Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Mércores, 07 de novembro de 2001 Páx. 14.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da sanidade privada da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector sanidade privada da provicia de Lugo (código 2700815), asinado o día 12 de xullo de 2001, pola representación da Asociación de Empresarios de Sanidade Privada da Provincia de Lugo, Asociación de Centros de Hospitalización Privada da Provincia de Lugo e das centrais sindicais CIG (87,5%), UGT (12,5%), CC.OO. (0%), e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio,

sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegacion provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 6 de agosto de 2001.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da sanidade privada da provincia de Lugo

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio será de aplicación e de obrigado cumprimento nas actividades de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicos, sexa cal for a súa forma xurídica, e que estean comprendidas no ámbito de aplicación da ordenanza laboral para establecementos sanitarios de hospitalización, consulta e asistencia, aprobada por orde ministerial do 25 de novembro de 1976.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

As normas do presente convenio serán de aplicación en todo o territorio da provincia de Lugo.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio terá unha duración de 3 anos, iniciando a súa vixencia o día 1 de xaneiro de 2001 e rematando o 31 de decembro do ano 2003.

Capítulo II

Vinculación, denuncia e prórroga

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que a Administración ou xurisdicción competente anulase ou invalidase algún dos pactos incluídos no presente convenio por considerar que conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros, e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico e indivisible, terase por totalmente ineficaz, debendo reconsiderarse o seu contido íntegro pola comisión negociadora.

Artigo 5º.-Denuncia.

Ó extinguirse o período de aplicación e vixencia do presente convenio, este considerarase expresamente denunciado, sen necesidade de efectuar ningún trámite.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

As condicións económicas establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, serán absorbibles e compensables coas melloras salariais que viñeran satisfacendo as empresas, ben sexa por imperativo legal, concesión voluntaria ou outras causas.

Para os efectos de levar á práctica esta compensación e absorción, para o primeiro ano de vixencia do convenio, 2001, as empresas disporán dun prazo de dous meses contados desde a publicación do presente convenio no BOP de Lugo para modifica-las contías que ata agora viñan aplicando á nova estructura salarial. Nos sucesivos anos de vixencia o prazo de dous meses comezará a contar desde a publicación no BOP de Lugo das táboas salariais correspondentes a ese período.

Exclúese do sistema previsto no presente artigo o complemento de antigüidade e os complementos extrasalariais ou que non cotizen á Seguridade Social.

No caso de que a compensación e absorción prevista neste artigo supoña conxelación salarial, aboarase o 50% do incremento pactado a aqueles traballadores que se atoparan nesta situación.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador ou traballadora concedidas pola empresa, por pacto ou costume, coa excepción prevista no artigo 6º.

Capítulo III

Comisión paritaria

Artigo 8º.-Comisión mixta paritaria.

Créase unha comisión mixta paritaria entre as partes asinantes deste convenio colectivo, integrada por sete representantes da parte empresarial, tres delas en representación da Asociación Provincial de Hospitalización Privada da Provincia de Lugo e as catro restantes en representación da Asociación de Empresarios de Sanidade Privada da Provincia de Lugo, e sete da parte sindical, distribuídos da seguinte forma: catro representantes da central sindical CIG, dous representantes da central sindical UGT e un representante da central sindical CC.OO.

As funcións da comisión mixta paritaria que se crea a medio do presente artigo serán vixia-lo cumprimento do presente convenio, interpreta-los preceptos incluídos nel e exercer funcións de arbitraxe nos problemas ou cuestións suscitados como consecuencia da súa aplicación.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo queda fixada para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001 en 1.819 horas e 30 minutos de traballo efectivo.

Para o segundo ano de vixencia do convenio, isto é, para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002, a xornada será de 1.811 horas de traballo efectivo.

E para o terceiro ano de vixencia do convenio, isto é, para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2003 ó 31 de decembro de 2003, a xornada será de 1.800 horas de traballo efectivo.

As empresas poderán distribuí-las xornadas establecidas nos parágrafos anteriores ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo ou desprazamentos da demanda.

En todo caso, a distribución da xornada anual levarase a cabo no cómputo mensual a razón de:

-165 horas e 24 minutos ó mes para o ano 2001.

-164 horas e 37 minutos ó mes para o ano 2002.

-163 horas e 37 minutos ó mes para o ano 2003.

Caso de que a xornada mensual supere os cómputos anteriores, haberá de regularizarse o dito exceso, a medio de descansos, dentro dos 15 días seguintes. No caso contrario o dito exceso terá a consideración de horas extraordinarias.

Na distribución da xornada respectaranse, en todo caso, os límites de xornada e descansos previstos no Estatuto dos traballadores.

No caso de prestacións de servicios en xornada continuada que exceda de seis horas, o traballador terá dereito a un descanso de 20 minutos por xornada que terá a consideración de tempo efectivo de traballo.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

1. A realización de horas extraordinarias por parte do traballador é voluntaria.

Excepcionalmente o traballador estará obrigado á realización de horas extraordinarias cando estas sexan necesarias para previr ou reparar sinistros ou outros danos extraordinarios ou urxentes.

Así mesmo o traballador estará obrigado á realización das horas extraordinarias motivadas por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quendas ou outras circunstancias de carácter estructural só cando sexan imprescindibles e non poidan ser atendidas empregando algunha modalidade de contratación temporal.

2. Terán a consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que exceda dos límites previstos para estes efectos no artigo anterior.

As horas extraordinarias serán compensadas da seguinte forma: compensación por tempo de descanso equivalente, que se desfrutará nos quince días seguintes ó período no que tivera lugar a hora extraordinaria.

Por acordo entre empresa e traballador, o descanso compensatorio pode ser substituído polos seguintes incrementos de retribución:

-As primeiras 20 horas extraordinarias anuais aboaranse cunha recarga do 20% sobre o salario que corresponda a unha hora ordinaria.

-As segundas 20 horas extraordinarias anuais aboaranse cunha recarga do 35% sobre o salario que corresponda a unha hora ordinaria.

-O resto das horas extraordinarias anuais aboaranse cunha recarga do 50% sobre o salario que corresponda a unha hora ordinaria.

Artigo 11º.-Gardas localizadas.

Terá a consideración de xornada efectiva de traballo o tempo empregado en atende-los requirimentos, incluído o tempo de desprazamento, daqueles/as traballadores/as que teñan gardas localizadas.

Artigo 12º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio colectivo terá dereito a un período de vacacións anuais de 30 días naturais, retribuído conforme a media obtido polo traballador polos conceptos económicos salariais dos tres meses anteriores á data de iniciación das vacacións.

As vacacións desfrutaranse preferentemente durante o período de maio a outubro (ámbolos dous incluídos), debendo aprobarse o calendario de vacacións dentro do primeiro trimestre do ano.

No caso de non existir outro sistema acordado polos traballadores da empresa, establecerase unha orde rotativa de preferencia na que primará, o primeiro ano, o criterio da antigüidade. A partir dese primeiro

ano, establécese unha orde rotativa de preferencia de tal xeito que o traballador que un ano foi o primeiro en escoller quenda, pasará a se-lo último no calendario de vacacións do ano seguinte.

Capítulo V

Retribuciones

Artigo 13º.-Salario base e cláusula de revisión salarial.

Enténdese por salario base a parte da retribución do traballador fixada por unidade de tempo sen atender a circunstancias persoais, de posto de traballo, por cantidade ou calidade de traballo, ou de vencemento periódico superior ó mes.

-Ano 2001: a contía do salario base será para o período que vai desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2001 a que figura para cada unha das categorías na táboa salarial anexa, resultado de aplicar un incremento dun 3% sobre as táboas salariais do ano 2000.

Establécese para o ano 2001 unha cláusula de revisión salarial para o caso de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 2001 supere o 3%, no exceso da cifra indicada, e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2001.

-Ano 2002: o incremento salarial para o período que vai desde o 1 de xaneiro do ano 2002 ata o 31 de decembro do ano 2002 será do IPC previsto polo Goberno para o ano 2002.

Establécese para o ano 2002 unha cláusula de revisión salarial para o caso de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 2002 supere o IPC previsto polo Goberno para o mesmo período, no exceso da cifra indicada, e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2002.

-Ano 2003: o incremento salarial para o período que vai desde o 1 de xaneiro do ano 2003 ata o 31 de decembro do ano 2003 será do IPC previsto polo Goberno para o ano 2003.

Establécese para o ano 2003 unha cláusula de revisión salarial para o caso de que o IPC real estatal a 31 de decembro de 2003 supere o IPC previsto polo Goberno para o mesmo período, no exceso da cifra indicada, e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Os traballadores comprendidos dentro do ámbito de aplicación do presente convenio colectivo percibirán a partir do 1 de xaneiro de 1999, como complemento persoal de antigüidade, un aumento periódico polo tempo de servicios prestados á mesma empresa consistente no aboamento de trienios a 3.000 pesetas o trienio cun límite de dez trienios.

O importe de cada trienio comezará a devengarse o día 1 do mes seguinte ó do seu cumprimento.

Con independencia do anterior, a antigüidade que ata o 1 de xaneiro de 1999 devengasen os traballadores, manterana como antigüidade consolidada.

Artigo 15º.-Pagas extraordinarias: xullo e Nadal.

Establécense para o ámbito de aplicación do presente convenio dúas pagas extraordinarias ó ano, de xullo e Nadal, que consistirán, cada unha delas, nunha mensualidade de salario base máis antigüidade, entendéndose por antigüidade tanto a consolidada que devengaran ata o 31 de decembro de 1998 como a que devengaran a partir do 1 de xaneiro de 1999 en función de trienios a 3.000 pesetas.

A data de cobramento das ditas pagas será, respectivamente, o 30 de xuño e o 15 de decembro de cada ano.

Artigo 16º.-Pagas extraordinarias: paga de beneficios.

Así mesmo, establécese no ámbito de aplicación do presente convenio unha paga extraordinaria chamada de beneficios, a cobrar o 15 de abril de cada ano, na contía seguinte:

-Ano 2001: 20 días de salario base máis antigüidade (a consolidada e a devengada a partir do 1 de xaneiro de 1999).

-Ano 2002: 25 días de salario base máis antigüidade (a consolidada e a devengada a partir do 1 de xaneiro de 1999).

-Ano 2003: 30 días de salario base máis antigüidade (a consolidada e a devengada a partires do 1 de xaneiro de 1999).

Artigo 17º.-Plus de nocturnidade.

Establécese un complemento por traballo nocturno consistente no 25% do salario base.

Considérase traballo nocturno o comprendido entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte. Se o tempo traballado dentro do período nocturno fose inferior a catro horas, aboarase exclusivamente sobre as horas traballadas.

Este complemento non afecta o persoal que fora contratado para un horario nocturno fixo.

Artigo 18º.-Complemento de posto de traballo. Complemento de toxicidade.

En razón da maior especialidade, toxicidade, perigosidade ou penosidade, establécese un complemento retributivo, equivalente ó 20% do salario base, en favor do persoal sanitario -técnico ou subalternoque desempeñe postos de traballo nalgunha das seguintes seccións ou departamentos: quirófanos, radioelectroloxía, radioterapia, medicina nuclear, laboratorio de análises, unidades de coidados intensivos e ril artificial.

Para ter dereito ó percibo deste complemento será preciso que a dedicación do traballador ó posto teña carácter exclusivo ou preferente e en forma habitual e continuada.

Cando o destino no posto non teña carácter habitual e continuado, só se percibirá este complemento en razón dos días en que se desempeñen labores no dito posto e calquera que sexa o número de horas de dedicación a el durante a xornada.

Este complemento de posto de traballo percibirase única e exclusivamente mentres o traballador desempeñe efectivamente a praza ou posto cualificado, e non suporá a consolidación persoal do dereito cando o productor que o veña percibindo sexa destinado a posto de traballo non cualificado como de toxicidade.

Para ter dereito ó percibo deste complemento será preciso, por último, que a dedicación sexa continuada. Para estes efectos considérase como tal a dedicación nas actividades penosas, tóxicas ou perigosas dun horario superior á media xornada.

Capítulo VI

Prestacións sociais

Artigo 19º.-Incapacidade temporal.

As empresas complementarán ata o 100% do salario de convenio as prestacións económicas derivadas de accidente laboral ou enfermidade profesional.

Así mesmo as empresas complementarán ata o 100% do salario de convenio as prestacións económicas derivadas de accidente non laboral ou enfermidade común nos supostos de hospitalización do traballador e mentres dure esta. Fóra deste suposto de hospitalización, as empresas complementarán as prestacións económicas derivadas de accidente non laboral ou enfermidade común ata o traballador alcanza-lo 80% do salario de convenio durante os 20 primeiros días da IT e ata alcanza-lo 90% do salario de convenio a partir do día 21 da IT.

Artigo 20º.-Xubilación.

Os traballadores poderán acollerse a xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituí-lo traballador que opte pola xubilación simultaneamente ó seu cesamento por outro traballador nas condicións indicadas no mencionado real decreto.

Artigo 21º.-Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas polo presente convenio estarán obrigadas a solicitar do Gabinete Técnico Provincial, Servicio Social de Hixiene e Seguridade no Traballo ou outro centro asistencial similar, un recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. A empresa, logo da correspondente citación por escrito na que deberá figurar día, hora e lugar do recoñocemento, facilitará o tempo necesario para a súa realización, tempo que será aboado pola empresa.

A Comisión de Saúde Laboral establecerá, se é o caso, o contido mínimo do recoñecemento médico conforme a cada posto de traballo.

Capítulo VII

Permisos e licencias

Artigo 22º.-Licencias e permisos.

O traballador poderá ausentarse do traballo, logo de aviso e xustificación, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) No caso de falecemento de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días se o falecemento ten lugar na Comunidade Autónoma. Se ten lugar fóra da Comunidade Autónoma o prazo será de catro días.

b) No caso de accidente ou enfermidade grave ou hospitalización, debidamente acreditada, de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade o afinidade: tres días se o parente está na Comunidade Autónoma. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento fóra da Comunidade Autónoma, o prazo será de catro días.

c) No caso de matrimonio do traballador: quince días naturais.

d) No caso de matrimonio de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: un día.

e) No caso de nacemento de fillo: tres días.

f) No caso de cambio de domicilio: un día.

g) No caso de intervención cirúrxica con ingreso hospitalario de parentes de primeiro e segundo grao: dous días.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, incluído o exercicio do sufragio activo.

i) Polo tempo necesario para asistir a consulta médica oficial, probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios.

j) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que teñan de realizarse dentro da xornada de traballo.

k) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai na caso ambos traballaren.

l) Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou un minusválido físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, ó menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns

de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

En todo caso, o traballador terá dereito, por aplicación do artigo 37 do Estatuto dos traballadores, a licencia retribuida polos motivos e polo tempo previsto no mencionado artigo.

A maiores do anterior, o persoal suxeito ó presente convenio con máis dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a un permiso non retribuído de ata un máximo de 15 días naturais ó ano, sempre e cando se solicite xustificadamente e cunha anticipación de, polo menos, unha semana.

En todo caso, as empresas poderán denegar de forma motivada e por causas organizativas o desfrute do permiso non retribuído previsto no parágrafo anterior dentro dos dous días seguintes á solicitude del.

Artigo 23º.-Excedencia por maternidade.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contado desde a data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñera desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano, o traballador en excedencia terá dereito a reserva do posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Capítulo VIII

Contratación

Artigo 24º.-Forma do contrato de traballo.

No ámbito de aplicación deste convenio os contratos de traballo deberán de ser formalizados por escrito, especificándose a categoría profesional e, se é o caso, o período de proba pactado.

Artigo 25º.-Período de proba.

Establécese un período de proba máximo de 3 meses para técnicos titulados e de 2 meses para o resto dos traballadores.

Artigo 26º.-Contratos eventuais previstos no artigo 15.1 b) do Real decreto lexislativo 1/1995.

Os contratos de duración determinada previstos no artigo 15.1º b) do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, poderán ter unha duración máxima de doce meses dentro dun período de dezaoito meses.

Artigo 27º.-Contrato de traballo en prácticas.

A retribución dos/as traballadores/as contratados baixo a modalidade de contrato de traballo en prácticas será respectivamente durante o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato, como mínimo, do 90% e do 100% do salario que lles correspondería

no caso de non estaren contratados baixo esta modalidade.

Artigo 28º.-Aviso previo para o cesamento.

Observarase o que dispoña a ordenanza aplicable e o estatuto dos traballadores.

Nos casos de terminación do contrato ou baixa voluntaria do traballador, farase entrega a este da copia da liquidación correspondente con tres días de anticipación á data de cesamento.

Capítulo IX

Otras materias

Artigo 29º.-Saúde laboral.

1. Principios xerais. De conformidade co disposto na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, os traballadores e traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguranza e saúde no traballo. O citado dereito supón a existencia dun correlativo deber da empresa na protección dos traballadores ó seu servicio fronte ós riscos laborais.

En cumprimento do deber de protección, a empresa deberá garanti-la seguranza e saúde dos traballadores ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Igualmente, a empresa está obrigada a garanti-la formación práctica e axeitada nestas materias a tódolos traballadores.

Corresponde a cada traballador velar polo cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adaptadas.

2. Participación dos traballadores:

a) Delegados de prevención. Os delegados de prevención son, dunha banda, a base sobre a que se estructura a participación dos traballadores en todo o relacionado coa saúde laboral, no ámbito da empresa e, doutra, a figura especializada de representación en materia de prevención de riscos laborais.

O nomeamento, as competencia e as facultades dos delegados de prevención serán as definidas nos artigos 35 e 36 da Lei de prevención de riscos laborais, así como as que emanen das decisións do Comité Central de Seguridade e Saúde e as que se acorden no regulamento propio de comité.

b) Comité de seguridade e saúde laboral. É o órgano paritario e colexiado de representación e participación periódica sobre actuacións dos centros de traballo en materia de prevención de riscos laborais.

c) Comisión central de seguridade e saúde laboral. Constituirase unha comisión central de seguridade e saúde laboral no ámbito do propio convenio. É o órgano paritario e colexiado de participación e representación, do que emanan as directrices para os delegados de prevención.

Estará constituído nun prazo máximo dun mes desde a publicación deste convenio. A súa composición será paritaria entre os membros nomeados pola

patroal e os nomeados polas centrais sindicais con representación no sector e asinantes deste convenio.

A comisión central terá as seguintes competencias:

1. Vixia-lo cumprimento do artigo 27º do convenio.

2. Elaborar un catálogo de dereitos e deberes dos traballadores en materia de saúde laboral.

3. Elaborar un plan de formación de saúde laboral, en función das necesidades formativas.

4. Realizar accións tendentes a promove-la difusión e coñecementos sobre a lexislación de prevención de riscos laborais.

5. Establecer un catálogo de postos de traballo para discapacitados e adaptación deles.

6. Dictame e consulta sobre recursos humanos, materiais e determinación de medios nesta materia.

7. Asesorar tecnicamente a empresa e representantes dos traballadores.

8. Analizar e dar a conformidade ás actuacións da empresa tendentes á aplicación das características da Lei de prevención de riscos laborais ó seu ámbito de actuación.

9. Vixia-las obrigas asinadas pola devandita lei á empresa, especialmente en materia de:

9.1. Deseño e aplicación de plans e programas de actuación preventiva. Participación nos servicios de prevención.

9.2. Avaliación dos factores de risco.

9.3. Adopción de medidas e asistencia para a correcta información e formación dos traballadores.

9.4. Vixilancia da saúde dos traballadores a través de recoñocementos médicos específicos en función dos riscos, investigación das causas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, análises de ergonomía do posto de traballo, investigación sobre causas de absentismo por enfermidade profesional e atención médica.

9.5. Elaboración do mapa de riscos laborais, establecendo plans de prevención, seguimento e avaliación deles.

9.6. Investigación e determinación das enfermidades profesionais, detección e control de actividades potencialmente perigosas.

9.7. Estudio da epidemioloxía laboral.

9.8. Protección específica da xestación e do período de lactación.

No caso de que se dese algún conflicto entre empresa e traballadores por calquera das materias previstas neste artigo, será preceptivo que, con carácter previo, se é o caso, a acudir á vía xudicial, o que pretende instar esta vía acuda á comisión central de seguridade e saúde laboral do convenio para os efectos de que esta emita informe sobre a cuestión controvertida.

Artigo 30º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores afiliados a algunha das centrais sindicais asinantes do presente convenio, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente.

O traballador interesado na realización desta operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical á que pertence, a contía da cota sindical, así como o número da conta da caixa de aforros ou entidade bancaria á que lle deba ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán as anteditas detraccións, salvo indicación en contra do traballador.

Artigo 31º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán anualmente ós traballadores roupa e calzado tendo estes a obriga de utilizar e conserva-las ditas pezas.

Artigo 32º.-AGA.

As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.

Lexislación supletoria.-En todo o non expresamente previsto no presente convenio colectivo, observarase o disposto na ordeanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de aplicación.

Segunda.-Atrasos.

As empresas disporán dun prazo de dous meses contados desde a publicación do presente convenio no BOP de Lugo para o aboamento ós traballadores dos atrasos de salarios a que haxa lugar.

ANEXO

Táboas salariais (pesetas)

Vixencia: 1-1-2001 ó 31-12-2001

Categorías profesionaisS. base mensual

* Persoal técnico sanitario
Médico adxunto125.319
Médico xeneralista125.319
Psicólogo125.319
Farmacéutico, odontólogo125.319
ATS/DUE, matronas103.923
Fisioterapeuta, logopeda103.923
Técnico especialista90.369
Hixienista dental, dietista90.369

* Persoal subalterno sanitario
Auxiliar de enfermería84.643
Auxiliar sanitario84.643
Celador sanitario84.055
Coidador sanitario84.055
Axudante odontoloxía84.055
Axudante fisioterapia84.055

Categorías profesionaisS. base mensual

* Persoal técnico non sanitario
Letrado, economista125.319
Físico, químico125.319
Graduado social103.923
Asistente social103.923
Titulado mercantil103.923

* Persoal administrativo
Xefe de sección administrativo90.369
Oficial administrativo86.995
Auxiliar administrativo84.643

* Persoal de servicios xerais
Xefe de almacén90.369
Cociñeiro84.643
Axudante cociña83.938
Telefonista83.938
Costureira83.938
Pinche, camareira83.938
Pasadora de ferro, lavandeira83.938
Limpadora83.938

* Persoal de oficios varios
Electricista, mecánico, carpinteiro, fontaneiro, calefactor, albanel, xardineiro, conductor84.643
Axudante83.938
Peón83.938
Vixilante nocturno84.643
Conserxe83.938
Porteiro83.938

Táboas salariais (euros)

Vixencia: 1-1-2001 ó 31-12-2001

Categorías profesionaisS. base mensual

* Persoal técnico sanitario
Médico adxunto753,18
Médico xeneralista753,18
Psicólogo753,18
Farmacéutico, odontólogo753,18
ATS/DUE, matronas624,59
Fisioterapeuta, logopeda624,59
Técnico especialista543,13
Hixienista dental, dietista543,13

* Persoal subalterno sanitario
Auxiliar de enfermería508,71
Auxiliar sanitario508,71
Celador sanitario505,18
Cuidador sanitario505,18
Axudante odontoloxía505,18
Axudante fisioterapia505,18

* Persoal técnico non sanitario
Letrado, economista753,18
Físico, químico753,18
Graduado social624,59
Asistente social624,59
Titulado mercantil624,59

* Persoal administrativo
Xefe de sección administrativo543,13
Oficial administrativo522,85
Auxiliar administrativo508,71

* Persoal de servicios xerais
Xefe de almacén543,13
Cociñeiro508,71
Axudante cociña504,48
Telefonista504,48
Costureira504,48
Pinche, camareira504,48
Pasadora de ferro, lavandeira504,48
Limpadora504,48

Categorías profesionaisS. base mensual

* Persoal de oficios varios
Electricista, mecánico, carpinteiro, fontaneiro, calefactor, albanel, xardineiro, conductor508,71
Axudante504,48
Peón504,48
Vixilante nocturno508,71
Conserxe504,48
Porteiro504,48