Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2001 Páx. 13.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 245/2001, do 20 de setembro, polo que se autoriza o cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Información por Facultade de Ciencias da Comunicación na Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. Ó desenvolvemento desta planificación contribuíron diversos decretos.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente ós problemas derivados da definición específica de cada campus.

A Universidade de Santiago de Compostela, en uso das súas competencias, presentou expediente para o cambio da denominación da Facultade de Ciencias da Información por Facultade de Ciencias da Comunicación. Xustifícase o cambio de deno

minación na consideración de que na actualidade son as telecomunicacións, as redes tecnolóxicas e a informática os sectores que converxen na industria multimedia e nas autoestradas da información, con interacción entre imaxe, texto, gráfica e son. Polo tanto, a nova denominación reflicte con máis exactitude o que é o ámbito actual propio destas ensinanzas.

Por todo isto, en aplicación dos artigos 2.13º e 11.1º da Lei 5/1987, do 27 de maio (Diario Oficial de Galicia do 2 de xuño), do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, co informe do Consello de Universidades e o informe favorable do Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de setembro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.

Concédese autorización para que a Facultade de Ciencias da Información, creada polo Decreto 505/1990, do 2 de novembro (Diario Oficial de Galicia do 19 de novembro), pase a denominarse Facultade de Ciencias da Comunicación, albergando os estudios, xa autorizados, conducentes ó título de licenciado en xornalismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de setembro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria