Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 25 de outubro de 2001 Páx. 13.821

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de outubro de 2001 pola que se crea un novo ficheiro de datos de carácter persoal na Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE, nº 298, do 14 de decembro), específica que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral correspondente.

Por Orde do 21 de xuño de 2001 (DOG do 5 de xullo) regúlanse e protéxense os datos de carácter persoal existentes na Consellería da Presidencia e Administración Pública e nas secretarías xerais depedentes do presidente da Xunta de Galicia.

O Decreto 171/ 2001, do 5 de xullo, regula o Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e Investigadores de Galicia, creado pola Lei 12/1993, de 6 de agosto, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Polo que antecede a Consellería da Presidencia e Administración Pública,

DISPÓN:

Primeiro.-Mediante esta orde a Consellería da Presidencia e Administración Pública crea o ficheiro especificado no anexo, que contén a información esixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación dos ficheiros.

Segundo.-A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a confidencialidade, dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Terceiro.-Os datos de carácter persoal, rexistrados no ficheiro da Consellería da Presidencia e Administración Pública, ós que se refire o anexo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

Catro.-Para a cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse ó disposto na normativa vixente na materia.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos ós servicios de estatística das administracións públicas haberá que aterse ó disposto na normativa vixente sobre materia estadística.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO

Ficheiro de nova creación da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

RIGA, Rexistro de Centros e Institucións de Investigación e Investigadores de Galicia.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: xestión automatizada dos currículum vitae profesionais dos investigadores dos organismos e as empresas públicas que formen parte da Administración autonómica e desenvolvan funcións de investigación, así como das intitucións, as empresas e os organismos dos sectores públicos e privados que perciban algún dos beneficios que a Comunidade Autónoma de Galicia estableza para os fins da Lei 12/1993, do 6 de agosto.

b) Medidas de seguridade: nivel básico. As medidas de seguridade polas que se rexerá este ficheiro están especificadas no documento de seguridade da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos (Consellería da Presidencia e Administración Pública).

c) Datos de carácter persoal recollidos:

-Datos de carácter identificativo: NIF, nome e apelidos, enderezo (postal e electrónico), teléfono, fax.

-Datos de características persoais: data de nacemento, sexo.

-Datos académicos e profesionais: formación, titulacións, experiencia profesional, datos relativos á producción científica.

-Datos relativos ó emprego: postos de traballo, categoría/grao, situación administrativa, dedicación.

-Datos económico-financeiros: importe dos contratos ou proxectos de investigación e desenvolvemento.

d) Órgano responsable do ficheiro:

-Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Consellería da Presidencia e Administración Pública.

e) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos existentes no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita na rúa de Os Feáns nº 7, local C, 15703-Santiago de Compostela.

f) A responsabilidade de seguridade correspondelle á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento (Consellería da Presidencia e Administración Pública).

g) Procedemento de recollida de datos: transmisión electrónica de datos/Internet.

h) Cesión de datos:

-Organismos públicos estatais responsables de ciencia e tecnoloxía.