Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 25 de outubro de 2001 Páx. 13.822

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 275/2001, do 4 de outubro, polo que se establecen determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución.

O artigo 3.3º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, recoñécelles ás comunidades autónomas no ámbito dos seus respectivos estatutos a capacidade de impartir instruccións relativas á ampliación, mellora e adaptación das redes e instalacións eléctricas de transporte ou distribución da súa competencia, para a axeitada prestación do servicio.

A mesma lei fixa entre as finalidades perseguidas por ela a racionalización, eficiencia e optimización das actividades destinadas á subministración de enerxía eléctrica.

Pola súa parte, o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, constitúe a norma básica de carácter xeral que define o ámbito e as características das instalacións eléctricas.

Se ben o Real decreto 1955/2000 establece os requisitos que as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica deben cumprir en canto á calidade de servicio, é necesario adapta-los procedementos relacionados co deseño, construcción e mantemento das instalacións eléctricas ás peculiaridades orográficas e climatolóxicas de Galicia, co fin de minimiza-lo número de incidencias e a súa gravidade, sobre todo en condicións climatolóxicas adversas.

As prescricións técnicas que deben cumpri-las liñas eléctricas aéreas de alta tensión aparecen recollidas no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión.

Por outra parte, o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, aproba o Regulamento sobre condi

cións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, establecendo un procedemento que completa dalgún xeito o disposto no Decreto 3151/1968, para este tipo de instalacións, introducindo o concepto de mantemento e as normas de aplicación, entre outras disposicións.

Así mesmo, para as instalacións de baixa tensión é de aplicación o Decreto 2413/1973, do 20 de setembro, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, o Real decreto 2295/1985, do 9 de outubro, polo que se modifica o artigo 2º do citado regulamento, e a Orde do 31 de outubro de 1973 pola que se aproban as instruccións complementarias deste, denominadas Instruccións MIE BT, nas que se establcen criterios para o deseño das liñas en termos similares ós dispostos para as de alta tensión.

A Xunta de Galicia considera oportuno establecer unha serie de medidas dirixidas a aumenta-lo nivel de dispoñibilidade das instalacións de distribución, maximizando con iso a calidade da subministración ós consumidores.

Por outra banda, a evolución tan significativa que se produciu nas ferramentas informáticas e telemáticas permite adapta-la regulación ás necesidades de control administrativo dos recoñecementos periódicos das instalacións eléctricas.

Finalmente, co obxectivo de minimiza-los impactos negativos que as instalacións eléctricas teñen sobre a avifauna e os danos que esta provoca naquelas, establécense certas prescricións técnicas para a utilización de dispositivos de protección, como consideracións que se deberán ter en conta no deseño de liñas aéreas de alta tensión.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e do artigo 3.3º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de outubro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto establecer determinadas condicións técnicas específicas de deseño e mantemento ás que se deberán somete-las instalacións eléctricas de distribución (definidas segundo Real decreto 1955/2000), así como as liñas directas, as de evacuación e as acometidas de tensión superior a 1 kV, nas que a autorización correspóndelle á Comunidade Autónoma, para consegui-la necesaria regularidade e reduci-las incidencias na subministración de enerxía eléctrica.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As prescricións técnicas deste decreto serán de aplicación para as instalacións de distribución, as liñas directas, as de evacuación e as acometidas de tensión superior a 1 kV, de corrente alterna con tensión nominal superior ou igual a 1 kV e inferior a 220 kV para instalacións de alta tensión, e igual ou superior a 380 voltios e inferior a 1.000 voltios para instalacións de baixa tensión.

Capítulo II

Disposicións xerais

Artigo 3º.-Definicións.

Para efectos de interpretación deste documento adoptaranse as definicións que se inclúen na familia de normas UNE-EN 21.302, relativa ó Vocabulario Electrotécnico Internacional.

Así mesmo, adoptaranse as seguintes definicións:

Zona costeira: defínese dentro do territorio da Comunidade Autónoma como zona costeira a franxa de terreo situada a menos de 20 km da costa.

Conductor illado: conductor recuberto dunha capa illante extruida sobre el, que cumpre as esixencias de illamento pleno de acordo coas normas UNE de obrigado cumprimento.

Conductor forrado: conductor de sección circular forrado cunha capa de illante axeitada á súa tensión nominal e preparada para a instalación intemperie, que garante o illamento contra contactos accidentais, e entre conductores de distintas fases, se ben non pode considerarse illamento pleno.

Instalación eléctrica individualizada: instalación eléctrica que se autorizase nun acto administrativo e teña polo tanto un mesmo número de expediente administrativo.

Situación climatolóxica especialmente adversa: considerarase climatoloxía especialmente adversa aquela na que os fenómenos atmosféricos asociados non poidan ser considerados habituais ou normais en cada zona xeográfica, de acordo cos datos estatísticos existentes.

Artigo 4º.-Normas.

Os materiais, aparellos, máquinas, conxuntos e subconxuntos integrados nos circuítos das instalacións eléctricas, ás que se refire este decreto, cumprirán as normas, especificacións técnicas e homologacións que lles sexan de aplicación e que lles estableza como de obrigado cumprimento a Administración.

Capítulo III

Prescricións técnicas específicas

Artigo 5º.-Condicións de deseño en instalacións de alta tensión.

Sen prexuízo do disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión,

e co obxectivo concreto de reduci-lo número de cortes de enerxía producidos por danos nas liñas, establécense as seguintes prescricións:

1. Accións que se van considerar no cálculo. Nas zonas costeiras definidas no artigo 3º, consideraranse, para o cálculo mecánico das liñas, un incremento dun 20% no coeficiente de seguridade mecánico dos elementos estructurais da instalación, na hipótese de vento definida no artigo 16 do Decreto 3151/1968.

2. Carga de rotura dos conductores. Agás naquelas instalacións que teñan carácter provisional, ningún conductor ou cable de terra terá unha carga de rotura inferior a 1.225 decanewtons en liñas de 1ª e 2ª categoría, nin inferior a 1.020 decanewtons en liñas de 3ª categoría. Para o caso de cables fiadores de aceiro galvanizado, a resistencia de rotura será, como mínimo, de 1.650 decanewtons.

3. Aumento de distancias de seguridade. No paso por zonas de arboredo, para evita-las posibles incidencias producidas polo contacto de ramas e troncos de árbores cos conductores das liñas eléctricas de conductores espidos, deberá establecerse, mediante a indemnización correspondente, unha zona de corta de arboredo a ámbolos dous lados da liña a anchura da cal será a necesaria para que a separación mínima da masa de arboredo na súa situación normal non sexa inferior a 5 metros nas liñas de 1ª e 2ª categoría e a 3 metros nas de 3ª categoría, seguíndose polo demais as disposicións establecidas no artigo 35 do Decreto 3151/1968. Esta distancia poderá verse reducida ós valores indicados no dito decreto cando se empreguen conductores forrados.

4. Conductores illados. Cando as liñas aéreas se constrúan utilizando conductores illados ou forrados poderán reducirse as distancias de seguridade establecidas nos artigos 25.2º e 35.1º do Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión ou as fixadas no punto anterior, sempre que se xustifique o mantemento das condicións de seguridade da instalación. Neste sentido as empresas distribuidoras poderán presenta-los correspondentes proxectos tipo desta clase de liñas para a súa aprobación por parte do organismo competente.

5. Nas liñas situadas en zonas de arboredo, para minimiza-la área afectada en caso de avaría, deberá presentarse para a súa aprobación un sistema automático de localización e seccionamento cando o producto da potencia afectada en kVA pola lonxitude de liña en km exceda dun valor P que se considerará igual a 10.000 kVA x km. Este valor poderase revisar anualmente por orde da consellería competente en materia de enerxía, en función dos resultados obtidos.

Neste sentido as empresas distribuidoras poderán presenta-los correspondentes proxectos tipo desta clase de liñas para a súa aprobación por parte do organismo competente.

Artigo 6º.-Condicións de deseño en instalacións de baixa tensión.

Sen prexuízo do disposto no Decreto 2413/1973, do 20 de setembro, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e no Real decreto 2295/1985, do 9 de outubro, polo que se modifica o artigo 2 do citado regulamento e na Orde do 31 de outubro de 1973 pola que se aproban as instruccións complementarias a este, co obxectivo concreto de reduci-lo número de cortes de enerxía producidos por danos nas liñas de baixa tensión, establécense as seguintes prescricións:

1. Accións que se van considerar no cálculo. Nas zonas costeiras definidas no artigo 3º, consideraranse, para o cálculo mecánico das liñas, os coeficientes de seguridade mecánicos indicados na MIE BT 003 incrementados nun 20%.

2. Carga de rotura dos conductores. Ningún conductor ou cable de terra terá unha carga de rotura inferior a 600 decanewtons, excepto naquelas instalacións que teñan carácter provisional.

3. Paso por zonas de arboredo. En paso por zonas de arboredo, para evita-las posibles incidencias producidas polo contacto de ramas e troncos de árbores cos conductores das liñas eléctricas, utilizaranse conductores illados e evitarase o contacto directo coa masa de arboredo.

Artigo 7º.-Mantemento das instalacións de alta tensión.

1. Os propietarios das instalacións incluídas neste decreto deberán presentar, antes da súa posta en marcha, un contrato, subscrito con persoa física ou xurídica competente no que estas se fagan responsables de mante-las instalacións no debido estado de conservación e funcionamento.

Se o propietario da instalación, a xuízo da consellería competente en materia de enerxía, dispón dos medios e organización necesarios para efectua-lo seu propio mantemento, poderá ser exento da obriga de presentación do dito contrato. Para obter esta dispensa o propietario da instalación deberá presentar unha solicitude na delegación competente da provincia na que se atope a instalación. A delegación emitirá resolución na que se indique o período de validez da eximente, que será en todo caso inferior a 5 anos, e que deixará de ter valor no caso de que se demostre o incumprimento das obrigas de conservación. Esta eximente será válida para tódalas instalacións que o propietario dispoña nesa provincia.

2. Mantemento preventivo. O propietario da instalación disporá dun procedemento de mantemento preventivo desta, que deberá presentar na delegación competente correspondente para a súa aprobación. Esta aprobación terá unha vixencia máxima de 5 anos, polo que antes da súa conclusión deberá actualizarse o procedemento e solicitar de novo a súa aprobación.

O procedemento determinará as actividades de mantemento, a súa periodicidade, o xeito de efectualas e o persoal cualificado que as debe realizar. Así mesmo, recollerá un programa tentativo que determine as operacións que se van realizar cada ano durante a vixencia do procedemento.

No caso de empresas distribuidoras, presentarán o procedemento de mantemento preventivo para cada tipo de instalación, non sendo necesaria unha aprobación individualizada para cada unha.

Sen prexuízo das indicacións dispostas no artigo 163 do Real decreto 1955/2000, sobre revisións periódicas das instalacións, o propietario remitirá anualmente ás respectivas delegacións da consellería competente en materia de enerxía, informe realizado por técnico titulado no que se recollan as operacións de mantemento preventivo e as operacións de mantemento correctivo efectuadas ese ano, indicando a data e a instalación na que foron executadas.

Dentro das operacións de mantemento preventivo deberán realizarse, polo menos cada tres anos, limpeza do arboredo que poida afecta-los conductores dentro da rúa establecida no artigo 5º e revisión visual do estado dos apoios, ferraxes e illantes (que permitan detecta-lo desgaste dos elementos móbiles, debido ás oscilacións por vento e á vibración eólica dos conductores). Ademais, nas liñas de 1ª e 2ª categoría realizarase inspección termográfica.

Mentres non se elabore a orde á que se fai referencia na disposición adicional segunda, os defectos atopados nas operacións de mantemento deberán ser corrixidos o máis pronto posible e como máximo no prazo dun ano, contado desde a data da súa constatación.

Por proposta do propietario das instalacións, poderá ser aceptado un plan conxunto de operacións de mantemento alternativo ás esixencias anteriores sempre que, a xuízo da consellería competente en materia de enerxía, se demostre a súa eficacia.

Artigo 8º.-Mantemento das instalacións de baixa tensión.

As empresas distribuidoras presentarán un plan xeral de mantemento preventivo das súas instalacións no que se especificarán, entre outros datos, as actividades e mostraxes que se van realizar, o xeito de efectualas e o persoal cualificado para a súa execución.

Anualmente elaborarase un informe sobre a súa execución que se lle remitirá á delegación provincial correspondente.

Como norma xeral, mentres non se elabore a orde á que se fai referencia na disposición adicional segunda deste decreto, os defectos atopados nas operacións de mantemento deberán ser corrixidos o máis pronto posible e como máximo no prazo dun ano, contado desde a data da súa constatación.

Artigo 9º.-Situacións climatolóxicas especialmente adversas.

No caso de situacións climatolóxicas especialmente adversas, co obxectivo de intensifica-las medidas de mantemento preventivo das instalacións, a consellería competente en materia de enerxía poderalles esixir ós seus propietarios que adianten as operacións de mantemento previstas daquelas instalacións que puidesen ser afectadas.

Artigo 10º.-Base de datos de recoñecementos periódicos.

A consellería competente en materia de enerxía, directamente ou a través dunha entidade vinculada, controlará o cumprimento das obrigas administrativas prescritas neste decreto.

Para iso, as empresas distribuidoras terán á disposición da consellería, en formato informático, unha base de datos que conterá cada instalación individualizada de alta tensión obxecto deste decreto desde o momento da súa autorización, e que recollerá o historial de recoñecementos efectuados segundo o procedemento de mantemento preventivo, así como as accións correctoras levadas a cabo dos defectos atopados.

A aquelas empresas con menos de 5.000 subministracións, poderáselles autorizar que dispoñan da base de datos en formato papel.

Os datos de cada instalación serán permanentemente actualizados e as operacións efectuadas deben ser incluídas na base de datos no prazo máximo de dous meses desde a súa realización.

No caso de empresas distribuidoras que subministren a máis de 5.000 clientes, terán que adopta-las medidas necesarias para que, nun prazo non superior a un ano, despois da entrada en vigor deste decreto, esta información estea á disposición da consellería competente en materia de enerxía, en liña, vía Internet.

Artigo 11º.-Protección da avifauna para instalacións eléctricas de alta tensión con conductores non illados.

1. Co fin de minora-lo perigo das instalacións eléctricas de alta tensión ás que se refire este decreto para a avifauna na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da normativa técnica e de seguridade que en cada caso rexan, seranlles de aplicación ademais as seguintes prescricións técnicas, cando as instalacións obxecto deste artigo atravesen por Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPAs):

a) Non se permitirá a instalación de illadores ríxidos sobre cruceta de apoios, debendo sempre utilizarse cadeas de illadores.

b) Prohíbese a instalación de pontes frouxas non illadas por encima de traveseiros ou cabeceiras de apoios.

c) Queda prohibida a instalación de seccionadores en interruptores con corte ó aire colocados en posición horizontal, na cabeceira dos apoios.

d) Nas conexións dos transformadores de intemperie, interruptores e outros elementos de rede, onde non sexa posible mante-las distancias de seguridade entre fases e a terra que se indican no punto e) deste artigo, estas conexións ou pontes de unión realizaranse con cable illado ou forrado cubrindo así mesmo os bordos con dispositivos de probada eficacia que proporcionen un conxunto que impida o contacto das aves coas partes en tensión.

e) Os apoios de aliñamento terán que cumpri-las seguintes distancias mínimas accesibles de seguridade:

Entre conductor e zona de pousada sobre a cruceta, de 0,70 m.

Entre conductores, de 1,40 m.

f) En apoios de ancoraxe, fin de liña e, en xeral, aqueles con illadores de cadeas en posición, deberán ter unha distancia mínima de seguridade entre a zona de pousada e o punto máis próximo en tensión de 0,80 m.

g) En liñas aéreas con conductor espido para tensións inferiores a 36 kV evitarase a instalación de conductores en disposición en plano horizontal.

h) En liñas con tensión nominal igual ou superior a 66 kV sinalizaranse visualmente os cables de terra ou os conductores naqueles tramos de tendidos eléctricos que atravesen rutas migratorias e naqueles que se atopen en áreas próximas a zonas húmidas ou colonias de nidificación.

2. No caso de que as instalacións eléctricas definidas na letra h) do parágrafo 1 anterior, incidan sobre espacios naturais protexidos (definidos segundo a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre), seralles de aplicación o previsto no dito precepto con idéntico alcance que para as ZEPAs.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando se trate de instalacións, ou parte destas, de carácter repetitivo, a consellería competente en materia de enerxía poderá autorizar ou establece-la utilización de proxectos tipo, que deberán ser completados cos datos específicos concernentes a cada caso.

Segunda.-A consellería competente en materia de enerxía elaborará no prazo de nove meses, desde a entrada en vigor deste decreto, logo de consulta coas empresas distribuidoras, unha orde na que se detallarán os tipos de defectos que se poidan detectar nas operacións de mantemento reguladas nos artigos 7º e 8º, a súa clasificación e os seus prazos de resolución. Así mesmo, definirase o modelo de informe ó que se fai referencia no artigo 7º.

Terceira.-A estructura e configuración da base de datos regulada no artigo 10º definirase mediante orde que será elaborada pola consellería competente en materia de enerxía, logo de consulta coas empresas distribuidoras, no prazo máximo de nove meses desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Ós proxectos de instalacións a que se refire este decreto presentados antes da súa entrada en vigor, non lles será de aplicación o seu contido.

Segunda.-Ás reformas das instalacións ás que se refire este decreto xa existentes, seranlles de aplicación as disposicións contidas nesta norma.

Terceira.-As empresas distribuidoras con instalacións existentes afectadas polo artigo 5.5º, presentarán no prazo de seis meses un plan de adecuación destas ás disposicións establecidas no citado precepto.

Cuarta.-Os procedementos de mantemento ós que se fai referencia no artigo 7º, así como os plans mencionados no artigo 8º, deberán ser presentados antes do prazo dun ano a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro de Industria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento, interpretación e aplicación deste decreto.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio