Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Martes, 30 de outubro de 2001 Páx. 14.025

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo-Sede central.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo-Sede central, con nº de código 3602181, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-8-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, pola delegada de persoal, en data 13-2-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-las súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 3 de setembro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo da empresa Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo e os seus traballadores na sede central para os anos 2000, 2001, 2002 e 2003.

I. Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio rexerá para a empresa Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo e os seus traballadores, regulando as relacións entre ámbalas partes. En todo o non disposto neste convenio, observarase o previsto na lexislación vixente.

Artigo 2º.-Vixencia e efectos económicos.

Con independencia da data de publicación deste convenio no BOP, os seus efectos económicos contaranse a partir do 1 de xaneiro de 2000 e a súa duración será de catro anos, ata o 31 de decembro de 2003.

Este convenio poderá ser denunciado por calquera das partes asinantes, ante a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, dentro dun prazo non inferior a un mes do seu vencemento.

Artigo 3º.-Revisión salarial.

Para os anos 2000, 2001, 2002 e 2003 acórdase un incremento de 0,80% por riba do IPC real establecido polo Instituto Nacional de Estatística de cada un deles, sobre tódolos conceptos retributivos.

Esta revisión aplicarase con efectos do primeiro de xaneiro de 2000, 2001, 2002 e 2003 aboándose a partir do momento no que se constate oficialmente.

II. Condicións económicas

Artigo 4º.-Salarios.

Na táboa salarial anexa especifícanse os salarios base correspondentes a cada categoría profesional, aumentados nun 2,5% (IPC previsto para o ano 2000 máis 0,5%) sobre os vixentes no anterior convenio e que os traballadores percibirán durante o ano 2000 sobre tódolos conceptos retributivos exceptuando o complemento de transporte.

O 31 de xaneiro, durante os anos 2001, 2002 e 2003, os traballadores percibirán en cada un dos ditos anos o IPC previsto máis 0,5% sobre tódolos conceptos retributivos, exceptuando o complemento de transporte.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Na táboa salarial anexa figuran os salarios base sobre os que se calculará a antigüidade correspondente. A dita antigüidade contarase a partir do ingreso na empresa, sen que o cambio de categoría supoña perda da adquirida, establecéndose as seguintes porcentaxes segundo esta escala:

1. Un 5% ó cumpri-los tres anos de servicio efectivo na empresa.

2. Un 12% ó cumprir seis anos.

3. Un 22% ó cumprir nove anos.

4. Un 25% ó cumprir doce anos.

5. Un 40% ó cumprir dezaseis anos.

6. Un 55% ó cumprir vinteún anos.

7. Un 60% ó cumprir vintecinco anos, como tope máximo.

A partir do 1 de xaneiro de 1996, os traballadores que se contraten percibirán as seguintes escalas de antigüidade:

1. Un 2,5% ó cumprir tres anos de servicios efectivos na empresa.

2. Un 6% ó cumpri-los seis anos.

3. Un 11% ó cumpri-los nove anos.

4. Un 12,5% ó cumpri-los doce anos.

5. Un 20% ó cumpri-los dezaseis anos.

6. Un 27,5% ó cumpri-los vinteún anos.

7. Un 30% ó cumpri-los vintecinco anos, como tope máximo.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal que preste os seus servicios na empresa terá dereito a percibir, ademais das gratificacións do 25 de xullo e Nadal, unha paga extraordinaria o 30 de marzo e outra o 30 de setembro de cada ano, sen distinción de categoría nin actividade, adiantándose a paga do 25 de xullo ó 30 de xuño.

As referidas gratificacións aboaranse sobre unha mensualidade de salario real cada unha delas, entendéndose por este o salario base máis tódolos complementos retributivos que normalmente veñen percibindo os traballadores, ben entendido que no dito cómputo non entran os complementos de puntualidade nin asistencia nin o de transporte.

Artigo 7º.-Complemento de transporte.

Establécese con carácter xeral para todo o persoal un complemento de transporte equivalente ó importe do billete de autobús urbano, en ida e volta, por cada asistencia ó centro de traballo dentro do mesmo día.

Artigo 8º.-Complemento de puntualidade e asistencia.

Todo traballador da empresa percibirá un complemento de puntualidade e asistencia de 5.625 pesetas mensuais, con base en 225 pesetas por día traballado, para o nivel de salario base mensual das categorías de limpadoras, axudantes de camareiro e mozos dos recados de 18 anos, e proporcional nas demais categorías, o que supón a aplicación dun coeficiente do 5,13% sobre os salarios base de cada categoría por este concepto.

As faltas que se aplicarán con respecto a este complemento son as seguintes:

a) A primeira falta de asistencia suporá a perda do 50% do total mensual do complemento e a seguinte falta significará a súa perda total.

b) Unha falta de picada do reloxo equivalerá a unha falta de asistencia.

c) Tres faltas de puntualidade equivalen a unha falta de asistencia.

d) Non se computarán como faltas, para os efectos deste artigo, a non asistencia ó traballo por cumprimento de deberes sindicais e outras de ineludible obriga legal.

A prestación de servicios, por necesidades de traballo fóra da empresa, non será considerada como falta de puntualidade ou asistencia. Tampouco serán consideradas faltas de asistencia os permisos debidamente autorizados pola empresa, ou as licencias a que oficialmente teña dereito o traballador, ben entendido que os días non traballados por estas causas serán descontados proporcionalmente do total mensual do complemento.

Artigo 9º.-Bolsa de vacacións.

Todo o persoal que preste os seus servicios na empresa terá dereito a percibir unha bolsa de vacacións valorada en 10.018 pesetas, que se fará efectiva xunto coa paga extraordinaria do mes de xullo.

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada de traballo ordinaria será de corenta horas de traballo efectivo á semana.

Artigo 11º.-Compensacións graciables.

Toda compensación graciable ou por útiles e roupa, establecida a partir do 31 de decembro de 1984, poderá ser absorbida única e exclusivamente polo complemento de antigüidade. As anteriores á dita data son inalterables por este concepto.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias tódalas que excedan da xornada laboral legalmente establecida. A iniciativa para traballar horas extraordinarias corresponderalle á empresa e á libre aceptación do traballador.

O cálculo do importe das horas extraordinarias farase con base no seguinte módulo:

Para as comprendidas entre as 8 da mañá e as 24 horas, multiplicarase o salario base de cada categoría profesional polo coeficiente 1,56%, sendo o resultado o importe de cada hora extraordinaria.

Para as comprendidas entre as 24 horas e as 8 da mañá, multiplicarase o salario base polo coeficiente 1,90%, sendo o resultado o importe de cada hora extraordinaria nocturna.

O máximo de horas extraordinarias non será superior ó establecido polo Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Axuda escolar.

Establécese un complemento de axuda escolar para o percibiren tódolos traballadores da empresa sen distinción de actividade nin categoría, para todos aqueles que teñen fillos en idade escolar, distribuído da seguinte forma:

a) Por cada fillo en nivel educación infantil, 8.264 pesetas anuais.

b) Por cada fillo en nivel educación primaria, 12.645 pesetas anuais.

c) Por cada fillo en nivel ESO, FP, COU e similares, 25.215 pesetas anuais.

d) Por cada fillo que curse os seus estudios en universidades ou colexios universitarios, 43.032 pesetas anuais. Ben entendido que este complemento se satisfará duranteo tempo que oficialmente estea establecido para a carreira alegada sen repetición de cursos.

Estes importes serán aboados pola empresa no mes de setembro de cada ano, ou cando os traballadores acrediten debidamente as matriculacións dos seus fillos.

Para o ano 2201, 2002, 2003 este importe incrementarase en igual porcentaxe có salario base.

Artigo 14º.-Servicio militar.

Ó persoal que leve un mínimo de dous anos ó servicio da empresa, esta aboaralle, ó se incorporar ó servicio militar obrigatorio ou no seu transcurso, o importe das súas pagas extraordinarias completas de xullo e Nadal.

Artigo 15º.-Xubilación.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos, sempre e cando se reúnan os requisitos legais para acceder á correspondente prestación.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

A todo traballador que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar á situación de invalidez permanente e que teña máis de cinco anos de vinculación coa empresa, esta aboaralle o equivalente a dúas mensualidades de salario real e, se levase máis de dez anos, aboaralle un total de catro mensualidades. A tódolos que leven máis de quince anos aboaralles un total de seis mensualidades.

Este premio percibirao o cónxuxe se o traballador falecese antes de se xubilar e tivese cumpridos os 55 anos, ou levase máis de dez anos ininterrompidos ó servicio da empresa no momento da súa morte. No seu defecto, percibirán este premio os orfos menores de 18 anos, ou de máis idade, se estivesen incapacitados para o traballo.

III. Condicións de traballo

Artigo 17º.-Vacacións.

Tódolos traballadores que presten os seus servicios na empresa desfrutarán dun período anual de vacacións consistente en trinta días naturais, que poderán ser desfrutadas nunha ou dúas fases de desigual duración. As vacacións poderanse comezar ou continuar despois do día de descanso.

As vacacións desfrutaranse dentro do ano natural e durante o período establecido pola empresa, segundo o cadro que se exporá polo menos con dous meses de antelación. (Artigo 38.3º do E.T.).

O desfrute das vacacións farase de forma rotativa, de tal xeito que o primeiro en elixir este ano sexa o último ó ano seguinte, pasando o segundo a ser primeiro e así sucesivamente, todo iso dentro das diversas seccións que compoñen a empresa.

As festas aboables e non recuperables poderán, de común acordo entre a empresa e os traballadores, acumularse ás vacacións anuais ou seren desfrutadas en período distinto continuado.

Artigo 18º.-Licencias.

A empresa concederá as seguintes licencias retribuídas:

a) Por matrimonio do traballador, quince días.

Por matrimonio de pais, fillos, irmáns e tíos, directos ou políticos, un día, se ten lugar na mesma provincia, e tres días se se celebra noutra distinta.

b) Por parto da esposa, cinco días, se reside na mesma localidade do centro de traballo, e sete días se reside en localidade diferente.

c) Por falecemento do cónxuxe, pais e fillos, concederanse cinco días, que se ampliarán a nove cando teña lugar fóra da rexión e o productor se desprace ó lugar do óbito.

Na continxencia de enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, oito días. Se fose necesario o internamento de calquera deles fóra da provincia, a licencia estenderase polo tempo necesario, establecéndose como tope máximo trinta días.

Por falecemento ou enfermidade grave de irmáns, avós ou pais políticos, dous días dentro da provincia e cinco días fóra da mesma, sempre e cando o traballador efectúe o desprazamento.

d) Por falecemento de irmáns políticos, avós políticos, sobriños, tíos e primos directos:

1. Un día, se falece dentro da provincia.

2. Dous días, se falece fóra da provincia e dentro da rexión.

3. Tres días, se acontece a máis de 500 km de distancia e o traballador se despraza ó lugar de falecemento.

e) Por traslado de domicilio, dous días.

f) Os traballadores terán dereito a licencia non retribuída de tres días naturais ó ano, por necesidades de atenderen asuntos persoais.

O traballador poderá desconta-los ditos días do seu período vacacional, ben entendido que nin nun caso nin no outro se poderá prexudica-lo funcionamento do traballo encomendado ó productor da empresa.

Os casos particulares serán estudiados pola dirección, segundo mellor proceda.

Artigo 19.-Peches nas festas.

O Círculo Mercantil pechará os días seguintes:

O día 24 de decembro ás 19 horas.

O día 25 de decembro.

Artigo 20º.-Baixas por enfermidade.

Durante o tempo que o traballador estea dado de baixa, ben por accidente, sexa ou non laboral, ou por enfermidade común ou profesional, e sempre que levase na empresa un mínimo de seis meses,

esta quedará obrigada a satisfacerlle, durante un período máximo de doce meses, o complemento necesario para que, computando o que perciba con cargo á Seguridade Social, acade o cento por cento do salario real, entendéndose por este o salario base máis tódolos complementos retributivos, excepción feita dos complementos de transporte e puntualidade e asistencia.

Co fin de evitar no posible o absentismo laboral, os primeiros quince días de baixa por enfermidade común ou profesional, así como a producida por accidente, sexa ou non laboral, só se percibirán de acordo co establecido na ordenanza laboral para a industria de hostalería ou por calquera disposición de rango superior, exceptuándose cando a baixa sexa por internamento ou hospitalización, que se aboará o cento por cento desde o primeiro día.

Artigo 21º.-Excedencias.

O persoal afectado polo presente convenio colectivo que leve dous anos ó servicio da empresa, terá dereito a pasar á situación de excedencia voluntaria por un período non inferior a un mes nin superior a cinco anos, estando obrigada a empresa ó reingreso do excedente que o solicite, polo menos, cun mes de antelación á data de remate da excedencia voluntaria, e non poderá volver á situación de excedencia ata transcorridos catro anos desde o remate da anterior, continuando no momento da incorporación coa mesma antigüidade que tiña cando pasou á situación de excedencia. A obriga da empresa de reincorpora-lo excedente queda supeditada a que exista vacante.

Artigo 22º.-Promoción profesional.

Co obxecto de darlles mobilidade e estímulo abondos ás escalas profesionais, os mozos dos recados e os auxiliares administrativos que leven dez anos de servicio no emprego, ascenderán automaticamente á categoría profesional inmediata superior. Todo iso coa obriga de realizar indistintamente calquera dos traballos correspondentes a unha ou outra categoría, entendéndose o ascenso só como estímulo á súa dedicación á empresa.

Artigo 23º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará un seguro de accidentes durante as 24 horas do día, coas seguintes indemnizacións:

Falecemento por accidente, un millón de pesetas.

Invalidez por accidente, dous millóns de pesetas.

Estas indemnizacións son para tódolos traballadores da empresa, sen distinción de categorías. As ditas indemnizacións percibiranas os lexítimos herdeiros do traballador, ou el mesmo no caso de invalidez.

Artigo 24º.-Revisión médica.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a unha revisión médica anual con cargo á empresa, na data que esta determine. Os informes médicos que xeran serán de carácter privado, exceptuándose os casos que os profesionais médicos consideren pertinente facer públicos.

IV. Interpretacións

Artigo 25º.-Condicións máis beneficiosas.

A tódolos traballadores se lles respectarán, como condición máis beneficiosa, as cantidades que viñesen percibindo, en canto que sexan superiores ás que resulten por aplicación deste convenio colectivo.

Exclúense do dito cómputo comparativo anual os importes correspondentes ós conceptos de complemento de transporte, complemento de puntualidade e asistencia, axuda escolar, útiles e roupa e antigüidade, conceptos estes que, ó non entraren no cómputo anual, se percibirán con independencia do seu resultado.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Créase a comisión paritaria deste convenio colectivo, que estará formada por tantos vocais titulares representantes dos traballadores e da empresa como vocais estean nomeados para a súa negociación, recaendo o seu nomeamento nos membros da comisión negociadora.

Esta comisión reunirase a requirimento das partes asinantes, nun prazo máximo de 72 horas. O cometido da mencionada comisión será o de vixilancia e interpretación deste convenio.

Artigo 27º.-Mesa negociadora.

Co fin de cumprir debidamente o establecido no Estatuto dos traballadores, artigo 85, alínea a), faise constar neste derradeiro artigo deste convenio colectivo a composición da mesa negociadora, que foi a seguinte:

En representación da empresa:

Francisco Javier Martínez López, vicepresidente da xunta directiva.

Francisco Fernández Martín, tesoureiro da xunta directiva.

En representación dos traballadores:

José Manuel Bargiela Rodríguez, delegado de persoal.

Cándido Barbosa da Silva, conserxe.

Táboa salarios base vixente para todo o persoal da empresa Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo-Sede Central de Príncipe de acordo co artigo 4º deste convenio colectivo

Categorías persoal de administraciónSalarios base 2000

Aumento 2,5% previsto

PesetasEuros

Xefe de primeira156.393939,944

Xefe de segunda140.749845,918

Bibliotecario139.582838,907

Oficial de primeira139.582838,907

Oficial de segunda125.688755,397

Auxiliar administrativo120.272722,852

Aspirante menor de 18 anos75.008450,810

Categorías persoal subalternoSalarios base 2000

Aumento 2,5% previsto

PesetasEuros

Conserxe130.268782,928

Axundante de conserxe123.989745,190

Cobrador123.989745,190

Encargado de sala123.989745,190

Carpinteiro123.989745,190

Ordenanza-camareiro116.527700,342

Porteiro-telefonista116.527700,342

Vixilante-xardineiro116.527700,342

Axundate de camareiro-mozo dos recados109.656659,043

Mozo dos recados menor de 18 anos72.120433,449

Limpador109.656659,043

Limpador media xornada54.828329,525