Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 20 de novembro de 2001 Páx. 14.871

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 5 de novembro de 2001 pola que se establecen as tarifas aplicables á prestación de asistencia sociosanitaria concertada polo Servicio Galego de Saúde.

A Orde do 7 de maio de 1997, modificada pola Orde do 3 de outubro de 2000, de concertación e acreditación de centros sociosanitarios, establece o réxime de concertos entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e as persoas naturais e xurídicas, públicas ou privadas titulares de centros, servicios e establecementos sanitarios, para a atención sociosanitaria a persoas maiores con enfermidade e dependencia funcional e de relación que estean protexidas pola Seguridade Social.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, do Servicio Galego de Saúde (en diante Sergas) establece no seu artigo 4 d) como competencia da Consellería de Sanidade, na actualidade Consellería de Sanidade e Servicios Sociais polo Decreto 347/1997, do 9 de decembro, aproba-los módulos económicos para a prestación de servicios propios e concertados, así como a súa modificación e revisión.

A Orde do 28 de abril de 2000 establece as tarifas aplicables á prestación de asistencia sociosanitaria concertada polo Sergas para o ano 2000.

Tendo en conta a evolución do índice de prezos no ano 2000 e as previsións para o ano 2001, resulta necesaria a adecuación para este exercicio das tarifas máximas establecidas para as diferentes modalidades de servicios en réxime de asistencia sociosanitaria concertada.

En virtude de todo isto, por proposta da División de Recursos Económicos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As tarifas máximas aplicables á asistencia sociosanitaria concertada para o ano 2001 serán as seguintes:

a) Media estadía durante o primeiro mes de internamento:

Tarifa máxima: 9.197 pesetas/día (55,28 euros).

Porcentaxe de aumento: 3,7%.

b) Media estadía durante o segundo e terceiro mes de internamento:

Tarifa máxima: 8.116 pesetas/día (48,79 euros).

Porcentaxe de aumento: 3,7%.

c) Módulo asistencial por estadía en réxime de longa estadía.

Tarifa máxima: 4.004 pesetas/día (24,05 euros).

Porcentaxe de aumento: 3,7%.

d) Módulo residencial por estadía en réxime de longa estadía.

Tarifa máxima: 3.570 pesetas/día (21,46 euros).

Porcentaxe de aumento: 3,7%.

e) Asistencia en réxime de asistencia domiciliaria.

Tarifa máxima: 4.869 pesetas/día (29,25 euros).

Porcentaxe de aumento: 3,7%.

Artigo 2º

As tarifas dos concertos vixentes o 31 de decembro de 2000 que non acaden o importe máximo revisaranse, incrementándose nas porcentaxes establecidas nesta orde, aínda que non poderán superar con esta revisión o importe máximo das tarifas recollidas no artigo 1º. A revisión farase con efectos desde o 1 de xaneiro do ano 2001.

Ós concertos que se formalicen no ano 2001 non lles será de aplicación a revisión de tarifas.

Artigo 3º

Para axiliza-la aplicación inmediata desta norma deberase observa-lo seguinte procedemento:

1. Os directores provinciais do Sergas, no prazo máximo dun mes a partir da data de publicación desta disposición, formularán unha nota dilixencia por cada concerto vixente na súa provincia, na que se faga consta-la contía do incremento e os novos prezos resultantes por cada unha das prestacións ou servicios que a empresa teña validamente concertados, así como a data a partir da cal se adquira o dereito ó incremento. O contido desta dilixencia será comunicado por calquera medio que permita deixar constancia ó representante legal da empresa concertada, outorgándolle un prazo máximo de vinte días para presentar escrito de conformidade ou, se é o caso, alegacións de desconformidade.

2. Se durante o prazo indicado non se producise ningunha comunicación por parte da empresa concertada ou se recibise escrito de conformidade desta, o director provincial remitirá a nota dilixencia, sen asinar, á Intervención Territorial delegada para a súa preceptiva fiscalización. Unha vez intervida favorablemente, o director provincial emitirá resolución, elevando a definitiva a revisión proposta.

Esta resolución, xunto cun exemplar da nota dilixencia, remitirase á empresa concertada por cal

quera medio que permita deixar constancia, á División de Asistencia Sanitaria, á Intervención Territorial e á Subdirección Xeral de Orzamentos da División de Recursos Económicos.

3. Sen prexuízo dos recursos que ó respecto poidan presentarse, a dirección provincial procederá a efectua-las liquidacións de atrasos correspondentes e a tramita-las sucesivas facturacións coas novas tarifas.

4. Se durante o citado prazo de vinte días se recibise escrito de desconformidade por parte da empresa concertada, a dirección provincial elevará o expediente á División de Recursos Económicos para a resolución que proceda.

Artigo 4º

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais