Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2001 Páx. 14.056

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se anuncia o levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados polas instalacións eléctricas que se citan. (Expediente 200/2000).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas instalacións das liñas eléctricas aéreas a 20 kV, de 5.563 m de lonxitude, no termo municipal de Santa Comba (expediente 200/2000), por resolución desta delegación provincial do 22 de agosto de 2001, a favor da entidade beneficiaria Unión Fenosa Distribución, S.A. con enderezo na avda. de Arteixo nº 171, 15007 da Coruña.

Esta delegación acorda sinala-los días 5, 6, 7, 8 e 9 de novembro de 2001 para o levantamento das actas previas á ocupación, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 56 do seu Regulamento do 26 de abril de 1957, nas que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se expón xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Santa Comba, deducida da que se someteu a información pública no Diario Oficial de Galicia, BOP e no xornal La Voz de Galicia de datas 27 de abril, 24 de abril e 6 de abril de 2001, respectivamente, acto ó que debera concorre-los propietarios propostos dos predios afectados, ós que se lles practicará notificación individual sinalándoselle-los horarios de toma de datos sobre o terreo

e do levantamento efectivo das actas nas oficinas da referida Casa do Concello.

Esta publicación realizarase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación; e así dirixir ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan destes, de conformidade co artigo 5 da citada Lei de expropiación forzosa.

A Coruña, 22 de outubro de 2001.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña