Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2001 Páx. 13.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 244/2001, do 20 de setembro, polo que se autoriza o cambio de denominación da entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo, que pasa a denominarse Escola de Negocios Caixanova.

Polo Decreto 21/1995, do 27 de xaneiro, concedéuselle autorización á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo para implanta-los estudios correspondentes ó título Bachelor in Business Administration conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español.

No artigo 3 do devandito decreto autorízase a efectiva impartición do primeiro curso dos referidos estudios e indícase que a efectiva impartición dos sucesivos cursos dos que constan estes estudios esixirá, antes do comezo do respectivo curso, autorización correspondente mediante orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Polas ordes do 17 de outubro de 1995, do 5 de decembro de 1996 e 5 de decembro de 1997 concedéuselle á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo autorización para a efectiva impartición dos catro cursos correspondentes ó título Bachelor in Business Administration conforme o sistema vixente noutro país e conducente á obtención de títulos non homologados cos do sistema educativo español, na cidade de Vigo e dentro dos locais establecidos para o efecto no domicilio da entidade promotora.

No artigo 5.3º deste decreto establécese que a Escola de Negocios Caixavigo comunicará e solicitirá da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a autorización para todas cantas modificacións puideran producirse respecto dos estudios autorizados.

Como resultado da fusión entre a Caixa de Aforros de Vigo e Ourense e a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, e a súa nova denominación de Caixanova, a entidade promotora remitiu documentación de solicitude de cambio de denominación de Escola de Negocios Caixavigo a Escola de Negocios Caixanova.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pla Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Concédeselle autorización para o cambio de denominación á entidade promotora Escola de Negocios Caixavigo, que para a denominarse Escola de Negocios Caixanova para tódolos efectos.

2. Para a impartición destes estudios, o centro terá a súa sede social na avenida de Madrid nº 60 de Vigo.

Disposición derradeira

Única.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria