Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 18 de outubro de 2001 Páx. 13.559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 4 de outubro de 2001 pola que se exclúe do catálogo de montes de utilidade pública o monte Pereiriña ou Senra número 325 do C.U.P. do concello de Rois (A Coruña).

De conformidade co establecido no artigo 43 do Regulamento de Montes, aprobado polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, e tendo en conta os seguintes:

Antecedentes de feito.

1. Que segundo os datos que se desprenden dos informes que constan en expedientes similares, o monte Pereiriña ou Senra é de orixe foral e foi incluído no Catálogo de Montes de Utilidade Pública da provincia da Coruña en 1901, atribuíndo a súa titularidade ó Concello de Rois. Posteriormente foi redimido en 1927.

2. Que despois da guerra civil, o concello fixo entrega do monte citado e doutros, ó Patrimonio Forestal do Estado en virtude dun consorcio entre o concello, a deputación e o Estado.

3. Que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no ano 1975 iniciou expediente de

clasificación do citado monte Senra, se ben en Resolución do 13 de febreiro de 1978 e no seu terceiro considerando di: que non se está en presencia de ningún monte posuído en común, senón de particulares, segundo se deduce do exame do expediente incoado e da documentación achegada.

4. Que previamente, o 27 de xullo de 1970, dictouse a orde que aprobaba o deslinde do monte de U.P. Abaixo e Arriba nº 317 do C.U.P. e en tal deslinde inclúese o monte Senra nº 325 do mesmo catálogo como se fose do primeiro. Posteriormente o orixinario monte Abaixo e Arriba foi clasificado como veciñal en man común pola resolución do xurado con data do 27 de febreiro de 1978 quedando excluído o monte Senra de tal clasificación, como aclara o acordo do Pleno da Corporación de Rois do 16 de setembro de 1994.

5. Que desde o 5 de abril de 1984, os veciños propietarios do monte Senra, veñen reclamando a propiedade privada do monte en cuestión e como paso previo á súa descatalogación.

Fundamentos de dereito.

I A Consellería de Medio Ambiente é competente para dicta-la presente orde de conformidade co establecido no artigo 43 do Regulamento de montes, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

II

De acordo co disposto no citado artigo 43 do Regulamento de montes, a exclusión dos montes do C.U.P. procede nos casos da perda da titularidade pública, cando o monte non reúna xa as condicións que foron determinantes da súa inclusión, despois dun expediente instruído con audiencia ou por instancia da entidade propietaria, no que se acrediten os extremos anteriores.

III

O artigo 60.2º do mesmo regulamento permite que a entidade que figure como propietaria do monte no C.U.P. ceda ante as pretensións dos que reclaman a propiedade privada do monte catalogado, o que ocorre no caso que nos ocupa toda vez que o Concello de Rois recoñece expresamente o goce e a propiedade dos veciños reclamantes, cedendo á súa solicitude, declarando que o concello non ten nin pretende dereito ningún sobre o monte reclamado (certificacións emitidas polo secretario do concello con datas 10-4-1984 e 17-9-1994).

IV

Independentemente de que o monte se encontre no C.U.P, estamos ante un monte de propiedade privada, derivada da redención de antigos foros do mosterio de San Xusto de Toxosoutos, á que vai inherente a trasmisibilidad dos montes no que se divide a totalidade do dominio. O foro foi redimido en Santiago de Compostela, o día 28 de febreiro de 1920, rateándose o día 4 de setembro de 1909. Este carácter de propiedade privada parece suficiente para

destruí-la presunción posesoria que outorga o artigo 65 do Regulamento de montes á entidade que figure como propietaria no C.U.P., de conformidade coa regra xeral do artigo 1251 do Código civil.

Ademais, reiterada xurisprudencia mantén que o particular que eficazmente demostra a súa posesión ten dereito a instar e obte-la exclusión do monte do catálogo e o recoñecemento e protección da súa posesión.

V

Por outro lado, o feito de que o dito monte non figure no inventario de bens nin no Rexistro da Propiedade municipais parece reforza-la tese de que, a pesar da titularidade municipal no C.U.P., a posesión e os actos de aproveitamento sempre corresponderon ós veciños.

Así pois estamos diante dunha posesión efectiva e ininterrompida dos veciños, realidade que se impuxo á inscrición rexistral, de forma que a tal inscrición non orixinou unha efectiva traslación da posesión e conseguinte aproveitamento dos veciños ó concello.

VI

Poderá pensarse na posibilidade da usucapión, institución que permite polo transcurso do tempo unido á posesión fáctica con xusto título e boa fe, adquiri-lo dominio. Só a posesión que se adquire e goza en concepto de dono pode servir para adquiri-lo dominio. Tales requisitos son esixidos tanto para a prescrición adquisitiva ordinaria como para a prescrición trintenal ou extraordinaria e polo tanto non son aplicables a este caso, pois o Concello de Rois nunca tivo a posesión en concepto de dono.

VII

Unha vez establecida claramente a súa calidade de monte privado e polo tanto a improcedencia da permanencia deste monte no C.U.P. podería cabe-la posibilidade de ser considerado como veciñal en man común. Tal posibilidade foi rexeitada polo Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no ano 1978 xa que non se está en presencia de ningún monte posuído en común, senón de particulares, parcelado desde sempre e posuído por propietarios segundo se deduce do exame do expediente incoado e da documentación achegada.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e logo de proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, a Consellería de Medio Ambiente

DISPÓN:

Primeiro.-Dar de baixa do Catálogo de Montes de Utilidade Pública o monte Pereiriña ou Senra nº 325 ou 317 do Concello de Rois (A Coruña).

Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó de súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro.-Esta orde esgota a vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o conselleiro

de Medio Ambiente no prazo dun mes ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, reformada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa, ou exercitar calquera outro que se considere oportuno, sen prexuízo de que os que se consideren lesionados nos seus dereitos de carácter civil poidan acudir á xurisdicción ordinaria.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente