Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Xoves, 04 de outubro de 2001 Páx. 13.095

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 25 de setembro de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficiencia da xestión técnico-económica das explotacións agrarias e se convocan para o ano 2001.

A agricultura galega está a facer fronte, nos últimos anos, ó reto da integración na Unión Europea, afrontando profundos cambios estructurais, que se tra

ducen nunha mellora da estructura productiva, da dimensión económica e da calidade das produccións finais das explotacións que permanecen no sector.

Este proceso debe continuar nos vindeiros anos, co fin de seguir mellorando a competitividade e a eficacia productiva das explotacións, no marco do Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, sobre axuda ó desenvolvemento rural, do previsto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias e do disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, e tendo en conta a problemática específica das explotacións agrarias de Galicia.

No marco da antedita normativa nunha primeira orde, a do 4 de xullo de 2001, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, convocáronse as axudas para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións, relativas tanto a plans de mellora como ás incorporacións de agricultores mozos, axudas cofinanciadas polo FEOGA-O, no programa plurirexional do Estado Español.

A través desta orde convócanse axudas incluídas no programa de desenvolvemento rexional de Galicia de acordo do disposto no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, dirixidas, principalmente, a logra-la modernización das explotacións agrarias a través de medidas para o fomento dos servicios que estas deben recibir co obxectivo de mellora-la eficiencia da súa xestión técnica e económica.

O coñecemento da evolución dos distintos índices técnico-económicos das explotacións e a súa análise en cada sector productivo, para elaborar recomendacións de xestión que poidan servir para a toma de decisións dos titulares das explotacións, é unha vía que contribúe, claramente, á diminución de custos e mellora da renda das explotacións. As axudas ás agrupacións de agricultores para realización de investimentos, formación e contratación de persoal técnico que permita a prestación destes servicios incentivan a consecución dos devanditos obxectivos.

Con base no anterior, esta orde establece os requisitos e a convocatoria destas axudas para o ano 2001, de conformidade co previsto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, redactado segundo a Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Liñas de axuda.

O obxecto desta orde é o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para 2001, ó

abeiro do establecido no Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, e demais normativa concordante, das axudas a agrupacións agrarias para a creación e incremento de servicios de axuda á xestión de explotacións, así como as relativas a outros programas rexionais específicos de mellora da xestión técnico-económica.

Artigo 2º.-Axudas a agrupacións agrarias para a prestación de servicios de axuda á xestión de explotacións.

1. Poderáselle conceder, ás agrupacións e asociacións agrarias que o soliciten, unha axuda para a creación ou incremento de servicios de axuda á xestión das explotacións, destinada a contribuír á cobertura dos custos de funcionamento.

2. A axuda concederase para sufraga-lo custo da actividade dos axentes encargados de contribuír á xestión técnica, económica, financeira e administrativa de cada unha das explotacións agrarias.

3. A dita axuda non poderá supera-la cantidade de 9.000.000 de pesetas (54.091,09 euros) por axente empregado, a tempo completo, para realiza-las actividades previstas anteriormente e repartirase nos 5 anos da actividade do axente.

4. Para ter acceso a estas axudas as agrupacións e asociacións agrarias de agricultores deberán estar autorizadas, para tal fin, polos servicios provinciais do Ilgga, e empregar, a tempo completo, polo menos a un técnico cualificado para o desenvolvemento da xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións agrarias, sen que o número de agricultores afiliados sexa inferior a 20, agás naqueles casos en que, por razóns técnicas, a Subdirección do Ilgga considere oportuno reducir este límite.

5. As agrupacións de xestión empresarial de explotacións (Axe) que desexen acollerse a estas axudas presentarán logo de convocatoria anual unha solicitude, de acordo co modelo do anexo I e cumprirán, como mínimo, os seguintes requisitos para seren autorizadas:

a) Estaren constituídas como cooperativa, SAT ou outra forma contractual con personalidade xurídica de seu, subscrita polos agricultores titulares das explotacións, agás sociedades mercantís, sempre que entre os seus obxectivos se encontre a prestación, ós seus socios, de servicios de axuda á xestión das explotacións.

Para acreditalo presentarán copia dos estatutos e do CIF da entidade.

b) Presentar un documento subscrito por cada un dos membros participantes no programa, no que se indiquen os datos de identificación deles e das súas explotacións, así como a finalidade do programa de xestión empresarial que se vaia realizar e os compromisos adquiridos para levalo a cabo.

c) Presentar un programa de xestión empresarial, que inclúa unha memoria, indicando a necesidade,

medios materiais e humanos para realizalo, normas de funcionamento, fins e resultados esperados para cada ano. Este programa de xestión empresarial, que deberá ser aprobado polos servicios provinciais do Ilgga, terá que considerar, alomenos, algún dos seguintes obxectivos:

-Analiza-los resultados das contabilidades dos agricultores, co fin de fundamentar consellos de xestión para as súas explotacións e as de agricultores con explotacións similares.

-Prestar asistencia técnica en aspectos relacionados coa actividade productiva desenvolvida polas explotacións dos asociados, así como asesorar en materia de planificación, execución e financiamento de investimentos nas explotacións.

-Outros aspectos relacionados coa xestión técnica, económica, financeira e administrativa das explotacións.

d) Presenta-lo currículum vitae, que inclúa copia da titulación académica de cada axente de xestión. Segundo este, os servicios provinciais do Ilgga determinarán, en cada caso, a idoneidade daquel para o desenvolvemento das funcións previstas no programa de xestión empresarial. Cando un axente de xestión cause baixa na agrupación e sexa substituído por outro, esta circunstancia deberá ser posta en coñecemento do dito instituto nun prazo máximo de 30 días desde que se produciu a baixa, solicitándose a autorización para o cambio e presentando a documentación devandita referida ó novo técnico.

A Subdirección Xeral do Ilgga poderá organizar cursos de especialización para a formación complementaria de axentes de xestión que presten, ou vaian prestar, os seus servicios en agrupacións de xestión acollidas a esta axuda.

e) Certificado de titularidade de conta en entidade financeira.

f) Certificado de estar ó día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma.

6. Anualmente, a agrupación de xestión empresarial, enviará ós servicios provinciais do Ilgga unha memoria da actividade realizada, na que se indicarán os datos técnicos e económicos que, de acordo co programa de xestión desenvolvido, permita avalia-los resultados de cada ano. Esta memoria incluirá, ademais, unha relación das explotacións que recibiron asistencia técnica e un resumo das visitas efectuadas. Así mesmo, con idéntica periodicidade, a Axe remitirá certificado de estar ó día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma, así como copia do contrato laboral e das nóminas percibidas polo axente de xestión no dito período.

O Ilgga poderá realizar controis sobre as explotacións para determina-lo cumprimento do programa de xestión empresarial.

As agrupacións de xestión empresarial de explotacións autorizadas poderán utiliza-las aplicacións informáticas de xestión que o devandito organismo autónomo ten establecidas para diversos tipos de actividades agrícolas e gandeiras, mediante a aceptación previa das correspondentes condicións de cesión e uso.

A duración mínima da agrupación de xestión será de 5 anos.

Artigo 3º.-Programas rexionais de mellora da xestión técnico-económica.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas as agrupacións de agricultores ou gandeiros, entidades relacionadas coa agricultura formalmente constituídas, con ou sen ánimo de lucro, que apoien ou realicen actividades destinadas a mellora-la eficiencia técnico-económica das explotacións agrarias.

2. As axudas consistirán nunha subvención de capital para a realización das seguintes actuacións:

a) Realización de investimentos, adquisición de bens e servicios necesarios para unha correcta execución do programa presentado.

b) Realización de estudios, xornadas técnicas ou asistencia a estas.

c) Outras actuacións que redunden na mellora dos sistemas de producción ou as cualidades das produccións en zonas delimitadas.

3. A contía das axudas axustarase ó disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (2000/C28/02), podendo chegar ata o 100% dos custos subvencionables nos casos de formación e xestión. Para o caso de investimentos en bens e servicios necesarios para a execución dos programas, a axuda será, como máximo, do 30% do importe do investimento computable.

4. Para obter esta axuda, as entidades interesadas presentarán, logo de convocatoria anual, unha solicitude de acordo co modelo do anexo Il, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do NIF/CIF.

b) Copia dos estatutos.

c) Relación dos participantes no programa.

d) Certificado de titularidade de conta en entidade financeira.

e) Certificado de estar ó día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma.

f) Programa de actuacións que se pretende desenvolver, memoria, obxectivos e orzamento detallado.

5. O prazo máximo de execución dos programas será de 18 meses contados desde a data de aprobación da axuda.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes e prazo.

1. A presentación das solicitudes de axudas para cada medida das incluídas nesta orde realizarase segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nos servicios provinciais do Ilgga, utilizando os impresos normalizados incluídos como anexos I e II desta orde, que estarán á disposición dos interesados nas mencionadas oficinas, xunto coa documentación complementaria prevista para o tipo de axuda solicitada.

2. As devanditas unidades administrativas asesorarán os solicitantes na tramitación das axudas previstas nesta orde.

3. O prazo de presentación de solicitudes será o fixado na respectiva convocatoria anual.

Artigo 5º.-Priorización de solicitudes.

Dado que estas axudas se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias para cada exercicio económico e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, a Dirección do Ilgga, dentro da correspondente aplicación orzamentaria, asignará unha contía a cada unha das liñas de axuda indicadas nos artigos 2º e 3º.

Dentro de cada tipo de axuda, os expedientes completos e que cumpran tódalas condicións esixidas clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ó titular e á explotación, e aplicados en orde decrecente:

1. Axudas a agrupacións agrarias para a creación e incremento de servicios de axuda a xestión de explotacións.

a) Novas agrupacións.

b) Agrupacións existentes.

c) Número de explotacións receptoras do servicio.

2. Programas rexionais específicos de mellora da xestión técnica-económica.

a) Número de beneficiarios finais do programa.

b) Base xeográfica de aplicación.

Artigo 6º.-Resolución.

O director do Ilgga resolverá os expedientes, comunicándollo ó interesado no prazo establecido na respectiva orde de convocatoria. Chegada a dita data sen que se dictara e notificara expresamente a resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Certificación de investimentos e gastos.

Só serán auxiliables os programas iniciados no ano da respectiva convocatoria, sempre e cando recaia resolución aprobatoria da axuda sobre eles.

Dentro de cada convocatoria, unha vez realizados os investimentos ou gastos previstos e cumpridos, de se-lo caso, os compromisos adquiridos, os interesados deberán comunicarllo, por escrito, ó respectivo servicio provincial do Ilgga, con anterioridade ó remate do prazo concedido para a execución das actividades ou investimentos. De non facelo deste xeito, entenderase que renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión dictada e debendo reintegra-las cantidades

percibidas, de se-lo caso, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar. Unha vez comunicado o remate dos investimentos, os técnicos dos servicios provinciais do Ilgga realizarán as correspondentes certificacións previas ó pagamento da axuda.

Artigo 8º.-Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas.

Os solicitantes das axudas previstas nesta orde, xuntarán, coa solicitude inicial, unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do pagamento final, o solicitante presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan esixi-los órganos competentes do Ilgga, o solicitante e/ou beneficiario da axuda ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Reintegro da axuda.

Procederá o reintegro, total ou parcial, do importe da axuda mailos xuros de demora devengados desde o pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas no artigo 25 do Real decreto 613/2001.

Artigo 12º.-Recursos administrativos.

As resolucións que, en aplicación desta orde, dicte o director do Ilgga non esgotan a vía administrativa e, contra elas, poderase interpoñer recurso de alzada ante o presidente do Ilgga, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26

de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 13º.-Financiamento.

1. A participación do Ilgga no financiamento deste programa de axudas axustarase ó disposto no Real decreto 613/2001 e ó programa operativo rexional desta Comunidade Autónoma.

2. A consignación orzamentaria anual fixarase na respectiva convocatoria, segundo o establecido na Lei de orzamentos xerais de Galicia para cada ano respecto do orzamento de gastos do Ilgga.

Disposicións adicionais

Primeira.-Convocatoria para o ano 2001.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) desta orde.

2. O prazo para resolver, no ano 2001, rematará o 28 de decembro do ano que corre.

3. Para o presente exercicio, o financiamento efectuarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.60.712-A.773.1 e 09.60.614-A.782.0, dotadas con 200 e 200 millóns de pesetas (1.202.024,21 e 1.202.024,21 euros) respectivamente, para este programa, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001, aprobados pola Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos que 31 e 40 millóns de pesetas (187.812,67 e 240.404,84 euros) respectivamente, se destinarán a novas aprobacións de solicitudes no marco desta orde. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais comunitarios, estatais e desta Comunidade Autónoma.

Segunda.-Infraccións e sancións.

Ademais do disposto no Regulamento (CE) 1260/1999, do Consello, do 21 de xuño, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais e demais regulamentación comunitaria concordante, seralles de aplicación ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria