindicais ou políticos: ós traballadores que accedan a estes cargos e non poidan compatibiliza-lo exercicio deles co seu traballo na empresa, concederáselles excedencia forzosa, sen dereito a percibir ningunha retribución, pero con reserva de posto de traballo e con dereito ó cómputo de antigüidade mentres dure o exercicio do seu cargo. Cando finalice a causa que orixinou a excedencia, o traballador volverá ocupa-lo seu posto de traballo na empresa, avisando cun mes de antelación a súa reincorporación a esta. Para acceder a este tipo de excedencia, os cargos sindicais deberán ser de ámbito provincial ou superior.

Artigo 31º.-Causas de extinción do contrato de traballo.

O cesamento dos traballadores na empresa terá lugar por calquera das causas previstas no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

No caso de cesamento por vontade do traballador, o persoal directivo titulado e técnico deberá preavisa-la súa baixa cunha antelación non inferior a dous meses. O persoal administrativo ou de mando intermedio, o persoal operativo, subalterno e de oficios varios, con quince días hábiles de antelación. A falta de cumprimento do preaviso levará consigo a perda do salario correspondente a quince días hábiles sen a cantidade correspondente ás partes proporcionais do dito período. O preaviso deberá exercitarse sempre por escrito e a empresa virá obrigada a subscribi-lo xustificante de recepción.

A falta de aviso previo por parte da empresa en casos de finalización do contrato de quince días, segundo prevé a lexislación vixente, dará lugar á indemnización correspondente ou á parte proporcional se o aviso previo se efectuase en período inferior ó aviso previo.

As liquidacións poñeranse á disposición dos traballadores dentro dos quince días hábiles seguintes á data de baixa. En caso de que o traballador non lle devolva á empresa no momento de baixa a documentación, pezas de roupa de traballo ou outros

obxectos propiedade dela, quedará condicionado o pagamento da liquidación á entrega deles.

Capítulo VIII

Artigo 32º.-Faltas de persoal.

As accións ou omisións punibles en que incorran os traballadores clasificaranse segundo índoles e circunstancias que concorran en leves, graves e moi graves.

A enumeración das faltas leves, graves e moi graves será de carácter enunciativo e non limitativo.

Artigo 33º.-Faltas leves.

Serán faltas leves as seguintes:

a) A de descoido, erro ou demora inexplicable na execución de calquera traballo.

b) Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo durante o período dun mes, inferiores a trinta minutos, sempre que destes atrasos non se deriven, pola especial función do traballador, graves prexuízos para o traballo que a empresa lle teña encomendado que, en todo caso, se cualificará de falta grave.

c) Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falta ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

d) Pequenos descoidos na conservación do material.

e) Non comunicarlle á empresa os cambios de domicilio.

f) Faltar un día ó traballo sen a debida autorización ou causa xustificada.

Artigo 34º.-Faltas graves.

Serán faltas graves:

a) Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, non xustificadas, cometidas no período dun mes.

b) Menos de tres faltas de asistencia ó traballo, sen a debida autorización ou causa xustificada, durante o período dun mes.

c) A simulación de enfermidade ou accidente.

d) A simple desobediencia ós seus superiores en acto de servicio. Se a desobediencia implica quebranto manifesto para o traballo, ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta grave.

e) Simula-la presencia doutro traballador, fichando ou asinando por el.

f) Falta ó respecto e consideración ó público.

g) Discusións molestas cos compañeiros de traballo en presencia do público.

h) A reincidencia en máis de cinco faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun

trimestre e tendo mediado sanción que non sexa a de amoestación verbal.

Artigo 35º.-Faltas moi graves.

Serán falta moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas de asistencia ó traballo sen xustificar nun período de seis meses ou vinte durante un ano.

b) Fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como no trato cos compañeiros de traballo ou calquera outra persoa ó servicio da empresa en relación de traballo con esta, ou facer negociacións da mesma actividade contratada por conta propia ou doutra persoa sen expresa autorización da empresa.

c) Facer desaparecer, inutilizar ou causar desperfecto en materiais, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, útiles ou documentos da empresa de forma intencionada.

d) Roubo, furto ou malversación de cometidos dentro ou fóra da empresa.

e) A embriaguez ou uso de droga durante o servicio.

f) A embriaguez fóra dos actos de servicio, vestindo uniforme da empresa.

g) Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa.

h) Dedicarse a actividades que a empresa declarase incompatibles.

i) Os malos tratos de palabra e obra, abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e consideración ós xefes ou ós seus familiares, así como ós compañeiros e subordinados.

j) Durmir estando de servicio.

k) A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor.

l) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dun período de tres meses da primeira.

m) O abandono sen causa xustificada do traballo.

n) Entregarse a xogos ou distraccións calquera que sexan, estando en servicio.

o) Tres ou máis faltas de asistencia de traballo durante o período dun mes sen causa xustificada.

p) Non acreditación documental das situacións de enfermidade dentro do prazo de cinco días desde que se produciu a continxencia e iso con independencia de que existise notificación verbal.

Artigo 36º.-Sancións.

As sancións máximas que poderán impoñerse ós que incorran en faltas serán as seguintes:

* Por faltas leves:

Amoestación verbal.

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo dun día.

* Por faltas graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

* Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de quince a cincuenta días.

Despedimento.

Todas estas faltas prescribirán nos prazos legais, tal e como establece o Estatuto dos traballadores no seu artigo 60.

Capítulo IX

Artigo 37º.-Dereitos sindicais.

Os delegados de persoal ou membros do comité de empresa poderán acumular mensualmente as horas retribuídas para o exercicio das funcións nun ou varios daqueles, sen sobrepasa-lo máximo total legalmente establecido.

Artigo 38º.-Saúde laboral.

Neste aspecto haberá que aterse ó disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, sobre prevención de riscos laborais, así como o Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, de vixilancia da saúde.

Recoñecementos médicos: os traballadores afectados por este convenio colectivo terán o dereito a realizarse un recoñecemento médico xeral unha vez ó ano. Ó traballador facilitaráselle o informe médico correspondente.

Capítulo X

Retribucións

Artigo 39º.-Prestacións sociais.

Subscribiranse pólizas de seguro colectivo a favor de todos e cada un dos seus traballadores por un capital de 2.500.000 pesetas por morte e 3.500.000 pesetas por incapacidade permanente absoluta, ámbalas dúas derivadas de accidente. O seu efecto cubrirá as 24 horas.

Artigo 40º.-Anticipos.

O traballador terá dereito a percibir anticipos a conta polo traballo xa realizado, sen que poida exceder do 90% do importe do salario, considerando como tal o salario base, máis o complemento por transporte e o complemento por antigüidade.

Artigo 41º.-Uniformes.

A empresa facilitaralle ó persoal as pezas de roupa adecuadas que formen parte do uniforme, naqueles servicios contratados con este requisito.

Artigo 42º

As nóminas serán satisfeitas por meses vencidos e entre o día 1 e 5 do mes seguinte.

Artigo 43º.-Estructura salarial.

A estructura salarial que pasarán a te-las retribucións desde a entrada en vigor do presente convenio colectivo, será a seguinte:

a) Salario base.

b) Complemento persoal: antigüidade.

c) Complemento de posto de traballo:

c.1) Complemento de responsable/xefe de equipo/coordinador e traballo nocturno.

c.2) De vencemento superior ó mes: gratificacións de Nadal e de xullo.

c.3) Indemnización ou suplidos: complemento de transporte e complemento de vestiario.

c.4) Por calidade e cantidade de traballo: incentivos, comisións e horas extras.

Artigo 44º.-Soldo base.

Entenderase por soldo base a retribución correspondente, en cada unha das categorías profesionais a unha actividade normal durante a xornada de traballo fixada neste convenio, e que con tal soldo base, se detalla no anexo salarial deste convenio.

Artigo 45º.-Plus persoal.

Antigüidade. Os traballadores comprendidos neste convenio colectivo desfrutarán en concepto de antigüidade dun complemento periódico polo tempo de servicio prestado nela, desde a data de ingreso nela, consistente en quinquenios de 3.500 pesetas de valor unitario.

Artigo 46º.-Complementos de posto de traballo.

a) Complemento de xefe de equipo/coordinador: aboaráselle ó traballador que ademais de realizar tarefas propias da súa categoría desenvolve un labor de concentración, distribuíndo o traballo e indicando como realizalo, confeccionando os partes oportunos e comunicando cantas anomalías ou incidencias se produzan ó seu superior.

O persoal que exerce estas funcións percibirá un complemento por tal concepto dun 7% do soldo base que para a súa categoría estableza o convenio, mentres as teña asignadas e as realice, sen que en ningún caso poida considerarse un complemento consolidable.

b) Complemento de traballo nocturno: os traballadores que desenvolvan o seu traballo entre as vintedúas horas e as seis horas do día seguinte, con carácter non habitual, percibirán un complemento pola xornada de traballo nocturno, de 70 pesetas por cada hora efectivamente realizada nese horario. Nos postos dos que o servicio prestado se establece en consideración a que o seu traballo é nocturno pola súa propia natureza e realizan máis do 80% da súa xornada nos períodos de nocturnidade, percibirán un máximo de 7.500 pesetas por este concepto.

Artigo 47º.-Complemento de vencemento superior ó mes.

Gratificación de xullo e Nadal: o persoal ó servicio da empresa percibirá dúas gratificacións extraordinarias que se devenga os días 15 de xullo e 15 de decembro, respectivamente, de cada ano e deberán ser satisfeitas dentro dos cinco días anteriores a cada unha das datas. O importe de cada unha destas gratificacións será dunha mensualidade da columna de soldo base do anexo salarial e do complemento de antigüidade.

Ó persoal que ingresase no transcurso do ano ou cesase nel, aboaránselle as gratificacións extraordinarias sinaladas, rateando o seu importe en relación co tempo traballado.

O devengo das pagas extras será anual. En todo caso, o importe das pagas extras poderá ser rateado nas nóminas mensuais.

Artigo 48º.-Complemento de indemnización ou suplidos.

a) Complemento de distancia e transporte: establécese como compensación a gastos de desprazamento e medios de transporte dentro da localidade, así como desde o domicilio ós centros de traballo e regreso daquel. A súa contía, en cómputo anual e redistribuída en once pagas, establécese na columna correspondente do anexo salarial.

b) Complemento de mantemento de vestiario: establécese como compensación de gastos que obrigatoriamente correrán a cargo do traballador por limpeza e conservación do vestiario, calzado e demais pezas de roupa que compoñen a súa uniformidade, considerándose, para efectos, como indemnización. A súa contía anual e redistribuída en once pagas, establécese na columna correspondente no anexo salarial.

Con independencia da obrigatoriedade destes complementos, nunca terán a consideración de salario a ningún efecto, non incluíndose na base de cotización á Seguridade Social, por tratarse dunha compensación das previstas no artigo 26.2º do Estatuto dos traballadores, coincidente co artigo 109.2º a) e c) da Lei xeral da Seguridade Social e demais disposicións de aplicación.

Artigo 49º.-Complemento por cantidade e/ou calidade do traballo.

Ademais das horas extraordinarias conceptuadas no artigo 27º deste convenio e cuantificadas no anexo del, os traballadores poderán percibir por razón dunha mellor calidade ou unha maior cantidade de traballo as compensacións salariais que libremente fixe a empresa, vaian ou non unidos a un sistema de retribución por rendemento. Estas cantidades figurarán nas nóminas baixo complemento de cantidade/calidade, que non terán o carácter de consolidables e serán de libre establecemento pola empresa e os traballadores afectados, requirindo unicamente a comunicación con carácter trimestral daqueles que

figuren nas nóminas mensuais, ós representantes dos traballadores, a quen se informará.

Artigo 50º.-Complemento de incapacidade temporal en caso de accidente de traballo e enfermidade común ou accidente non laboral.

Nos postos de incapacidade temporal, compensarase do seguinte xeito:

a) Incapacidade temporal en caso de accidente laboral: a empresa complentará cando proceda a prestación regulamentaria de xeito que o traballador perciba o 100% dos conceptos salariais, sen que supoña mingua do importe que puidese corresponder nas pagas extraordinarias.

b) Incapacidade temporal en caso de enfermidade ou accidente non laboral: procederase segundo a lexislación vixente.

Artigo 51º.-Contía das retribucións.

As retribucións aplicables desde a sinatura do presente convenio serán as establecidas no anexo I salarial.

Para o resto dos anos de vixencia do convenio ámbolos dous, empresa e traballadores, fixarán de común acordo as variacións deles. Con carácter a conta do incremento do convenio rexerá un aumento de IPC previsto polo Goberno nos presupostos xerais do Estado para cada ano que se estea negociando.

O importe das horas extras desde a sinatura do presente convenio serán as que figuran no anexo II.

Artigo 52º.-Uniformes.

A empresa facilitará cada dous anos ó persoal operativo as seguintes pezas de roupa de uniforme: tres camisas de verán, tres camisas de inverno, unha gravata, dúas chaquetas curtas, dous pantalóns de inverno e dous pantalóns de verán.

Así mesmo, facilitarase, en caso de servicios no exterior, as pezas de roupa de abrigo e de auga adecuadas.

As demais pezas de roupa de equipo renovaranse cando se deterioren.

En caso de forza maior, debidamente probada, substituiranse as pezas de roupa deterioradas por outras novas.

Artigo 53º.-Formación.

Ámbalas partes asumen o contido do III acordo nacional de formación continua subscrito cos interlocutores sociais, podendo acudir á solicitude de plans formativos nos termos das convocatorias que se publiquen en desenvolvemento do dito acordo nacional.

Disposicións adicionais

Primeira.-No previsto neste convenio colectivo haberá que aterse, única e exclusivamente, ás disposicións contidas no Estatuto dos traballadores e normas que a esta lei complementará; de tal xeito

que non se complementará con outros convenios nin ordenanzas laborais.

Segunda.-Este convenio colectivo, polos seus asinantes, considerarase un todo indivisible, de xeito que se por sentencia firme fose declarada ilegal calquera das súas normas ou disposicións, todo o convenio quedaría sen validez, procedendo as partes a negociar novamente, con liberdade de criterio, o convenio que agora se subscribe.

ANEXO I

Táboa salarial do ano 2001

Persoal

Salario

base

pesetas

Compl. de

transporte

pesetas

Compl.

vestiario

pesetas

Total

pesetas

* Directivos e técnicos

Director xeral180.9869.000189.986

Director administrativo171.9179.000180.917

Director de persoal171.9179.000180.917

Xefe de departamento163.3229.000172.322

Título superior153.3229.000162.322

Título medio125.1559.000134.155

* Administrativos

Xefe primeira administrativo125.9809.000134.980

Xefe segunda administrativo119.4059.000128.405

Oficial primeira administrativo114.3019.000124.301

Oficial segunda administrativo104.8059.000113.805

Auxiliar administrativo75.0009.00084.000

Aspirante72.1209.00081.120

Telefonista73.5309.00082.530

* Mandos intermedios

Encargado xeral/encargado105.1509.000115.150

Supervisor85.0509.00096.050

* Persoal operativo

Controlador/a73.5309.0003.00085.530

Auxiliar de servicio72.1209.0003.00084.120

Azafata72.1209.0003.00084.120

Conductor/repartidor72.1209.0001.50082.620

* Oficios varios

Peón/mozo72.1209.0001.50082.620

Axudante72.1209.0001.50082.620

ANEXO II

Táboa do valor das horas extras

PersoalAno 2001

* Administrativos

Xefe primeira administrativo1.812

Xefe segunda administrativo1.787

Oficial primeira administrativo1.620

Oficial segunda administrativo1.216

Auxiliar administrativo800

Aspirante600

Telefonista650

* Mandos intermedios

Encargado xeral/encargado1.190

Supervisor1.000

PersoalAno 2001

* Operativo

Controlador/a650

Auxiliar de servicio600

Azafata650

Conductor/repartidor600

* Oficios varios

Peón/mozo600

Axudante600