Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Venres, 26 de outubro de 2001 Páx. 13.916

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2001, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas no Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo.

Bases

Primeira.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, de postos de traballo do grupo e categoría da Administración da Xunta de Galicia que se especifica no anexo I, nos que a súa cobertura se considere de urxente necesidade, mentres non sexan ocupadas polo correspondente persoal laboral fixo, de conformidade coa normativa de aplicación.

Segunda.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial elaborarase unha lista para cada provincia da Comunidade Autónoma. Para tal efecto no anexo V especifícanse os distintos ámbitos territoriais nos que será efectiva a lista.

En canto ás alíneas ás que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (Diario Oficial de Galicia, nº 79, do 25 de abril), a lista na que se incluen os solicitantes será a seguinte:

Lista B:

Incluiranse nesta lista os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribirse e a súa orde de prelación virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12 B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Cada interesado poderá presentar solicitude para ser incluído nos ámbitos territoriais que desexe.

Unha vez chamado para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo da aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais nos que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexan que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Terceira.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II e III desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Os solicitantes admitidos con carácter provisional estarán obrigados, no prazo de dez días contados a partir da publicación das listas provisionais a remitir á Dirección Xeral da Función Pública o xustificante de pagamento das taxas que a continuación se expresan:

Grupo III: 5.810 pesetas.

Os que así non o fixesen no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Gozarán da exención desta taxa as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, logo de xustificación documental.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberase cubri-lo anexo IV. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.2, debendo cubrirse cos códigos que figuran neste. Non obstante para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo IV, que se publica con esta convocatoria.

Cuarta.-Requisitos.

1. Os solicitantes deben reuni-los requisitos que se determinan no anexo I.

2. Ser español ou nacional dun estado membro da Unión Europea, ou nacional do Reino de Noruega, ou nacional da República de Islandia.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, ascendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

3. Ter cumpridos os 18 anos.

Os citados requisitos deberán posuílos o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo, terán que acreditar no momento no que acepten o posto de traballo que se lles oferte.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desenvolvemento das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude dun expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

-Declaración de non estar incurso nalgún dos supostos da normativa en materia de incompatibilidades (Lei 53/1984, do 2 de agosto, e normativa concordante).

-Estar en posesión do título esixido na presente convocatoria.

No suposto que non acrediten estes requisitos, os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Quinta.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberán presentar fotocopia do DNI e da titulación académica esixida nesta convocatoria.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teña en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para esta categoría, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes, que se presentarán cotexadas fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo III, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos admisibles e valorables serán unicamente os causados ata a data da publicación da presente convocatoria.

Os méritos a que se refiren as alíneas B.2) e B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados na Xunta de Galicia nesta categoría e noutras administracións públicas no mesmo grupo e categoría, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá ser emitida polos órganos de xestión de persoal competentes.

Os méritos a que se refire a alínea B.4) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados nas empresas privadas no mesmo grupo e categoría, acreditaranse mediante copia cotexada dos contratos e informe de vida laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Sexta.-Elaboración de listas.

6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados ó persoal laboral, á que se refire o artigo 5 do Decreto

89/1997, e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. Por petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

6.3. A partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da exposición das listas obxecto desta convocatoria quedarán sen efecto as listas elaboradas anteriormente.

6.4. Cada seis meses desde a publicación das listas estas poderán modificarse coa inclusión daquelas solicitudes que se presenten con posterioridade ó remate do prazo fixado para a presentación de instancias sempre que reúnan os requisitos dos puntos das listas que se aprobaran. Todo isto sen prexuízo do disposto na base 2.

Os ditos interesados deberán xuntar á instancia, se é o caso, para a súa admisión, o xustificante de ter feito o aboamento das taxas.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da presente resolución, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme os artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2001.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Grupo: III.

Categoría: 104.

Requisitos académicos requiridos: a) título de bacharelato superior ou equivalente, máis título de intérprete de lingua de signos expedido pola Confederación Nacional de Xordos de España ou por algunha federación autonómica confederada ou b) técnico superior de interpretación de lingua de signos (ciclo formativo de grao superior).

Ámbito territorial: provincial.

Relación e denominación das categorías das que se abren listas.

Grupo III. Especialistas e encargados.

(104) Intérprete da lingua de signos.

ANEXO V

Ámbitos territoriais

D1500-Provincia da Coruña.

D2700-Provincia de Lugo.

D3200-Provincia de Ourense.

D3600-Provincia de Pontevedra.