Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 24 de outubro de 2001 Páx. 13.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Transportes Auto Galicia, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Transportes Auto Galicia, S.L., con nº de código 3601242, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-8-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 20-7-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do

24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 24 de agosto de 2001.

P.A.

Luis Boullosa Nores

Secretario provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para a empresa Transportes Auto Galicia, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regula as relacións laborais da empresa Transportes Auto Galicia, S.L. e afecta a todo o persoal pertencente ó cadro, así como ós traballadores que ingresen durante a súa vixencia.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 2000. Terá unha duración de dous anos e entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Sen prexuízo do anterior, os salarios pactados aplicaranse con vixencia dun ano, e os seus efectos rematarán o 31 de marzo de 2002.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan á totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación de melloras.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentaria poidan establecerse no futuro serán absorbibles polos aumentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio, teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou de lugar, implantadas pola empresa, que significaran condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, deberá rexerse, para cada un dos anos de vixencia do convenio, polas táboas salariais anexas, a táboa anexa I para o período 1-4-2000 ó 31-3-2001, e a táboa anexa II para o período do 1-4-2001 ó 31-3-2002.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, maila antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais. A data do seu desfrute fixarase de común acordo entre o empresario e o traballador, que tamén poderán convi-la división en varios períodos.

Artigo 10º.-Antigüidade.

A promoción económica en función do traballo desenvolvido, que se devengará desde o día 1 do mes natural seguinte ó seu vencemento, queda fixada nun 5% do salario base ós cinco anos, un 10% ós dez anos, un 15% ós quince anos e un 20% ós vinte ou máis anos de servicios computables.

Ós traballadores que viñesen percibindo importes polo concepto de antigüidade, calquera que fose a súa denominación, en contía superior á que resulte do novo sistema establecido no parágrafo anterior, respectaráselles a título persoal, mentres lles resulte máis favorable, o dereito a cobra-la cantidade que viñesen percibindo por tal concepto o 31 de decembro de 1997. Ós que nesa data estean en curso de adquisición dun novo tramo temporal recoñeceráselle-lo dereito a cobrar, a título persoal, a cantidade que terían devengado ó consolidalo, calculada de acordo cos salarios vixentes en tal momento.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio terá dereito a percibir unha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axudas de custo.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira, se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro ano de vixencia será o que a seguir se expón:

1. Galicia: 4.714 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 1.285 pesetas o xantar, 1.285 pesetas a cea e 2.144 pesetas a pernoctación.

2. Territorio nacional e Portugal: 5.651 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 1.542 pesetas a comida, 1.542 pesetas a cea e 2.567 a pernoctación.

3. Restantes países europeos: 10.365 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 2.825 pesetas o xantar, 2.825 pesetas a cea e 4.715 pesetas a pernoctación.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de aloxamento e comida do traballador en substitución de axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33 por 100, sen prexuízo da facultade que o precedente parágrafo lle recoñece á empresa.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das doce horas e regresen despois das cero horas.

Percibirase a parte de axuda de custo correspondente ó xantar, sempre que o traballador saia da súa residencia antes das doce horas e regrese despois das catorce horas.

Cobraranse axudas de custo para a cea, cando a saída se efectúe antes das vinte horas e a chegada sexa despois das vintedúas horas.

A pernoctación corresponde ós que cheguen á residencia despois das cero horas.

Para o segundo ano de vixencia do convenio, o importe polo concepto das axudas de custo será o seguinte:

1. Galicia: 4.855 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 1.324 pesetas o xantar, 1.324 pesetas a cea, e 2.207 pesetas a pernoctación.

2. Territorio nacional e Portugal: 5.820 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 1.588 pesetas a comida, 1.588 pesetas a cea e 2.644 pesetas a pernoctación.

3. Restantes países europeos: 10.676 pesetas a axuda de custo completa, repartidas en 2.910 pesetas o xantar, 2.910 pesetas a cea e 4.856 pesetas a pernoctación.

Artigo 12º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores. A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución no nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e o cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control; respectarase en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 8 de novembro, e demais normas específicas para o sector de transportes.

Artigo 13º.-Traballo en domingos e festivos.

Os domingos e festivos que por necesidades do servicio sexan traballados, ou ben se dará o descanso outro día da semana anterior ou posterior, ou serán aboados co incremento que sinale a lexislación laboral vixente.

Artigo 14º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillos ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20 por 100 das horas laborables, nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballado afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores. No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que teña dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 15º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicaralle á dirección da empresa, a data do seu cesamento cunha antelación mínima de quince días, excepto para o persoal non cualificado, para o cal o aviso será de oito días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorresen os prazos sinalados, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso, lle correspondese o cesamento.

Artigo 16º.-Excedencias.

Aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores

Artigo 17º.-Uniformes.

A empresa e o traballador cumprirán canto se refire ós uniformes, de acordo co que determina a vixente normativa laboral para as empresas de transportes por estrada.

Artigo 18º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, de 2.800.000 pesetas por cada un, de forma que en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a citada cantidade sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento dela.

Con efectos do 1 de agosto de 2001, a empresa contratará un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, por un capital asegurado de 3.500.000 pesetas, que cubra o risco de falecemento ou invalidez permanente derivada de accidente laboral ó servicio da empresa.

Artigo 19º.-Accidente de traballo e enfermidade.

Axustarase ó establecido na lexislación laboral, no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións vixentes.

Artigo 20º.-Servicio militar.

O persoal que se incorpore ó servicio militar terá reservado o posto de traballo que viña desempeñando, e computaralle o dito período para a antigüidade na empresa. Para iso deixará constancia por escrito da súa intención de volver á empresa unha vez rematado aquel e deberá incorporarse a ela no prazo máximo de 30 días naturais a partir do remate do servicio militar.

Artigo 21º.-Pagamento de multas.

As multas por infracción de tráfico imputables á culpa ou neglixencia do traballador serán aboadas

por este; en caso contrario serán aboadas pola empresa.

Artigo 22º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto na normativa vixente para as empresas de transportes por estrada e demais disposicións vixentes.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, a comisión paritaria estará formada por dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores, de entre os que tomaron parte na comisión negociadora.

Artigo 24º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio o xerente da empresa, o delegado de persoal e os traballadores do cadro de persoal que figuren na acta.

Vigo, 20 de xullo de 2001.

ANEXO I

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-2000 ó 31-3-2001)

Pesetas

Grupo I. Persoal superior e técnicos

*Subgrupo A

Xefe de servicio153.989 mes
Inspector principal134.739 mes

*Subgrupo B

Enxeñeiros e licenciados141.358 mes
Enxeñeiros técnicos e aux. titulados108.273 mes
Axudantes técnicos sanitarios98.655 mes

Grupo II. Persoal administrativo

Xefe de sección112.284 mes
Xefe de negociado104.265 mes
Inspector-visitador100.333 mes
Oficial de primeira98.612 mes
Oficial de segunda90.389 mes
Auxiliar administrativo84.113 mes
Aspirantes de 16 e 17 anosSalario segundo idade

*Sección 2ª. Persoal de axencias de transporte

Encargado xeral116.300 mes
Encargado de almacén110.947 mes
Capataz105.602 mes
Auxiliar de almacén e basculeiro89.243 mes
Mozo especializado3.145 día
Mozo carga, descarga e reparto3.042 día

*Subgrupo B. Transporte de mercadorías

Xefe de tráfico de primeira116.300 mes
Xefe de tráfico de segunda110.947 mes
Xefe de tráfico de terceira105.602 mes
Conductor-mecánico3.480 día
Conductor3.358 día
Conductor de motocicletas e furgonetas3.247 día
Axudante3.156 día
Mozo especializado3.145 día
Mozo de carga, descarga e reparto3.042 día

Grupo V. Persoal subalterno

Cobrador de facturas84.520 mes
Telefonista84.520 mes
Porteiro84.520 mes
Vixilante84.520 mes
Limpadora (por horas)336 hora
Mozos de 16 e 17 anosSalario segundo idade

ANEXO II

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-2001 ó 31-3-2002)

Pesetas

Grupo I. Persoal superior e técnicos

*Subgrupo A

Xefe de servicio160.148 mes
Inspector principal140.128 mes

*Subgrupo B

Enxeñeiros e licenciados147.012 mes
Enxeñeiros técnicos e aux. titulados112.603 mes
Axudantes técnicos sanitarios102.601 mes

Grupo II. Persoal administrativo

Xefe de sección116.775 mes
Xefe de negociado108.435 mes
Inspector-visitador104.346 mes
Oficial de primeira102.556 mes
Oficial de segunda94.005 mes
Auxiliar administrativo87.478 mes
Aspirantes de 16 e 17 anosSalario segundo idade

*Sección 2ª. Persoal de axencias de transporte

Encargado xeral120.952 mes
Encargado de almacén115.385 mes
Capataz109.826 mes
Auxiliar de almacén e basculeiro92.812 mes
Mozo especializado3.377 día
Mozo carga, descarga e reparto3.164 día

*Subgrupo B. Transporte de mercadorías

Xefe de tráfico de primeira120.952 mes
Xefe de tráfico de segunda115.385 mes
Xefe de tráfico de terceira109.826 mes
Conductor-mecánico3.619 día
Conductor3.492 día
Conductor de motocicletas e furgonetas3.377 día
Axudante3.282 día
Mozo especializado3.270 día
Mozo de carga, descarga e reparto3.163 día

Grupo V. Persoal subalterno

Cobrador de facturas87.990 mes
Telefonista87.900 mes
Porteiro87.900 mes
Vixilante87.900 mes
Limpadora (por horas)350 hora
Mozos de 16 e 17 anosSalario segundo idade