Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 26 de outubro de 2001 Páx. 13.921

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 18 de outubro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización do segundo exercicio da fase de oposición das categorías de auxiliar da función administrativa e de persoal de servicios xerais do Servicio Galego de Saúde.

O punto 3 da base sexta a) da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 20 de marzo de 2001 (DOG nº 63, do 29 de marzo) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, dispón que as datas de realización das probas serán anunciadas no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de 7 días naturais de antelación.

Adoptado acordo polo tribunal do grupo auxiliar da función administrativa e de persoal de servicios xerais sobre o lugar, a data e a hora de realización do segundo exercicio da fase de oposición, procede agora darlle publicidade no DOG, facultándose para iso expresamente a esta División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, polo que

RESOLVE:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes que superaron o primeiro exercicio da fase de oposición das categorías do grupo auxiliar da función administrativa e de persoal de servicios xerais de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde convocadas na Resolución do 20 de marzo de 2001 para a realización do segundo exercicio da fase de oposición consonte a seguinte distribución:

-Día 5 de novembro de 2001:

Chamamento 9 horas: grupo auxiliar da función administrativa.

-Día 6 de novembro de 2001:

Chamamento 9 horas: persoal de servicios xerais.

Segundo.-Este segundo exercicio realizarase no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda (Pontevedra).

Terceiro.-Os aspirantes terán que ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade, permiso de conducir ou pasaporte e de bolígrafo azul ou negro. O chamamento é único polo que so excluirá do concurso-oposición a quen non compareza por calquera causa.

Cuarto.-Por acordo do tribunal cualificador comunícase, para os efectos de información complementaria:

I. Características do exercicio:

O segundo exercicio consistirá na realización dunha serie de instruccións informáticas para a verificación das cales se responderá a un cuestionario con varias preguntas, cada unha delas con catro respostas das que só unha é a correcta. Os aspirantes disporán dun tempo limitado para a súa execución. A duración do exercicio seralles indicada no momento da súa realización.

II. Ferramentas:

O opositor terá que desenvolve-lo exercicio de carácter práctico en soporte informático. As preguntas propostas polo tribunal resolveranse coas seguintes ferramentas, tal como se establece na convocatoria e na resolución da División de Recursos Humanos do 31 de xullo de 2001 pola que se fai público un acordo do tribunal nos seguintes termos:

Procesador de textos: Microsoft Word 2000.

Folla de cálculo: Microsoft Excel 2000.

Para a resolución do cuestionario poderá esixirse a utilización do procesador de textos, folla de cálculo ou o conxunto de ámbolos dous.

III. Cuestionario e folla de respostas:

A. Cuestionario: para a contestación das preguntas o opositor deberá responder ás instruccións que se porán á súa disposición en soporte informático, que implicarán o manexo de ficheiros e mecanización dos datos que se requiran para o correcto desenvolvemento da proba.

O cuestionario, que consistirá na formulación de preguntas con catro respostas, será presentado nun arquivo informático con formato Word.

B. Folla de respostas:

Para facilita-la corrección automatizada das probas, a resposta que o opositor considere correcta de entre as catro posibles deberá ser escrita polo opositor na folla de respostas que lle será entregada no momento da realización da citada proba.

Por ese motivo o opositor deberá ir provisto de alomenos un bolígrafo.

IV. Puntuacións:

O exercicio valorarase de 0 a 80 puntos. Tódalas preguntas terán o mesmo valor.

As respostas incorrectas puntuarán en sentido negativo, co valor negativo dun 25% da resposta correcta.

V. Preguntas reserva:

O tribunal formulará preguntas reserva que constarán expresamente no cuestionario.

VI. Publicidade:

Os cuestionarios serán publicados con posterioridade á realización dos exercicios na data que se indicará o día da realización das probas.

A cada aspirante seralle entregada unha copia da súa folla de respostas.

Quinto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos no punto 3 da base décima da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos