Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2001 Páx. 14.047

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Pena Armada (modificado número 1), situado no concello de Friol (Lugo), promovido pola empresa Unión Fenosa Energías Especiales, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 23 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Pena Armada (modificado n 1), no Concello de Friol (Lugo), promovido por Unión Fenosa Energías Especiales, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Proxecto parque eólico de Pena Armada. Modificado nº 1. Setembro de 2000.

* Proxecto parque eólico de Pena Armada. Modificado nº 1. Estudio de impacto ambiental. Setembro de 2000.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación e explotación dun parque eólico de 20,7 MW de potencia total, no concello de Friol (Lugo), constituído por 23 aeroxeradores modelo NEG MICON NM 900/52 de 900 kW de potencia unitaria, dis

postos en tres aliñacións na Serra do Careón, dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

588.0004.761.000

591.2004.761.000

590.0004.757.000

588.0004.757.000

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no plano parque eólico de Pena Armada. Planta Xeral. Nº plano 2920CO0001, do estudio ambiental.

As coordenadas UTM dos 23 aeroxeradores proxectados son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

A - 1590.0754.760.980

A - 2590.1304.760.850

A - 3590.1904.760.700

A - 4590.3404.760.640

A - 5590.4204.760.520

A - 6590.4804.760.400

A - 7590.8454.760.580

A - 8590.8854.760.445

A - 9590.8834.760.292

A - 10590.8654.760.146

A - 11589.9164.758.890

A - 12589.8404.759.000

A - 13589.8004.759.130

A - 14589.7904.759.265

A - 15589.7404.759.385

A - 16589.6904.759.505

A - 17589.6404.759.625

A - 18589.5904.759.745

A - 19589.5404.759.865

A - 20589.4904.759.985

A - 21589.4404.760.105

A - 22589.3904.760.225

A - 23589.3364.760.350

2. Sobre a atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Nos períodos de seca, procederase a humecta-las zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po, tal como se indica no estudio ambiental.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, realizarase un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque, nos catorce (14) puntos de control e de acordo coa metodoloxía proposta no plan de control do nivel de ruído incluído como anexo nº IV no estudio ambiental.

3. Sobre as augas.

As drenaxes transversais das vías distribuiranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico

da zona. Indicarase a localización de tódolos dispositivos de drenaxe previstos, tanto transversais como lonxitudinais, debendo realizarse un control do seu funcionamento, de acordo co requirido no punto 11.4 da presente DIA.

A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e de disipación de enerxía co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na súa traxectoria de incorporación ós cursos naturais. O plan de vixilancia do funcionamento dos sistemas de drenaxe incluirá o control da aparición destes fenómenos.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, segundo se establece na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, e no Real decreto 849/1986, polo que se aproba o regulamento do dominio público hidráulico, axustándose ás directrices do Plan hidrolóxico de Galicia-costa. Neste sentido, tamén é necesaria a autorización de captación de auga para o seu uso no edificio de control.

As augas residuais xeradas no edificio de control deberán ser conducidas ata unha fosa séptica ou calquera outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento, que deberá ser mantido periodicamente para garanti-lo seu correcto funcionamento, xestionando os residuos obtidos conforme o estipulado regulamentariamente.

Non se acumularán terras, entullos, refugallos de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido a lavada de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

4. Sobre o solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obras e un balizado previo destes, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente proxectados. O balizado de obra manterase en perfecto estado durante o seu transcurso, sendo retirado cando esta finalice. A circulación de maquinaria no parque restrinxirase as vias.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións reflectidas no proyecto parque eólico de Peña Armada. Modificado nº 1. Setembro de 2000.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de noiro. En calquera caso, se tralo recheo das gabias do cableado e dos ocos para a cimentación dos aeroxeradores, existise aínda material sobrante das escavacións, será levado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. Así mesmo, no caso de precisárense materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, indicando a localización, extensión e volume do préstamo que se vai efectuar.

No caso de deterioración das vías preexistentes debido os labores de construcción do parque, restituirase a súa calidade ó finaliza-las obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Sobre os residuos.

Tódolos residuos xerados durante a fase de construcción, lixo, entullos, así como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación do parque, a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo á xestión de tódolos residuos da obra. Neste sentido, primarase a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (non autorizada para circular por estradas, por exemplo), estas tarefas realizaranse na zona destinada a instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables.

Os aceites, graxas e outros residuos xerados nestas tarefas de mantemento deberán ser recollidos en contedores axeitados e entregados a un xestor autorizado debidamente acreditado. Mentres non se produza a entrega ó xestor, estes contedores almacenaranse na zona destinada a instalacións de obra, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Na fase de funcionamento, os aceites dos transformadores eléctricos, graxas e calquera outro residuo que se poida xerar, deberá ser xestionado conforme a súa natureza, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, os contedores de residuos almacenaranse no edificio de control.

6. Sobre a fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto da avifauna, tendo en conta a existencia na área do parque de especies potencialmente vulnerables á presencia do parque eólico, como son as aves rapaces (Accipiter nisus, Buteo buteo, Circus pygargus, Falco subbuteo, Falco tinnunculus, Tyto alba e Strix aluco), tanto na fase de construcción como na de funcionamento realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores.

Para tal efecto, elaborarase un plan de seguimento e vixilancia da posible incidencia do parque sobre

a avifauna, de acordo co requirido no punto 11.5 da presente DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose sempre mediante sistemas de roza e levando a cabo un control botánico específico a pé de obra, de acordo co indicado no estudio ambiental.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira precisará da preceptiva autorización ou informe, segundo o caso, do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, tal como se establece na Lei 7/1992, de pesca fluvial, e no Decreto 130/1997, que desenvolve o regulamento da antedita lei.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Sobre o patrimonio cultura.

De cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun radio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En todo o ámbito do parque eólico deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o seu transcurso, un plan no que figure a localización dos elementos do patrimonio cultural, xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (aquelas obxecto de control e seguimento arqueolóxico). O dito plan incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tons mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, telefónicas, etcétera, estarán soterradas, tal como se indica no estudio ambiental.

Así mesmo, o acabado do edificio de control e transformación adecuarase á tipoloxía constructiva da zona.

O desenvolvemento do plan de revexetación, xunto co seguimento da súa efectividade, deberá garanti-la integración paisaxística das restantes infraestructuras do parque eólico.

9. Outras medidas.

Co fin de evitar posibles colisións de aeronaves cos aeroxeradores do parque, deberanse instalar torretas con balizas de sinalización, de acordo coa normativa OACI (Organización de Aviación Civil Internacional), de tal xeito que delimiten e definan os aliñamentos dos aeroxeradores.

10. Restauración.

Tódolos terreos afectados pola execución das obras deberán ser recuperados mediante revexetación que restitúa a vexetación autóctona presente na zona, garantindo o seu mantemento ó longo do tempo. Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Para tal fin, aplicarase o recollido no Plan de restauración incluído como anexo no estudio ambiental.

A programación dos labores de revexetación considerará unha actuación progresiva, desenvolvéndose conforme as superficies que se van restaurar acaden o seu estado definitivo, co fin de controla-los fenómenos erosivos, arrastre de materiais e lograr unha maior integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Nembargantes, o plan de restauración presentado debe ser completado no seu contido, incluíndo a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas na fase de desmantelamento e abandono do parque unha vez rematada a vida útil da instalación, tendo en conta os posibles usos futuros da área, de acordo co requirido no punto 11.6 desta DIA.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque eólico e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, indicando a vía de acceso e diferenciando as vías preexistentes dos de nova construcción e aqueles que se van acondicionar.

11.2. Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle, en coordenadas UTM, no que se reflicta a traza prevista da liña de evacuación da enerxía eléctrica xerada no parque, relativizando a traza coas formacións vexetais e elementos do patrimonio cultural presentes ó longo desta.

11.3. Resultados das medicións do nivel de ruído na fase preoperacional, de acordo co plan de seguimento presentado. Terase en conta que as medicións deben ser efectuadas por entidade homologada e os informes de resultados presentaranse asinados por técnico desa entidade.

11.4. Proposta dun plan para o control do funcionamento da rede de drenaxe na área do parque, segundo o indicado no punto 3 desta DIA. Indicarase e xustificarase a localización dos dispositivos de drenaxe previstos, reflectíndoos nun plano en planta a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, indicando os fluxos de auga e a área drenada por cada unha das infraestructuras de drenaxe proxectadas. Así mesmo, describiranse os dispositivos protectores e de disipación de enerxía que se vai instalar co fin de evita-la aparición de fenómenos erosivos ou de asolagamento nos puntos de incorporación das augas de drenaxe á rede hidrográfica.

11.5. Proposta dun plan de seguimento e vixilancia da incidencia do parque eólico sobre as poboacións de aves, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA. Considerará, como mínimo, a inclusión dos seguintes puntos:

-Descrición e xustificación da metodoloxía empregada nos censos poboacionais, determinación de rutas migratorias e localización de aves accidentadas por colisión, co fin de detectar situacións de risco producidas pola presencia do parque, para o que deberán definirse limiares de alerta e inadmisibles, así como da aparición do efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adopción de medidas correctoras específicas.

-Definición da técnica empregada na colocación das torres para minimiza-lo risco potencial de choque e das medidas protectoras e/ou correctoras que se van adoptar en función das situacións de risco indicadas no punto anterior.

-Indicación da frecuencia das visitas de comprobación, tendo en conta a fenoloxía das especies sedentarias e migratorias que poden facer uso da área do parque, debendo centrarse nas máis vulnerables de acordo co estudio ambiental presentado. Considerarase a realización de campañas preoperacionais que permitan coñece-los efectivos poboacionais, rutas de paso migratorio e usos do hábitat das especies presentes, co obxecto de detectar posibles cambios nestes aspectos producidos pola construcción e instalación do parque eólico.

-Método de rexistro, tratamento e presentación dos resultados obtidos, estimación de índices de colisión e a súa variación estacional e estudio de voo que caracterice a frecuencia, variación horaria e variación estacional dos movementos de aves na zona de instalación do parque.

11.6. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, composta por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, orzamento total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

11.7. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Previamente á fase de replanteo da obra, comunicarase a esta dirección xeral a data ou datas previstas para a súa realización.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma de obras actualizado, que inclúa tódalas actividades que se van realizar, a execución das instalacións de obra e as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas no estudio ambiental e do condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Durante a execución das obras, con carácter mensual, presentarase:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras de carácter ambiental e indicando a data de actualización.

Con carácter trimestral presentarase un informe de obras que inclúa:

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición.

c) Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe transversal e lonxitudinal, de acordo co indicado no punto 3 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, e que reflicta o cumprimento das condicións impostas nesta DIA, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase o lugar, data e hora de toma.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, onde se reflicta a situación real das obras e porcentaxe de execución respecto do total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, drenaxes, aeroxeradores, gabias para a conducción do cableado, etcétera.

12.2. Ó final das obras comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento do parque e presentarase, no prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos, resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia proposto no estudio ambiental e o establecido na presente DIA, incidencias ou imprevistos acontecidos, destino dos sobrantes de terras no caso de producírense, xestión aplicada á biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta DIA.

b) Reportaxe fotográfica que amose os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado das vías, noiros e foxos, gabias do cableado, drenaxes, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías deberase indicar lugar, data e hora de toma.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, que reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando así mesmo as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

12.3. Seguimento ambiental semestral, contados desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o

número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da presente DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica, no que se recollan os resultados do desenvolvemento do plan de restauración, incluíndo os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das drenaxes, vías, noiros, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión, así como detalle dos controis ambientais efectuados e das incidencias detectadas en relación a tódolos aspectos incluídos na DIA. Nas fotografías indicarase o lugar, data e hora de toma.

12.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá os mesmos contidos co informe descrito no punto anterior.

12.5. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono das instalacións. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se vai presentar de acordo co punto 11.6 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

12.6. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das accións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Acompañarase de reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

No caso de que se detecten, como resultado do seguimento ambiental que se vai efectuar, en calquera das súas fases, alteracións que superen os lindeiros establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

13. Condicións adicionais.

13.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

13.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de

modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

13.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cento once millóns cincocentas cincuenta e catro mil (111.554.000) pesetas. O importe definitivo do aval proporase cando o promotor presente o orzamento completo do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 11.6 da presente DIA.

13.6. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non considerado actualmente.

13.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou á solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

13.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.9. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta, incluídos, se é o caso, os da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e o Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

13.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

13.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólico de Peña Armada. Modificado nº 1. Setembro de 2000, promovido por Unión Fenosa Energías Especiales, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 23 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, que se situará no concello de Friol (Lugo).

Os aeroxeradores disporanse na serra do Careón, nas zonas de cume dos montes Corno do Boi, Torrente e Pena Armada, en tres aliñacións con orientación xeral NW-SE, no interior do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

588.0004.761.000

591.2004.761.000

590.0004.757.000

588.0004.757.000

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 23.

-Modelo: NEG MICON NM 900/52.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 900 kW.

-Potencia total instalada: 20,7 MW.

-Altura das torres (buxeiro): 45 m.

-Diámetro do rotor: 52 m.

-Producción neta anual prevista: 53.820 MWh/año.

-Investimento previsto: 2.788.850.000 ptas.

A obra civil inclúe a adecuación duns 1.700 m de camiños preexistentes e a creación duns 2.300 m de vías de acceso e servicio ós aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 4 m e dotados de foxos de 0,40 x 0,20 m, labores de cimentación dos aeroxeradores e escavación de gabias de conducción do cableado, cun percorrido paralelo ás vías na maior parte do seu trazado. A duración estimada da fase de obras é de oito (8) meses.

Tamén está proxectada a construcción dunha subestación transformadora de tensión 20/66 kV e o edificio de control do parque, dotado de dúas plantas. Segundo se indica no estudio ambiental, a liña eléctrica aérea para a interconexión do parque coa subestación de Friol (propiedade de Unión Fenosa), será obxecto dun proxecto independente.

Medidas preventivas e correctoras

Medidas na fase de deseño e construcción.

-Optimización da ocupación do solo pola maquinaria e elementos auxiliares.

-Xestión dos residuos xerados.

-Adecuación da velocidade dos vehículos.

-Selección e mellora no deseño dos aeroxeradores.

-Rega con auga para a estabilización.

-Triturado de residuos de corta e roza.

-Retirada, amoreamento, conservación e recuperación da terra vexetal.

-Minimiza-las superficies de vexetación afectada e solo compactado.

-Mellora no deseño dos aeroxeradores para evita-la morte de avifauna por colisión cos aeroxeradores.

-Mellora da integración dos aeroxeradores no contorno, para diminuí-lo impacto visual.

-Adecuación das construccións á tipoloxía constructiva da zona.

-Melloras socioeconómicas na comunidade na que se constrúe o parque.

-Control das emisións gasosas producidas pola maquinaria.

-Seguimento botánico durante a fase de roza e emprego de metodoloxía especial de roza nas zonas de maior valor botánico.

-Control arqueolóxico durante a roza inicial e a execución das obras de remoción de terras.

-Balizamento de tódolos xacigos arqueolóxicos localizados. Afastar calquera obra das zonas de impacto directo.

Medidas na fase de explotación.

-Laboura de terreos compactados.

-Revexetación.

-Adecuada xestión dos residuos.

-Restitución de camiños e infraestructuras.

-Comprobacións sobre a afección á avifauna.

O estudio ambiental incorpora, para cada unha destas medidas, unha táboa na que se indica o impacto ó que se dirixe, a definición da medida, o obxectivo desta, a súa descrición, a entidade responsable da xestión, as precaucións de execución e xestión e as necesidades de mantemento.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental

do parque eólico Peña Armada. Modificado nº 1, cos seguintes condicionantes:

1. De cara a evitar posibles afeccións, establecerase, para esta obra, unha área de exclusión no contorno dos bens do patrimonio cultural cun radio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obras nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Evitarase o tránsito de maquinaria nestas áreas.

2. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó citado proxecto deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico coa localización dos elementos do patrimonio cultural e as súas áreas de exclusión e cautela (obxecto de control e seguimento arqueolóxico). O plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisaran os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural no seu primeiro informe indica o seguinte:

Tal como se desprende do propio estudio ambiental, un continxente importante dos aeroxeradores previstos, así como das instalacións e infraestructuras precisas para o seu funcionamento situánse na proposta de LIC denominada Serra do Careón. Esta proposta atópase na actualidade no Rexistro Xeral de Espacios Naturais en Réxime de Protección Xeral, establecido así na Orde do 28 de outubro de 1999. De conformidade con ela, nos espacios nela incluídos poderán seguir levándose a cabo de maneira ordenada os usos e actividades tradicionais; para o resto requirirase informe preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente.

Esta inclusión prodúcese como consecuencia de ser unha zona onde se sitúan importantes valores ambientais, así establecidos na Directiva Hábitats, 92/43/CEE e a Directiva Aves 79/409/CEE, así como nas transposicións destas á lexislación nacional.

Dentro dos valores ambientais significativos detectados son de destacar numerosas especies de aves, mamíferos, réptiles, peixes, invertebrados, plantas así como numerosos hábitats; estes últimos inter

veñen como elemento fundamental no ciclo vital dos anteriores.

Un dos puntos do Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, establece a necesidade dun exame das distintas alternativas tecnicamente viables e unha xustificación da solución proposta. Neste caso non se cumpre co establecido nese punto; nembargantes estimamos que sería probable a presentación dunha alternativa de localización do parque próxima á área proposta e que ademais estivese fóra do espacio natural. Alternativa que a pesar de non estar incluída no estudio ambiental foi proposta polo promotor, presentando tamén que a potencia instalada e o rendemento do parque sería similar en ámbolos dous casos. De acordo co exposto, sublíñase a necesidade de estudiar en maior profundidade esa posibilidade, sempre co obxectivo de minimiza-lo impacto ambiental na devandita zona.

Ademais de dar cumprimento ó anteriormente exposto, ou ben xustificación argumentada da súa non consideración, estímase pertinente que na presentación da documentación que profundice sobre a nova proposta se consideren os seguintes puntos:

1. Un dos problemas fundamentais vaise producir pola construcción dunha nova rede viaria, coas seguintes consecuencias probables:

-Diminución da achega de auga á cuberta vexetal que se sitúa inmediatamente por debaixo do trazado lonxitudinal, o que se traduce nunha maior seca con posibles consecuencias para a vexetación (cambio de especies, maior estrés e posibilidade de ataque de pragas e enfermidades...).

-As pistas acostuman acompañarse de infraestructuras de drenaxe lonxitudinal e transversal, que pode presentar efectos negativos no medio se o seu deseño non parte do estudio dos parámetros axeitados. Dentro dos posibles problemas están:

* Concentración dun caudal en réxime laminar en puntos determinados, podéndose inducir fenómenos erosivos, por ser zonas non afeitas a soportar tales caudais.

* As gabias, se non presentan un deseño axeitado, poden transportar auga dunhas microbacías a outras, xerándose unha descompensación nos caudais naturais e habituais en cada unha delas.

* A disposición incorrecta das infraestructuras de drenaxe transversal pode inducir á aparición de fenómenos erosivos, de asolagamento ou deposición en zonas suceptibles a estes fenómenos, ó non estar afeitas a soportalos en situación sen proxecto.

A documentación presentada non contén referencia escrita nin gráfica dos temas presentados neste punto, polo que propoñemos o estudio dos parámetros precisos do medio de xeito que se poida dispoñer dunha rede de drenaxe libre dos problemas aquí indicados.

A modo de síntese, manifestamos que se presentará unha distribución da rede de drenaxe (gabias e concas); lembrar que deberá estar perfectamente planificada, enfocando o deseño de xeito que a auga evacuada en cada drenaxe se corresponda coa mesma microbacía na que se efectuou a captación. Sempre

é mellor que o número destes sexa elevado; lembrar que os camiños son elementos lineais que cortan transversalmente o paso da auga. Esta limitación implica que na parte baixa da ladeira atravesada pola pista a achega de auga de escorrega se reduce de xeito importante. Débense considera-las implicacións que isto pode xerar no ecosistema. Por outra banda e seguindo co tema de saída das augas das drenaxes débese ter en conta que esta se efectuará de xeito que non se produzan fenómenos erosivos, de asolagamento ou deposición, sempre e cando non existisen antes da actuación referida.

2. Relativo á rede hidrográfica, é de interese que se teñan en conta as seguintes consideracións:

-Respectaranse as canles naturais susceptibles de ser afectadas polas obras, de xeito que quede garantido o réxime de caudais. Nas seccións directamente implicadas (paso dunha pista), certificarase que o fluxo hídrico manteña as condicións actuais de velocidade, para o que se establecerán as infraestructuras que sexan precisas.

-Así mesmo, evitarase a vertedura de substancias contaminantes ós cursos de auga (cementos, entullos, aceites...). En xeral non poderá verse afectada a calidade das augas nas súas características físico-químicas e bióticas, cumprindo para iso o considerado na lexislación vixente de conformidade co disposto na Directiva 78/659/CEE, relativa á calidade das augas continentais, no Real decreto 927/1988, polo que se aproba o Regulamento da Administración pública da auga e da planificación hidrolóxica, atopándose tamén recollido no Decreto 130/1997, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación co tema terase en conta:

-Non se acumularán nas canles naturais nin nas zonas de servidume, terra, entullos, material sobrante da construcción ou calquera outro tipo de substancias contaminantes que poidan incorporarse ós cursos de auga por escorregas ou crecidas do caudal.

-Evitarase no posible o arrastre de sólidos en suspensión.

-Prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

-Vixiaranse con especial atención os posibles procesos erosivos ocasionados polas drenaxes, tomándose as medidas oportunas para solventar posibles imprevisións durante a planificación ou execución, facendo un seguimento periódico no plan de vixilancia durante a vida do parque.

-Subliña-la necesidade de non efectuar ningún tipo de actuación nas canles dos regatos existentes na parcela, nin nas súas zonas de servidume e policía sen a autorización previa do organismo de conca. No caso de que esta afección atinxa os ecosistemas fluviais, requirirase informe preceptivo desta dirección xeral segundo o disposto no artigo 77.3º do Decreto 130/1997.

-Por último, sinalar que onde se pretenda efectuar corta de especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, co cal se terá que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso. No

suposto de afectarse a vexetación de ribeira terase que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial de MAN, tal e como establece o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

3. Neste estudio ambiental non se fai referencia á necesidade dunha liña de evacuación da enerxía xerada. É importante a consideración daquelas accións do proxecto que poidan desencadear impactos negativos importantes sobre os factores do medio. Alomenos deberíase presentar un primeiro esbozo da futura liña, que permitise facer un dictame previo, e sempre acompañando o ESA.

4. Toda a terra vexetal susceptible de ser degradada deberá entrar nun plan de recuperación de solos. Esta proposta desenvolverase axeitadamente, aparecendo no plan perfectamente delimitadas as actuacións encamiñadas á súa preservación.

5. Non se poderá depositar nin acumular na área do parque nin en terreos anexos ningún tipo de refugallos sólidos. No caso de empregarse canteiras abandonadas ou outros lugares de amoreamento debe indicarse cáles, ademais de cómo se pensan depositar e qué actuacións se realizarán para acondicionar estas zonas unha vez rematado o depósito, de xeito que se consiga unha boa integración no medio. En calquera caso, tanto os residuos producidos na fase de construcción como os que proveñan dos labores de mantemento ou outros, deberanse recoller e xestionar conforme a súa natureza e de acordo co establecido na lexislación vixente.

6. Preséntase no ESA unha propuesta de estudio de incidencias sobre as aves; nembargantes só se presenta a estructura xeral, sen o seu desenvolvemento, polo que se estima pertinente que se cubra a carencia anterior, ademais de considerar no deseño e no plan os seguintes puntos: evitar hábitats e zonas de nidificación importantes, instala-las torres de xeito que diminúan os riscos para as aves e instalar reflectores nos puntos onde exista risco potencial de choque. É preciso a realización dun plan de vixilancia ambiental das poboacións de aves, anotando tódalas incidencias, debendo describirse a localización e hábitats de nidificación, coas súas superficies, posibles rutas migratorias e técnica empregada na colocación das torres para minimiza-lo risco potencial de choque.

7. No tocante ás medidas correctoras e protectoras propostas, cabe adxectivalas como pouco técnicas, tanto no relativo ás múltiples alternativas de execución que presenta o seu baixo grao de definición técnica como unha formulación que non imprime un compromiso para a súa toma en consideración, nin por parte do promotor nin do contratista. Estas medidas correctoras e protectoras deben analizarse, xustificarse e argumentarse no estudio ambiental; nembargantes o seu desenvolvemento e execución farase no correspondente proxecto técnico.

Ata o de agora fíxose unha caracterización xenérica daquelas carencias observadas na documentación presentada. Presentaremos a continuación aspectos máis concretos que deberán ser considerados no estudio, tendo en conta sempre os puntos precedentes, para o seu axeitado desenvolvemento:

-Presentación das coordenadas das distintas actuacións que se prevén.

* Ó remate da vida útil da explotación non se fai ningunha consideración relativa á necesidade de

restaura-las áreas afectadas. Débese facer mención ás medidas que se pretendan tomar, concretándoas e comprometéndose a realizalas.

* Hai certas instalacións, infraestructuras ou accións non reflectidas nos planos. Ademais trátase de planos moi pouco detallados que non reflicten adecuadamente a situación actual nin a transformación pretendida. Entre as súas carencias podemos citar:

-Non se sitúan os amoreamentos de terra vexetal nin as infraestructuras precisas para evita-la súa erosión e, por extensión, contaminación da rede hidrográfica.

-Non hai unha localización prevista de entulleiras, almacéns, casetas para obras, parques de maquinaria.

-As pistas proxectadas non aparecen cunha delimitación clara, nin aquelas nas que se pretenden efectuar melloras. Ó remate das obras, no caso de existir pistas que deixen de ser funcionais, incorporaranse ó plan de restauración.

-Débese indicar con claridade a pista empregada para o acceso ó parque.

* Debe realizarse un seguimento e unha avaliación posterior das medidas protectoras e de restauración realizadas polo promotor, que incluirá: control da calidade de augas e solos, control do nivel de ruídos, inventario, rexistro e interpretación de incidencias no hábitat e ecosistemas afectados, eficacia das medidas correctoras implantadas e incidencia na fauna e flora. Sinistralidade de aves por colisión cos aeroxeradores.

Como remate expoñer que a información relativa ó estudio ambiental presentarase nun único documento final para facilita-la súa avaliación.

8. Non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida no ESA, ou ben non sexa proposta na declaración de impacto ambiental. Por outra banda todas aquelas medidas protectoras ou correctoras propostas no estudio ambiental deberán ser consideradas na obra, así como o disposto no plan de vixilancia ambiental.

No segundo informe, sobre o proxecto modificado nº 1, indican o seguinte:

Obsérvase no novo estudio a toma en consideración da primeira parte do informe emitido sobre o proxecto inicial, presentándose unha alternativa de localización moito máis respectuosa co espacio natural afectado, a Serra do Careón. De xeito que se localizan dentro do espacio natural dous aeroxeradores dos trece previstos inicialmente, manténdose constante o número total de aeroxeradores.

No restante, o estudio presenta unha estructura e contido similar ó primeiro presentado, polo que estimámo-la vixencia do primeiro informe emitido, agás para o anteriormente indicado.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán,

en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada en relación co expediente, dos informes emitidos polos distintos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental co obxecto de minora-los posibles impactos ambientais, que inclúe os seguintes puntos:

-Ámbito territorial de actuación.

-Impacto causado pola ocupación do terreo.

-Residuos.

-Flora e fauna.

-Impacto visual.

-Urbanismo.

-Programa de vixilancia ambiental (ruídos e colisións de aves).

A Dirección Xeral de Turismo emite informe que inclúe os seguintes puntos: consideracións previas, localización, descrición do territorio afectado, características técnicas do parque, valoración da incidencia turístico-medioambiental e principios normativos nos que basean o seu informe. Nas conclusións finais indican o seguinte:

Tendo en conta que os 23 novos aeroxeradores se localizarán fóra, aínda que colindando coa zona declarada lugar de interese comunitario, na parte norte da Serra do Careón, a máis despoboada e carente de interese paisaxístico-cultural, estímase que esta nova iniciativa non incrementa de modo notable o impacto paisaxístico existente, polo que non se valora negativamente.

O informe emitido valora unicamente as alteracións ou aspectos que como consecuencia da intervención poidan xurdir, repercutindo negativamente nas calidades que a zona poida presentar para o desenvolvemento de actividades relacionadas co turismo.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe favorable, que inclúe a descrición das unidades de coñecemento na zona do parque e un resumo do proxecto avaliado, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles, no caso de que estes se producisen, estando ademais prohibido o lavado de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de obra nas proximidades dos cursos de auga.

A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

Un condicionante básico sería que a futura autorización reflectise que a instalación se axustará ó cumprimento das directrices do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se co motivo da realización dalgún acceso ou vial con gabia do cableado se produce cruzamento con algún curso fluvial, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo se establece no R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas 29/1985.

En definitiva ese servicio considera que a instalación do citado parque eólico non produce ningunha alteración de importancia en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras, durante a fase de construcción e período de explotación, especificadas neste informe.

Nembargantes, faise indispensable unha correcta execución das vías, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando sobre todo a vertedura accidental de substancias contaminantes.

No caso de que, como consecuencia da explotación do parque, se producisen verteduras ou captacións á rede hidrolóxica, será necesaria a obtención das preceptivas autorizacións, que se tramitarán, segundo a lexislación vixente, ante o organismo Augas de Galicia.