Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2001 Páx. 13.093

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de outubro de 2001 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións ó Parlamento de Galicia do día 21 de outubro de 2001.

Convocadas eleccións ó Parlamento de Galicia polo Decreto 197/2001, do 27 de agosto, da Presidencia da Xunta de Galicia, que terán lugar o vindeiro día 21 de outubro do ano que corre, é preciso adopta-las medidas oportunas para facilita-lo exercicio dos dereitos e deberes do persoal ó servicio desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, modificada polas leis orgánicas 1/1987, do 2 de abril, 8/1991, do 13 de marzo, 6/1992, do 2 de novembro, 13/1994, do 30 de marzo, 3/1995, do 23 de marzo, 1/1997, do 30 de maio, 3/1998, do 15 de xuño, e 8/1999, do 21 de abril, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, de conformidade coas facultades conferidas polo artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.

1. O persoal ó servicio da Administración pública de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal, terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exerce-lo seu dereito ó voto. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente reducción proporcional do permiso.

2. O persoal ó servicio da Administración pública que teña previsto que na data da votación non se atope na localidade onde lles corresponda exerce-lo seu dereito ó voto, ou que non poida exerce-lo dereito de sufraxio o día das eleccións, disporán no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poidan formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, así como para remisión do voto por correo.

Segundo.

1. O persoal nomeado presidente ou vocal de mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal e a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Terceiro.

O persoal ó servicio da Administración pública de Galicia que se presente como candidato ás eleccións que se celebrarán o vindeiro 21 de outubro

poderá ser dispensado, logo de solicitude do interesado, da prestación do servicio na súas respectivas unidades durante a campaña electoral, que terá lugar entre o 5 de outubro e o 19 de outubro do ano que corre, ámbolos dous incluídos. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle ó secretario xeral de cada consellería.

Cuarto.

Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servicios o persoal afectado por esta orde esixiránlle ó mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ó voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública