Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Mércores, 24 de outubro de 2001 Páx. 13.782

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de agosto de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector da primeira transformación da madeira da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector da primeira transformacion da madeira da provincia

de Lugo (código 2700445), asinado o día 31 de xullo de 2001, pola representación da Asociación Provincial de Empresarios de 1ª Transformación da Madeira, Rematantes y Aserradores de Lugo e das centrais sindicais UGT (48%), USO (20%), CC.OO. (8%), e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 23 de agosto de 2001.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo provincial da primeira transformación da madeira da provincia de Lugo.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo de traballo é de aplicación a tódalas empresas dedicadas ás actividades de serradoiro de madeira, industria de chapa e parqué, así como remate de madeira, que se rexan polo convenio colectivo estatal da madeira, publicado no Boletín Oficial del Estado de data 20 de maio de 1996, coa excepción feita daquelas empresas que no día da data teñan aprobado convenio colectivo propio ou estean pendentes da súa aprobación.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidas neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídos no seu ámbito funcional, agás os menores de 16 anos dos que está prohibida a súa contratación.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio será desde o 1º de abril de 2001 ata o 31 de marzo do ano 2002, entrando en vigor o día da súa publicación no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, con efectos económicos desde o 1º de abril de 2001.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio son de aplicación ás empresas de Lugo e mais da súa provincia, ós seus traballadores e as empresas que tendo o seu domicilio noutra provincia os seus traballadores presten os servicios nesta. Do mesmo xeito quedan obrigadas cantas empresas poidan constituírse no futuro na provincia de Lugo e queden enmarcadas no ámbito funcional do presente acordo.

Artigo 5º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, agás na materia salarial, de non denunciarse por calquera das partes cunha antelación dun mes respecto da data do seu remate.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

Para interpreta-lo contido do presente convenio, vixia-lo cumprimento e exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas e cuestións formulados como consecuencia da súa aplicación constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes deste convenio, que estará formado por seis representantes da asociación empresarial asinante, 4 da central sindical UGT, 1 da central sindical USO e 1 da central sindical CC.OO.; igualmente asinantes. Caso de non chegar a acordo a referida comisión, ámbalas dúas partes sométense á competencia do Servicio de Mediación, Arbitraxe e Conciliación e da xurisdición competente.

A mencionada comisión terá competencias en materia de desenvolvemento e mellora da seguridade e hixiene no traballo e da formación profesional no sector na provincia de Lugo.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, de conformidade coa lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma, salvo a antigüidade consolidada de conformidade co establecido no artigo décimo quinto e cos límites establecidos no artigo décimo terceiro.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral durante a vixencia do presente convenio será de 1.780 horas anuais de traballo efectivo.

As empresas poderán distribuí-la xornada establecida no páragrafo anterior ó longo do ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular, afectando a uniformidade ou irregularidade ben a todo o cuadro de persoal ou de forma diversa por seccións ou departamentos, por períodos estacionais do ano en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso a distribución irregular da xornada respectará os topes mínimos e máximos de distribución previstos no artigo 43 do convenio colectivo estatal da madeira.

Para os efectos dunha mellor organización do traballo, as empresas poderán establecer un calendario anual no que se recolla a distribución da xornada pactada ó longo do ano.

Artigo 9º.-Vacacións anuais.

1. O período de vacacións anuais retribuídas, non sustituíbles por prestación económica, será de 30 días naturais. Comezarán a desfrutarse sempre en días laborables, preferentemente entre o día 20 de xuño e o 30 de setembro.

2. O período do seu desfrute fixarase de común acordo entre o empresario e mailo traballador, que tamén poderán acorda-la división en dous períodos das vacacións totais.

Na falta de acordo seguirase o disposto nos convenios colectivos sobre planificacións anuais das vacacións, respectándose, en todo caso os seguintes criterios:

a) O empresario poderá excluír como período vacacional aquel que coincida coa maior actividade productiva estacional da empresa, logo de consulta cos representantes legais dos traballadores.

b) Por acordo entre o empresario e mailos representantes legais dos traballadores, poderanse fixa-los períodos de vacacións de todo o persoal, xa sexa en quendas organizadas sucesivamente, xa sexa con suspensión total da actividade laboral, sen máis excepcións cás das tarefas de conservación, reparación e semellantes.

c) Cando exista un réxime de quenda de vacacións, os traballadores con responsabilidades familiares teñen preferencia para que as súas coincidan cos períodos de vacacións escolares.

d) Se existise desacordo entre as partes, a xurisdición competente fixará as datas de desfrute das vacacións, sendo a súa decisión irrecorrible. O procedemento será sumario e preferente.

e) O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas nas que lle corresponde desfruta-las vacacións dous meses antes, alomenos, da data de comezo delas.

A retribución que se vai percibir por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, agás das horas extraordinarias e gratificacións extraordinarias.

Artigo 10º.-Permisos retribuídos.

Os traballadores que contraian matrimonio terán dereito a 21 días de permiso. Por cambio de domicilio dous días, para os demais supostos seguirase o establecido no cadro de permisos e licencias recollido no anexo II do convenio colectivo estatal da madeira e na lexislación laboral vixente.

Artigo 11º.-Horas sindicais.

Os delegados de persoal disporán dun crédito mínimo de 16 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións.

Artigo 12º.-Salario.

Comprende as retribucións que na xornada normal de traballo figuran na táboa de salarios anexa, resultado de aplicar un incremento do 5,8% sobre das táboas do convenio anterior, do que o 1,8% se corresponde á aplicación da cláusula de revisión sen efectos retroactivos pactada para o ano 2000 pola comisión negociadora do convenio estatal da madeira e o 4% restante ó incremento salarial deste convenio.

Artigo 13º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o IPC real estatal o 31 de decembro de 2001 rexistre un incremento superior ó 4%, a diferencia que se produza adicionarase ó incremento salarial que se pactase para o período que vai desde o 1 de abril de 2002 ó 31 de marzo de 2003.

Artigo 14.-Sobresoldo de asistencia.

Establécese un sobresoldo de asistencia para tódalas categorías profesionais que se percibirá por día efectivamente traballado. Perderase por acumulación de dúas faltas inxustificadas. Non será absorbible polos aumentos sobre o salario mínimo.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias, unha de elas denominada paga de verán, que se aboará antes do 30 de xuño e outra en decembro, denominada paga de Nadal, que se aboará antes do 20 do citado mes.

A contía das pagas mencionadas será de 30 días de salario base e maila antigüidade e a compensación por perda da antigüidade.

As pagas extraordinarias reguladas no presente artigo devengaranse por semestres naturais e por cada día natural no que se devengase o salario base.

Artigo 16º.-Complemento de antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996 non se devengan por este concepto novos dereitos quedando, polo tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na dita data. A contía mencionada figurará na nómina de cada traballador como complemento persoal baixo o concepto de antigüidade consolidada non sendo tal contía absorbible nin compensable. Para tales tales efectos fíxase na táboa salarial anexa o importe do quinquenio consolidado para cada unha das categorías profesionais.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Todo traballador con dereito a axudas de custo percibirá as contías que se indican a continuación ou ben gastos a xustificar, a elección da empresa.

Media axuda de custo: 1.550 pesetas.

Axuda de custo: 2.920 pesetas.

Artigo 18º.-Xubilación.

Os traballadores comprendidos neste convenio que se xubilen cunha antigüidade de 5 anos na empresa terán dereito a 30 días de vacacións retribuídas e, no caso de que se xubilen con máis de 10 anos de antigüidade na empresa, terán dereito a 60 días de vacacións retribuídas.

Artigo 19º.-Xubilación voluntaria ós 64 anos.

Os traballadores con 64 anos cumpridos, incluídos no ámbito persoal deste convenio, que desexen acollerse á xubilación co 100% dos dereitos, poderán facelo, estando, neste caso, a empresa obrigada a contratar outro traballador inscrito como demandante de emprego, acolléndose a calquera das modalidades de contratación previstas na lexislación vixente.

Artigo 20º.-Seguridade e hixiene.

1. O traballador, na prestación dos seus servicios, terá dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e hixiene.

2. O traballador estará obrigado a cumprir e utilizar no seu traballo as medidas legais e regulamentarias de seguridade e hixiene.

3. Na inspección e control das referidas medidas, que sexan de cumprimento obrigado polo empresario, o traballador terá dereito a participar por medio dos seus representantes legais no centro de traballo, se non se conta con órganos ou centros expecializados competentes na materia, de acordo coa lexislación vixente.

4. O empresario está obrigado a facilitar unha formación práctica axeitada en materia de seguridade e hixiene ós traballadores que contrate, ou cando cambien de posto de traballo ou teñan que aplicar unha nova técnica de poida ocasionar riscos graves para o propio traballador ou para os compañeiros ou terceiros, ben sexa por servicios propios ou coa intervención dos servicios oficiais correspondentes. O traballador está obrigado a segui-las ditas ensinanzas e a realiza-las prácticas cando se celebren dentro da xornada de traballo ou noutras horas, pero con desconto naquelas do tempo empregado nelas.

5. Os órganos internos da empresa, competentes en materia de seguridade e hixiene e, no seu defecto, os representantes legais dos traballadores no centro de traballo, que constaten un risco grave de accidente pola inobservancia da lexislación aplicable á materia, requirirán o empresario por escrito para que adopte as medidas oportunas que fagan desaparece-lo estado de risco; se a petición non fose atendida no prazo de catro días, dirixiranse á autoridade competente; esta se constatase a veracidade das circunstancias alegadas, mediante resolución fundada, requirirá o empresario para que adopte as medidas de seguridade apropiadas ou suspenda as actividades na zona ou local de traballo. Tamén poderá ordenar, cos informes técnicos precisos, a paralización inmediata da actividade se estimase un risco grave e inminente de accidente.

Se o risco de accidente fose inminente, a paralización das actividades poderá ser acordada por decisión dos órganos competentes da empresa en materia de seguridade ou polo setenta e cinco por cento dos representantes dos traballadores en empresas con procesos descontinuos e da totalidade deles naquelas nas que o proceso sexa continuo; tal acordo será comunicado de inmediato á empresa e á autoridade laboral, que en 24 horas anulará ou ratificará a paralización acordada.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitará ós traballadores dúas fundas ó ano, unha cada seis meses, así como todos aqueles artigos de seguridade que especifique a lexislación vixente, especialmente ós traballadores desprazados no monte que realicen funcións de poda ou tronzado entregaránselle botas axeitadas.

Artigo 22º.-Recoñecementos médicos.

Sempre que as mutuas patronais ou laborais que cubran os riscos de accidente de traballo en cada empresa, desexen realizar recoñecementos médicos sobre posibles enfermidades profesionais, así como cando o Gabinete de Seguridade e Hixiene de Lugo propoña recoñecementos no sector, as empresas estarán obrigadas a facilita-lo tempo necesario para realizar estes servicios médicos, logo da correspondente citación por escrito na que deberá figurar día, hora e lugar de recoñecemento.

Cando os resultados do recoñocemento médico rutineiro fagan ve-la necesidade dunha atención

máis especializada en materia de saúde laboral, acudiráse ó Gabinete de Seguridade e Hixiene de Lugo.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

As empresas afectadas polo presente convenio estarán obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguro que cubra no caso de accidente de traballo, así declarado pola Seguridade Social, os riscos de falecemento e invalidez permanente nos graos de total, absoluta e grande invalidez.

As contías da citada póliza serán de 2.750.000 pesetas no caso de falecemento e 3.250.000 pesetas no caso de invalidez permanente en calquera dos seus tres graos.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida percibi-lo traballador da Seguridad Social, mutualidade ou Montepío.

Non obstante, a indemnización que se perciba con cargo ó seguro aquí establecido, considerarase como entrega a conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo á empresa, os tribunais de xustiza, compensándose ata onde aquela alcance.

Artigo 24º.-Vinculacion á totalidade.

Como queira que as condicións pactadas no presente convenio colectivo son o resultado da adaptación deste ó convenio colectivo estatal da madeira, se se dese o caso de que a xurisdicción competente anulase ou invalidase, habendo resolución firme, algúns ou tódolos seus pactos e polo tanto quedase sen efecto o convenio colectivo estatal pola aplicación do seu artigo 16, o convenio colectivo estatal deixará de rexer no futuro no que respecta ó presente convenio colectivo provincial.

Por outra parte e no suposto de que a xurisdicción competente estimase que algunha das condicións pactadas no presente convenio colectivo conculca a legalidade vixente ou lesiona gravemente intereses de terceiros e como queira que este convenio na súa redacción actual constitúe un todo orgánico indivisible, terase por totalmente ineficaz debendo reconsiderarse o seu contido íntegro pola comisión negociadora.

Artigo 25º.-Contrato para a formacion.

O contrato para a formación que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O dito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional, relacionada co posto de traballo que se vai desempeñar. O contido do contrato, ó igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará nel, de modo claro, a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

En ningún caso se poderá realizar este tipo de contrato naquelas actividades nas que concorran cir

cunstancias de tipo tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador cun contrato destas características non poderá ser inferior a 16 anos nin superior a 21 anos.

a) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha o varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio.

b) Non se poderá realizar contratos de duración inferior a seis meses, podendo prorrogar ata tres veces por períodos como mínimo de seis meses.

c) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase a formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico. O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previa á formación práctica e alternarase con esta de forma racional.

No contrato deberá figura-lo nome e categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do traballador en formación, así como de tódolos riscos profesionais. O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado ca especialidade ou obxecto do contrato.

O contrato para a formación presumirase de carácter común ou ordinario cando o empresario incumpra, na súa totalidade, as súas obrigas en materia de formación teórica.

Normas supletorias.-No non recollido no presente convenio serán de aplicación as normas xerais legais e en especial o convenio colectivo estatal da madeira publicado no BOE de data 20 de maio de 1996.

Disposicións adicionais

Primeira.-As partes asinantes deste convenio consideran o Acordo Interprofesional Galego sobre dos procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo como a canle idónea para a solución dos conflictos colectivos laborais.

Segunda.-As empresas disporán dun prazo de 30 días desde a publicación deste convenio no BOP de Lugo ou Diario Oficial de Galicia para aboa-las diferencias salariais entre as cantidades que viñeran percibindo e as que se pactan neste convenio, en concepto de atrasos desde a 1-4-2001 ata a data da publicación.

Disposicion derradeira

As partes asinantes, tendo en conta o atraso na publicación do convenio colectivo estatal da madeira, acordan o pacto económico para o período que vai desde o 1 de abril de 2001 ata o 31 de marzo de 2002 que supón o presente convenio, procedendo a adapta-lo seu texto ó convenio colectivo estatal cando este se publique.

Convenio colectivo provincial da primeira

transformación da madeira de Lugo

Táboa salarial vixente do 1-4-2001

ó 31-3-2002 (pesetas)

Categorías

profesionais

Salario

base

Complemento

asistencia

Quinquenio

consolidado

Total

anual

Valor hora

extraordinaria

Encargado, xefe de oficina3.47113957.0461.509.786819

Oficial de 1ª

viaxante, serrador,

medidor, conductor

3.39913955.8581.479.186802

Afiador, oficial de 2ª,

serrador

de serra circular

3.34613955.0441.456.661789

Axudante3.24913953.4161.415.436766

Peón especialista3.23913953.2401.411.186764

Peón vixiante3.22213952.9541.403.961761

Aprendiz,

traballador

formación

2.58113942.4161.131.536

Nota.-Para efectos do cálculo do total anual tense en conta o complemento de asistencia por 249 días de traballo efectivo.

Convenio colectivo provincial da primeira

transformación da madeira de Lugo

Táboa salarial vixente do 1-4-2001

ó 31-3-2002 (euros)

Categorías

profesionais

Salario

base

Complemento

asistencia

Quinquenio

consolidado

Total

anual

Valor hora

extraordinaria

Encargado, xefe de oficina20,860,84342,859.074,004,92
Oficial de 1ª,

viaxante,

serrador,

medidor,

conductor

20,430,84335,718.890,094,82
Afiador

oficial de 2ª,

serrador

de serra

circular

20,110,84330,828.754,714,74
Axudante19,530,84321,048.506,944,60
Peón

especialista

19,470,84319,988.481,404,59
Peón

vixiante

19,360,84318,268.437,984,57
Aprendiz,

traballador

formación

15,510,84254,936.800,67

Nota.-Para efectos do cálculo do total anual tense en conta o complemento de asistencia por 249 días de traballo efectivo.